Domingo, 1 Xuño de 2025

A Guarda promocionase ante axencias de viaxes especializadas no FAIRWAY, Forum do Camiño

0

O Concello da Guarda participou por cuarta vez nas xornadas profesionais do Fairway, o V Fórum do Camiño de Santiago que se celebrou o xoves e venres pasados no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela.

Durante as dúas xornadas o Concello da Guarda participou no Workshop que é o espazo  adicado as reunións de traballo na que estiveron presentes preto de 40 axencias de viaxes e turoperadores de 16 países.

Estas reunións de traballo permitiron o intercambio de información entre as axencias e o Concello. Ademais de promocionar A Guarda como o primeiro concello galego do Camiño Portugués da Costa e tamén como punto de comezo do camiño, procurouse coñecer das propias axencias a súas experiencias e as necesidades dos actuais peregrinos.

Nas máis de 30 reunións mantidas aproveitouse para destacar A Guarda como destino turístico cos seus grandes referentes: Monte Santa Trega, a cultura mariñeira, a gastronomía e, sen esquecer, o seu patrimonio natural e cultural tan relevante.

Estes contactos mantidos coas axencias e turoperadores confirmaron que estas empresas xa teñen ao noso concello dentro da súa oferta pero si agradeceron a nova información para mellorar os seus produtos.

No caso doutras empresas que asistiron ao Fairway para comezar a dar os pasos para comercializar novos produtos, valoraron moi positivamente a información da Guarda e do noso camiño. Nesta semana xa continuaron estes contactos polo que no vindeiro ano, novas axencias ofrecerán A Guarda como etapa de inicio, o que facilitará que os peregrinos podan coñecer con máis detalle o noso concello antes de comezar a peregrinación a Santiago.

Na sección aberta ao público o Camiño Portugués da Costa estivo presente no stand de Turismo Rías Baixas e no stand de Turismo de Galicia.

Covelo restaura a memoria lingüística da man do recordo do gaiteiro Mingos de Barcia de Mera

0

O Concello de Covelo súmase á iniciativa de Restauración da Memoria Lingüística de Galicia en Galego da man do seu prezado veciño, Domingo Lorenzo Vello. Coñecido como “Mingos” foi gaiteiro e fundador do afamado orfeón “Treixadura” espallando a lingua galega a través das súas cancións.

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, convida a toda a cidadanía a participar no acto de recoñecemento da figura de Mingos e de restauración da memoria lingüística do Concello de Covelo que terá lugar o vindeiro día 11 de novembro ás 13 horas no cemiterio de Barcia de Mera. Durante o acto colocarase unha lápida en galego no recordo de Mingos, promotor do uso da lingua galega, difundindo o folclore popular e levando o nome da súa vila e de Galicia alí onde actuou. Ademais, colocarase unha lápida máis que amosará o fondo agradecemento a todas as persoas que xacen nese camposanto “porque grazas a elas e eles Galicia segue a ter a lingua e cultura de seu”.

Baixo a campaña “En galego agora e sempre” a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG), Galeguizargaliza (grupo de asociacións que comparten un mesmo obxectivo: dinamizar a cultura galega e normalizar o uso da nosa lingua en distintos ámbitos da vida social, cultural, económica e administrativa), a Xunta de Galicia e o Concello de Covelo queren facer pedagoxía sobre a incoherencia de soterrar aos seres queridos con lápidas escritas nun idioma diferente ao que falaban en vida.

“O noso veciño de Barcia de Mera, Mingos, decidíu ao longo da súa vida chegar ás persoas a través da música, do canto e do galego, motivo polo que coidamos que era a figura coa que debíamos dar o primeiro paso”, explica Pablo Castillo.

O Porriño énchese da “Cultura Urbana on Tour”

Os obradoiros “Cultura Urbana on Tour” farán escala no Porriño o vindeiro 19 de novembro.

Trátase dunhas xornadas itinerantes organizadas pola Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (Fagamos) que empregan a cultura urbana como ferramenta para traballar diferentes temáticas de interese social como a diversidade familiar, a igualdade ou a corresponsabilidade, entre outras. Parkour, Cap Paint, Grafitti e Rap son algunas das disciplinas que poderán probar os participantes, nenos e nenas de 8 a 16 anos. Con elas fomentarase a expresividade ideas e inquedanzas a través da creatividade.  

A xornada desenvolverase na zona peonil en horario de 17 h a 19 h e, en caso de choiva, trasladarase ao pavillón do CEIP Xosé Fernández López.

O espazo está aberto a todas as familias, con prioridade de acceso a nenos e nenas de familias monoparentais, familias con mulleres vítimas de violencia de xénero e outras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de risco de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

A información e inscricións pode realizarse a través do código QR do cartaz promocional ou na web www.fagamos.com . Tamén dende o seguinte enlace: https://forms.gle/wcdi2BprqRWKmqNK7 .

Haberá unha mesa informativa para aquelas persoas adultas que queiran achegarse a coñecer como solicitar o recoñecemento da condición de familia monoparental en Galicia ou calquera outra duda sobre este modelo familiar.

“Cultura urbana On Tour” é unha actividade incluída na actuación “Currunchiños de Conciliación” do proxecto “Facemos Corresponsabilidade 2023” no marco do Plan Corresponsables, coa financiación do Ministerio de Igualdade e a través da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. A actividade será impartida por Vella Escola coa colaboración do Concello do Porriño.

Nigrán reúne a 130 psicólogos de toda España para falar sobre ‘a morte’

0

O Concello de Nigrán acolle do 9 ao 11 de novembro, no Auditorio Municipal, a 130 psicólogos de toda España para abordar o tema de ‘A Morte’ e todas as súas implicacións emocionais. Baixo este preciso título se desenvolverán as XXVIII Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que inaugurará o alcalde, Juan González, o venres 10 ás 9:30 horas (o día anterior celebraranse obradoiros) e na que participan expertos de todo o país.

Estas xornadas teñen como obxectivos coñecer as principais características da dó, tanto en poboación adulta como infanto-xuvenil e o seu manexo clínico, comprender as particularidades da dó tras o suicidio e da dó perinatal e os fundamentos da intervención, reflexionar sobre a intervención en prevención do suicidio e analizar a relación entre suicidio e trastornos por uso de sustancias, coñecer as características da PAM (Prestación de Axuda para Morrer) e a súa aplicación en Galicia, así como debater acerca das cuestións bioéticas que a morte suscita nos profesionais sanitarios e aprender sobre os coidados palitavos, tanto en adultos como en adolescentes, e tanto hospitalarios coma no fogar do paciente. 

Tui e a Deputación executarán a primeira fase da humanización do Paseo da Corredoira

0

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, asinaron este mércores un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con 795.715 euros euros, o 80 % do orzamento, a primeira fase do proxecto de mellora urbanística da rúa Augusto González Besada e a zona sur do Paseo da Corredoira. O Concello, pola súa banda, achegará o 20 % restante (198.928 euros).

A obra consiste nunha intervención integral nesta contorna que dá acceso ao centro urbano de Tui. O obxectivo é dar prioridade á mobilidade peonil e mellorar a imaxe destas rúas, así como reordenar e reducir a presenza de vehículos “para mellorar unha das principais arterias desta cidade”, explicou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, despois de asinar o protocolo.

En concreto, na rúa Augusto González Besada crearase unha plataforma única con ampliación das beiravías, instalación de novos elementos de mobiliario urbano e arborado e modificación do estacionamento en batería por aparcamento en liña. O mesmo ocorrerá na transversal rúa de Rosa Bahamonde, mentres que no acceso ao edificio da Policía Local crearanse dúas ramplas. Ademais, na Praza da Inmaculada, renovarase tamén o pavimento, instalarase novo mobiliario urbano e substituiranse dúas árbores que afectaban á zona dos quioscos.

A intervención nesta praza conectará directamente coa zona sur do paseo da Corredoira, onde se substituirá o adoquinado por unha lousa de granito, crearanse zonas de aparcamento de carga e descarga e, no paseo, melloraranse os elementos do mobiliario urbano. Para unha actuación futura, correspondente a segunda fase do proxecto, queda a mellora urbana da zona norte do Paseo da Corredoira e da rúa Camilo José Cela.

Segundo recolle o convenio, as obras, valoradas nun total de 994.643 euros, deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste acordo entre Deputación e Concello de Tui realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

“Os concellos son o faro que guían a nosa acción de goberno”, asegurou o presidente Luis López, quen recordou que o recentemente presentado Orzamento provincial reserva un de cada tres euros dos 189 millóns das contas provinciais para o Servizo de Cooperación cos concellos da provincia. “Son as contas máis municipalistas da historia, subliñou o dirixente provincial facendo referencia tamén ao programa +Provincia, “o maior plan de obras e servizos posto nunca en marcha polo goberno provincial”, remarcou López.

 “Tui e os demais concellos sodes o motor da provincia. Xuntos imos conseguir que Pontevedra vaia a máis”, concluíu o presidente da Deputación.

Redondela agradece a colaboración e responsabilidade da veciñanza durante os temporais

0

Unha vez rematadas as sucesivas borrascas que afectaron a Redondela, desde a Concellería de Medio Ambiente que dirixe Pilar Martínez, faise un balance positivo da xestión feita tanto nos traballos de previsión como na resolución dos efectos que as borrascas tiveron neste municipio. A edil quere facer público “o agradecemento a toda a poboación polo interese e responsabilidade demostrada durante todos estes dias, poñéndose en contacto cos concelleiros e concelleiras, coa Policía Local e o Servizo de Emerxencias para dar conta dos incidentes que se producían”.

