Co inicio do novo curso escolar á volta da esquina, operarios municipais e profesorado do CPI Manuel Suárez Marquier traballan man a man para preparar os espazos interiores e exteriores do centro e adaptalos ás medidas de precaución e aos protocolos de prevención de contaxios por COVID-19 marcados nos últimos días pola Consellería de Sanidade. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, reuniuse nos últimos días no Concello coa dirección do CPI para ultimar as necesidades do centro e coñecer como abordará os retos para este curso escolar somerxidos nesta nova realidade. Este mesmo martes ademais visitou as instalacións para coñecer de primeira man as melloras realizadas.
Traballadores municipais están estes días rematando as obras de delimitación dos patios mediante o pintado do solo e a colocación de cordas no chan, unha división en 22 espazos que servirá para manter separados aos diferentes grupos burbulla. Dende a dirección do centro tamén se realizaron todos os cambios necesarios para o acondicionamento dos espazos interiores e a reorganización de entradas e saídas e do tránsito polo centro educativo.
[su_image_carousel source=”media: 20545,20546,20547,20548,20549″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
Pola súa banda, durante os meses de verán o Concello do Rosal tamén se encargou de realizar diferentes traballos de mellora e mantemento no CPI, como o pintado do centro, a reparación de fachadas ou o acondicionamento de espazos para almacenamento.
Dende o Concello quere agradecerse a implicación de todo o persoal do CPI Manuel Suárez Marquier, que traballaron arreo para cumprir con todos os protocolos de seguridade. Dende o centro lembran a todos os pais e nais que se dispoñen de instalacións axeitadas, con aulas e espazos bastante amplos que permitirán por exemplo ter ao alumnado a máis distancia da que marca estritamente o protocolo.
A alcaldesa tamén quere poñer en valor o labor realizado polos operarios municipais, que están a traballar contrarreloxo estes días acondicionando os diferentes centros educativos do concello para que comecen o novo curso con todas as medidas de prevención necesarias.