Domingo, 25 Maio de 2025

O Balneario de Mondariz gaña o premio Wedding Awards 2021

Premio Wedding Awards 2021 para o Balneario de Mondariz pola xestión das vodas na pandemia ao destacar ao seu equipo polo axuste de datas, a adaptación dos eventos e o labor máis aló do servizo comercial na información aos clientes. Os Óscars do sector, que se basean en máis de 7 millóns de opinións de parellas, recoñecen tamén o traballo dun gran equipo de profesionais na realización do evento, a personalización e a contorna natural e arquitectónica da vila termal. O premio acredítao como un dos espazos máis recomendados polas parellas que casaron durante 2019-20.

Estes galardóns organízaos a web Bodas.net, que forma parte do grupo “The Knot Worldwide” ,líder global no ámbito nupcial, e basean os seus galardóns nas máis de 7 millóns de opinións de parellas coas que conta o portal. O Balneario de Mondariz fíxose acredor deste recoñecemento polo lugar natural privilexiado onde está situada a vila termal, os seus espazos interiores marcados pola historia do establecemento, a súa gastronomía para eventos, o servizo e a posta en escena.

Analizando este recoñecemento por parte do equipo de Balneario de Mondariz, en concreto por María Gayoso, responsable de vodas e cerimonias, e Lorena Rey, de eventos, “o verdadeiro valor do premio é que o “xurado” son os propios noivos. Este recoñecemento concédese de acordo ás puntuacións e comentarios de parellas que realizaron a súa voda en diversos establecementos de Galicia. Fainos moi felices que o traballo de todo o noso equipo goce de tan boa valoración e, sobre todo, que o Balneario de Mondariz sexa un gran recordo para tantas parellas que nos elixiron para un dos días máis importantes das súas vidas”.

Pero as vodas cambiaron nos últimos tempos e o establecemento da vila termal adaptouse ás novas noivas, unha tendencia que segundo María Gayoso dotou a estas celebracións dunha maior personalización, comenta que “as cerimonias tradicionais e que seguían un desenvolvemento e un protocolo máis ou menos semellante entre si deron paso a eventos moito máis persoais e singulares. Hoxe en día cada voda é única e diferente, moi ao gusto particular de cada parella, o cal nos obriga a ser máis orixinais e creativos”.

Todos estes retos fanse posible afrontar no Balneario de Mondariz grazas estar nun espazo privilexiado, tanto natural como arquitectónico, porque segundo María Gayoso, “unha das vantaxes de Balneario de Mondariz é a posibilidade de celebrar a túa voda nun marco único, un lugar cheo de encanto e historia no medio dunha contorna completamente natural. Os noivos dispoñen de diferentes escenarios, tanto interiores como ao aire libre, e a posibilidade de realizar toda a celebración dentro das mesmas instalacións. Para iso ofrecemos capela privada para cerimonias relixiosas, a maxestosa Fonte de Gándara e outros emprazamentos para cerimonias civís, diferentes xardíns e salóns para cocteles e banquetes ou aloxamento para noivos e invitados, coa posibilidade de gozar do balneario ao día seguinte”.

A experiencia que lles achega o celebrar máis de 100 eventos ao ano entre vodas, bautizos e comuñóns, baséanse en dous aspectos fundamentais. En primeiro lugar a gastronomía, un elemento primordial en calquera celebración en Galicia, e que é algo que coidan con moito mimo ofrecendo a máxima calidade e detalle. Doutra banda está a organización de todo o evento, mediante a cal conseguen levar a cabo a voda única que os noivos desexan. Para iso, como protagonistas que son, dispoñen das máximas facilidades para realizar a voda ao seu gusto.

O CAAN da Deputación supera as 200 adopcións de animais no que vai de ano

Se o ano pasado foi de récord no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra, en pouco máis de 3 meses este 2021 vai camiño de superalo. Xa son 210 as adopcións de cans e cadelas acadadas desde as instalacións da Armenteira desde o 1 de xaneiro, unha das últimas  a de “Cástor”, un dos animais que máis tempo levaba no centro, concretamente desde o ano 2019. O can, que fora recollido na Cañiza en setembro dese ano, ten na actualidade nove anos de idade e desfruta xa do seu novo fogar en Ourense.