Martínez sinala os traballos previos de control da vexetación realizada polo departamento de Medio Ambiente, xunto coa xestión de limpeza sostible realizada nos últimos anos, “evitaron que no termo municipal de Redondela se produciran desbordamentos nas canles do Alvedosa e Maceiras”. O Concello de Redondela traballa desde hai anos na recuperación dos ríos para crear ecosistemas vivos “que evitan de xeito natural a acumulación nos leitos fluviais”. No caso do río Pexegueiro si se  rexistrou durante un tempo limitado un desbordamento coincidindo co momento da pleamar e unha cuvia intensa, “pero afortunadamente non deixou ningún problema grave comparado cos danos que se produciron en municipios veciños con barrios alagados e moitas desfeitas”, explica Pilar Martínez.

A alcaldesa, Digna Rivas, explica que os diferentes departamentos do Concello de Redondela están a traballar nos incidentes que deixaron as borrascas Ciarán e Domingos, como avarías na iluminación pública ou a retirada de árbores caídas “e a maioría deles xa están resoltos”.

Retirado o poste de telefonía no acceso ao CEIP Laredo

Operarios de Movistar procederon onte á retirada dun poste de telefonía que se derrubou polo temporal na rúa Peirao en Chapela o pasado sábado. A rúa esta desde onte aberta ao tráfico. O vial, que dá acceso ao CEIP Laredo de Chapela, fora pechado á circulación o xoves, cando o poste comezou a inclinarse, para evitar riscos tanto para peóns como para vehículos. A estrutura de telefonía, propiedade de Movistar, é competencia exclusiva da empresa, polo que os servizos municipais de emerxencias trasladaron a Telefónica o incidente na xornada do xoves para que retirasen o poste o máis rápido posible.  Con todo, o centro conta con outro acceso paralelo que puido utilizarse con total seguridade durante os días que a vía estivo cortada.

Ouro en xestión hoteleira para a mosense Laura Pereira

0

Mos presume da súa campioa, medalla de ouro no Galiciaskills 2023 de Xestión de Aloxamentos Turísticos, Laura Pereira Ramilo, que se erixiu vencedora da súa categoría no 7º Campionato Galego de Formación Profesional, e representará á Comunidade Autónoma galega nestas olimpiadas a nivel nacional, que se prevé se celebren de cara a finais do vindeiro mes de abril de 2024.

Laura ten 20 anos e é veciña e natural da parroquia de Cela. Cursou os seus estudos de Educación Primaria no CEIP Atín-Cela e a ESO e o Bacharelato no IES de Mos. Actualmente estuda segundo curso do Ciclo Superior de Xestión de Aloxamentos Turísticos no CIFP Manuel Antonio.

A medalla de ouro en recepción hoteleira recibida por Laura Pereira o pasado 27 de outubro en Silleda certifícaa como a mellor preparada neste sector a nivel autonómico. O concurso só admite participantes menores de 21 anos e Laura participou xunto con outros 7 alumnos do seu centro, sendo a ela a única do mesmo que competía na especialidade de Xestión Hoteleira.

Galicia Skills prolongouse durante dous días de competición (25 e 26 de outubro) no recinto feiral de Silleda no que participaron 200 estudantes de 84 centros diferentes que se puxeron a proba nas 24 competicións oficiais, e a entrega de medallas celerouse o venres día 27.

Laura quixo destacar e poñer en valor tamén o papel e o labor do seu titor e profesor no CIFP Manuel Antonio, Roi Álvarez.

Pereira Ramilo destaca que “sempre souben que quería estudar Formación Profesional e descartaba a Universidade, tiña claro que quería formarme en algo relacionado co turismo porque me encanta a atención persoal, o contacto co público e me considero unha persoa moi sociable e empática”. Así mesmo asegura que “a preparación para os Galiciaskills foi dura e intensa, xa que ademáis das clases dedicáballe a preparar as probas 3 horas diarias 3 días á semana durante 2 meses”.  Deste xeito Laura adestrouse en chegadas e saídas de clientes, custes, reseñas e redes sociais… etc. para poder levar á cabo á perfección as 6 probas que tivo que realizar na competición en Silleda e que a levaron a acadar a tan merecida medalla de ouro.

Explica que se puxo “moi nerviosa pero a experiencia foi emocionante. Fixen unha gran amizade co resto de competidores e creo que este pode ser un trampolín de cara a futuras oportunidades laboráis”.

De cara ao Spain Skills do próximo ano asegura que voltará “a traballar duro outra vez”.

O Campionato Galego de Formación Profesional, Galiciaskills 2023, é unha competición autonómica que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convocou este ano por 7ª vez, e que se celebrou no recinto Feiral Internacional Abanca de Silleda durante os días 25, 26 e 27 de outubro de 2023.

Foi organizado pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Galiciaskills 2023 pretende darlle unha maior proxección e difusión á formación profesional que se imparte en Galicia.

Este é un campionato eminentemente práctico, que consiste no desenvolvemento de 27 competicións relacionadas coas especialidades de formación profesional, nas que o alumnado participante pon a proba as súas destrezas a través da realización de diversas probas de habilidades e coñecementos vinculadas a súa área de formación.

Ademais das competicións oficiais, desenvólvense simultaneamente 8 competicións en formato exhibición para alumnado de ciclos formativos e 4 competicións destinadas a alumnado de programas formativos básicos.

Aberto o prazo de inscrición do programa de conciliación de Nadal en Baiona

0

Co inicio das vacacións de Nadal nos centros escolares, moitas familias atópanse con grandes dificultades para conciliar a vida laboral e familiar. É por iso que o Concello de Baionaabre o prazo de inscrición para participar no Programa de Conciliación Nadal 2023. As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o próximo mércores 22 de novembro.

O programa de conciliación Nadal é un programa promovido pola Concellería de Igualdade, a través do Centro Municipal de Información á Muller, que ten como obxectivo a conciliación da vida familiar e laboral e ao mesmo tempo facilitar un espazo educativo e de entretemento para os nenos e nenas, favorecendo o seu desenvolvemento integral.

O prazo para presentar as solicitudes finaliza o 22 de novembro ás 14:00 horas. Desenvolverase no CPI Cova Terreña, e vai dirixido a menores de 3 a 12 anos. Para máis información poden contactar no teléfono 986 357 552 e 986 35 75 54 en horario de 8:30 a 14:30 horas.

As bases que regulan a convocatoria poden descargarse a través da páxina web do Concello de Baiona https://www.baiona.gal/gl/avisos-importantes/a-concelleria-de-igualdade-de-baiona-abre-o-prazo-do-programa-de-conciliacion-de-nadal-2023/, do taboleiro electrónico ou recollelas no Rexistro do Concello. Para calquera aclaración poden contactar no 986 35 75 52 ou no 986 35 75 54 ou no CIM de Baiona.

Avanzan os traballos de mellora do firme en varios viais de Cans

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros Ramón Porto e Marcos Martínez, supervisaron hoxe os traballos de renovación do asfaltado que se están a desenvolver en varios viais da parroquia de Cans, concretamente no Buraco e na Buraca.

Estes atopábanse en moi mal estado, sendo necesaria a rehabilitación integral do pavimento, así como a realización de cunetas para a recollida das augas pluviais que estaban a danar o firme existente.

No caso de Buraco, estase actuando nun tramo de 737 m, cunha anchura media de 4,1 m. Amplíase a plataforma en 155 m2 e esténdese unha capa de rodadura nunha superficie de 3.019 m2. Ademais, proxéctase unha cuneta de seguridade de 77 m de lonxitude.

No caso da Buraca a lonxitude actuación é de 569 m, cunha anchura media de 4,4 m e extenderase unha capa de rodadura nunha superficie de 2.497 m2. Executarase tamén unha cuneta de seguridade de 53 m de lonxitude.

Estas actuacións están incluídas nun proxecto de melloras de varios viais municipais que supuxo unha inversión de máis de 165.000 euros subvencionado con cargo ao Plan Concellos 22-23.

A praza do Concello de Salvaterra contará cun mercadillo de Nadal

Dentro do plan de promoción e dinamización da vila, o Concello de Salvaterra de Miño lanza un Mercadillo Navideño para os días 15 e 16 de decembro na Praza do Concello.

O evento que comezará o venres 15 coincidindo coa inauguración da decoración da praza polos alumnos e alumnas dos centros educativos e do ciclo de Carpintaría do IES Salvaterra de Miño busca ofrecer un espazo visible a asociacións, comerciantes e artesáns para expor os seus productos.

O venres o mercadillo terá un horario de 16:30 a 20:30 horas e o sábado 16 de decembro en horario de mañá e tarde de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas. As prazas para os postos son limitadas polo que aqueles interesados en participar deberán enviar os seus datos á seguinte dirección de correo electrónico [email protected].

