Martes, 8 Xullo de 2025

A Deputación pon en marcha un programa de actividades ecoturísticas para achegar visitantes ao territorio transfronterizo do Miño

Nun acto á beira do río o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, acompañado das alcaldesas de Tomiño, Sandra González; do Rosal, Ánxela Fernández; e de Salvaterra Marta Valcárcel; e os alcaldes de As Neves Xosé Manuel Rodríguez; de Tui, Enrique Cabaleiro; e de A Guarda Antonio Lomba, presentou onte as actividades ecoturísticas ‘Vive o Rio Minho’ que a Deputación de Pontevedra está a realizar para potenciar o territorio transfronteirizo do río Miño baixo o lema ‘Dous países, un destino’.

As actividades -desenvolvidas dentro do proxecto Visit Rio Minho, co-financiado con fondos FEDER, a través do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’-son gratuítas, están dirixidas a tódolos públicos e desenvolveranse entre esta fin de semana e a primeira de outubro nos concellos galegos e portugueses que lindan coa vía fluvial. Haberá sendeirismo, rutas en bici, rutas urbanas e percorridos históricos, visitas a adegas, museos, petróglifos, balsismo, caiac, gastronomía, e observación ornitolóxica e astronómica, entre outras actividades.

O deputado Benítez destacou que estas propostas pretenden achegar visitantes ao río Miño entendéndoo como un único territorio, “co obxectivo de construír un destino turístico no que se se ofertan dous países”. Segundo dixo, o programa de actividades ten unha oferta diversa que amosa todos os atractivos e riqueza paisaxística, natural, cultural e gastronómica, “para dar a coñecer ao mundo un lugar estratexicamente situado”.

O destino do Miño, abondou o nacionalista, encaixa perfectamente coas novas demandas de turismo da sociedade, “que o que busca é espazos naturais, máis tranquilos, nos que non haxa grandes aglomeracións e nós temos a sorte de que esta zona está sen explotar”. Así mesmo, subliñou o compromiso da Deputación e o AECT de aproveitar e difundir o territorio turisticamente “dun xeito sustentable, racional e con calidade, atraendo público con sentidiño, xa que é un destino que ten moitas potencialidades e pode xerar moita riqueza no territorio”.

Segundo insistiu, para a Deputación e o AECT Rio Minho a consolidación do destino ‘Rio Minho’ é un dos obxectivos estratéxicos, polo que se traballará para manter este programa de actividades ou outro de similares características nos vindeiros anos. “Este é un proxecto piloto que se vai ben será replicado novamente independentemente de que haxa fondos comunitarios, que se solicitarán expresamente. Polo que aconteceu coas primeiras visitas, para as que se cubriron prazas enseguida e hai unha grande lista de agarda, pensamos que haberá novas edicións sempre co eixo vehicular de gozar do Río Miño”, dixo.

Actividades

Segundo explicou o xerente da empresa Xeitura -que desenvolverá a iniciativa-, Raúl Fernández, as propostas para coñecer o Miño divídense en diferentes xornadas de días completos nas fins de semana consecutivas de entre o 12 de setembro e o 4 de outubro. Para esta primeira fin de semana haberá dúas actividades: Unha ruta de sendeirismo nas marxes do Miño e do río Deva ata o alto da Moura e unha visita a Melgaço e, por outra parte, un descenso no río Miño (Arbo) xunto a unha visita guiada a unha adega en As Neves e a visita aos petróglifos da Coutada. As inscricións completáronse en apenas un día e a lista de agarda chegou ás cen persoas.

Na fin de semana do 19 e 20 de setembro terán lugar a terceira e a cuarta ruta. A terceira consiste nun percorrido circular pola contorna de Salvaterra, así como a visita á viña e ao Museo do Viño. Ao día seguinte a proposta é unha ruta polo municipio de Monçao coñecida como ‘A Cova da Moura’, unha vista ao palacio da Brejoeira e unha visita a Monçao.

A seguinte xornada, do 26 de setembro, inclúe un percorrido en bici pola ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira, e unha visita guiada por Valença e Tui. O domingo 27 de setembro realizarase unha ruta de sendeirismo entre a desembocadura do Tamuxe e o porto de Goián, a visita á fortaleza, e un tramo en caiac polo río.

Finalmente, para o 3 e 4 de outubro plantéxase unha fin de semana completa na que se combinarán as rutas de sendeirismo, a observación ornitolóxica, visitas guiadas, e unha visita dramatizada no castro de Santa Tegra. (Máis información ver adxunto)

Todas as actividades son gratuítas e están destinadas ao público xeral. As inscricións para os eventos realizaranse entre o luns anterior ás 9 horas e ata o xoves ás 23 horas no caso de non cubrir as prazas con anterioridade (entre 45 e 50 por evento) na páxina web da Deputación depo.gal.

O Concello desenvolve un plan integral de reparación y adecuación de todas as marquesiñas do municipio

0

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Vías e Obras que xestiona Vicente Lamas, desenvolve dende hai semanas, un plan de recuperación integral das marquesiñas de transporte público de todo o municipio, infraestruturas que “se atopaban nun lamentable estado de conservación froito da falta de mantemento durante anos”.

Os traballos, dado o mal estado das marquesiñas, non só se centran na limpeza senón que se trata dunha reparación a fondo das mesmas que inclúe a substitución de elementos e, nalgúns casos, ata o da propia cuberta en aquelas situacións que, o seu grao de deterioro, fagan imposible a recuperación das mesmas.

A alcaldesa Digna Rivas lembrou que o transporte público “non só inclúe ao transporte propiamente dito, senón tamén ás infraestruturas que o rodean e que permiten ofrecer un maior grao de comodidade ás usuarias e usuarios”.

Se queremos un transporte público eficiente, engade a rexedora local, “non se pode consentir que as marquesiñas presenten o estado de abandono nos que as tiña o anterior goberno” xa que, explica, “a carencia destes elementos ou o mal estado dos mesmos, podería disuadir á veciñanza de utilizar este tipo de transporte”.

A alcaldesa gabou o traballo realizado pola concellería de Vías e Obras e polo concelleiro Vicente Lamas, porque, dixo, “é preciso ter en conta que pola propia extensión do municipio son numerosísimas as marquesiñas ao longo de todas as súas estradas e, este proxecto de recuperación global, inclúe a todas e cada unha delas”.

Con este traballo o Goberno local da cumprimento a outro dos compromisos adquiridos coa veciñanza e longamente demandado pola cidadanía.

12 voluntarios colaboran cos centros educativos do municipio para coordinar entradas e saídas seguras do alumnado

0

O Concello de Nigrán, a suxerencia das direccións e anpas de todos os centros educativos públicos do municipio, creou un grupo de voluntariado para coordinar as entradas e saídas seguras do alumnado nos colexios. Esta foi unha das propostas que xurdiron na reunión convocada pola Concellería de Educación a fináis de agosto para analizar conxuntamente a aplicación do protocolo Covid-19 da Xunta nos colexios de Nigrán.

“A idea é coordinar a chegada e saída do recinto para que non se xenere ningunha aglomeración e para diminuír os contactos, tanto entre os que veñen a pé coma nos que van no autobús.” declara Juan González, alcalde de Nigrán.

Igualmente, o Concello contará coa colaboración de Protección Civil para establecer ese protocolo e para recurrir a eles en caso de actividades extraordinarias dos centros (como puidera ser alguna excursión ou actividade fora do recinto) que requiran maior presencia de persoal. “Pensamos que incluso esta primeira experiencia piloto pode servir de guía para que a rede de sendeiros seguros que temos xa de acceso aos coles estén vixiados por adultos nun futuro, é dicir, para animar a máis familias a que o alumnado acuda ao colexio andando”, explica González.

Paralelamente, o Concello asumirá a  desinfección diaria dos centros, tal e como marca o protocolo da Xunta, pero seguirá a reclamar ao goberno autonómico que abone estos gastos extraordinarios xa que son completencia exclusivamente autonómica. “Igual que a Xunta debería investir en contratar a máis profesorado para facer factible todo o que recolle o protocolo, tamén debe destinar fondos para a desinfección”, explica González, quen lanza unha mensaxe de tranquilidade aos pais, “poden estar seguros de que as instalacións serán correctamente desinfectadas por parte do concello pola seguridade de alumnos e profesores, logo xa reclamaremos á Xunta de Galicia que abone o que lle corresponde”.

O Barbeira Season Fest combinará música indie e alta gastronomía

0

Onte presentouse en Baiona o Barbeira Season Fest, que se celebrará o vindeiro sábado 19 de setembro nunha nova localización do municipio, a Península de Santa Marta. Este ano, o festival desprázase do Parador de Baiona e a praia de Barbeira para poder cumprir coas normas de aforo que marcan as autoridades sanitarias.

O festival presentouse a través dun coloquio conducido pola xornalista Teresa Cuíñas no que participaron o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, a concelleira de Cultura, Miriam Costas, o Brand Manager de Mahou San Miguel en Galicia, Hugo Pérez, o director do festival, Isaac González, o chef Pedro Pérez, de “ Cociña Ourense” e os grupos Basanta e Ortiga. Ademais, a organización do certame convidou a asistir como público á presentación ás 10 primeiras persoas en reservar a súa cadeira. Con esta pequena representación, o festival quixo agradecer a toda a xente que, comprando a súa entrada, segue apoiando e confiando no proxecto nestes tempos de incerteza para o sector.

Durante a charla, o alcalde de Baiona asegurou que “desde o Concello temos un compromiso coas persoas e o apoio a este festival confirma que seguimos traballando nesta liña”. “A cultura en Baiona é un referente histórico que temos que seguir protexendo”, comentou. Ademais, o alcalde afirmou que a celebración deste festival servirá como “pistoletazo á desestacionalización na que vimos traballando”. Pola súa banda Miriam Costas, responsable da área de Cultura do municipio, resaltou a calidade de “refuxio” que ten a cultura e falou do orgullo que representa poder apoiar proxectos como este en momentos tan complicados. Hugo Pérez, Brand Manager de Mahou en Galicia, a principal marca patrocinadora do certame, comentou que “como non podía ser doutra maneira, Mahou está hoxe aquí para demostrar o seu apoio á organización que está a realizar un gran esforzo para adaptarse ao novo contexto. Nestes momentos tan complicados Mahou quere demostrar, agora máis que nunca, o seu compromiso coa música en directo e a súa capacidade para unir persoas e impulsar experiencias únicas e encontros inesquecibles como o que, sen dúbida, será esta segunda edición do Barbeira Season Fest”.

O coloquio derivou despois nunha conversación entre o director do Festival, Isaac González, e os grupos Ortiga, un dos que forman o cartel deste ano, e Basanta, que, tal e como desvelaron, estará o ano que vén. Falaron da importancia de manter vivos estes eventos “para que técnicos, promotores, artistas, etcétera, podamos seguir vivindo”, comentou Ortiga. Pola súa banda, Basanta, que confirmou que será a primeira formación en subirse ao cartel do 2021, apelou á esperanza. Isaac González, agradeceu o apoio recibido pola administración e empresas privadas para manter vivo o certame. “Temos que atrevernos a facer eventos de maneira segura. A cultura é segura”, finalizou.