As cifras do CAAN superan amplamente ás do pasado 2020, en que no mesmo período producíronse 85 adopcións, aínda que hai que ter en conta que coa declaración do estado de alarma no 2020 suspendéranse os procesos a partir do 13 de marzo e ata o mes de maio. Malia esta circunstancia, o pasado ano rexistráronse ata decembro un total de 583 adopcións, a cifra anual máis alta desde a apertura do centro.  

Dos 210 animais que saíron do CAAN desde o pasado 1 de xaneiro do 2021, só un dos cans viaxou ao estranxeiro, concretamente a Portugal. En Galicia tramitáronse un total de 168 adopcións, a maioría (143) na provincia de Pontevedra, mentres que o resto repartíronse polas comunidades autónomas de Castela e León (28), Madrid (5), País Vasco (3), Cataluña (3), Castela A Mancha (1) e Estremadura (1).

No caso da provincia pontevedresa, Vigo é ata agora o concello con maior número de procesos de adopción tramitados, un total de 24, seguido da Estrada, con 19, e Pontevedra, con 18. Hai que destacar tamén os datos de Poio e Meis, con 8 adopcións en cada un destes concellos, así como as 7 acadadas en Vilagarcía ou as 6 de Cambados.

A Guarda aposta polo seu patrimonio etnográfico coa recuperación da fonte lavadoiro de Xixolla

0

O Concello da Guarda acometerá proximamente traballos de rehabilitación e sinalización da Fonte Lavadoiro da Xixolla, sita na Rúa PO-552 na parroquia de Salcidos para contribuír deste xeito á conservación e posta en valor do patrimonio etnográfico existente na vila.

A posta en valor dos elementos etnográficos como é o caso é unha obriga mais que unha necesidade, a xustificación non pasa pola súa necesidade intrínseca.

O lavadeiro de xixolla, datado no ano 1.913 segundo consta na pedra labrada sobre o cano, foi rehabilitada nos anos 90 a través da escola obradoiro renovando a totalidade da cuberta de madeira que substituíu a antiga, copiando e reproducindo ao orixinal dita cubrición que na actualidade, precisan de traballos de renovación dos acabados, para protexer e prolongar a vida útil dos mesmos.

As actuacións a levar a cabo no lavadoiro da Xixolla, pasan por unha limpeza do conxunto, mediante máquina de auga a presión, cun mimo especial nos elementos de cantería, nos cales a limpeza realizarase dun xeito manual.

Para os elementos de madeira se procederá á limpeza con maquinaria a presión, e acabado con produtos para protección e tratamento de madeira.

Baiona continua co seu programa de mellora enerxética do alumeado público apostando polos LED

0

O Concello de Baiona continúa co seu plan para mellorar eficiencia enerxética mediante a iluminación pública da localidade. Nese sentido, nestes días procedeuse á substitución das luminarias do vial da estrada principal de acceso á localidade desde a rotonda que dá inicio á Avenida Urbana de Sabarís ata a rotonda do monumento do Rey Alfonso IX.

En total estanse a substituir 58 puntos de luz do vial por tecnoloxía LED de alta calidade fabricada en Galicia, cunha resistencia especial á climatoloxía e á salitre mariña. As obras da iluminación están a levarse a cabo nestes días con fondos propios e con persoal do concello.

O Concelleiro, Óscar Martínez, quen xestiona a Concellería de Alumeado Público, destaca que “o estado actual da rede de iluminación pública está totalmente desactualizada, existindo unha gran cantidade de lámpadas de gran consumo”.