O Concello de Tui e o Consello da Cultura Galega homenaxean a Francisco Sánchez

0

O Concello de Tui e o Consello da Cultura Galega homenaxean ao tudense Francisco Sánchez con motivo do cuarto centenario do seu pasamento. Será o próximo martes, 14 de novembro, na Sala Félix Rodríguez coa “Xornada Francisco Sánchez no IV Centenario da súa morte”. Este evento foi presentado esta mañá polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, o secretario do Consello da Cultura Galega, Silvestre Gómez Xurxo, e o director do coro Vox Stellae, Luís Martínez, que explicaron con detalle o programa previsto que ten coma obxectivo dar a coñecer e afondar na polifacética figura deste médico e filosofo tudense. A Xornada desenvolverase a partir das 16 h no edificio Francisco Sánchez, comezando con catro relatorios na Sala Félix Rodríguez, e pechándose, ás 20 h, cun concerto no Teatro Municipal. A  entrada é libre até completar o aforo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmaba na súa intervención que “o Concello de Tui, como institución,  non pode ser allea a figura de Francisco Sánchez, nin de todas aquelas persoas que ao longo da súa vida e da súa traxectoria xogaron un papel importante no noso legado cultural, patrimonial e histórico”. Lembrou coma por acordo plenario o edificio da antiga Área Panorámica pasou a denominarse “Francisco Sánchez”, así coma o programa de actividades organizado dende a institución municipal para “por en valor a figura deste tudense”. Así avanzou que a próxima semana, amais desta xornada do martes 14, o xoves 16, coincidindo coa data exacta do falecemento de Francisco Sánchez, será inaugurado un monolito, e será presentada a tradución ao galego da súa obra “Quod nihil scitur” realizada polo profesor Laureano Alonso, con ilustracións de Andrés Lamas, e editada polo Concello de Tui.

A concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, salientou que o obxectivo desta xornada, prevista para o próximo martes, é “dar a coñecer a figura de Francisco Sánchez”.

O secretario do Consello da Cultura Galega, Silvestre Gómez Xurxo, indicou que a través desta xornada “poderemos coñecer moito máis de cal foi o seu papel, e a súa figura e cal era o seu escepticismo”.  Nese senso indicou que sobre o escepticismo de Sánchez falará Idalina Maia Sidoncha, profesora da Universidade da Beira Interior na conferencia “O pensamento filosófico de Francisco Sánchez”. Engadía que este tudense foi tamén un humanista e profesional da medicina, faceta que abordará Gonzalo Gómez García, profesor da Universidad Francisco de Vitoria no relatorio “Primus inter pares: O perfil médico de Francisco Sánchez”. Na xornada tamén teremos a oportunidade de coñecer cómo era o Tui no que viviu Francisco Sánchez e a súa ascendencia a través dos relatorios dos historiadores tudenses Rafael Sánchez Bargiela e Suso Vila sobre “A biografía de Francisco Sánchez” e “A ascendencia xudía de Francisco Sánchez, o Tui da época e as relacións con Portugal”, respectivamente.

Pechando estas xornadas o Coro Vox Stellae ofrecerá o concerto “A propósito de Francisco Sánchez” ás 20 h no Teatro Municipal con entrada libre. O seu director Luís Martínez, explicou coma o grupo de cámara presentará “o periplo de Francisco Sánchez dende Tui a Roma” a través da música da época na que viviu comezando por unha peza anónima “Vidi aquam” do arquivo da Catedral, e interpretando “iste cognovit iustitiam” de Antonio Carreira “O moço” que representaría a súa relación con Portugal. Mentres vinculará a estadía de Francisco Sánchez en Italia coas obras “O quam gloriosum” de Tomás Luís de Vitoria, “Pose un gran foco” de Giovanni Pierlugi da Palestrina, e con “Donna celeste che Dio sei madre” e “Nell’ apparir del sempiterno sole” de “Francisco Soto de Langa”. Por último vinculada a época na que Francisco Sánchez viviu en Francia coa intepretación de tres obras de “Deux Courantes”, “Prelude” e “Branle simple” de Jean Baptiste Besard, e con “Divine amarillis”, “Alleluia. O filii et filiae” e “Nos esprits livres et conten” de Antonie Boesset. No concerto participarán once cantantes e un grupo de laude, guitarra barroca, clave e contrabaixo.

Francisco Sánchez “O Escéptico”

Francisco Sánchez, coñecido como “O escéptico” ou “O Tudense”, tivo un espírito polifacético, que o leva a interesarse tamén pola astronomía e a matemática. Este observador infatigable da natureza escribiu a obra Quod nihil scitur («Que nada se sabe»), que é unha referencia fundamental do pensamento filosófico europeo de finais do século XVI.

Naceu en Tui como asinou el mesmo asinou  na súa inscrición na Facultade de Medicina de Montpellier no ano 1573 (“Ego Franciscus Sanctius, hispanus, natus in civitate Tudensis”). A súa familia —de ascendencia xudía— residiu en Tui entre 1558 e 1564 pois está documentado nesta localidade o seu pai, o médico Antonio Sánchez. A presión social e inquisitorial aos “cristiáns novos” obrigou a familia Sánchez a fuxir a Bordeos, onde Francisco continuou a súa formación, que completou logo en Roma e Montpellier, ata instalarse finalmentemente en Tolosa (Francia). Alí traballou como médico no Hospital de Santiago e incorporouse á universidade tolosana, primeiro como profesor de Filosofía e logo de Medicina. Morreu en Tolosa o 16 de novembro de 1623, hai agora 400 anos.

Xornada Francisco Sánchez no IV Centenario da súa morte | Programa

Edificio Francisco Sánchez – Sala Félix Rodríguez

  • 16.00 h  Presentación
  • 16.15 h  Relatorio “A biografía de Francisco Sánchez” por Rafael Sánchez Bargiela
  • 16.45 h  Relatorio “A ascendencia xudía de Francisco Sánchez, o Tui da época e as relacións con Portugal” por  Suso Vila
  • 17.15 h Pausa
  • 17.30 h Relatorio “Primus inter pares:O perfil médico de Francisco Sánchez” por Gonzalo Gómez García, profesor da Universidad Francisco de Vitoria
  • 18.15 h Relatorio “O pensamento filosófico de Francisco Sánchez” por Idalina Maia Sidoncha, profesora da Universidade da Beira Interior (Covilhã)
  • 19.00 h Peche da xornada

Edificio Francisco Sánchez – Teatro Municipal

  • 20.00 h Concerto A propósito de Francisco Sánchez “o escéptico” a cargo de Vox Stellae (Coro de cámara). Entrada libre

Nigrán abre a convocatoria de axudas para os cemiterios e as comunidades de augas

0

O Concello de Nigrán estrea a súa primeira liña de axudas aos cemiterios de propiedade veciñal coa apertura hoxe do prazo de solicitude, feito que coincide tamén coas subvencións municipais ás comunidades de augas coas que o Concello xa leva anos colaborando. Ambas convocatorias foron publicadas onte no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO número 213) e están dirixidas a mellorar as infraestruturas existentes e garantir o cumprimento da normativa vixente. Ambas son por concorrencia competitiva e o límite subvencionable é de 10.000 € por entidade, sendo 5 os cemiterios que poden optar a elas (Camos, Chandebrito, San Pedro, Priegue e Panxón) e 6 traídas de augas de Camos e Chandebrito (únicas parroquias con estas organizacións que reúnen a unhas 200 familias).

“Estas axudas nacen do contacto directo coa veciñanza e atender as súas demandas. Os cemiterios privados son imprescindibles porque a a alternativa municipal (Ceán e Parada) ou da propia Igrexa é totalmente insuficiente para a poboación de Nigrán. Por outra banda, as comunidades de augas de Camos e Chandebrito dan servizo ancestralmente a fogares aos que aínda non chega o abastecemento público, polo que consideramos que, en ambos casos, é deber do Concello axudar a manter as infraestruturas en perfecto estado”, considera o alcalde, Juan González.

Os cemiterios poderán incluír nestas subvencións calquera obra que axude a mellorar a infraestrutura (como poden ser de accesibilidade) ou incluso en materia sanitaria; o mesmo as comunidades de augas, que poderán investilo en calquera mellora da instalación asi como en axudas para a análise da auga ou potabilidade da mesma. 

2350 atletas de entre 7 e 14 anos nunha nova edición do programa Xogade en Salceda

A área do Borralliño, na parroquia de Soutelo, acollerá os vindeiros 9 e 10 de novembro unha nova edición do programa Xogade que pon en marcha a Secretaría Xeral para o Deporte, dirixido á poboación en idade escolar. A Agrupación Deportiva Baixo Miño, entidade formada por docentes dos centros educativos dos Concellos de Salceda de Caselas, Tui, Tomiño e O Rosal, xunto co Concello de Salceda, a Comunidade de Montes de Soutelo e o Centro Cultural O Borralliño son os encargados da organización do evento.

Sen dúbida unha das probas máis relevantes é a carreira de campo a través en horario lectivo, que nesta ocasión acollerá a uns 2350 atletas de entre 7 e 14 anos, provintes dos centros escolares de primaria e secundaria de Salceda, Tui, Tomiño e O Rosal. O alumnado repartirase nas dúas xornadas, participando o xoves a rapazada dende 2º ata 5º de primaria, e no venres dende 6º de primaria ata 2º da ESO. As carreiras disputarase durante a mañá, entre as 10:30 e as 13:00 horas.

Na páxina de AGRUDEBAM pódense consultar os diferentes percorridos, que varían segundo a idade do alumnado participante, e que van dende os 550 ata os 1.300 metros.

