6.4 C
Pontevedra
Martes, 5 de Decembro de 2023
Máis
    HomeLouriñaMosOuro en xestión hoteleira para a mosense Laura Pereira

    Ouro en xestión hoteleira para a mosense Laura Pereira

    Mos presume da súa campioa, medalla de ouro no Galiciaskills 2023 de Xestión de Aloxamentos Turísticos, Laura Pereira Ramilo, que se erixiu vencedora da súa categoría no 7º Campionato Galego de Formación Profesional, e representará á Comunidade Autónoma galega nestas olimpiadas a nivel nacional, que se prevé se celebren de cara a finais do vindeiro mes de abril de 2024.

    Laura ten 20 anos e é veciña e natural da parroquia de Cela. Cursou os seus estudos de Educación Primaria no CEIP Atín-Cela e a ESO e o Bacharelato no IES de Mos. Actualmente estuda segundo curso do Ciclo Superior de Xestión de Aloxamentos Turísticos no CIFP Manuel Antonio.

    A medalla de ouro en recepción hoteleira recibida por Laura Pereira o pasado 27 de outubro en Silleda certifícaa como a mellor preparada neste sector a nivel autonómico. O concurso só admite participantes menores de 21 anos e Laura participou xunto con outros 7 alumnos do seu centro, sendo a ela a única do mesmo que competía na especialidade de Xestión Hoteleira.

    Galicia Skills prolongouse durante dous días de competición (25 e 26 de outubro) no recinto feiral de Silleda no que participaron 200 estudantes de 84 centros diferentes que se puxeron a proba nas 24 competicións oficiais, e a entrega de medallas celerouse o venres día 27.

    Laura quixo destacar e poñer en valor tamén o papel e o labor do seu titor e profesor no CIFP Manuel Antonio, Roi Álvarez.

    Pereira Ramilo destaca que “sempre souben que quería estudar Formación Profesional e descartaba a Universidade, tiña claro que quería formarme en algo relacionado co turismo porque me encanta a atención persoal, o contacto co público e me considero unha persoa moi sociable e empática”. Así mesmo asegura que “a preparación para os Galiciaskills foi dura e intensa, xa que ademáis das clases dedicáballe a preparar as probas 3 horas diarias 3 días á semana durante 2 meses”.  Deste xeito Laura adestrouse en chegadas e saídas de clientes, custes, reseñas e redes sociais… etc. para poder levar á cabo á perfección as 6 probas que tivo que realizar na competición en Silleda e que a levaron a acadar a tan merecida medalla de ouro.

    Explica que se puxo “moi nerviosa pero a experiencia foi emocionante. Fixen unha gran amizade co resto de competidores e creo que este pode ser un trampolín de cara a futuras oportunidades laboráis”.

    De cara ao Spain Skills do próximo ano asegura que voltará “a traballar duro outra vez”.

    O Campionato Galego de Formación Profesional, Galiciaskills 2023, é unha competición autonómica que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convocou este ano por 7ª vez, e que se celebrou no recinto Feiral Internacional Abanca de Silleda durante os días 25, 26 e 27 de outubro de 2023.

    Foi organizado pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Galiciaskills 2023 pretende darlle unha maior proxección e difusión á formación profesional que se imparte en Galicia.

    Este é un campionato eminentemente práctico, que consiste no desenvolvemento de 27 competicións relacionadas coas especialidades de formación profesional, nas que o alumnado participante pon a proba as súas destrezas a través da realización de diversas probas de habilidades e coñecementos vinculadas a súa área de formación.

    Ademais das competicións oficiais, desenvólvense simultaneamente 8 competicións en formato exhibición para alumnado de ciclos formativos e 4 competicións destinadas a alumnado de programas formativos básicos.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.