Todos quixeron tamén destacar a “valentía” e a “profesionalidade” da empresa promotora do evento, Elemental Street, por manter vivo o festival nestes momentos.

Concertos e gastronomía ourensá

La La Love You, Ginebras, Ortiga e Lisasinson serán os grupos que se suban ao “Escenario Mahou” do Barbeira Season Fest desde as 14:00 horas ata as 22:00 h horas do sábado. Ademais, este ano, o festival contará cun espazo gastronómico no que os chefs do grupo “ Cociña Ourense”, convidados pola Deputación de Ourense e aceites abril, serán os protagonistas. “Os chefs son tamén cabeza de cartel”, sinala o director do Season. Os cociñeiros serán os primeiros en “actuar”. A súa sesión de cociña fusionarase coa música da DJ Paula Docampo e tamén serán os encargados de pechar o festival. “A idea é que o público coma e cee alí mesmo pratos de alta cociña a un prezo alcanzable”, sinala González.

O Barbeira Season Fest está organizado pola promotora de eventos Elemental Street e conta co apoio do Concello de Baiona e Mahou, como patrocinadores principal, e a colaboración de Aceites Abril, Galicia Calidade, Deputación de Ourense, El Afilador e Lolea.

Esta fin de semana continúan as actividades das Xornadas Europeas da Cultura Xudía na Eurocidade Tui – Valença

Esta fin de semana a Eurocidade Tui – Valença continúa a celebrar diferentes actividades, ao abeiro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía, para a divulgación do amplo patrimonio vinculado á presenza histórica da comunidade xudía en ambas cidades transfronteirizas.

O programa abrangue diversas visitas que por mor das prescricións sanitarias derivadas da COVID-19, consisten nunha explicación detallada de diversos aspectos relacionados coa presenza xudía, tanto en época medieval como nos séculos XVI e XVII. Posteriormente os asistentes poderán realizar unha visita auto guiada polo patrimonio xudeu conservado en ambas localidades. Terán a súa disposición as guías editadas por ambos municipios. No caso de Tui, as persoas poderán guiarse, ben a través dos códigos QR nos carteis que marcan a ruta xudía por Tui ou a través da APP de turismo de Tui. Existe a posibilidade de seguir a ruta con Google Maps (turismotui.mobi).

Actividades para esta fin de semana ( 12 e 13 de setembro)

Sábado 12

  • Ás 12.30 h no Museo Catedralicio: Os prateiros xudeus e criptoxudeus na Catedral de Tui. Correrá a cargo historiador José Ramón Fernández.
  • Ás 18.00 hora española no Largo Sta. María dos Anjos en Valença: concerto de música sefardí con Carmen Penim (voz) e Maurizio Polsinelli (piano e harmonio). De seguido terá lugar a visita ao Patrimonio judaico en Valença.

Domingo 13

  • Ás 12.30 h no Museo Catedralicio: Colección de Sambenitos da Catedral, a cargo do historiador Rafael Sánchez.

RUTAS GASTRONÓMICAS SEFARDÍS: BACALLAU NOS RESTAURANTES DE TUI E VALENÇA. DO 5 AO 18 DE SETEMBRO

A programación tamén consta dunha ampla oferta gastronómica nos establecementos de hostalaría e restauración de Valença e Tui, arredor do bacallau. Unha oportunidade de degustar esta especialidade gastronómica relacionada coa presenza sefardí, na cultura peninsular.

Valença

  • Churrasqueira Valenciana
  • Baluarte
  • Bom Jesus
  • Fatum – Casa de Fados
  • Portas da Coroada – Fortaleza
  • Fortaleza I
  • Fortaleza II
  • Muralha
  • Pousada S. Teotónio
  • Limoeiro

Tui

  • Alboio: en empanada
  • Ideas peregrinas: tosta con bacallau
  • Parador de Tui: bacallau con broa
  • El Niño Trasto: á brasa con barbur e melocotón caramelizado
  • Jaqueyvi: á brasa
  • Tapas e viños: ensalada con bacallau
  • La de José Luís: encebolado
  • El Molino: á portuguesa e tamén empanada
  • Puro Sabor: ó forno e empanada
  • Novo Cabalo Furado: á prancha, á galega, ó forno, boliños e tamén
  • empanada
  • Vello Cabalo Furado: á portuguesa, empanada e boliños
  • Santiamén: asado con cebola
  • A Macoca: ó forno
  • Pote: ensalada de bacallau e á galega
  • Happy Restaurant: lascas de bacallau, empanada
  • Monte Aloia: á brasa e ó forno
  • Cruceiro do Monte: á portuguesa
  • A vaca tola: tosta de bacallau
  • Época: á prancha estilo Época e ensalada templada de bacallau
  • afumado
  • Arrayal 39: á brasa e á galega
  • Asador Paulo: á brasa

Finalmente, continúa aberta a exposición de paneis dedicada a un dos máis egrexios tudenses vinculados á cultura sefardí, o médico e filósofo Francisco Sánchez. A mostra “As rutas sefardís: Francisco Sánchez” poderá visitarse no Museo Diocesano de Tui, até o 20 de setembro.

A integración de Tui na Red de Juderías de España no 2019, ofrece a nosa cidade unha excepcional oportunidade para proxectar esta oferta patrimonial e turística vinculada ao patrimonio xudeu, un dos máis ricos do noroeste peninsular.

Unha plataforma veciñal chama a manifestarse o sábado en contra da planta de biomasa de Ponteareas

Falta de información, posible usurpación de terreos de titularidade privada, suposta ilegalidade urbanística, contaminación ambiental e efectos daninos sobre a saúde pública. Estes son os motivos que a plataforma veciñal, que agrupa a preto de 200 persoas, argumenta para convocar unha protesta diante do Concello contra a instalación dunha planta de biomasa no casco urbano a fin de que o Goberno local reconsidere a ubicación desta instalación da que, afirman, “a veciñanza non tivo información algunha”.

A esta presunta falta de información, explican portavoces da plataforma, engádense a instalación de “ata catro chimeneas de 18 metros de altura en pleno casco urbano”. Se ben no proxecto redactado por un inxeñeiro técnico industrial sinálase que se instalará unha chimenea “de 18 metros e 4,5 metros de diámetro” o propio informe engade que se deseña unha “estrutura metálica autoportante” cos cálculos estruturais necesarios “para a posibilidade de instalar ata catro chimeneas”.

Doutra banda a Plataforma insiste sobre a “non municipalidade” dos terreos nos que se está montando a instalación. Nese punto aseguran que “son de propiedade privada” e que a maiores “usurpan un parque biosaudable” para usuarios e usuarias do Centro de Día. Asemade, a Plataforma insiste sobre o uso do solo no que se está a instalar a planta de biomasa e que está recollido no Decreto 180/2004, do 29 de julio, de suspensión das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas, publicado en el DOG nº 148 de 2 de agosto de 2004.

Neste documento, afirman os veciños e veciñas que forman a plataforma, na Ordenanza 7 sobre Equpamentos e dotacións públicas aseguran que, como usos permitidos, “está descrito o de sanitario e asistencial” se ben é certo que, nese mesmo apartado, sinálase que “se trata en ambos casos de servizos de interese público relacionados coa saúde e benestar dos cidadáns, dentro dos que podemos enmarcar os servizos conducentes a prover dito benestar, como o que nos ocupa de calefacción e auga quente sanitaria”. Segundo isto, a instalación dunha planta de biomasa estaría dentro dos usos permitidos.

Outros dos puntos nos que insiste a plataforma veciñal, íntimamente ligados son os da contaminación ambiental e os posibles efectos sobre a saúde. No impacto medioambiental, a Plataforma insiste que a acidificación é un dos efectos da instalación sobre o medio ambiente e aseguran que dita acidificación “causa grandes danos as augas doces, bosques, solos e ecosistemas sensibles á acidificación”.

No que aos efectos sobre a saúde, aluden a supostos efectos canceríxenos e aluden novamente ao proxecto do inxeñeiro técnico –e non a un informe de expertos en saúde– que di que entre as emisiones de diversas substancias “canceríxenas” atópase o PCB (policloruro de bifenilo) que, asegura a Plataforma veciñal “está considerado polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente como “un dos doce contaminantes máis nocivos fabricados polo ser humano”.

Estes son os motivos que levan a plataforma a convocar unha concentración de rexeitamento a instalación da planta de biomasa, concentración que terá lugar mañá sábado, 12 de setembro, ás 12 h diante da Casa do Concello.

Ábrese o prazo das axudas municipais para comedor e material escolar coincidindo co inicio do curso

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, informaron de que onte, data na que se iniciaron as clases para parte do alumnado de Educación Infantil e Primaria, saíron publicadas no Boletín Oficial da Provincia, BOPPO, as axudas para material escolar e comedor do Concello de Mos, co que se abre o prazo de presentación de solicitudes para as familias mosenses interesadas en optar a elas.

As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, declararon a este respecto que “desde o departamento de Política Social, considérase necesario continuar coas axudas municipais, que se veñen concedendo cada ano, para libros, material escolar e uso de servizo do comedor escolar para o curso 2020/2021, para o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria”.

Todas as familias mosenses con menores escolarizados nos centros educativos do municipio serán informadas dos prazos a través dos propios centros e tamén poden solicitar máis información sobre os mesmos no teléfono 986 33 72 78.

Estas subvencións van dirixidas ás familias do alumnado, de educación infantil, primaria e secundaria, para o curso 2020/2021. As axudas van dirixidas aos menores de familias con dificultades socio-económicas e de conciliación da súa vida familiar e laboral.

A finalidade última é apoiar ás unidades familiares que por recursos económicos insuficientes vense limitados para afrontar totalmente o custo do servizo.

As axudas para a adquisición de libros e material escolar son para o alumnado de Educación infantil (primeiro e segundo ciclo), primaria e secundaria. O concepto subvencionable será o material escolar, considerado este como aquel necesario para realizar as actividades que se desenvolvan ou se promovan no centro docente, como cadernos de soporte, material de papelería non reutilizableou material de manualidades, e libros, excluíndo expresamente o material escolar e os libros de texto que sexan subvencionados ou cedidos por outras administracións.

As axudas para o servizo de comedor escolar son para o alumnado de educación infantil (segundo ciclo) e educación primaria dos CEIPs públicos do Concello de Mos, sempre e cando estes non gocen de gratuidade.

As persoas interesadas nestas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

  • Ser pai, nai ou titor/a dun/dunha alumno/a que este matriculada no curso 2020/2021 nun dos cursos obxecto da axuda.
  • Non estar incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, so 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  • Estar ao corrente por todos os conceptos nas obrigas tributarias e non tributarias coa facenda local, e os seus organismos autónomos. No caso contrario deberán presentar solicitude de fraccionamento de débeda cuxo cumprimento será tido en conta para a concesión de futuras prestación de igual natureza.
  • Cumprir co baremo económico recollido nas bases. Os ingresos económicos que se computarán son os do ano 2019.

No caso do comedor escolar o importe das axudas para cada neno/a será de 50 % do custo do menú/día.

No Alivio como na casa este venres 11 con AcevedosDelgados

0

A programación especial do Alivio continúa este venres 11 con moita música. Será a de AcevedosDelgados, un grupo tomiñés que se subirá ao escenario para ‘contar’ cancións que os marcaron de algunha forma e tocar temas propios cos que sorprender e facer desfrutar ao público.

