12.6 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaA Deputación substituirá a pasarela de madeira da estrada de Baiona a...

    A Deputación substituirá a pasarela de madeira da estrada de Baiona a Loureza

    A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente de contratación das obras de reposición da pasarela de madeira que se atopa na estrada provincial que une Baiona con Loureza, na EP-2202. O proxecto está dotado de preto de 130.000 euros e permitirá arranxar o actual estado de corrosión avanzada desta pasarela e mais da estrutura de aceiro que a soporta, provocado pola súa exposición ao ambiente mariño ao atoparse a tan só 100 metros do mar.

    Como solución técnica máis óptima, a institución provincial opta pola construción dun muro de contención con recheo para ampliar o espazo contiguo á estrada e que este sirva de soporte para executar posteriormente unha nova beirarrúa en formigón coloreado. Deste xeito evitarase executar unha nova estrutura de aceiro e os pavimentos en madeira que, como as actuais, tamén serían susceptibles de corrosión e requirirían de considerables traballos de mantemento.

    O muro de contención de pedra e mais o pavimento de formigón proxectados apenas teñen mantemento, polo que a solución ademais de ser a máis vantaxosa desde o punto de vista económico é tamén a máis segura para o tráfico rodado e peonil. A estes efectos, as obras consistirán na desmontaxe da estrutura, da pasarela, das varandas e da escaleira de acceso, e na execución do muro de contención (de altura variable entre 2 e 5 metros) e mais da nova beirarrúa, que terá un ancho mínimo de 2,5 metros. Para poder executar o muro tamén se derrubará unha construción auxiliar que non ten un uso definido e, ademais, se atopa nun estado ruinoso.

    Ademais, as escaleiras de acceso ao nivel inferior non cumpren as condicións mínimas de accesibilidade, seguridade e uso, ao ser irregulares e contar con chanzos excesivamente altos, estreitos e desnivelados, con gran risco para as persoas. Por estas razóns, executarase unha nova escaleira que irá adosada e ancorada ao novo muro que se dotará de chanzos de medidas regulares e terá un ancho mínimo de 1,50 metros.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.