Un evento destas características implica unha mobilización importante de autobuses, e fai fundamental a coordinación para garantir en todo momento a seguridade e benestar dos nenos, polo que a organización conta tamén coa colaboración de Protección Civil e Policía Local de Salceda.

O formato de competición de campo a través, introducido fai poucos anos neste evento, está a significar un incremento exponencial na participación de alumnado, nunha oportunidade enriquecedora tanto no que se refire ao fomento do deporte como á relación que se xera entre os diferentes centros educativos participantes.

Arbo celebra o Día Mundial do Enoturismo

0

O vindeiro domingo, 12 de novembro, celébrase o Día Mundial do Enoturismo, unha ocasión ideal para que os amantes do viño visiten o Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea “Museo Arabo”.

Nas actividades preparadas polo Concello de Arbo, para conmemorar este día, están as visitas guiadas de 10:30, 11:30 e 12:30 no Museo Arabo, para coñecer a historia do viño e as adegas de Arbo, así como a vinculación da vila e o viño.

Como protagonistas da xornada hai tres elementos moi significativos da tradición arbense: as adegas, os adegueiros e o viño, todos eles sinais de identidade do municipio.

Horacio Gil, alcalde de Arbo, manifesta que os Baixas máis extraordinarios atópanse na vila de Arbo, logran premios alí onde se presentan e que xorden dun microclima único para o cultivo da vide e dun saber histórico de viticultores e adegueiros que se trasladou agora á produción de miles de botellas cos procesos máis avanzados

As prazas son limitadas e é necesario reserva previa, que pode facerse a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ao teléfono 986665000.

Arbo é terra fértil, de albariños excelentes. Cunha longa tradición adegueira, aberta ao viaxeiro que busca novas sensacións e a tranquilidade do turismo consciente, próximo, familiar e en harmonía co medio natural.

“Bébese viño desde fai miles de anos, a viticultura estendeuse practicamente a todos os recunchos do mundo, pero nalgún deles establécese como fogar ideal, paraísos da uva, como este noso municipio”, remata o rexedor arbense, que convida” aos que aínda non coñecen este municipio para gozar do enoturismo en Arbo”.

Tomiño comeza o ‘Mes do amor’ rememorando a infancia dos avós

0

O Concello de Tomiño da o pistoletazo de saída esta fin de semana ao ‘Mes do amor’, un novo ciclo cultural que levará que encherá as tardes das fins de semana de novembro cun amplo programa de propostas diferentes e atractivas para todos os públicos. E arranca este mesmo sábado 11 de novembro do mellor xeito posible: rememorando a infancia de avós co ‘Último verán en Santa Cristina’, a última obra de Teatro do Noroeste.

A través de atractivas personaxes e do seu bo facer, con este espectáculo asinado polo dramaturgo Eduardo Alonso a compañía Teatro do Noroeste trasladará ao público á España franquista para contar a historia e retomar lembranzas a través da ollada infantil dun rapaz de 12 anos.

A obra aborda as sensibles e conmovedoras lembranzas dun neno que realizar o tránsito da adolescencia á madurez descubrindo a natureza da vida e da morte, a esencia do amor e, sobre todo, un terrible segredo que agocha a súa familia de militares franquistas. Unha revelación que se completaría anos máis tarde cando recibe unhas cartas propiedade da súa nai xa falecida.

O público poderá gozar ás 21.00 horas desta historia dirixida a público adulto na que as lembranzas infantís e as novas revelacións mestúranse para dar conta dos acontecementos da sociedade franquista da época e do triángulo amoroso existente na súa familia. A entrada terá un prezo de 7 euros e poderá adquirirse unha hora antes do inicio do espectáculo no despacho de billetes do auditorio.

Aviso de cortes de tráfico no barrio Cova Terreña de Baiona

0

A Concellería de Seguridade Cidadá do Concello de Baiona informa do corte puntual do tráfico na mañá de hoxe, día 8 de novembro, no barrio de Cova Terreña debido a uns traballos que levará a cabo a empresa da xestión sostible do Ciclo Integral da auga no municipio, Gestagua. A afección da circulación produciranse concretamente na intersección entre a subida á Rúa Cova Terreña e o Camiño Parede Nova. Se preseñalizaron os traballos indicando o desvío alternativo na rotonda dos Tendais, no Camiño Barxiela e o Camiño do Rolán.  

Desde o Concello de Baiona faise un chamamento á colaboración da veciñanza para que os traballos desenvólvanse da mellor forma posible, solicítase prudencia á hora de circular pola zona e pídense desculpas ás persoas afectadas polas molestias que poidan ocasionar os traballos aos veciños do municipio.

Máis de 300 alumnos de 5º e 6º de Primaria participaron onte en “O Cine nas aulas”

0

Un total de 313 alumnos de 5º e 6º de Primaria de Tui participaron onte na segunda proxección deste curso do programa “O Cine nas Aulas” organizado polo Concello de Tui a través da concellería de Servizos Sociais.

O alumnado CEIP’s de Pazos de Reis, Nº2, Randufe, Guillarei, Rebordáns, Caldelas e Colexio Marista Santa María, visionou unha película sobre a que traballarán temas coma a empatía, a perda de seres queridos, os propósitos na vida, ou a análise das personaxes, a través das unidades didácticas elaboradas dende o Servizo municipal de Prevención das Drogodependencias. Para que todos os centros puidesen asistir á proxección o Concello de Tui puxo a disposición do alumnado os autobuses precisos para o transporte.

O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, deu a benvida aos alumnos ao Teatro Municipal para participar neste programa que leva desenvolvéndose dende hai máis dunha década.

A primeira proxección deste curso tivo lugar o pasado 17 de outubro, dirixida nese caso ao alumnado de 4º da ESO dos centros tudenses.

O xoves 16 en Covelo charla informativa da AECC

0

O Concello de Covelo  informa que o vindeiro xoves día 16 de novembro terá lugar a charla informativa “Contra o cancro somos só un” organizada en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro.

Será no auditorio municipal ás 17 horas totalmente gratuíta e aberta a toda a cidadanía. Nesta xornada explicaranse os servizos que a Asociación Española contra o Cancro presta ás familias que padecen esta enfermidade.

Os alumnos dos centros educativos de Baiona aprenden sobre a importancia da reciclaxe

0

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Baiona está a colaborar coa Concellería de Educación, para que os máis pequenos do municipio aprendan acerca da importancia da reciclaxe de residuos para o coidado do medio ambiente. Os coñecementos chegan como método dinámico, “aprendendo xogando”, aos colexios do municipio.

A primeira destas acciónes de concienciación baixo este lema levou a cabo para todo o alumnado do CEIP Fontes- Baíña. A Concelleira de Medio Ambiente, Ruth Álvarez González, e a Concelleira de Educación, Nuria Leyenda Gómez, acudiron ata o centro educativo para participar nesta iniciativa xunto aos máis pequenos.

O estudantado dos diferentes ciclos de educación deste  centro escolar de Baiona recibiron durante a xornada charlas dirixidas a promover a concienciación ambiental e a coñecer o funcionamento do punto limpo municipal.

O obxectivo destas charlas é concienciar e implicar aos máis pequenos na correcta separación dos residuos nos distintos contedores de reciclaxe.

As actividades chegarán ao resto de centros eduativos municipais de primeria: o CEIP de Belesar, C.E.P. Sabarís, e ao CPI de Cova Terreña. 

Un técnico de FCC, a empresa encargada do punto limpo e a recollida de residuos selectivos no municipio, é o encargado de impartilas en colaboración coa concellería de medio ambiente do Concello de Baiona.

A campaña de educación ambiental apoiada desde o Concello de Baiona persegue fomentar que o municipio continúe aumentando os seus cocientes de reciclaxe e diminuíndo a cantidade de residuos do contedor da fracción resto que leva a valorizar energéticamente en SOGAMA, co aforro económico que isto supón.

Cos nenos, que son os cidadáns do futuro, realízanse actividades para que adquiran conceincia da importancia de separar correctamente os residuos. Explícaselles a estratexia das tres 3R: REDUCIR, REUTILIZAR E RECICLAR, e convídaselles a que poñan en práctica esta estratexia cos maiores do seu fogar. Por outra banda, achégase aos estudantes conceptos como a compostaxe ou os puntos limpos, como modelo dunha correcta xestión de residuos municipais, que irán cobrando máis importancia no futuro.

A iniciativa tivo unha gran acollida tanto entre o alumnado como entre a comunidade educativa.

“O obxectivo desta iniciativa é a promoción da educación ambiental. Concienciar aos nenos e nenas do municipio, e grazas a eles ás familias, da importancia de separar os residuos correctamente e de como se debe usar o punto limpo municipal”, sinalan  desde o departamento municipal de medio ambiente.

“Unicorn wars”, un filme de animación antibelicista, próxima entrega do Ciclo Mestre Mateo

0

O filme de animación “Unicorn wars”, que se emitirá este venres 10 de novembro ás 20:30 h no Centro Cultural, foi sen dúbida unha película revelación no panorama da animación española no ano 2022. Dirixida polo galego Alberto Vázquez, esta película  envolta no aparente candor da animación infantil e dos seus protagonistas: o exército osiño, se presenta como unha acérrima fábula antibélica, pero sen escatimar na crueldade descarnada propia dos conflitos bélicos, facendo unha crítica do  absurdo da guerra, do negocio das bandeiras e do sangue dos mozos que as defenden. É por todo isto que Unicorn wars non é un filme para nenos, senón para público adulto e tamén xuvenil, especialmente aquel acostumado á linguaxe dos videoxogos, dos cómics e do anime. Trátase dun filme duro e violento, non recomendado para menores de 16 anos, que  utiliza toda a violencia na trama e nas imaxes para facer unha lectura que sen dúbida non deixará indiferente ao espectador.