A marabillosa voz de Davinia estará acompañada pola harmónica guitarra de Tito, con algunha sorpresa con forma de invitado: José García na percusión. Historias propias, impropias e alles coas que namorarán ao público.

O concerto celebrarase na Praza do Seixo a partir das 22.30 horas con todos os protocolos de prevención para garantir a seguridade de todas as persoas asistentes. Será de balde con reserva de entrada previa chamando ao 986 622 001 ou enviando un correo electrónico a [email protected].

O CRA do Rosal, listo para a volta ás aulas

0

O Concello do Rosal traballa co CRA María Zambrano para unha volta ás aulas segura. Atendendo ao novo protocolo pola Covid-19, os operarios municipais remataron estes días os traballos de mellora e preparación das distintas unitarias, nas que se acondicionaron os espazos para poder acoller a todo o alumnado con seguridade e con todas as medidas de prevención necesarias. Por este motivo, retirouse unha parte do mobiliario e procedeuse á renovación de parte do material escolar. Ademais, colocáronse dispensadores de xabón e papel de man en todas as aulas.

Xunto con estes traballos, o Concello tamén levou a cabo durante o verán diferentes obras de mellora. Unha das máis destacadas é a construción dunha rampla para persoas de mobilidade reducida en Pancenteo e estase rematando o peche do espazo exterior do centro. Aquí tamén se procedeu a acondicionar o baño para nenos e nenas que hai no comedor, puxéronse extintores e preparouse a instalación para unha pantalla de televisión. Ademais, os traballadores municipais arranxaron o cuarto do colgadoiro.

Pola súa banda, no CRA en Fornelos pintouse a aula de Primaria e en Novás arranxouse a cancela de acceso á vivenda e reparouse o chan da aula de infantil.

O Concello quere agradecer unha vez máis a implicación e colaboración da dirección e do persoal do CRA, que están a traballar para garantir a seguridade de nenos e nenas na volta ao cole. Fundamental tamén o labor realizado polos operarios municipais que nas últimas semanas acondicionaron todos os centros do municipio para que comezaran o novo curso con todas as medidas de prevención necesarias.

A Delegación do Goberno informa de que as forzas de Seguridade do Estado suman cerca de medio centenar de detidos e investigados por incendios forestais en Galicia este ano

A Delegación do Goberno informou hoxe de que as forzas e corpos de seguridade do Estado suman 49 persoas detidas ou investigadas por incendios forestais na Comunidade este ano, incluíndo os primeiros días de setembro.

O periodo con maior actividade foi o de xuño a agosto, onde se rexistraron 38 detidos ou investigados, sumando tres cuartas partes das actuacións de todo o ano. Por meses, o peor foi xullo, con quince persoas detidas ou investigadas (seis en Ourense, tres na Coruña, tres en Lugo e tres en Pontevedra), seguido de agosto, con trece detidos ou investigados (sete en Ourense e dous en cada unha das outras provincias) e xuño, con dez, dos cales cinco corresponden a Ourense, un á Coruña e dous tanto Lugo como Pontevedra. En maio houbo dous (Ourense), en abril, un (Lugo), en marzo, cinco (catro en Ourense e un en Lugo) e, en febreiro, dous detidos ou investigados (en Ourense).

Por provincias, Ourense acumula no que vai de ano 28 persoas detidas/investigadas, o que supón o 55% do total de Galicia. Séguenlle, por orde, Lugo con nove, e A Coruña e Pontevedra con cinco cadansúa provincia.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, fai nestas datas un chamamento á cidadanía para extremar as precaucións no monte galego, en xornadas que repiten un mesmo patrón meteorolóxico (calor, seca e vento forte) que eleva ao máximo o risco de incendios forestais en todo o territorio. Así mesmo reiterou a necesidade de avisar aos Corpos e Forzas de Seguridade sobre calquera imprudencia ou conduta incendiaria para facilitar as investigacións e a detención dos posibles autores.

O delegado do Goberno en Galicia lembrou que o Estado pon ao dispor da Xunta, ademais das forzas de seguridade reforzadas no verán, ao persoal da  Brilat e da Unidade Militar de Emerxencias nestas tarefas de vixilancia, prevención e extinción de incendios.

O PP de Nigrán propón axudas para as familias ante o inicio do curso escolar 2020/21

0

En vista das dificultades de moitas familias para conseguir as máscaras e o custo engadido que supón os produtos de hixiene para os centros educativos tanto públicos como concertados, o Pp de Nigrán a presentado unha moción para que se dote unha partida económica de 55.000€ dos fondos destinados á pandemia co fin de prover ás familias das máscaras cirúrxicas para os alumnos; tamén aos profesores e aos centros dos produtos de hixiene necesarios.

Nas circunstancias actuais é primordial aliviar as economías familiares, e evitar que o orzamento de gastos dos colexios non se vexa minguado por esta circunstancia.

O Concello de Nigrán posúe remanente de tesourería de 9Millóns de Euros, e a Lei permítelle destinar ata un 20% a gastos asociados á pandemia, polo que, podería asumir ese gasto e debe, á súa vez, reclamar a colaboración do Estado e da Xunta para iso.

A proposta consiste en entregar a cada alumno/profesor que o solicite unha caixa de 50 máscaras cirúrxicas, co que se daría cobertura aos algo máis de 60 días lectivos que quedan deste ano 2020 e, doutra banda, entregar aos centros que o soliciten ata 50 botes de 500 ml de xel hidroalcólico.

104 nenas e nenos inician o luns 14 o curso na Escola Infantil Municipal de Ponteareas baixo estrictas normas de seguridade

A concelleira de Benestar Social e Igualdade do Concello de Ponteareas, Verónica Carrera, informa do inicio do curso escolar 2020-2021 na escola infantil municipal o vindeiro luns 14 de setembro. Inician o curso un total de 104 nenas e nenos. Por idades, 50 son da etapa 2-3 anos, 43 de 1-2 anos e só 11 no grupo de 0-1 anos. A situación da pandemia condicionou a decisión das familias dos máis cativos, de aí o menor número de nenos e nenas da etapa de 0-1 ano. A Directora da Escola e as educadoras xa trasladaron ás familias o novo protocolo para o comezo do curso. Tendo en conta as novas normativas e recomendacións sanitarias e de seguridade ante a Covid-19 e baseándose no protocolo achegado pola Xunta de Galicia, a concellaría deseñou un documento específico para a escola infantil municipal para así poder adaptar dende unha perspectiva máis real o protocolo da Xunta .

Entre as medidas que adoptou a escola infantil está a creación de grupos estables de convivencia e eliminación do espazo de comedor pasando a xantar nas propias aulas para así reducir os riscos.

No protocolo de actuación contémplase, entre outros aspectos, o momento de entrada na escola que se realizará de xeito escalonado sendo un único adulto o que acompañe ao cativo/a e tendo que levarse de volta para o fogar o calzado e o abrigo do mesmo. A concellería facilitará un espazo seguro para o momento de desvestir ao pequeno/a e calzado exclusivo para utilizar dentro da escola. O adulto que se achegue ao centro deberá levar mascariña e manter as distancias de seguridade respecto ao persoal e ao resto dos usuarios e usuarias.

O material facilitado polas familias deberá ser desinfectado antes de entregalo ao persoal debidamente marcado, lavado e pechado en bolsas de plástico evitando que saian do centro. Os carriños tampouco poderán ser deixados na escola infantil.

Os nenos e nenas que teñan síntomas aínda que sexan leves non deberán acudir e as familias deberán tomar a temperatura dos seus fillos e fillas antes de levalos á escola. Os e as que teñan febre a partir de 37,5º , tose ou síntomas de dificultade respiratoria tampouco deben acudir.

As familias non pasarán ao interior da escola, salvo por indicación do persoal.

Verónica Carrera e a dirección do centro pregan a máxima puntualidade e axilidade no momento da chegada e da entrega nos horarios que marcará o centro e así, entre todos, garantir un espazo de convivencia sano e seguro.

“Pola ben de todas as familias e para que o servizo da escola infantil municipal poida desenvolverse coa maior normalidade será decisiva a colaboración de todas e de todos, facendo un exercizo de responsabilidade extremo para protexer a saúde das nosa pequenas e pequenos”.

A concelleira apela á paciencia e comprensión das familias sendo consciente do esforzo que suporá para a conciliación familiar e laboral ter aos fillos e fillas na casa á mínima sospeita de Covid-19.

“Máis ca nunca estamos a realizar todos os esforzos precisos para ofrecer un servizo de máxima calidade, tendo neste curso un centro máis confortable ao estar xa a piques de rematar as obras de eficiencia enerxética”.

A Escola Infantil municipal é un servizo que depende do Concello de Ponteareas e non da Xunta de Galicia que é a administración que está obrigada a asumir estas competencias. A Xunta de Galicia únicamente aporta 42.000 euros ao ano, segundo os datos da contabilidade municipal de 2019. As familias aportan 67.860,46 €, e o Concello, con cargo aos fondos propios , 466.028,21€ ata completar o coste total de 575.888,67 euros.

A alcaldesa e a concelleira de Educación comprobaron os protocolos no primeiro día de volta ás clases

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañada da concelleira de Educación, Lourdes Moure acudiron esta mañá ao CEIP “Antonio Palacios” para comprobar in situ o desenvolvemento dos protocolos anti-covid no primeiro día de volta ás clases.

Andrés Vieitez, director do colexio e outros membros do claustro de profesores explicaron á comitiva municipal como fixeron o reparto e distribución de espazos seguros para as diversas actividades docentes, tempos de lecer e servizos de Plan Madruga e comedor escolar. O CEIP Antonio Palacios ten preto de 400 alumnos. Xunto co CEIP “Fernández López”, tamén con 400 alumnos, son os dous colexios con máis matrículas do Porriño.  

“A normalidade, pese as restriccións esixidas, foi a boa nova deste primeiro día de actividade docente no Porriño”, sinalou Lourdes Moure que agarda que “mañá sexa igual de tranquilo” coa incorporación ás aulas dos alumnos de outros cursos de Infantil e Primaria, ata completar a cifra estimada de 1.500 escolares nese nivel na nosa vila.

A vindeira semana, será a quenda dos estudantes de ESO, FP e Bacharelato que, aproxidamente son outros 1.500 máis.

Tanto no CEIP “Antonio Palacios” coma nos restantes centros docentes de Educación Infantil, Primaria e Especial do Porriño, realizouse hoxe polos axentes da Policía Local e continuará nestes primeiros días do curso, un control para verificar que o acceso ás instalacións sexa conforme aos protocolos establecidos e se faga coas debidas garantías de seguridade e de xeito ordenado. Tamén se efectuará a mesma vixilancia na saída dos escolares.

O Concello da Guarda e o Centro San Xerome poñen en marcha o programa Merézome un respiro

0

O Concello da Guarda pon en marcha o proxecto MERÉZOME UN RESPIRO (Concilia covid), programa de Respiro familiar co que responder ás necesidades das familias con persoas con diversidade intelectual residentes no Municipio.