Neste caso en concreto –explica–, había 58 luminarias cun consumo de 200 W que estanse a substituír por unhas cun consumo unitario de 88 W. O cambio a tecnoloxía led ten como obxectivo conseguir unha iluminación de maior calidade, unha maior eficiencia enerxética e un aforro de enerxía”.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destacou pola súa banda que o obxectivo é seguir coas melloras enerxéticas no municipio “e dar continuidade á instalación de tecnoloxía led. Así se mellorará a eficiencia enerxética, substituíndo as luminarias desfasadas existentes por outras con mellor rendemento que supoñen un consumo de enerxía máis reducido e respectuoso co medio ambiente”.

“Esta actuación busca unha mellora para os usuarios deste vial e para o Concello, que logrará reducir o consumo de electricidade ata un 70 % e reducir o gasto da luz que soporta o concello mensualmente”, explicou o alcalde baionés.

Esta nova substitución de luminarias por tecnoloxía Led súmase á actuación realizada o paso mes de decembro no vial da estrada a Camposantos, desde a rotonda da saída a autoestrada en Rocamar ata o Rompeolas, onde se substituíron 42 puntos de luz.

Arbo recepciona as obras de acondicionamento do Sendeiro de Pescadores

0

O Concello de Arbo deu por rematadas as obras de acondicionamento do Sendeiro de Pescadores, traballos nos que se investiron 22.106,07 €, segundo o detalle que figura na memoria que serviu de base para a petición da subvención a Consellería de Medio Ambiente e vivenda para a realización do acondicionamento

No pasado instaláronse paso con troncos ou cordas para facilitar o avance, pero actualmente e debido as crecidas do Miño en inverno, estas infraestruturas atopábanse moi deterioradas e non garantían a seguridade dos usuarios e usuarias.

Os traballos realizados consistiron na instalación de infraestruturas de madeira nos tramos nos que se precisaba así como escaleiras ou pasarelas. Amais realizouse o acondicionamento nalgunhas zonas do sendeiro mediante a construción de infraestruturas de madeira tratada.

Nos lugares en que o terreo é irregular e non permitan avanzar con seguridade construíronse escaleiras ou pasarelas e nos puntos onde se advirte risco de caídas a distinto nivel, instaláronse varandas de madeira que garanten a seguridade dos usuarios. Tamén se levou a cabo a roza dos tramos que o precisaban, e se mellorara a seguridade das persoas que transiten o sendeiro mediante a creación de diferentes infraestruturas que faciliten o paso.

A situación sanitaria marcada pola Covid-19 fai que este tipo de turismo de natureza sexa o máis demandado. Por ese motivo, o Concello apostou pola realización deste investimento para continuar mellorando as súas infraestruturas e seguir atraendo visitantes. “Contamos cunha rede magnífica de sendeiros que moitos veciños aínda non coñecen e animamos a vir e gozalos porque de verdade que é unha marabilla a contorna natural que temos en Arbo” manifesta o alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil

O sendeiro discorre en todo o trazado pola parte inferior da vía do ferrocarril e atopase correctamente sinalizado; porén, en varios puntos existen zonas nas que resulta difícil avanzar, xa sexa pola presenza de auga ou polas fortes pendentes.

A información e a lenda das rutas atópase en numerosas páxinas webs especializadas e na páxina web do Concello de Arbo, nas redes sociais do Concello de Arbo o no canal de Youytube. Estas rutas son visitadas cada ano por senderistas e curiosos que queren coñecer de primeira man os cauces da ribeira do Miño, as pesqueiras e as artes de pesca da lamprea.

Avalancha de veciños para informarse da revisión do Catastro en Mos

0

Avalancha de veciños na oficina municipal de información sobre Catastro do Concello de Mos. A administración local mosense destinou desde o luns dúas traballadoras municipais (a arquitecto técnico e unha administrativo) á información pública sobre a nova revisión catastral pola que Catastro realiza unha ponencia de valores do chan e das edificacións aumentando notablemente o importe do IBI aos mosenses.

O Catastro xa enviou máis de 2.000 cartas a contribuíntes de Mos notificando a revisión. Algúns deles xa a recibiron e acudiron ao Concello para informarse, rexistrándose o luns unha enorme afluencia de veciños que onte diminuíu algo por ser unha mañá de intensas precipitacións. A media diaria de persoas atendidas en horario de 09.00 horas a 14.00 horas é dun cento.

