Luns, 13 Xaneiro de 2025

O Goberno de Redondela e as asociacións veciñais analizan ‘in situ’ os problemas do transporte interurbano

A alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro Alberto Álvarez percorreron a ruta que antes cubría a liña 28 de Vitrasa, e que hoxe realiza Autos González, con representantes das AAVV de Cabeiro, San Esteban de Negros, Vilar de Infesta, Trasmañó e Chapela

A alcaldesa de Redondela e o concelleiro Alberto Álvarez acompañaron na mañá de onte a representantes das asociacións veciñais de Cabeiro, San Esteban de Negros, Vilar de Infesta, Trasmañó e Chapela, nun percorrido en autobús que os levou pola ruta que, ata o mes de febreiro cubría a liña 28 de Vitrasa e que agora cubre Autos González.

O obxectivo desta viaxe era poder analizar, in situ e polo miúdo, tanto o percorrido como as frecuencias e os lugares de parada porque, sinalou a alcaldesa Digna Rivas, “ninguén mellor que as veciñas e veciños que utilizan diariamente o transporte público, para dar conta das posibles melloras ou a distribución das paradas”.

Dende ese punto de vista, a ruta que hoxe realizaron os representantes veciñais, e os representantes do Concello, servirá a empresa para realizar, dentro do posible, os cambios demandados pola veciñanza para un mellor aproveitamento do servizo de transporte público interurbano.

Nun municipio con parroquias densamente poboadas, como é Redondela, “dispoñer dun servizo de transporte público áxil e adaptado ás necesidades da cidadanía, é fundamental para mellorar a calidade de vida da veciñanza do rural”, apunta a rexedora local.

A alcaldesa redondelá lembra que días despois de facerse o cambio no transporte interurbano, mantivo unha reunión de traballo co xefe territorial de Infraestruturas e Transporte da Xunta de Galicia, José Luis Díaz Yáñez “para coñercer polo miúdo os cambios de liñas e como estes cambios ían a afectar ás veciñas e veciños de Redondela”.

A reunión, matiza Digna Rivas, fora solicitada pola Alcaldía “logo de que a Xunta, nunha actitude incomprensible, informara ao Concello redondelán dos cambios de liñas dúas semanas despois da súa posta en marcha e logo das peticións insistentes de información por parte do Goberno local”.

Tras o percorrido de hoxe, analizaranse os datos recollidos de cara a presentar un informe conxunto –asociacións, empresa e Concello– á Xunta de Galicia para que autorice as modificacións sinaladas en dito informe.

Con todo isto, “conseguirase unha optimización do servizo beneficiosa tanto para a veciñanza como para a propia empresa concesionaria, ao poder axustarse mellor ás necesidades de usuarios e usuarias”, remata sinalando a alcaldesa Digna Rivas.