A actual situación vivida pola crise sanitaria da Covid-19 tivo un impacto moi considerable na vida de moitas persoas, pero nas persoas con diversidade intelectual, e especiais dificultades, moito máis, xa que é uns dos colectivos máis vulnerables. O confinamento e as actuais medidas preventivas derivadas da situación da pandemia no Concello, obrigou a pechar temporalmente os Centros de atención ás persoas. As persoas con especiais dificultades, como son as persoas usuarias do Centro San Xerome, víronse na obriga de permanecer nas súas casas por períodos de tempo longos, tendo que prescindir tanto dos apoios profesionalizados que favorecen o seu desenvolvemento, tanto físico como emocional, sensorial, cognitivo, etc… como das súas relacións sociais, persoais e afectivas.

Para moitas das persoas con grandes necesidades de apoio, perder as súas rutinas supón un gran deterioro, tanto a nivel físico como a nivel cognitivo, emocional, etc… Por outra banda, neste período as súas familias víronse transformadas en coidadoras as 24 horas do día, 7 días á semana, durante varios meses…

Co proxecto MERÉZOME UN RESPIRO (Concilia Covid Concello da Guarda) se están a realizar, -e se realizarán ate o 31 de decembro 2020-, diversas intervencións de apoio individualizado ás familias e persoas usuarias do Centro de día e Centro educativo de San Xerome, nos períodos nos que as persoas usuarias non poidan acudir ao Centro por causas motivadas pola Covid-19. Esta semana comezaron xa os primeiros apoios individualizados, en distintos contextos e espazos abertos da contorna, prestados por distintos profesionais da Asociación San Xerome, para garantir que os servizos ás persoas e familias beneficiarias do proxecto respondan plenamente ás súas necesidades. O proxecto está financiado pola Deputación de Pontevedra, mediante as axudas extraordinarias dirixidas a Concellos de menos de 50.000 habitantes para a prestación de actividades de apoio ás familias para facerlle fronte ao impacto da Covid-19 durante o ano 2020, dende a estratexia local para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Os casos activos por coronavirus en Galicia, preto dos 4.500 casos

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.358 deles 1.407 son da área da Coruña, 894 da de Lugo, 473 da de Ourense, 402 da de Pontevedra, 348 da área de Vigo, 658 da de Santiago, e 176 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 25 están en UCI, 184 en unidades de hospitalización e 4.149 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 14.434 persoas curadas, rexistrándose 672 falecementos. A última persoa falecida foi unha muller de 78 anos que estaba ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro e presentaba patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 380.003.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 3 de setembro, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

“Running polo Camiño” chega este sábado a Baiona

0

“Running polo Camiño” trátase dunha suroenta comedia que fará parada o vindeiro 12 de setembro ás 20:00 horas no Auditorio V Centenario do Concello de Baiona. #ACULTURASEGUE é un proxecto cultural promovido pola Rede de Dinamización Lingüística, o Xacobeo 2021, Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia dentro do plan Fondo X21 e do Concello de Baiona.

Esta comedia trata de Xulia e Román. Acaban de coñecerse e o primeiro Whatsapp non tarda en chegar: “Quedamos? Veña si! Pero cando?”

Fillas e fillos de parellas anteriores. Nais divorciadas. Avós na residencia. Adolescentes co pavo. O pequeno coa crise dos 8. Os grandes coa dos 40, coa dos 50, coa dos 60. Clases de ioga para liberar o estrés, patinaxe artístico os luns, danza jazz os martes. E ser taxista. Das fillas, dos fillos, das fillas dos demais, do pai, da nai, da avoa, dos primos. E os deberes. Os deberes da escola e o resto de deberes. Deberes e obrigas. Coidar de todo e de todos menos dun mesmo. Como facer que as axendas cadren? E por outra banda: de verdade quero comezar algo novo que poida supoñer máis deberes e menos pensar nun mesmo?

Romeo e Xulieta tiñan as familias na contra dun amor prohibido. Xulia e Román aínda non saben se tanto se queren, pois as súas familias, as súas vidas, e os seus propios medos impiden brindar con esa primeira cervexa que podería facer nacer ou morrer o amor eterno.
En escena, unha actriz e un actor que terán que suar a camiseta para meterse na pel de todas as personaxes desta vertixinosa comedia.

Neste exercicio teatral, os dous actores asumen o reto de interpretar, ademais dos dous protagonistas desta comedia, a todos os personaxes das familias dos dous e da súa contorna, con algunhas aparicións tamén de personaxes televisivos e entrevistadores para retratar o noso mundo saturado de información televisiva e cibernética. Nun total de vinte personaxes entre os dous.

Como veredes trátase dunha vertixinosa peza cómica da productora De Ste Xeito con mensaxe final… parodia da nosa ocupadisídima vida actual coas súas eternas présas, ese maratón de teléfonos, móbiles, obrigacións familiares, persoais e laborais… que pretende reflexionar sobre a cabida que pode ter nesta acelerada dinámica “sempre Running” o amor, e en última instancia a relación cun mesmo.

A Escola de Música de Xinzo modifica a súa planificación docente

Na pasada asemblea do día 5 de setembro, a directiva da Escola de Música de Xinzo deu a coñecer a nova planificación docente que entrará en vigor de cara ó vindeiro curso 2020/2021. Deste modo, a Escola propón un novo sistema educativo organizado en tres niveis: Inicial, Elemental e Complementario. A súa vez, cada un dos niveis compóñense de distintos cursos segundo os obxectivos que se buscan acadar e os contidos académicos a tratar.

No primeiro dos niveis, o Inicial, tan só poden inscribirse os novos alumnos. Consta de dous cursos: o Xardín Musical, para alumnos de cinco anos coa materia de Música e Movemento, e Iniciación, con alumnos a partir dos sete anos que comezan as clases de Linguaxe Musical e Instrumento. Cabe destacar que, con respecto a esta última materia, se o alumno aínda non se decantou por un instrumento, nas primeiras semanas mostraránselle todos os que a Escola ofrece para que poida realizar a súa elección.

Unha vez superado o curso de Iniciación e con nove anos, os alumnos poden acceder ó nivel Elemental, composto por catro cursos. As ensinanzas impartidas en cada un destes cursos aseméllanse ós contidos impartidos no Grao Elemental das ensinanzas regradas, de modo que os alumnos poderán acceder sen problema ó Grao Profesional nun Conservatorio unha vez finalizados os estudos na Escola. As materias en común nos catro cursos son Linguaxe Musical e Instrumento, mentres que Banda Infantil tan só é unha opción a partir do segundo curso e Educación vocal e auditiva, a partir do terceiro. Agora ben, o alumno poderá formar parte da banda antes do segundo ano se o seu profesor ou a directora da agrupación o consideran apto.

Ó último nivel, ó Complementario, teñen acceso todos os alumnos que remataron a formación do nivel Elemental pero desexan continuar cos seus estudos. Neste caso, o único curso do que se compón o nivel pode repetirse cantas veces se queira, tanto a materia de Linguaxe Musical como a de Instrumento. Ademais, é posible formar parte da Banda Infantil sempre que a directora non considere incompatible a diferenza de nivel ou idade do alumno coas do resto dos músicos.

Finalmente, cabe destacar a planificación que a Escola de Música realizou para os adultos que buscan comezar os seus estudos musicais ou continuar con eles sen seguir a planificación anterior. Nestes casos, flexibilizaranse os contidos e o alumno poderá seleccionar unicamente as materias do seu interese.

Nais e pais de 5º de primaria do CEIP Pazo da Mercé non levarán aos seus fillos a clase o venres

0

As nais e pais da ANPA Eira da Liñaza das Neves, non levarán aos seus fillos de 5º de Primaria o vindeiro venres, día 11. A medida, comunicada á concelleira de Ensino das Neves, Pilar González Casas, ten coma obxectivo protestar pola actitude da Consellería de Educación da Xunta de Galicia en relación co número de alumnos que terán que estar na aula de 5º curso do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé.

Escrito na Inspección de Educación

Como sinalou a ANPA nun escrito presentado na Inspección Provincial de Educación, os nais e pais están en total desacordo con feito de que compartan aula 25 rapaces e rapazas, “tendo en conta que a OMS ten avisado,  reiteradamente, do perigo de contaxio do COVID-19 en espazos cerrados sen distanciamento”.

Alertan do feito de que neste curso hai varias patoloxías de asma e unha alumna que ten unha irmá que recibiu un transplante de pulmón e que pode ser un posible foco de contaxio para unha persoa de alto risco.

A estes situación súmanse o feito de que as rapazas e rapaces poidan ser
transmisores do virus as súas familias, “nas que hai moitas persoas de risco”.

Desdobramento do curso en dúas clases

Á vista destas circunstancias, solicitan que, con carácter urxente, se desdobre o 5º curso en dúas clases. O centro dispón de aulas suficientes para poder facelo: o único que se precisa é a decisión dos responsábeis da Consellería de Educación e a contratación dun novo profesor.

Os representantes da ANPA insisten en que é perigoso que esta aula quede sen desdobrar, considerando as consecuencias graves, tanto para as alumnas e alumnos coma para as profesoras e profesores que dan clase nesta aula.

“Unha vez máis, apelamos ao sentido de responsabilidade da Inspección de Educación para que esta situación se solucione canto antes”.

Nigrán estrea un gran mural na entrada do auditorio a cargo do artista multidisciplinar Diego Lago

0

O Concello de Nigrán estrea un gran mural en toda a entrada ao Auditorio Municipal de Nigrán realizado polo artista multidisciplinar Diego Lago, quen traballou durante 3 intensas semanas neste proxecto encargado desde a Concellería de Cultura para imprimir singularidade e cercanía neste espazo público. Así, os preto de 40 metros de parede conforman un auténtico lenzo onde se representa boa parte das artes escénicas mediante 6 sorprendentes pinturas hiper-realistas.

Deste xeito, o público que se achegue ao Auditorio Municipal para calquera evento será benvido con este mural no que se retrata con absoluta pericia a un mimo, a unha bailarina de danza clásica, unha violinista, un cantante contemporáneo, un gaiteiro e Charles Chaplin rodando.

“Fun traballando a partir dunha imaxe pintando con pintura acrílica, pincel, spray e rodillo, afrontando o traballo moi parecido a como o fago cun lenzo”, explica Diego Lago, director da escola viguesa Arte&Danza e profesional da fotografía e da pintura, á que se dedica desde máis dunha década tras moitos anos anteriores de formación. “Xa fixera un mural para unha discoteca de Santiago e outro en Barcelona, onde estudiei danza, este sería o primeiro nun espazo público”, explica Lago, quen habitualmente pinta lenzos en gran formato, especialmente retrato realista, onde se atopa moi cómodo. “A arte figurativa non está moi valorada en España pero a min é o que me gusta facer. Agardo que este mural teña boa acollida e que Nigrán se sinta orgulloso del”, desexa o artista, quen foi loubado pola propia concelleira, Nuria Lorenzo, e o alcalde, Juan González, ao rematar o mesmo.

[su_image_carousel source=”media: 20642,20641,20644,20643″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O Concello de Arbo reforza a limpeza e desinfección no C.E.I.P Antonio Carpintero

0

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional e o conselleiro de Sanidade aprobaron pola resolución conxunta do 22.07.2020 o Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021, que inclúe no seu apartado 4 as medidas xerais de limpeza.  Consonte as referidas medidas, cada centro disporá dun protocolo de limpeza e desinfección que formará parte do Plan de adaptación a situación Covid-19 no curso 2020/2021.