O seu director conseguiu por esta película o premio na XX Edición dos Mestre Mateo (2023), así como Goya á mellor película de animación no 2022. Galardón que xa obtivera no 2011 por Birdboy, na versión de curtametraxe.

Este filme é a sexta entrega do ciclo de cinema Mestre Mateo que, promovido dende a Academia Galega do audiovisual e coa colaboración das Deputacións Provinciais, quere achegar aos diferentes puntos da xeografía galega unha mostra representativa das últimas producións cinematográficas galegas.

Resumo da actividade

  • ACTIVIDADE: Ciclo Cinema Galego Mestre Mateo
  • LUGAR:  Centro Cultural da Guarda
  • DATA E HORARIO: venres 10 de novembro ás 20:30 horas
  • ORGANIZA: Academia Galega do Audiovisual, Deputación de Pontevedra e Concello da Guarda

Curso formativo para persoas coidadoras de familiares con demencia en Oia

0

A Aula de Novas Tecnoloxías-Biblioteca do Concello de Oia acollerá a actividade “Coidados compartidos: curso formativo para persoas coidadoras de persoas cunha demencia neuroexenerativa”, que comezará  finais de mes. Esta iniciativa ten unha duración total de 8 horas, divididas en 3 sesións que se desenvolverán en horario de tarde, e será impartida por Afaga (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia).

As sesións terán lugar os días 29 de novembro, 13 de decembro e 20 de decembro; e celebranrase nas instalacións da Aula de Novas Tecnoloxías situada no baixo da Casa do Concello de 16.30 a 19.15 horas. Trátase dunha formación incluída no proxecto “Coidados compartidos”, impulsado pola Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL), da que Afaga forma parte. Para o seu desenvolvemento en Oia conta coa colaboración do Concello.

O curso está dirixido a persoas coidadoras que sexan familiares de maiores e/ou persoas con demencia que viven no rural e ten dispoñibles un máximo de 25 prazas. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse nos teléfonos 986362125 e 639329493 ou no correo electrónico [email protected] ata o xoves 23 de novembro.

Luis López aborda co presidente de Sogama o tratamento dos residuos orgánicos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, mantivo este martes un encontro de traballo co presidente de Sogama. Durante a reunión, os dirixentes estudaron o estado da rede pública de infraestruturas coas que conta a provincia para o tratamento dos residuos orgánicos recollidos a través da rede de colectores marróns.

O pasado sábado, o titular do goberno provincial, acompañou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita á recentemente estreada planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa, unha das cinco estacións de transferencia coas que contará a provincia, as ubicadas na Lama, Arbo, Silleda, O Porriño e Vigo.

A reunión serviu tamén para analizar o funcionamento, o estado e o uso da rede de colectores marróns, os que se empregan para depositar os restos orgánicos dos fogares, repartidos por todos os concellos da provincia. O uso destes contenedores, xa implantados na maior parte do territorio da provincia, será obrigatorio a partir do próximo ano, polo que ambas as institucións estudaron vías de colaboración para fomentar o uso dos mesmos.

Nigrán rehabilitará o faro de Canido

0

O faro de Canido (Nigrán) lucirá totalmente renovado nos vindeiros meses tras décadas de abandono. O Concello de Nigrán vén de aprobar o seu proxecto de rehabilitación tras obter o visto bo da Autoridade Portuaria e realizar a pasada semana a correspondente consignación orzamentaria. Este avance permite ao fin iniciar o expediente de contratación das obras, cun orzamento base de 227.214 € dos que a Unión Europea achega 132.730 € a través dos fondos Next Generation de axudas a entidades locais para a rehabilitación de edificios públicos de titularidade local (Pirep Local), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). Este investimento (único da comarca que acadou esta subvención) permitirá unha reforma integral do edificio sen afectar a súa superficie e volume para destinalo a un uso recreativo polivalente.

O edificio, ubicado na linde entre Panxón e Nigrán, atópase practicamente situación de abandono tras quedar nun limbo urbanístico ata a modificación das normas subsidiarias no ano 2020. O obxectivo do goberno local é reformar toda a planta baixa sen afectar á estrutura troncocónica do faro en si mesmo, que segue en activo cumprindo a súa función.

“Leva anos en situación de abandono e ofrece unha imaxe degradada nunha contorna especialmente turística, polo que plantexamos recuperalo para o goce de toda a veciñanza”, explica o alcalde, Juan González, quen engade que ata que non se modificaron as normas subsidiarias urbanísticas no 2020 non se puido intervir ao atoparse nun limbo legal por ser zona verde”, xustifica. “Cando a súa situación se desbloqueou no ano 2020 encargamos o proxecto e realmente foi moi complexa a tramitación porque requeríu de moitas autorizacións sectoriais que se demoraron moitísimo máis do previsto ao incluír o edificio un faro en activo”, engade.

O proxecto do arquitecto nigranés Severo Fernández contempla crear no seu interior (162,75 m2 de superficie) un espazo amplo, perfectamente illado e iluminado, con dous baños adaptados (actualmente non dispoñen das dimensións mínimas), un almacén inmediato e un cuarto de instalacións (esta división é practicamente idéntica á actual). Co obxectivo de proporcionar o máximo benestar aos seus usuarios, a planta será illada con material de alta eficiencia en todo o seu perímetro, fachadas, teito e chan. A maiores, melloraranse os acabados exteriores e se substituirá toda a carpintería, limpándose ademais as fachadas de pedra, polo que o edificio deixará de presentar as pintadas e graffitis que actualmente o afean. Con estas obras que inclúen nova iluminación e instalación eléctrica ou climatización mediante aerotermia, a redución do consumo enerxético será dun 75 %.

“Non queremos adaptalo a un fin concreto porque precisamente o obxectivo é que poida ter un uso polivalente, o que implica que poda acoller desde exposicións ata obradoiros ou charlas”, explica o rexedor.

Ponteareas solicita á CHMS a limpeza do couce do río Tea para evitar novos desbordamentos

O Concello de Ponteareas solicitará á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a limpeza do couce do río Tea ao longo de todo o seu percorrido para evitar que se repitan desbordamentos como o do pasado sábado. Entre as oito da mañá e as dúas da tarde do sábado o nivel do Tea superou o limiar de alerta que se establece nos 3,45 metros. O punto máximo produciuse ás 11 da mañá chegando aos 4,77 metros.

Debido ás choivas producidas pola borrasca ‘Domingos’ entre o pasado venres e o domingo, produciuse unha importante crecida no nivel da auga do río que chegou a desbordar na Ponte Romana. Pese a que é un feito que conta con precedentes en épocas de chuvia intensa, o Concello considera primordial que o couce do Tea estea o máis limpo e despexado posible para evitar que a corrente arrastre materiais naturais como paus, follas ou algas e mesmo lixo que cheguen a atoar os ollos das pontes facilitando o seu desbordamento.

De feito, e con esta necesidade en mente nas últimas semanas realizáronse traballos de limpeza e mantemento, mesmo eliminando un grande cantidade de alga invasora. Tamén se realizaron xornadas de limpeza con voluntarios sobre todo incidindo na retirada de lixo e co obxectivo de concienciar sobre o coidado do río. Esta é unha labor en conxunto que deben realizar todos os concellos polos que discorre o Tea para evitar que os materiais que o río pode arrastrar desde os concellos previos polo que descorre  cheguen no seu percorrido a Ponteareas.

Precisamente tendo en conta a previsión de aumento dos servizos de emerxencias, os Bombeiros sumaron dous efectivos a maiores na quenda de máis demanda para poder cubrir as necesidades de actuacións, principalmente a retirada de multitude de árbores caídas e cableado, un poste, incluso un muro particular que por mor do vento e a chuvia derrubouse en Moreira, e o rescate dun home que se atopaba dentro do seu coche anegado polo que lle resultaba imposible saír do vehículo.

Segundo a Confederación Hidrográfica Miño-Sil o Tea se atopaba esta mañá cun nivel de 1,89 metros de altura o que se considera por debaixo limiar de activación, moi inferior ao limiar de prealerta estipulado en 2,80 metros, e lonxe dos 3,40 metros de nivel de alerta, polo que se considera que se atopa dentro da normalidade nestes momentos.

http://saih.chminosil.es/index.php?url=/datos/graficas/tag:A043_AINRL7S&historia=1

O Porriño acolle mañá a final da XXVI Liga Galega de Baloncesto Adaptado

Imaxe de arquivo da Liga de Baloncesto Adaptada

O Porriño acolle este mércores 8 a terceira e última xornada da XXVII Liga Galega de Baloncesto Adaptado. 160 deportistas daranse cita no polideportivo municipal para pechar a clasificación da competición organizada pola Federación Galega de Deporte Adaptado.

Serán un total de 15 os equipos que disputarán os 14 partidos da xornada. Na categoría de competición masculina xogarán o Asdan, San Rafael e Celta Integra; na adaptada masculina o Vilagarcía, Juan María, Ambar, Aspavi, Aspanaex, Celta Integra e San Rafael; na adaptada mixta o Méndez Núñez, Saiar, Saladino Cortizo “A” e Saladino Cortizo “B”.

