9.6 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoAs NevesO Plan DepoRemse da Deputación transforma o espazo urbano das Neves entre...

    O Plan DepoRemse da Deputación transforma o espazo urbano das Neves entre o colexio e a Praza de San Agostiño

    O deputado provincial Gregorio Agís e o alcalde Xosé Manuel Rodríguez visitaron as actuacións, que contaron cun orzamento de 255.000 euros

    O centro das Neves xa conta cun espazo renovado e humanizado entre o colexio Marquesa do Pazo da Mercé e a praza de San Agostiño, a través da rúa Rosalía de Castro, grazas ás obras de mellora da seguridade viaria que se executaron ao abeiro do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra. O deputado Gregorio Agís, acompañado polo alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, visitou esta actuación, na que se investiron 254.868 euros, o 90 % aportado pola institución provincial e o restante 10 % polo Concello.

    Gregorio Agís puxo en valor a relevancia desta actuación “onde o espazo público se pon a disposición das persoas e onde se establece o tráfico en condicións de seguridade”. “Sen dúbida”, engadiu, “transforma todo este entorno urbano cumprindo cos obxectivos que se fixaron”. Ademais, Agís subliñou que o Plan DepoRemse, cun orzamento total de 11 millóns de euros, fai posible “algo tan importante como investir nestes concellos do ámbito rural e colaborar man a man con eles para acometer obras que, doutro xeito, seríanlles moi complicadas de afrontar”.

    Gregorio Agís, “É unha actuación moi relevante onde o espazo público se pon á disposición das persoas e onde se establece o tráfico en condicións de seguridade”

    Neste eido coincidiu o alcalde Xosé Manuel Rodríguez, que fixo fincapé en que “os concellos rurais construímos elementos de calidade grazas ao apoio económico da Deputación”, polo que agradeceu á institución que teña feito posible “unha obra fundamental”. Por último, o alcalde resaltou que “traballamos co concepto de gañar espazo para as persoas e afortunadamente coincidimos coa Deputación nesa maneira de entender o urbanismo”.

    A actuación, nunha zona de especial tránsito ao transcorrer polo centro urbano e o colexio, permitiu darlle un cambio radical a este espazo proporcionando unha mobilidade segura e dándolle prioridade ás persoas. Os traballos enmárcanse no proxecto integral de mobilidade que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra baixo a premisa de garantir a seguridade, a accesibilidade e a recuperación de espazos públicos para as persoas.

    Unha vez rematadas as obras, a praza de Santo Agostiño, que antes estaba invadida de coches, foi reordenada cunha plataforma única de pedra seguindo a tradición dos pavimentos utilizados no centro da vila. Este novo empedrado conta ademais cun despece para facilitar a flexibilidade dos espazos nos que está permitida a circulación de vehículos. En canto ás obras realizadas na contorna do colexio, consistiron na ordenación de todo o aparcamento, que anteriormente era unha simple explanada. Deste xeito, a zona quedou acondicionada cunha beirarrúa de 2,5 metros de anchura, co marcado dos espazos de aparcamento e coa identificación mediante marcas viarias dos destinos de cada un dos autobuses. Ademais, tamén se deu solución a unha demanda histórica da comunidade escolar ao retirar unha torreta de Fenosa. No que atinxe á rúa Rosalía de Castro, o obxectivo era ofrecer un itinerario peonil accesible e seguro entre o colexio e o centro da vila. Para isto, ampliouse unha das beirarrúas e na outra executouse un aparcamento en liña. Finalmente, o viario quedou de sentido único en dirección ao colexio, cun carril de circulación de 3 metros e con pasos de peóns reforzados con luminarias no chan para unha mellor visibilidade.

    Dende 2015, tal e como enxalzou Gregorio Agís, a Deputación de Pontevedra realizou investimentos de máis de 5,5 millóns no municipio, entre eles o Plan Concellos que permitiu realizar máis de 50 obras e sufragar actividades culturais, amais da liña de emprego, que permitiu contratar nestes anos a 75 traballadores e traballadoras.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.