O Catastro irá realizando o envío fraccionado e progresivo destas cartas informativas aos contribuíntes mosenses, a razón dunhas 2.000 cartas por semana ata chegar ás 13.381 destinadas á veciñanza de Mos (correspondentes ao número de fincas afectadas). As desta semana xa saíron e están a ser recibidas e a semana que ven recibiranse 2.000 máis.

A Dirección Xeral de Catastro decidiu engadir as construccións á ponencia de valores do chan en Mos, aumentando aínda máis a subida do IBI aos mosenses. Así mesmo rexeitou o acordo plenario unánime de solicitude de moratoria e decidiu incluír as edificacións sen anunciarllo ao Concello.

O Catastro non só denegou solicitude da Corporación de Mos ao completo, aprobada por unanimidade en Pleno o pasado mes de febreiro, de retirada do anuncio de revisión do relatorio de valores do municipio e unha moratoria de dous anos desta revisión colectiva, impulsada pola Dirección Xeral de Catastro do Ministerio de Facenda, para evitar que a veciñanza teña que enfrontarse a un aumento do Imposto de Bens Inmobles este ano. Se non que ao anuncio da ponencia de valores do chan engadiron tamén a actualización de valores das edificacións, a pesar de que xa realizaran unha ponencia deste tipo hai poucos anos. Esta actualización que afecta as construcións non se comunicou ao Concello nin se anunciou de ningún modo, senón que a administración local mosense decatouse de casualidade por terceiras persoas que teñen acceso á devandita información.

Dada a gravidade do asunto, que a moitas familias supoñeralles centos de euros máis ao ano, e que se iniciou de forma unilateral por Catastro, desde o Concello encargouse un informe xurídico para estudar a posibilidade de recurso. Está a facerse un estudo legal e xurídico deste tema, sobre o alcance que podería ter o procedemento.

Estudo que se abordará nunha nova sesión da Comisión de Seguimento do novo Procedemento de Valoración Catastral, a celebrar o vindeiro xoves 15 de abril e na que se analizará esa posible vía legal.

Desde o Concello de Mos laméntase enormemente que, no medio dunha situación terrible para moitas familias, no medio dunha pandemia e unha crise económica, decídase subir desta forma os impostos á cidadanía con este catastrazo que ademais ten efectos retroactivos.

Cristina Fernández, “tivemos que reinventarnos para que a Semana das Ciencias mantivera o seu interese sen contacto persoal”

A Semana das Ciencias de Ponteareas chega, neste mércores, ao seu ecuador. A pandemia, as lóxicas precaucións e medidas de seguridade sanitaria, fixeron que esta edición tivera que reinventarse, literalmente falando, para manter unha iniciativa que logo de cinco anos, é un referente a seguir tanto dentro coma fora de Galicia.

Nesta quinta edición, como explica a concelleira de Ensino e alcaldesa en funcións, Cristina Fernández Davila, houbo que facer cambios importantes para non perder o espírito con que naceu a actividade. Así, ante a imposibilidade de incluír o Museo das Ciencias dentro da Semana propiamente dita, como en edicións anteriors, optouse por facelo do 6 ao 9 e “a verdade é que resultou moi ben a pesar da necesidade de reinventarse porque non hai que esquecer que a máxima deste Museo é Prohibido non toca e, xustamente agora, non se pode facer iso”, explica Cristina Fernández.

Pese a todas as dificultades propias dun estado de pandemia, a actividade desenvolvida por Jesús Fernández e Amparo Francos “é que este ano a diriximos aos centros de ensino de primaria a través de video conferencia”, explica a concelleira, resultou todo un éxito. “Amais de amosarlles experimentos interesantes –apunta Cristina Fernández– unha vez acabados estes o alumnado tivo tempo de preguntar, de volver a reclamar a atención sobre algún experimento que lles gustou ou sobre un obxecto que lles chamou a atención ou que lles gustou especialmente”.