Os encontros arrancarán ás 10:30 h e en cada categoría competición xogaranse catro períodos de 8 minutos e en adaptada serán 4 períodos de 6 minutos.

A xornada rematará arredor das 13:45 h.

Salvaterra presenta o campus de conciliación familiar de Nadal

Co inicio das vacacións de Nadal nos centros escolares, moitas familias atópanse con grandes dificultades para conciliar a vida laboral e familiar. É por iso que o Concello de Salvaterra de Miño, como ven facendo durante xa varios anos, realiza dentro do seu programa de conciliación o Campus de Nadal.

Dirixido a nenos nados entre os anos 2012 e 2020 cun máximo de 55 prazas, levarase a cabo durante os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro nas instalacións do CEIP Infante Felipe. O horario será de 09:00 a 14:00 horas coa posibilidade de aula matinal cun mínimo de 10 nenos en horario de 07.30 a 9.00 horas. O prezo do campus é de 25 euros e 20 euros para a aula madruga.

As solicitudes formalizaranse entre o 14 e ata o 21 de novembro ou ata esgotar prazas a
través de sede electrónica (un rexistro por cada neno) ou ben por rexistro de entrada no Concello en horario de 09:00 a 14:00 horas.

Tomiño presenta á Consellería de Infraestruturas o seu Polígono Agroindustrial Transfronteirizo

0

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantiveron este luns en Pontevedra un encontro de traballo no que a rexedora tomiñesa explicou de primeira man á responsable da Xunta o proxecto do Polígono Agroindustrial Transfronteirizo.

O Concello aprobou por unanimidade en agosto o inicio da tramitación da modificación puntual do PXOM para crear o Parque Agroindustrial Transfronteirizo, que contempla a ordenación de case 650.000 m2 de solo empresarial, o que permite a ordenación de máis de 150.000 m2 para actividades empresariais existentes e a xeración de case 500.000 m2 de novo solo empresarial. O polígono estará situado en Figueiró preto da Ponte Internacional e cunha posición xeoestratéxica única no contexto da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O proxecto inclúe ademais unha importante vertente medioambiental, xa que se contempla o correcto dimensionamento das infraestruturas hidráulicas da zona e a mellora do sistema hídrico para recuperar as canles naturais dos regatos que foron pechadas, evitando así as inundacións periódicas que se padecen na actualidade nesta área.

O Parque Agroindustrial Transfronteirizo foi presentado nunha reunión o 9 de marzo de 2021 ao Vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, e a Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. O proxecto foi incluído na manifestación de interese de proxectos que a Xunta enviou ao goberno central para execución cos fondos Next Generation. Foi presentado tamén a asociacións de empresarios da Eurorrexión e conta co apoio expreso da Cámara de Comercio de Tui, Confederación de Empresarios de Pontevedra e da Associação Empresarial de Viana do Castelo.

A meteoroloxía non freou o domingo micolóxico en Mos, que foi un éxito

0

O domingo celebrouse no Pazo de Mos a clausura das XIX Xornadas Micolóxicas e Forestais do Concello de Mos mediante unha xornada de degustación, micromercado, música e espectáculo infantil celebrada na contorna do Pazo de Mos. Ata ela achegouse o Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Silvestre José Balseiros, xa que estas xornadas contan co apoio e colaboración da Dirección Xeral de da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.

No acto de onte a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Medio Ambiente, Laura Méndez, destacaron “o gran labor promotor e organizador que realiza nestas xornadas a Comunidade de Montes de Mos xunto co Concello de Mos e a importancia da colaboración institucional de entidades tanto públicas como privadas para que estas exitosas xornadas leven celebrándose durante case dúas décadas. Xa que nelas conflúe a participación tanto de administracións públicas como hostaleiros, a Asociación BARES Mos, Fundación Pazo de Mos…”

Os hostaleiros participantes nesta 19 edición son Pazo de Mos, Adega da Tía Carmen, Baxiña, Curuxeira, Bocadiño e Maceira. Nesta ocasión incorporouse unha interesante novidade que é a inclusión de 4 pratos veganos entre a oferta de tapas a degustar: “burguer vegana de setas”, “caldo das bruxas”, “setas á feira” con shiitake e alga nori e “potaxe de garbanzos con setas”.

O programa de actividades comezou o 30 de outubro coa primeira das charlas formativas que se desenvolveron ao longo de toda unha semana.

A tan popular e esperada gran xornada de degustación de cogomelos e VI micromercado con produtos con Denominación de Orixe nos exteriores do Pazo de Mos contou onte coa participación de 6 establecementos cun prezo único por tapa de 6 euros.

O Pazo de Mos serviu caldo de setas denominado caldo das bruxas (tapa vegana). Maceira serviu burguer de setas (tapa vegana). A Adega da Tía Carmen serviu empanada de pan de millo e trigo de setas e castañas, e croquetas de setas, millo e castañas. Curuxeira serviu espaguetis con salsa de nata, espinacas e setas, tortilla de patacas de setas e xamón; e tiramisú de trufa. O Bocadiño serviu un variado de setas e champiñóns con garbanzos (tapa vegana), e tostas con nata, bacon e variado de setas. E Baxiña: croquetas de setas shiitake con bechamel e queixo, e setas á feira (tapa vegana a base de seta shiitake, pataca, sal marina e alga nori, espolvoreadas con pementón).

Ademáis todos estes pratos poderán probarse nos establecementos de cada un destes hosteleiros durante todo o mes de novembro.

A gran degustación de onte contou cun gran e exitoso concerto do grupo de O Barco de Valdeorras, O Son do Sil, e unha actividade infantil ás 16.30 horas da man de Raquel Queizás baixo o título “Romarías: Contos e lendas da nosa terra”.

A Cañiza promociona a súa gastronomía en Ourense

0

Luis Piña presentou este sábado a gastronomía da Cañiza, liderada polo xamón, xunto cos cocidos, os viños da zona, a tetilla e a mel e tamén por primeira vez nesta edición, os caracois coa marca cañicense “ComeCois”.

Nun concurrido acto no que o alcalde, acompañado da concelleira do Goberno Paula Bacelar e do cortador de xamón Víctor Burgos, deleitaron aos asistentes entre as 13 e 14.30 horas, divulgando e dando a saborear todos os produtos da vila.

“O xamón da Cañiza é o maior abandeirado da nosa gastronomía pero tamén o son outros produtos cárnicos de porco que fan que os cocidos da Vila sexan reclamo dabondo para atraer á Cañiza a centos de comensais durante todo o ano”.

Así presentou o Alcalde Luis Piña a oferta gastronómica cañicense e os seus referentes festivos: a Feira do Xamón do 15 de agosto e as tempadas dos cocidos cañicenses, recentemente inaugurada.

Unha oferta que se completa cos excelentes viños da nosa zona, “Eido da Fonte”, “Abelán” e “Cavadas”. Tres adegas da parroquia de Valeixe, pertencentes á Denominación de Orixe Rías Baixas. 

Xamón e Viño que xuntos crean a maridaxe perfecta cos queixos elaborados na Cañiza da casa «Castro Xaneiro», coa mel dos apicultores Inocencio López, Antonio Sendín e Rogelio Rodríguez e como novidade este ano cos caracois preparados da marca cañicense “ComeCois”.

Toda unha exquisitez que obriga  a unha visita á Cañiza para poder degustala.

A obra “Hugo” para público familiar visibiliza o autismo cunha actuación na Guarda

0

Hugo é diferente. Gústanlle moito os avións e tamén toca o piano. Laia visita a Hugo cada día. A Laia gústanlle falar e as plantas. Hugo ten TEA. A máis recente creación da compañía Os náufragos teatro aborda o tema do trastorno do espectro autista na infancia, cunha peza chea de sensibilidade e empatía que fala da da diversidade, da convivencia e da beleza de sermos diferentes. A peza está dirixida polo dramaturgo Gustavo del Río e o texto foi creado co asesoramento e colaboración de ASPERGA, a asociación galega de síndrome de Asperger. Destaca en toda a obra a coidada factura nos decorados, na ambientación, na iluminación, conferíndolle a historia unha ternura e beleza que sen dúbida fará as delicias do público familiar da Guarda.

Esta será a proposta teatral para gozar en familia na tarde do sábado 11 de novembro ás 18 horas. No Centro Cultural da Guarda. A función forma parte do programa de Deputación de Pontevedra Tornar as táboas, gracias a cal ofertase dende o ente provincial unha función teatral a cada concello galego.

A entrada é de balde e non precisa de reserva previa.

O obradoiro “Salvaterra Emprega III” dará emprego a 25 persoas

“Salvaterra Emprega III” o novo obradoiro de emprego no Concello de Salvaterra de Miño dará comezo previsiblemente a finais de novembro. Un plan co que se busca fomentar o emprego e que conta cunha financiación de máis de 500.000 euros en colaboración coa Consellería de Promoción o Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

O obradoiro, que terá unha duración de 12 meses, dará emprego a un total de 25 persoas desempregadas. Serán 20 as que se formen e capaciten nas especialidades formativas ofertadas do ámbito forestal e xardinería e 5 as que formarán parte do equipo directivo
do obradoiro. O fin último é mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas do
municipio.
A través de EMPREGA III o alumnado traballador adquirirá os coñecementos necesarios
mediante a realización de tarefas que responderán á prestación do servizo en si. Ademais, tal e como se fixo en anos anteriores, sendo este o terceiro consecutivo, no apartado de fortestal mantense a colaboración coa Comunidade de Montes de Pesqueiras.

