Luns, 13 Xaneiro de 2025

O Concello desenvolve un plan integral de reparación y adecuación de todas as marquesiñas do municipio

Os traballos dan cumprimento a un dos compromisos do Goberno local coa veciñanza para recuperar estas infraestruturas de transporte público que se atopan “nun lamentable estado de abandono despois de anos sen o máis mínimo mantemento”

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Vías e Obras que xestiona Vicente Lamas, desenvolve dende hai semanas, un plan de recuperación integral das marquesiñas de transporte público de todo o municipio, infraestruturas que “se atopaban nun lamentable estado de conservación froito da falta de mantemento durante anos”.

Os traballos, dado o mal estado das marquesiñas, non só se centran na limpeza senón que se trata dunha reparación a fondo das mesmas que inclúe a substitución de elementos e, nalgúns casos, ata o da propia cuberta en aquelas situacións que, o seu grao de deterioro, fagan imposible a recuperación das mesmas.

A alcaldesa Digna Rivas lembrou que o transporte público “non só inclúe ao transporte propiamente dito, senón tamén ás infraestruturas que o rodean e que permiten ofrecer un maior grao de comodidade ás usuarias e usuarios”.

Se queremos un transporte público eficiente, engade a rexedora local, “non se pode consentir que as marquesiñas presenten o estado de abandono nos que as tiña o anterior goberno” xa que, explica, “a carencia destes elementos ou o mal estado dos mesmos, podería disuadir á veciñanza de utilizar este tipo de transporte”.

A alcaldesa gabou o traballo realizado pola concellería de Vías e Obras e polo concelleiro Vicente Lamas, porque, dixo, “é preciso ter en conta que pola propia extensión do municipio son numerosísimas as marquesiñas ao longo de todas as súas estradas e, este proxecto de recuperación global, inclúe a todas e cada unha delas”.

Con este traballo o Goberno local da cumprimento a outro dos compromisos adquiridos coa veciñanza e longamente demandado pola cidadanía.