Existen unha medidas xerais de limpeza nos centros para a súa adaptación ao contexto da COVID-19 no curso 2020-2021, segundo o protocolo marcado pola Consellería de Educación e a Consellería de Sanidade e aprobado polo Consello Escolar do C.E.I.P Antonio Carpinteiro.

As tarefas de limpeza que realizara o persoal da empresa contratada na limpeza  diaria, iniciarase ás 10:00 horas nas zonas de uso común e nas superficies de contacto máis frecuentes como pomos das portas, mesas, mobles, pasamáns, chans, teléfonos, perchas, e outros elementos de similares características así como de billas elementos das cisternas e outros dos aseos.

Axustarase tamén a limpeza e desinfección das aulas compartidas de PT e AL, da aula 24, biblioteca, aula de informática,  do ximnasio e da aula de psicomotricidade á actividade diaria da mesma de tal xeito que entre clase e clase se proceda á súa limpeza e desinfección. Segundo o horario de uso, farase desinfección da aula de psicomotricidade, permitindo o seu uso en dúas quendas diarias de ser preciso.

Argumenta o edil  de Arbo que “por parte do Concello actuamos desde o primeiro momento ante esta crise sanitaria a nivel mundial que nos obrigou a cambiar en tantos aspectos da nosa vida, o escolar sen dúbida preocúpanos porque é onde entran en xogo os máis pequenos e as súas familias e é por iso que entre as nosas competencias nos colexios, a da limpeza verase reforzada xa que toda prevención é pouca”, polo cal persoal municipal realizou tarefas de desinfección e limpeza antes do inicio do curso escolar.

No horario de tarde, por persoal municipal como sempre foi habitual, procederase á limpeza e desinfección xeral do centro (aulas, biblioteca, despachos, portas, fiestras, pupitres…)  e das zonas exteriores, por ser estas as areas de lecer do alumnado.

Para poder cumprir co establecido, e  seguir  estritamente as recomendacións, algo que o Concello de Arbo ven realizando dende o primeiro momento – informa o alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil –   resulta necesaria a contratación  de empresa externa por non contar o Concello de Arbo, nin con medios persoais nin materiais  suficientes para dar cumprimento ás obrigas esixidas e nos termos nos que figuran establecidos nos protocolos das autoridades Sanitarias.

Pola tarde será persoal municipal a que realizara as funcións de desinfección e limpeza en horario de tarde, para que o Centro de Ensino C.E.P. Antonio Carpinteiro este en condicións de ser utilizado a primeira hora da maña cando os alumnos e alumnas cheguen ao Colexio,  para tal fin o Concello de Arbo, tamén adquiru  unha fregadora eléctrica recentemente para facilitarlle a realizacións de ditas tarefas – remata o rexedor  que tamén informa que antes do inicio do curso escolar persoal municipal fixo unha limpeza e desinfección de todo o edificio e o seu entorno.

A Eurocidade, nunha publicación internacional sobre a contribución dos orzamentos participativos á redución dos efectos do cambio climático

0

A Eurocidade Cerveira Tomiño segue a achegar o seu gran de area en temas de vital importancia para a poboación, como o cambio climático. Nesta ocasión fíxoo colaborando co International Observatory on Participatory Democracy (OIDP) na elaboración dunha publicación internacional sobre as contribucións dos procesos de orzamento participativo á adaptación e mitigación dos efectos do quecemento global, unha valiosa ferramenta de análise e coñecemento para mellorar a forma na que os gobernos locais enfrontan o desafío do cambio climático.

O estudo foi realizado por Yves Cabannes, activista especializado en gobernanza urbana e municipal e profesor emérito de Planificación do Desenvolvemento no University College London (UCL), coa colaboración de 15 rexións e cidades de todo o mundo. O resultado é unha das poucas investigacións que explora a relación entre a redución dos efectos do quecemento global e os orzamentos participativos, unha forma de toma de decisións que involucra activamente á cidadanía.

Cabannes baseouse nos resumos, intercambios e contribucións de dúas sesións internacionais celebradas en México e Abu Dhabi e nas iniciativas de orzamento participativos da Eurocidade Cerveira-Tomiño xunto con outras iniciativas de España, Portugal, Rusia, Francia, Ecuador, Senegal, Congo, Taiwán, Mozambique, México, Indonesia e Camerún, que documentaron as súas respectivas experiencias.

O obxectivo principal do informe é amosar o que está a suceder actualmente nas cidades participantes, recompilar e presentar datos sólidos e dar pé a reflexionar sobre o grao no que os orzamentos participativos contribúen a esa loita contra o cambio climático, como o fan e os desafíos actuais aos que se enfrontan. Tamén busca avaliar a natureza e a importancia desas contribucións, destacar as innovacións realizadas, crear e fortalecer unha comunidade que comparta o coñecemento xerado e avogar pola elaboración de presupostos participativos relacionados co clima e concienciar sobre o seu enorme potencial para axudar os dramáticos impactos que o cambio climático ten na vida de millóns de persoas.

Para este estudo, Cabannes analizou arredor de 4.400 proxectos de orzamentos participativos desenvolvidos ao longo dos tres últimos anos, entre os que se identificaron 923 proxectos enfocados á mitigación dos efectos do cambio climático. Tendo en conta a diferenza de cifras entre unha rexión e outra dependendo do seu tamaño, o experto dividiunas en catro grupos en función do número de proxectos financiados polos orzamentos participativos.

Nesta realidade, a Eurocidade aparece coa implementación de 4 proxectos en 2018 e 2019 nos que, malia traballar comparativamente cun orzamento moi pequeno e cun número limitado de proxectos, o experto destaca as iniciativas enmarcadas na categoría de sensibilización e educación sobre o cambio climático, que no caso de Cerveira e Tomiño estaban centradas en actividades artísticas e medioambientais para a poboación infantil de ambos municipios.

O documento, actualmente soamente dispoñible en inglés, foi publicado polo OIDP-UCLG xunto con Enda ECOPOP, FMDV, o Fondo Mundial para o Desenvolvemento das Cidades, a Fundación Kota Kita e o University College of London.

O CIM da Guarda programa dúas sesións de teatro en setembro

0

O Centro de Información á Muller da Guarda programa neste mes de setembro dúas funcións teatrais, coa representación de “A nena que quería navegar” e “Invisibles”.

O venres 18 de setembro ás 21:00h terá lugar a representación teatral de “Invisibles”, unha obra dirixida ao público adulto e o sábado día 26 de setembro ás 18:00h o Centro Cultural da Guarda acolle a representación teatral de “A nena que quería navegar” ás 18:00h, unha obra dirixida ao público infantil.

“Invisibles” é unha adaptación do libro homónimo da periodista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. Protagonizado por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre.

“A nena que quería navegar” é unha comedia para público familiar que trata de visibilizar e paliar as consecuencias do acoso escolar a través de técnicas de reforzo positivo e aumento da autoestima. Un espectáculo optimista, colorista, emocionante, reflexivo e festivo no que se mesturan distintas disciplinas como os monicreques, o teatro de obxectos, as vídeo proxeccións e a música en directo.

Para ámbalas dúas representacións teatrais seguirase un estrito protocolo Covid-19, polo que é preciso inscribirse con anterioridade chamando ao Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850 ou acudindo ata o propio Centro Cultural dende o luns previo a cada actividade, o aforo é limitado.

Esta actividade está subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade e polo Pacto de Estado.

O Goberno de Redondela e as asociacións veciñais analizan ‘in situ’ os problemas do transporte interurbano

0

A alcaldesa de Redondela e o concelleiro Alberto Álvarez acompañaron na mañá de onte a representantes das asociacións veciñais de Cabeiro, San Esteban de Negros, Vilar de Infesta, Trasmañó e Chapela, nun percorrido en autobús que os levou pola ruta que, ata o mes de febreiro cubría a liña 28 de Vitrasa e que agora cubre Autos González.

O obxectivo desta viaxe era poder analizar, in situ e polo miúdo, tanto o percorrido como as frecuencias e os lugares de parada porque, sinalou a alcaldesa Digna Rivas, “ninguén mellor que as veciñas e veciños que utilizan diariamente o transporte público, para dar conta das posibles melloras ou a distribución das paradas”.

Dende ese punto de vista, a ruta que hoxe realizaron os representantes veciñais, e os representantes do Concello, servirá a empresa para realizar, dentro do posible, os cambios demandados pola veciñanza para un mellor aproveitamento do servizo de transporte público interurbano.

Nun municipio con parroquias densamente poboadas, como é Redondela, “dispoñer dun servizo de transporte público áxil e adaptado ás necesidades da cidadanía, é fundamental para mellorar a calidade de vida da veciñanza do rural”, apunta a rexedora local.

A alcaldesa redondelá lembra que días despois de facerse o cambio no transporte interurbano, mantivo unha reunión de traballo co xefe territorial de Infraestruturas e Transporte da Xunta de Galicia, José Luis Díaz Yáñez “para coñercer polo miúdo os cambios de liñas e como estes cambios ían a afectar ás veciñas e veciños de Redondela”.

A reunión, matiza Digna Rivas, fora solicitada pola Alcaldía “logo de que a Xunta, nunha actitude incomprensible, informara ao Concello redondelán dos cambios de liñas dúas semanas despois da súa posta en marcha e logo das peticións insistentes de información por parte do Goberno local”.

Tras o percorrido de hoxe, analizaranse os datos recollidos de cara a presentar un informe conxunto –asociacións, empresa e Concello– á Xunta de Galicia para que autorice as modificacións sinaladas en dito informe.

Con todo isto, “conseguirase unha optimización do servizo beneficiosa tanto para a veciñanza como para a propia empresa concesionaria, ao poder axustarse mellor ás necesidades de usuarios e usuarias”, remata sinalando a alcaldesa Digna Rivas.

O informe solicitado polos concellos non arroxa dúbidas: a desinfección dos centros escolares non é competencia dos municipios

“A desinfección dos centros escolares con motivo del Covid‐19 de infantil, primaria e especial non é competencia propia dos municipios e supón unha ampliación das mesmas que excede da pura limpeza”. De esta forma conclúe o informe da Secretaría Xeral da Deputación de Pontevedra que foi solicitado por concellos da provincia, como xa ocorreu noutras zonas do estado, para coñecer o alcance real do “Protocolo de Adaptación ao contexto da Covid‐19 nos Centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020‐2021” das Consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional e de Sanidade da Xunta de Galicia.

A solicitude do informe dos concellos á Deputación, sobre se a desinfección dos centros é ou non competencia dos municipios, ven motivada porque o documento da Xunta establece medidas de prevención e medidas xerais de limpeza como un protocolo de limpeza e desinfección, limpeza dos aseos ao menos dúas veces ao día, existencia de material de desinfección, realización de limpeza e desinfección dos postos compartidos nos cambios de quenda, e ao finalizar a xornada, entre outras.