O único requisito para participar no obradoiro é estar dado de alta na oficina de emprego
de Ponteareas como demandante de formación nas ditas especialidades. Non se pedirá formación previa e os colectivos con máis dificultade na inserción laboral terán prioridade.

Arcos celebra a VII Feira de Outono esta fin de semana

A Casa Cultural de Arcos celebra esta fin de semana a súa VII Feira de Outono, recuperando esta actividade iniciada en 2014 e interrumpida dende 2020 con motivo da pandemia. O presidente da Casa Cultural, Roberto Mera, salientou que “o amplo programa deseñado para o evento inclúe dende xornadas micolóxicas, con curso, saída ao monte, exposición e obradoiro infantil, pasando polo magosto e os concertos, así como varias actividades gastronómicas”.

As actividades inícianse o venres ás 19:30 cun curso de icoloxía a cargo de Gabriel Pérez Torrón, biólogo, membro do laboratorio de micoloxía da Universidade de Vigo. O prezo é de 15 € para socios da Casa Cultural e 20 € para non socios. O curso continuará o sábado de 10:00 a 13:30 con saída ao monte e de 15:30 a 17:30 coa identificación de cogumelos. As actividades micolóxicas tamén inclúen unha saída ao monte dirixida a nenos e nenas o sábado ás 15:30 horas, unha exposición de cogumelos o domingo dende as 11:00 da mañá acompañado dun obradoiro para nenos e nenas con numerosas actividades de entretemento e coñecemento. Sen afastarnos da micoloxía, o domingo ás 14:00 celebrarase un xantar de outono onde os cogumelos terán un protagonismo especial. O menú componse de potaxe de castañas ao estilo San Amaro, empanada de cogumelos de tempada, risotto á milanesa tamén con cogumelos de tempada, flan de castañas ao chantilly, bebida e café, por un prezo de 15 euros para socios, 20 para os non socios e 10 euros para nenos.

Tanto no curso de micoloxía como no xantar as prazas son limitadas e é precisa a inscrición previa na Cafetaría da Casa Cultural, por watsap no 628367616 ou en [email protected].

Continuando coas actividades gastronómicas, o sábado celebrarase o concurso de receitas de sobremesas de outono, que deben incluir algún dos seguintes ingredentes: castañas, noces ou cogumelos. A entrega de sobremesas farase de 16:00 a 17:00, e tras resolver o xurado haberá degustación ás 17:30. Haberá premios para as tres primeiras receitas e agasallos para as persoas participantes e non é precisa a inscrición previa.

A seguir, comezará o magosto, dende as 18:00 do sábado, onde se ofrecerán castañas, chourizo e viño ao tempo que se desenvolverá o Fiadeiro de Outono con música tradicional ao vivo nun evento aberto a calquera grupo de música tradicional. A música tamén terá a súa presenza ás 21:30 coa actuación de Dos hombre y tercio, organizado pola cafetaría da Casa Cultural e co concerto o domingo ás 17:00 do dúo de música galega “Tabernarios” con Víctor Movilla e Marcelo Dobode.

O presidente da Casa Cultural, Roberto Mera, animou a toda a veciñanza de Ponteareas a achegarse a Arcos a desfrutar deste programa que pon en valor a estación de outono combinando actividades lúdicas e gastronómicas con outras formativas e culturais.

O Rosal abre o prazo de inscricións para o campamento de Nadal

0

O Concello do Rosal prepárase un ano máis para organizar o campamento de Nadal para que os máis cativos da casa “poidan gozar das vacacións escolares cunha morea de actividades lúdicas e educativas e axudar a rosaleiros a conciliar a vida familiar e laboral”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

O campamento desenvolverase os días 26, 27, 28 e 29 de decembro e o 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 08.45 a 14.15. horas e estará destinado a nenos e nenas matriculados en 4º, 5º ou 6º de Educación Infantil ou Educación Primaria neste curso escolar. O Concello abriu este mesmo luns 6 de novembro o prazo de solicitude de praza, que rematará o mércores 22 de novembro ás 14.00 horas. 

Ofertaranse un total de 25 prazas, reservándose dúas para nenos e nenas que precisen dun apoio específico derivado dalgún tipo de diversidade funcional ou doutra patoloxía, e poderán optar a elas rapazada empadroada no Rosal ou non empadroada pero que o seu pai, nai, titor ou titora traballe ou posúa un negocio no Rosal. No caso de sobrar prazas, o campamento abrirase ao resto da poboación.

A actividade terá un custe de 20 euros por neno ou nena participante e as solicitudes de praza deberán presentarse con toda a documentación necesaria a través da Sede Electrónica ou de forma presencial no Rexistro do Concello. Xunto coa solicitude de participación deberá presentarse a autorización de recollida do neno ou nena menor de idade, un cuestionario de saúde e autonomía persoal, fotocopia do DNI do pai/nai/titor/titora, fotocopia do libro de familia, vida laboral actualizada e certificado de recoñecemento de discapacidade da persoa participante, de monoparentalidade ou de familia numerosa de ser o caso. O Concello elaborará unha listaxe de persoas adxudicatarias das prazas así como unha listaxe de reserva tendo en conta as diferentes circunstancias de baremación: 2 puntos por traballo de ambos membros da parella ou titores legais; un punto por traballo dun dos membros da parella; 2 puntos por pertencer a familia monoparental e 2 puntos por familia numerosa. A máxima puntuación será de 5 puntos.

A Deputación súmase ao Día Mundial do Enoturismo cunha cata no Castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra sumarase este domingo 12 de novembro xunto á Ruta do Viño Rías Baixas ás celebracións do Día Mundial do Enoturismo coa novena edición da Cata Amateur no Castelo de Soutomaior, aberta ao público e para a que xa están á venda as entradas na web do castelo (www.castelodesoutomaior.com). A institución provincial programa este evento, que se desenvolverá de 11:00 a 14:00 horas e contará coa presenza do presidente Luis López, co obxectivo de promocionar os viños e o produto turístico relacionado co sector vitivinícola na provincia.

Na cata, que estará amenizada con música en directo de Dani Barreiro & Friends e será conducida polo prestixioso sumiller Nacho Costoya, daranse a coñecer cinco viños da D. O. Rías Baixas, harmonizados con conservas galegas. A degustación terá lugar entre as 11:00 e as 14:00 euros e as persoas asistentes poderán visitar libremente o castelo a partir das 13:00 horas. Hai un total de cen prazas para o evento, que contará ademais cun concurso dirixido ao público asistente, que deberá acertar a combinación de viños na fase de cata a cegas. As entradas custan 8 euros e pódense adquirir ata un máximo de 9 por persoa.

O Día Mundial do Enoturismo está promovido pola Rede Europea de Cidades do Viño (RECEVIN), co obxectivo de potenciar o turismo relacionado co viño e a promoción das zonas vinícolas como vertebradoras de territorios rurais e xeradores de riqueza económica, cultural e patrimonial. Celébrase todos os anos o segundo domingo de novembro e durante esta xornada teñen lugar diferentes actividades festivas e culturais en toda Europa.

A traxectoria vital de Francisco Sánchez recollida nunha exposición en Tui

0

A Sala Municipal de Exposición do Concello de Tui acolle unha exposición dedicada á figura do egrexio médico e filósofo tudense Francisco Sánchez, coincidindo co cuarto centenario do seu falecemento, o 16 de novembro de 1623, na cidade francesa de Tolosa.

Esta mostra presenta a traxectoria vital de Francisco Sánchez, nado en Tui no ano 1550, cidade na que reside co seu pai, o médico Antonio Sánchez, ata como mínimo o ano 1564. Posteriormente, debido a súa condición de “cristiáns novos”, antigos xudeus convertidos ao cristianismo, deben migrar a terras francesas de Bórdeos.  Inicia a súa formación nesta cidade que completa en Roma e Montepellier onde se gradúa en Medicina. Nun autógrafo seu na inscrición na Universidade asina o 21 de outubro de 1573 como “Ego, Francisco Sanctius, Hispanus, natus in civitate Tudensi…” proba definitiva e irrefutable sobre o berce do pensador na cidade tudense. Posteriormente se instala en Tolosa, como médico e docente, ata a súa morte.

A figura de Francisco Sánchez salienta pola súa obra filosófica “Quod nihil scitur” (Que nada se sabe) que supón un precedente do pensamento de René Descartes ou do método científico de Francis Bacon. Resulta un autor moi salientable do pensamento europeo da segunda metade do século XVI, do renacemento europeo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, acompañados por Laureano Alonso, que cedeu algún material vinculado a Francisco Sánchez que se expón na mostra, e polo ilustrador Andrés Lamas,  realizaron esta mañá un percorrido pola mostra que pode ser visitada polo público até o 22 novembro de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 20.30 h e os sábados de 9 a 13 h.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, esta exposición permite un achegamento á figura deste pensador tudense, un dos principais representantes da filosofía europea do século XVI. Engade que con motivo deste centenario dende o Concello de Tui búscase divulgar a súa obra e traxectoria.

Pola súa banda o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta a importancia desta exposición, ao igual que dos actos previstos nos próximos días, para dar a coñecer a figura deste tudense universal.

