A área do Borralliño, na parroquia de Soutelo, acollerá os vindeiros 9 e 10 de novembro unha nova edición do programa Xogade que pon en marcha a Secretaría Xeral para o Deporte, dirixido á poboación en idade escolar. A Agrupación Deportiva Baixo Miño, entidade formada por docentes dos centros educativos dos Concellos de Salceda de Caselas, Tui, Tomiño e O Rosal, xunto co Concello de Salceda, a Comunidade de Montes de Soutelo e o Centro Cultural O Borralliño son os encargados da organización do evento.
Sen dúbida unha das probas máis relevantes é a carreira de campo a través en horario lectivo, que nesta ocasión acollerá a uns 2350 atletas de entre 7 e 14 anos, provintes dos centros escolares de primaria e secundaria de Salceda, Tui, Tomiño e O Rosal. O alumnado repartirase nas dúas xornadas, participando o xoves a rapazada dende 2º ata 5º de primaria, e no venres dende 6º de primaria ata 2º da ESO. As carreiras disputarase durante a mañá, entre as 10:30 e as 13:00 horas.
Na páxina de AGRUDEBAM pódense consultar os diferentes percorridos, que varían segundo a idade do alumnado participante, e que van dende os 550 ata os 1.300 metros.
Un evento destas características implica unha mobilización importante de autobuses, e fai fundamental a coordinación para garantir en todo momento a seguridade e benestar dos nenos, polo que a organización conta tamén coa colaboración de Protección Civil e Policía Local de Salceda.
O formato de competición de campo a través, introducido fai poucos anos neste evento, está a significar un incremento exponencial na participación de alumnado, nunha oportunidade enriquecedora tanto no que se refire ao fomento do deporte como á relación que se xera entre os diferentes centros educativos participantes.