O informe asinado polo Secretario Xeral da Deputación, que xa foi remitido aos concellos, inclúe toda a normativa legal tanto estatal como autonómica en materia de educación, salubridade pública e de sanidade, incluídas as responsabilidades mínimas aínda que non sexan competencias municipais, nas que non figura nin unha soa excepción para que sexan os concellos os que corran coa desinfección dos centros.

Tamén figura a única normativa que regula la desinfección del Covid‐19 como lexislación do Estado nos centros docentes é o RDL 21/2020, de 9 de xuño, que di que “As administracións educativas deberán asegurar o cumprimento polos titulares dos centros docentes, públicos ou privados, que impartan as ensinanzas contempladas no artigo 3 da Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación, das normas de desinfección, prevención e acondicionamento dos citados centros que aquelas establezan”. “Esta nova competencia, di o informe da Deputación, diríxese ás administracións educativas e os municipios non o son, como así claramente se deduce da Disposición Adicional décimo quinta da L.O. 2/2006, de 3 de maio. As administración educativas son concretamente o Ministerio de Educación e a correspondente consellería autonómica en materia de educación”

Así, o informe da Secretaría Xeral da Deputación de Pontevedra é contundente: “podemos establecer, asevera, que a desinfección dos centros escolares con motivo del Covid‐19 de infantil, primaria e especial non é competencia propia dos municipios e supón unha ampliación das mesmas, que excede da pura limpeza”. O informe incluso refire que “para esta nova competencia (impropia) que se traslada aos concellos mediante unha disposición que non ten o rango normativo suficiente, non se acudiu nin á delegación de competencias na que deberá de valorarse o impacto no gasto nos municipios afectados sen que en ningún caso poida conlevar un maior gasto dos mesmos (art. 27 LRBRL), nin a encomenda de xestión a través do correspondente convenio que así mesmo deberá acompañarse da financiación necesaria (art. 11 Lei 40/2015, de 1 de outubro).

Mos adquirirá novo material agrario forestal para reforzar os labores de limpeza e desbroce

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Parques e Xardíns e Servizos para a mellora do entorno rural e urbano, Baldomero Lorenzo, informaron onte de que o Concello adquirirá nova maquinaria agraria forestal para reforzar os labores de de desbroce, limpeza viaria e prevención de incendios forestais nos que a admistración local mosense se atopa volcada.

O subministro da nova maquinaria farase con cargo á axuda que lle acaba de ser concecida ao Concello de Mos da Liña 1 do Plan Concellos 2020.

Con esta subvención o Concello de Mos procederá á adquisición de diversa maquinaria para a concellería de Servizos para a mellora do entorno rural e urbano que servirá, entre outros usos para o mantemento das zonas verdes e parques infantís, desbroce, mantemento e limpeza de xardíns.

Entre a nova maquinaria inclúense desbrozadoras, motoserras, cortasetos, soplador, cortacésped, etc.

Este novo material ven a complementar a decidida aposta que o Concello de Mos está a facer polos labores de desbroce e prevención de incendios forestais. Aposta que inclúe o reforzo do persoal adicado a tal fin durante o verán e o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

Un total de 43 persoas de diferentes departamentos contribuíron a manter un Mos limpo durante a tempada estival ao tempo que se fomentaba a prevención de incendios forestais. Dos 43 traballadores/as que mantiveron Mos limpo e protexido de lumes forestais, 8 pertencen á empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza viaria. 4 son traballadores municipais da administración local en plantilla: 2 conductores de camión dedicados a desbroce e 2 dedicados a limpeza de fontes e marquesinas. Por outra banda con cargo á liña 3 do Plan Concellos están traballando 11 persoas que realizan tarefas de limpeza viaria, recollida de residuos e mantemento de parques e xardíns. E con cargo ao Convenio interadministrativo subscrito entre a Consellería de Medio Rural e o Concello de Mos para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais, contratáronse a 12 traballadores nos postos de Oficial 1ª conductor motobomba (7), Xefe de brigada (1) e Peóns (4).

Tamén a través doutra subvención da Xunta de Galicia traballaron neste ámbito 1 persoa preceptora de RISGA e 2 na brigada contra incendios a través do programa de fomento do emprego no medio rural (Aprol Rural) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en postos de peón forestal. Tamén participaron nestes labores de limpeza 5 mulleres contratadas por medio dunha axuda da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia a través dun programa da Secretaría Xeral da Igualdade.

Ademais, dentro tamén do seu compromiso medioambiental e de prevención e loita contra os incendios forestais fai un ano que o Concello de Mos aprobaba o seu Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais tras terse adherido ao convenio coa Consellería do Medio Rural, Seaga e a Fegamp.

O pasado mes de xuño empezaron as execucións subsidiarias de Medio Ambiente para a limpeza de fincas dentro do un Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. E en agosto procedeuse á contratación dunha empresa a maiores que participara na execución subsidiaria da limpeza de fincas incluídas no Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

As execucións subsidiarias de Medio Ambiente para a limpeza de fincas dentro do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais reforzáronse coa contratación desta empresa, que supón outro paso máis na aposta municipal pola prevención e o coidado medioambiental.

Alba Grande trae ao Alivio contos para derretera a cera

0

Tarde de monicreques e teatro para toda a familia no Alivio. Este xoves 10 de setembro será a quenda de Alba Grande, que chegará a Tomiño co seu novo espectáculo, ‘Contos para derreter a cera’. A actriz e titiriteira ourensá sorprenderá cun espectáculo único do que o público non se perderá detalle. Será a partir das 19 horas na Praza do Seixo e con todos os protocolos de prevención para garantir a seguridade de todas as persoas asistentes.

A actividade será de balde, aínda que será necesario reservar entrada previamente chamando ao teléfono 986 622 001 ou enviando un correo electrónico a [email protected].

O Porriño vai ter Festas do Cristo “diferentes e seguras” neste 2020

O Porriño vai ter Festas do Cristo neste 2020 “pero serán completamente diferentes cun formato reducido pola obriga de observar os protocolos anti-covid e de coidar da nosa seguridade”, manifestou onte Eva García de la Torre coa ocasión da presentar o programa festivo.

No acto de presentación celebrado na praza Arquitecto Antonio Palacios, diante da Casa do Concello, Eva García avogou por “un comportamento responsable da veciñanza porriñesa á hora de gozar destas Festas do Cristo”. “Entendo que os nosos veciños e veciñas van seguir sendo exemplares nos coidados e nas medidas de seguridade e protección”, manifestou.

Cami Moreira, concelleira de Cultura, responsable da organización destas Festas indicou que “neste ano, todas as actuacións serán en recintos reducidos, con aforos limitados e cadeiras”. A concelleira subliñou que entre as novidades desta edición “un auto cine que habilitaremos no aparcadoiro Karting, en Torneiros, fronte a “Maderas Iglesias”, onde proxectaremos as curtas gañadoras no recente Festival de Cans”, indicou Cami Moreira. Para manter o control e a seguridade, as persoas que desexen acudir cos seus vehículos deberán inscribirse previamente a través do enderezo electrónico [email protected].

Nesta edición das Festas do Cristo sí haberá Festa dos Callos que terá lugar o domingo 4 de outubro con animación de rúa a cargo da “Agrupación Feixoada”. Será a edición número 27 “aínda que coas limitacións esixibles polos protocolos anti-Covid e centrada nos establecementos da hostalaría local”, segundo explicou Moreira Fontán.

Ponteareas inicia a contratación para adquirir unha propiedade para un novo equipamento público na contorna da Praza Maior

O goberno de Ponteareas do BNG e do PSOE vén de abrir  a contratación patrimonial para adquirir unha propiedade na contorna da praza Maior. Co obxectivo de pór en marcha novos servizos á comunidade, o Concello prevé mercar un inmoble. A financiación da obra de restauración e posta posta en servizo á cidadanía será realizada cos fondos FEDER da Unión Europea no marco da estratexia “Ponteareas, hábitat saudable”.

Ante a carencia de edificios de propiedade municipal para atender novos servizos á cidadanía,  ou incluso para atender con maior amplitude os existentes como é preciso no momento actual, o goberno municipal pon en marcha os prodecementos administrativos para adquirir unha nova infraestrutura. “Este novo espazo estará ubicado no casco histórico e será un lugar no que acoller distintos servizos e instalacións municipais, sempre enfocado a dar unha mellor atención á cidadanía. A xestión económica do Concello realizada dende 2015 permítenos dar agora este paso para incrementar o patrimonio municipal”, afirmou o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.

Este novo equipamento permitirá potenciar o dinamismo do casco vello da Vila, e concretamente a zona da Praza Maior e a súa contorna. Unha liña de actuación xa contemplada no programa de Fondos Feder e da EDUSI “Ponteareas Hábitat Saudable”. Dende fai tempo, esta parte da Vila vén amosando un contínuo deterioro habitacional, palpable no progresivo aumento de edificacións e vivendas en estado de abandono, así como un progresivo avellentamento e perda de residentes. Un fenómeno semellante ao de moitos cascos vellos doutras vilas e cidades galegas, e que ao mesmo tempo ven provocando a reacción das distintas administracións para a súa recuperación e revitalización.

Previamente, e con esta finalidade, o goberno municipal realizou un proceso de consulta cidadá no que participaron representantes do tecido socioeconómico da Vila (Asociacións deportivas e culturais, comerciantes, hostaleiros, entidades sociais, colectivos vulnerables -mobilidade reducida, terceira idade…-), ademáis dunha consulta dixital. Tamén se contou coas aprotacións realizadas por representantes da administración local (Membros do goberno e voceiros dos grupos políticos con representación municipal, persoal técnico e traballadores municipais). Froito desa participación definíronse os usos do futuro edificio.

Agora o Concello negociará coa propiedade dos inmobles que reúnen as características técnicas e de ubicación para a súa posible compra pasando a formar parte do patrimonio municipal.

Redondela inicia as obras de mellora e mantemento dás áreas infantís de todo o municipio

0

O Concello de Redondela iniciará en próximas datas os traballos de mellora e acondicionamento das áreas infantís do municipio co fin de mellorar as zonas de esparexemento dos máis pequenos e pequenas e que poidan gozar do seu ocio nas mellores condicións de seguridade.

Os traballos, que terían que empezar no mes de marzo, tiveron que ser aprazados polo decreto de Estado alarma e posteriormente o proxecto tivo que ser redefinido ao comprobar os técnicos que as instalacións estaban en peores condicións das inicialmente previstas.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, mostrouse sorprendida polas declaracións do Partido Popular sobre o atraso na apertura destas áreas de esparexemento infantil cando o certo, asegura a alcaldesa, “é que o estado en que se atopan é un reflexo do desinterese dos anteriores gobernos no mantemento destas zonas de lecer. Doutra forma é difícil de entender o grao de deterioración que presenta, por exemplo, unha instalación relativamente nova como o parque da Xunqueira”.

Os traballos que desenvolverá o Concello de Redondela, non se cinguen a un mero ‘lavado de cara’ senón que supoñen a profunda transformación das zonas infantís. De feito para facilitar o tránsito dos usuarios usuarias dentro dos recintos, procederase á recolocación dos distintos elementos e unha vez instalados, procederase á instalación dos elementos amortecedores que garantan a seguridade dos nenos e nenas.