Exposición “Debuxando o Tui xudeu”

Paralelamente, a mesma Sala Municipal de Exposicións acolle unha escolma dos debuxos realizados, o pasado mes de setembro, no encontro realizado en Tui polos grupos de urban sketchers co lema “Debuxando o Tui xudeu”. Un total de 42 debuxos, realizados por algúns dos participantes neste evento, recollen diversos lugares do conxunto histórico tudense realizado in situ ao longo daquela xornada cunha multiplicidade de técnicas.

O Porriño acomete a reparación das pontes de madeira da senda do Louro

O Concello do Porriño acometerá a reparación das pontes de madeira do Louro para garantir a seguridade dos viandantes. Estas pontes, instaladas no ano 2010, presentan serios danos fundamentalmente nas partes de madeira que serven de base e que sofren a degradación producida pola humidade ao estar en contacto permanente co terreo. Isto provoca o fallo dalgunha das pezas da base que resta estabilidade na plataforma coa conseguinte rotura de táboas, ademais de presentar risco na estrutura principal.

“Trátase de 3 pontes de gran tamaño que permiten cruzar o Louro e unha cuarta pasarela de menor tamaño que cruza un pequeño cauce afluente e que forma parte da senda peonil que percorre a marxe do río”, explicou o concelleiro, Marcos Martínez.  

Para solucionar esta situación levantaranse as pontes para a sustitución da estrutura de base dos mesmos con novos elementos de madeira ou con outra solución constructiva que poida ser autorizada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Repararase a plataforma de paso renovando as pezas en mal estado e aplicando ao conxunto un tratamento para reducir a resbaladicidade

“Asemade, na ponte metálica que cruza o río augas abaixo paralela ao vial de acceso a Pontellas, as taboas que forman o pavimento están deterioradas e levarase a cabo a súa reposición con taboas que polo seu deseño raiado e o seu tratamento superficial eviten a resbalabilidade”, engadiu o edil.  

Así, serán 5 as estruturas sobre as que se actúe de maneira urxente, o que requerirá unha inversión de 72.000 euros que xa foi consignada polo goberno municipal.

“A senda do louro é un lugar moi concurrido ao que acoden a diario moitos porriñeses e o estado destas pontes supón un risco, non só porque se atopa resbaladizo senón porque as taboas levantadas poden provocar caídas”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Por iso, urxe acometer estas melloras. Queremos poñer en valor esta contorna natural e para iso, ademais dos proxectos que temos en marcha para o parque do río, hai que manter en boas condicións a senda peonil, tanto de limpeza como a nivel estrutural. Queremos que a veciñanza siga vivindo e disfrutando do noso río”.

Presentación do libro de Porto Cabeiro, escrito a través do alumnado

0

O vindeiro martes, 7 de novembro ás 17:30 h, haberá unha actividade especial no salón de actos do colexio de Porto Cabeiro. Trátase da presentación do libro “O alumnado de Porto Cabeiro escribe sobre as súas parroquias”. Un libro editado polo Concello de Redondela e preparado dende o SNL coa colaboración do equipo de normalización do citado centro.

O libro reproduce traballos que o alumnado fixo ao longo de moitos anos sobre toponimia local, lendas e costumes da zona, patrimonio da parroquia etc. Unha colección de traballos que acollen unha descrición do patrimonio material e inmaterial de Vilar de Infesta e Cabeiro. A escolma pretendeu ser o máis representativa posible dando entrada a todo tipo de manifestacións culturais como son o entroido ou os oficios tradicionais.

O acto está aberto á participación do público pero, en especial, á comunidade educativa e familias das parroquias de Vilar e Cabeiro. Os libros pódense levar de agasallo.

No acto participarán a directora do centro Sonia Montenegro, a mestra Susana Crespo, o responsable do SNL Xurxo Martínez González e a alcaldesa Digna Rivas.

Xornada de portas abertas no Museo do Viño

O vindeiro domingo celébrase o Día Mundial do Enoturismo e con motivo de tal celebración o Concello de Salvaterra de Miño quere promover un dos seus maiores expoñentes cunha xornada de portas abertas.

De xeito gratuíto e por grupos os visitantes descubrirán o Museo da Ciencia do Viño, un espazo de divulgación da viticultura e enoloxía de España. Un museo altamente interactivo, didáctico, idóneo para o desfrute de toda a familia.

O horario de visita será de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas e para inscribirse é
preciso porse en contacto co museom ben por correo electró[email protected], ou ben nos teléfonos 617148866 e 629770177. As prazas son limitadas.

Preto de 200 persoas da provincia participan esta semana no programa Depotermal

Un total de 183 persoas maiores de 50 anos de 19 concellos da provincia gozarán ata o 10 de novembro do programa “Depotermal” da Deputación de Pontevedra, con estadías no Gran Talaso Hotel Sanxenxo, no Hotel Novo Astur de Vilalonga, no Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo e no Balneario de Mondariz, sendo o último o fixado para a estadía diúrna. Durante a súa estancia poderán facer uso das instalacións de termalismo dos establecementos, así como participar noutras actividades artísticas, deportivas, formativas, sociais ou turísticas.

Deste xeito, este domingo comezan as estadías con pernoita de tres grupos. A primeira destas expedicións, que conta con 51 persoas inscritas dos concellos Fornelos de Montes, Moraña, Valga e Vigo partirá rumbo ao Gran Talaso Hotel Sanxenxo. O segundo grupo, que irá ao Hotel Novo Astur de Vilalonga, está composto por 56 persoas da Estrada, Baiona, Cangas, Gondomar, Moaña, Mos, Pontevedra, O Rosal, Redondela, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Vigo e Vilaboa. Por último, 44 persoas dos concellos de Baiona, Cangas, Moaña, Poio, Redondela e Vigo desfrutarán dunha estadía no Hotel Carlos I de Silgar, en Sanxenxo.

No que atinxe ás saídas diúrnas, serán 32 persoas as que desfrutarán dos tratamentos termais do Balneario de Mondariz dende o luns 6 de novembro ata o venres 10. Todos eles proveñen dos concellos de Fornelos de Montes, O Porriño, Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlles aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

“Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783 persoas a asistencia con aloxamento.

Nigrán reestablece o coeficiente do IBI nun 0,6 %

0

O goberno de Nigrán aprobou no Pleno extraordinario de onte restablecer o 0,6 % de coeficiente do IBI urbano que rexeu ata 2016 co fin de manter o equilibrio orzamentario. Foi precisamente este mesmo goberno quen decidiu no 2016 baixar o coeficiente ao 0,5 % (o mínimo legal é do 0,4 % e o máximo dun 1,5 %) ao ser posible nese intre esa rebaixa e manter ao mesmo tempo o balance económico.

“A situación nestes últimos 7 anos cambiou moito: de 260.000 € que investíamos en ‘Axuda a Domicilio’ a 1 millón de euros que terá o vindeiro contrato, ou de ter que abonar 0 euros á Xunta en concepto da depuradora a preto 400.000 €; así como 650.000 € a Sogama, 80.000 € polo transporte metropolitano, 70.000 € á Escola Infantil ‘A Galiña Azul’… Todo elo sumado á suba da electricidade de 540.000 € a 900.000 €, polo tanto, se queremos seguir gobernando de xeito responsable e atendendo á veciñanza como merece, debemos regresar ao coeficiente de 2016”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que rexerá no exercicio 2024 manténdose as mesmas bonificacións que existían (familia numerosa, entidades de interese social, centros de ensino…). “Esta situación non é única en Nigrán porque a todos nos afectan as mesmas medidas da Xunta, por iso moitos concellos xa actualizaron o coeficiente, como poden ser O Rosal, A Guarda, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Marín, Pontecaldelas ou Meaño; outros moitos o irán facendo nos vindeiros meses”, adianta.

O resultado de pasar do 0,5 % ao 0,6 % traducirase en que un recibo de 168,98€ por un piso de 120 m2 no centro urbano de Nigrán pasará a 202,78 € (igual cantidade que pagaba antes de 2016). “É un incremento que o común dos veciños non notará porque son 30 € máis ao ano nun piso medio, nas grandes propiedades o aumento será de 60 € aproximadamente; é dicir, pagarán no 2024 o mesmo importe que viñeron abonando ata 2016, polo que consideramos que é unha suba moi pequena que só notarán os patrimonios grandes”, explica o rexedor, quen incide en que o goberno local nunca aceptou actualizar os valores catastrais, que datan no municipio de 1994, “porque o prezo das vivendas nestes últimos 30 anos subiu moitísimo, especialmente en Nigrán, e esa revisión si sería realmente prexudicial para o peto de toda a veciñanza” e tampouco aproximarse ao máximo legal permito de coeficiente, que é un 1,5% (case o triplo).

“A alternativa a manter o coeficiente no 0,5 % traduciríase de xeito directo en que non se podería contratar o próximo Servizo de Axuda a Domicilio co orzamento de 1 millón de euros necesario para atender de verdade a toda a veciñanza que ten dereito a esta prestación. Sabemos que é unha medida impopular pero resulta imprescindible se queremos gobernar de xeito responsable e sen esquecernos de quen máis o precisa”, resume o alcalde, quen engade que, “precisamente a boa xestión económica do Concello permite que manteñamos a Contribución moi baixa, lonxe do 0,91% de Vigo e igual que na Guarda (0,6 %)”.