No caso concreto do parque da Xunqueira, substituirase o céspede e o valado perimetral que o rodea xa que se atopa en moi mal estado. Do mesmo xeito, será necesaria a reparación ou substitución, dependendo do caso, dalgúns elementos de xogo debido ás deficiencias que presentan e que poden supoñer un perigo para a seguridade dos nenos e nenas.

En Cerdeira e Cabanas, explica a alcaldesa e unha Rivas, “procederase á reparación dos elementos danados e á substitución das pezas que sexan necesarias, así mesmo contémplase a substitución integral do valado de peche debido ao mal estado que presenta de forma que poida garantir a seguridade dos pequenos e pequenas”.

En todos os parques do municipio, amais das reparacións que se precisen, farase unha limpeza de todo o mobiliario. No Viso, en Escredo cos traballos xa rematados, reparouse a pista de baloncesto e o valado de peche.

Finalmente, a alcaldesa Digna Rivas, sinalou a importancia “de contar cunhas áreas infantís seguras”. “Non se trata de facer remendos ou poñer parches como se facía antes, –asegurou a rexedora local– senón de facer unha obra que garanta, sobre todo, a seguridade dos nosos nenos e nenas e iso está por encima de calquera outra consideración”.

A Policía Local verificará que o acceso aos centros docentes realícese de xeito seguro no comezo das clases

Axentes da Policía Local do Porriño verificarán a partir de mañá xoves e durante uns días que o acceso a todos os centros educativos sexa conforme aos protocolos anti-Covid e se faga coas debidas garantías de seguridade e de xeito ordenado. Tamén se efectuará a mesma vixilancia na saída dos escolares.

Este foi o compromiso principal acadado pola concelleira de Educación, Lourdes Moure e polo Inspector Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez na reunión que mantiveron cos directores dos centros educativos da vila.

Nalgúns casos particulares, como son os colexios de Budiño e Atios, acordouse que o Concello reforce os accesos aos respectivos centros docentes con sinais verticais para evitar atrancos.

A concelleira de Educación exhortou aos pais e nais de alumnos a que presten “a máxima colaboración posible para que esta volta ás clases sexa coa maior tranquilidade posible” e manifestoulles que o Concello “fará todo o posible e que estea nas nosas mans para garantir a seguridade dos nosos nenos e nenas”, dixou Lourdes Moure.     

O Consello da Infancia traballará para visibilizar datas importantes relacionadas coa igualdade e os dereitos humanos

0

O Consello da Infancia e Adolescencia, ‘Voces Novas’, xa ten marcado o seu calendario de traballo ata final de ano. A vintena de novos e novas integrantes do consello reuníronse esta semana no salón de plenos do Concello para falar sobre os proxectos a abordar neste último trimestre do ano, como o da posta en marcha de diferentes accións para visibilizar datas importantes relacionadas con aspectos como a igualdade ou os dereitos humanos.

Tras estudar o calendario de datas a conmemorar establecidas pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, os rapaces e rapazas escolleron por votación levar a cabo diferentes actividades de dinamización o:

  • Día Internacional da Nena, que se celebra o 11 de outubro e busca o empoderamento das nenas no mundo.
  • Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25 de novembro), co que se procura sensibilizar e denunciar a violencia exercida contra as mulleres.
  • Día Internacional dos Dereitos Humanos, que se celebra o 10 de decembro.

Na vindeira reunión, o Consello da Infancia reunirase para traballar xa nas accións a realizar o vindeiro 11 de outubro, buscando actividades participativas abertas a todo o público e que involucren a todos os tomiñeses e tomiñesas.

Acompañados pola concelleira de Participación Infantil e Mocidade, Fátima Rodríguez, e coordinados por Karina Bouzada, as e os integrantes de ‘Voces Novas’ tamén mantiveron un encontro cos arquitectos responsables das obras do parque da Feira, que lles presentaron a evolución do proxecto de remodelación da zona. O Consello da Infancia e da Adolescencia comprometeuse a recoller ideas para o deseño do interior do parque e trasladarllas aos arquitectos en vindeiros encontros.

Asemade, os rapaces e rapazas tamén debateron sobre a placa que sinala a Tomiño como Cidade Amiga da Infancia, que se colocará nunha zona verde próxima á Casa do Concello. ‘Voces Novas’ achegará o seu gran de area no deseño do espazo no que se colocará, xa que queren crear unha composición na que esta placa estea acompañada por outros elementos sinalados.

Entre outros temas que trataron tamén estiveron a xestión do Instagram, cuestións de funcionamento ou acordos do novo regulamento.

COGAMI recolle propostas que permitirán un curso escolar inclusivo para todo o alumnado

Tras unha análise da situación das consecuencias causadas polo COVID-19 no alumnado con discapacidade, COGAMI propón medidas para que o novo curso sexa inclusivo e se adapte ás necesidades do alumnado con discapacidade, tanto no ensino presencial como no telemático ou mixto. “Nesta nova realidade non se pode poñer en risco o dereito a unha educación inclusiva e de calidade para todas as persoas”, apunta o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.

A pandemia deixou latente a existencia dunha fenda dixital: non todas as familias dispoñen de dispositivos, de competencias para o seu manexo ou de conexión a internet apropiada. A isto hai que engadirlle que non sempre a tecnoloxía está adaptada, o que impide o seu acceso a estudantes con discapacidade.

Co fin de buscar solucións, COGAMI recolle un conxunto de medidas que teñen por finalidade garantir a todas as nenas e nenos unha educación en igualdade de condicións, e proponlle á Administración que conte coas organizacións de persoas con discapacidade para que o curso responda ás demandas do alumnado con necesidades educativas especiais. “O curso escolar ten que producirse coa maior garantía para preservar e protexer a saúde de todas as persoas e con todos os apoios que o alumnado necesita”, engade Queiruga.

Entre as medidas que propón adoptar COGAMI está a de implementar metodoloxías inclusivas na educación e implantar o enfoque do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) en todos os procesos educativos, fomentando a aprendizaxe colaborativa coa finalidade de facilitar a integración da diversidade.

O alumnado con necesidades educativas especiais debe contar con persoal de apoio para evitar a sobrecarga nas familias, adoptando medidas de conciliación necesarias para aquelas familias con alumnado en modalidade a distancia ou mixta. Esta nova realidade debe de incorporar a perspectiva da discapacidade como elemento transversal, sendo necesario garantir a atención integral centrada na persoa e acorde ás necesidades específicas do alumnado incrementando, no marco da pandemia actual, a coordinación cos centros sanitarios, especialmente naqueles onde haxa alumnado de alto risco con afeccións crónicas vulnerables á infección por Covid-19, contando cun protocolo específico de actuación.

Outras medidas recollen a necesidade de que os programas educativos fomenten a diversidade e teñan en conta as especificidades do alumnado con necesidades educativas especiais así como proporcionar materiais e recursos necesarios, como por exemplo un profesorado formado en novas tecnoloxías, capacitar ao alumnado e ás familias nas competencias dixitais necesarias, a dotación de persoal de apoio, dispositivos electrónicos, conexión a internet ou contar con produtos de apoio, de cara a dar resposta ás carencias e necesidades que puideran producirse no proceso de ensino-aprendizaxe.

Por último, dende COGAMI vese necesario reforzar os programas contra o acoso escolar tendo en conta a situación de maior vulnerabilidade do alumnado que ten discapacidade, co fin de detectar e sensibilizar acerca de casos de violencia e abusos na contorna escolar, familiar ou noutros ámbitos, así como desenvolver actuacións para previr o estigma ou discriminación en relación co COVID-19.

O Concello amosa a súa “grave preocupación” pola escalada de sinistros laborais

O Concello do Porriño amosa a súa “grave preocupación” pola escalada de accidentes laborais con saldo mortal que están a acontecer este ano en empresas radicadas neste termo municipal. Preto de media ducia de vítimas no que levamos de 2020, sumando o falecemento dun traballador dunha empresa de granito no polígono das Gándaras, ocorrido onte martes. Como nos casos anteriores, dende a Alcaldía, a súa titular, Eva García trasladou as condolencias do Concello por este doloroso suceso.

Pola súa banda, David Alonso, concelleiro de Emprego expresou a inquedanza do goberno municipal por esta vaga de sinistros e lembrou que dende a administración municipal e a través de “Porremprego”, realízanse cursos de formación en seguridade e prevención de riscos laborais de xeito gratuíto.

“Non obstante semella que cumpre reforzar eses programas de formación en estreita colaboración e coa implicación das empresas para poñer freo a esta sucesión de accidentes laborais”, manifestou o concelleiro de Emprego.

O Concello de Tui acometeu obras de mantemento e conservación en todos os centros educativos con fondos propios e da Deputación

0

O   Concello de Tui  vén de realizar obras de mellora en todos os centros educativos do municipio. O obxectivo foi dar resposta ás necesidades dos oito colexios tudenses incluídas as 6 unidades do Colexio Rural Agrupado, CRA, Mestra Clara Torres, distribuídas nas parroquias, e tamén da Escola de Musica e do Conservatorio de Grao Medio.

A Concellería de Educación, cunha partida inicial de 55.000€, levou adiante traballos de mantemento e conservación en todos os centros do municipio. Amais trasladou una partida de 40.000 €, da área de Cultura á de Educación, para facer fronte ás necesidades derivadas da grave situación sanitaria que estamos a vivir nestes tempos de pandemia.

As obras máis importantes foron de fontanería. Así adecuáronse as billas de todos os colexios de Infantil e Primaria a esta nova normalidade, instalando preto de 100 novas billas. Tamén se colocaron dispensadores de xel hidroalcohólico nas entradas das aulas e portas principais, abríronse xanelas, adecuáronse aulas para ter maior amplitude, colocáronse videoporteiros ,etc.

Actuouse tamén nos patios de dous centros educativos. Realizáronse obras de acondicionamento do patio do C.E.I.P. de Pazos de Reis, e levouse adiante o proxecto dunha área lúdico-educativo, financiada a través do Plan Concellos do ano 2018, cun importe de 40.000€,  no patio do  C.E.I.P.de Rebordáns.

Outras obras executadas foron a reforma dos baños de infantil no C.E.I.P. nº2, e dos baños do C.E.I.P. de Foxo en Caldelas. Tamén está previsto neste inicio de curso o cambio da caldeira no C.E.I.P. de Guillarei, obra demandada por toda a comunidade educativa dende fai anos.

A maiores o Concello de Tui, ante a non intervención da Consellería de Educación acometerá o reforzo en desinfección nos centros educativos en horario lectivo cun importe de preto de 100.000€, sendo unha actuación non contemplada inicialmente pero explica a concelleira de Educación, Sonsoles Viventes que “entendemos que o primeiro e a seguridade sanitaria de todos os escolares, que en Infantil e Primaria se achegan aos 1.300 alumnos e alumnas”.

Todas estas obras foron acometidas con fondos propios do Concello de Tui e da Deputación de Pontevedra.

Dende o Concello de Tui e dende a Concellería de Educación desexan a toda a comunidade educativa que, este ano tan atípico que estamos a vivir, sexa do máis positivo e cheo de grandes logros no eido educativo. Ao tempo queren transmitir que “estamos e estaremos para dar seguridade e confianza as familias”. Dende o concello queren amais amosar o seu agradecemento ás direccións dos centros educativos e ás ANPAS  polo labor que están desempeñando dende sempre e sobre de todo agora nestes tempos da COVID-19.

A Xunta convoca as axudas ao Plan Moves para fomentar a mobilidade eficiente e sostible

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica mañá a convocatoria de axudas da segunda edición do Plan Moves para fomentar unha mobilidade eficiente e sostible. O programa, que xestiona a Vicepresidencia Económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación,  contará cunha dotación orzamentaria de 5M€.

As entidades colaboradoras poderán solicitar desde este venres, 11 de setembro, a súa adhesión ao programa, mentres que o prazo para a presentación de solicitudes ábrese o 1 de outubro e rematará o 10 de setembro do próximo ano.

En total, o Plan Moves inclúe catro liñas de axudas. A primeira delas para a compra de vehículos alternativos eléctricos ou furgóns e camións con propulsión alternativa de gas ou GLP, para a que se reserva un total de 2,2M€. En concreto, apoiarase a compra dunha moto eléctrica con axudas de ao redor de 700 ou 750 euros e de cuadriciclos eléctricos con 600-800 euros. Os turismos e furgonetas recibirán entre 1600 e 6000 euros por parte da Xunta e outros 1000 polo fabricante, mentres que poderían recibir 750 euros adicionais no caso de persoas con mobilidade reducida ou se achatarra un vehículo anterior ao 1 de xaneiro do ano 2013.

En canto aos furgóns, camións e autobuses eléctricos ou de pila de combustible poderán optar a axudas de entre 5000 e 15.000 euros mentres que os furgóns e camións a gas ou GLP poden recibir apoios de entre 1800 e 13.500 euros. Esta medida está destinada a persoas físicas, autónomos, comunidades de propietarios, empresas e sector público. Como novidade, amplíase o orzamento por vehículo que será de 45.000 euros ou 53.000 no caso de vehículos de oito prazas para fins sociais. Prevese a incorporación de 650 vehículos sostibles ás estradas galegas.

A segunda liña de apoios destinarase á instalación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e contará cun orzamento de 2M€. As axudas están dirixidas tanto a empresas como autónomos, particulares, comunidades de propietarios e sector público cun límite máximo de 100.000 euros. Agárdase apoiar 300 instalacións.

A terceira liña apoiará a implantación de sistemas de préstamos de bicicletas eléctricas, para a que se reservarán 200.000 euros. Os beneficiarios poderán ser tanto públicos como privados e o límite será de 100.000 euros. As axudas están destinadas a autónomos, empresas e sector público.

Por último, o cuarto tipo de apoios ten como obxectivo a implantación de plans de transporte aos centros de traballo e conta cun crédito de 600.000 euros. A medida tamén está pensada para autónomos, empresas e sector público.

No caso das axudas para a compra de vehículos e para instalación de infraestruturas de recarga, a xestión das axudas realizarase mediante entidades colaboradoras. Estas axudas permitirán unha redución das emisións de CO2 equivalentes a acción de 117.500 árbores e aforros económicos de 1,2M€ ao ano. A previsión é mobilizar máis de 46 millóns de euros de investimento.

Rómpese o diálogo cos representantes sindicais do Concello de Ponteareas ao publicarse unha oferta extraordinaria de estabilización de emprego sen consensuar

O Grupo Municipal do PP de Ponteareas ven de denunciar publicamente que novamente o goberno municipal do BNG-PSOE minte aos traballadores, e incumpre o acordado na reunión mantida entre ambas partes o pasado mes de xullo, en relación ao proceso de consolidación de 67 posto de traballo que ocupan traballadores cunha longa e meritoria traxectoria profesional.

Belén Villar, voceira popular, afirma que “según o que nos transmiten os sindicatos, nesa reunión acordouse que o proceso extraordinario de estabilización de emprego que afecta a mais de medio centenar de traballadores municipais, empezaríase a negociar a partir do mes de outubro deste ano. Pero sorprendentemente, os propios traballadores municipais enteráronse polo noso grupo municipal, o día 28 de agosto, de que o Alcalde acababa de firmar o Decreto polo que se aprobaba esta oferta extraordinaria de estabilización de emprego”.

Dende o PP tamén denuncian a tensión que está xerando entre os traballadores municipais esta cuestión debido a absoluta falta de transparencia e consenso por parte do goberno bipartito BNG-PSOE. “Os que tanto predican co diálogo e a negociación colectiva, non escoitan e vulneran reiteradamente o espírito negociador e o principio de boa fe actuando dun xeito ditatorial. No seu momento intentaron castigar a moitos de estes traballadores denunciando “enchufismo”, pero os xulgados rexeitaron tal denuncia. Agora, BNG-PSOE continúan tendo unha actitude persecutoria convocando as súas prazas sen previo aviso e cun total escurantismo”.

Belén Villar, anuncia que convocará a todos os traballadores afectados a unha reunión pública a próxima semana. “Vamos a estar ao carón dos traballadores e das súas familias defendendo todos os seu dereitos adquiridos, os cales non poden ser pisados de calquera forma por un goberno bipartito que fai caso omiso, e de xeito ditatorial, unilateral e antidemocrático, impón o seu criterio e toma de decisións ‘por decreto’ de Alcaldía”.

O Concello de Nigrán desinfecta todos os accesos aos centros educativos e marquesiñas ante o inicio do curso escolar

0

O Concello de Nigrán, a través da empresa municipal de limpeza CESPA, iniciou esta semana as labores de desinfección na contorna dos colexios, coincidindo co inicio do curso escolar, e noutras zonas máis sensibles como as marquesiñas onde os nenos esperan o autobús e son moi concorridas.

Estes baldeos veñen desenvolvendo desde o inicio da alarma sanitaria pola Covid-19, pero refórzanse neste momento de tanta incerteza para as familias e comunidade educativa.

Durante os meses de verán, priorizáronse as actuacións nas zonas de maior afluencia de persoas e desde esta semana na contorna dos centros educativos. Estes labores de desinfección pola pandemia enmárcanse no plan especial que o Concello de Nigrán e CESPA pon en marcha de maneira excepcional de fronte ao comezo do curso escolar.

Así, o plan contempla, entre outras actuacións, a realización de servizos de varrido así como a desinfección mediante a aplicación de baldeos mecanizados con auga e hipoclorito sódico.

“Dentro do plan especial de limpeza que a empresa municipal acomete todos os anos de fronte no entoo dos centros educativos previo ao comezo do curso escolar, nesta ocasión, e dadas as circunstancias, préstase especial atención a estas medidas de desinfección a través do dispositivo especial de baldeo. É unha actuación que, ademais, enmárcase nas medidas que o Concello está a poñer en marcha dentro das súas competencias para a preparación dos colexios de Nigrán”. Afirma o alcalde de Nigrán, Juan González.

La Icónica aumenta a máis de mil euros o valor dos premios para as dúas xornadas de marcha nórdica e sendeirismo

Unha marcha nórdica en Galicia supón un aliciente especial. Así o poderán entender os participantes en La Icónica, o evento que se desenvolverá a última fin de semana deste mes de setembro en Oia, A Guarda e Tui como principais puntos de referencia, e que destinará máis de mil euros en premios. As inscricións están abertas na web  laiconica.es e a organización dispuxo dun servizo de autobuses para que os participantes teñan todas as facilidades para afrontala e decidiu aumentar a contía dos agasallos debido a que se espera unha masiva afluencia de participantes. Non se aceptarán, por medidas de seguridade, máis de 200 rexistrados, polo que as prazas non son moitas.

Marcha nórdica, con bastóns, ou tamén na modalidade de sendeirismo. Son as dúas especialidades nas que se desenvolverá La Icónica. En ambas non haberá ningunha clasificación final, senón que o desafío para todos os participantes é chegar ao final. A organización premiará ese esforzo e ademais ofrecerá a posibilidade de conseguir interesantes agasallos. Tamén desa forma realizarase unha homenaxe ao percorrido portugués do Camiño de Santiago pola costa. E ao mesmo tempo recoñecerase a aquelas persoas que colaboren co medio ambiente ao recoller residuos durante a marcha. A marcha nórdica ten a súa orixe en Finlandia ao redor de 1930. Foron cando se comezaron a dar os primeiros pasos. A iniciativa partiu do equipo nacional de esquí. Se embargo, non foi ata varios anos despois cando comezou a ser popular. O impulso que daban os dous bastóns que se utilizan na marcha nórdica comezaron a ser fundamentais para a actividade física. Descargábase de esforzo as costas e doutra banda mellorábase de forma notable o movemento biomecánica do corpo.

O sendeirismo tampouco se pode esquecer. Instalado na sociedade actual como un modelo de exercicio fácil de realizar e que conta con moitos adeptos, consolidouse como unha alternativa deportiva de importante implantación. En La Icónica tamén hai un gran espazo para eles. Todos, tamén os da marcha nórdica, terán protagonismos nas dúas etapas que están previstas pola organización.

A primeira delas será entre Oia e A Guarda, co paso polo O Rosal. Consta de 15 quilómetros. Será o sábado día 26. A segunda será entre A Guarda e Tui, con paso polo Rosal, Tomiño, Villanova de Cerveira e Valença. En ambos os casos, ademais de compartir experiencias, os participantes tamén poderán gozar dunha espectacular paisaxe, tanto na costa atlántica como do río Miño e todas as poboacións polas que transcorre o paso. A saída xa convida á motivación, xa que se realizará desde o Mosteiro de Oia. A organización de La Icónica previu todas as medidas de seguridade que impoñen as autoridades sanitarias. As inscricións poden realizarse en laconica.es.

Galicia rexistra un total de 4.364 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.364 deles 1.424 son da área da Coruña, 920 da de Lugo, 462 da de Ourense, 379 da de Pontevedra, 344 da área de Vigo, 659 da de Santiago, e 176 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 25 están en UCI, 181 en unidades de hospitalización e 4.158 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 14.158 persoas curadas, rexistrándose 668 falecementos. As dúas últimas persoas falecidas en centros hospitalarios foron dous homes de 81 e 71 anos que estaban ingresados no CHUS e no HULA, respectivamente. Ambos presentaban patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 374.635. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Na xornada de onte producíronse dous falecementos en centros residenciais. Un falecemento tivo lugar na residencia de maiores DomusVi Lugo (Outeiro de Rei) e o outro falecemento aconteceu na residencia de maiores do Incio.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 3 de setembro, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

O Alivio continúa este mércores con trucos de maxia pola igualdade

0

Maxia para loitar pola igualdade e contra a violencia de xénero. Con esa idea nace o espectáculo ‘Somos iguais na maxia’, unha actividade de animación para todos os públicos coa que o dúo artístico Eli e Ian chegan este mércores 9 a Tomiño dentro da programación especial do Alivio.

Con este espectáculo, os magos transmitirán a través dos seus trucos e dun xeito ameno e metafórico a importancia da igualdade, da educación para rachar cos estereotipos sexistas ou de ter valores. Diversión e entretemento cun importante fondo na Praza do Seixo a partir das 19.00 horas. Estableceranse todos os protocolos de prevención para garantir a seguridade de todas as persoas asistentes.

Como todas as actividades programadas ao abeiro do Alivio, o espectáculo será balde. É necesario reservar entrada previamente chamando ao 986 622 001 ou enviando un correo electrónico a [email protected].