Foto de arquivo dunha das edicións anteriores da Semana das Ciencias e que, sen dúbida, volveremos a ver dentro de pouco

Pero a crise da COVID-19, non só incide directamente sobre o desenvolvemento das actividades, senón tamén sobre o seu custe. “Ao estudar como realizar esta Semana das Ciencias, tiñamos que ver de facela atractiva para o alumnado e para os centros educativos e, ao mesmo tempo, que se puidera compaxinar co custe”, afirma a concelleira de Ensino. Non se pode esquecer, engade, “que calquera cousa que se faga agora ten o dobre de custe”.

E pon Cristina Fernández, un exemplo claro. En pasados anos, a Concellería que ela dirixe, desenvolvía iniciativas co alumnado dos centros educativos nas que se levaban a nenos e nenas de dúas ou tres clases en autobuses para realizar actividades no exterior e, do mesmo xeito, desenvolvíanse actividades para 200 ou 300 nenos no auditorio municipal –obradoiros, teatro, música…–. “Agora é imposible”, afirma Cristina Fernández. “Onde antes contratabas unha actividade para catrocentos alumnos agora temos que contratar actividades para grupos de 25 e iso o fai case que inviable”.

Pero a Semana das Ciencias aguanta e, en circunstancias excepcionais como esta, amosa a súa fortaleza. O segredo? O traballo colectivo. “Todo o que se fai dende unha Concellería, que é o que me atinxe, ten que ser e debe ser un traballo colectivo. Non pode haber un iluminado porque se o hai, a cousa ten data de caducidade”. Por contra, asegura, “se é unha idea que atrae a todos, que os fai partícipes, non só limítanse a colaborar senón que propoñen ideas e poden incluso organizarla. Se o fas así, ao final tes un colectivo implicado que non vai a deixar desaparecer esta actividade nunca, e iso é o que pretendo eu”.

O certo é que a Semana das Ciencias, que comezou como un ‘experimento’, non só se consolidou senón que converteuse nun referente dentro e fora de Galicia. “Dá un pouco de vertixe. O primeiro ano presentei a idea ante os centros educativos, expliqueilles que sería moi interesante amosar na rúa o que se fai nos centros en materia de ciencias, que os demáis centros educativos o miren pero que tamén o mire a xente… e de súpeto comezaron a aparecer achegas interesantísimas, ‘poderíamos achegar algo para os profes… e podíamos facer isto, e podíamos facer aquilo”.

Jorge Mira nunha das edicións da Semana das Ciencias de Ponteareas.

Logo, o que comezou como un experimento deuse a coñecer internacionalmente e, como lembra Cristina Fernández, “presentamos a nosa idea a un  congreso europeo e restula que alí démonos de conta que o noso proxecto era mellor que o de Santiago, mellor que o de París, igual a un que se facía en Alemaña e similar tamén a un que se facía no norte de Italia”.

Indubidablemente a pandemia, que como todo na vida, acabará pasando –non hai mal que cen anos dure…– volverá a permtir que a Semana das Ciencias de Ponteareas que non amosa ningún tipo de ‘fatiga’, volva a recuperar un obxectivo que, ao marxe dos experimentos ou interesar aos rapaces e rapazas na rama científica, as veces pasa desapercibido para moitos pero non así para Cristina Fernández, “as actividades tiñan outros elementos alleos ao experimento que ías facer ou á charla que ías escoitar; o alumnado aprende a comportarse a manter unha orde, un silencio, a intercontectar tanto emocionalmente como socialmente con outro alumnado diferente de outros centros e doutras idades, que fan cousas distintas. Iso o perdemos e iso realmente era o espírito desta Semana das Ciencias”.

Mentres a normalidade que todos desexamos non chega, a Semana das Ciencias mantén o tipo e, ao longo de toda esta semana amosa a nenos e nenas, mozas e mozos, que a ciencia que é a que nos fai avanzar, é divertida porque, só se nos divertimos desenvolvendo un traballo ou realizando unha actividade, a poderemos facer ben.

A Guarda mellora a seguridade vial co repintado horizontal en varias rúas do municipio

0

O Concello da Guarda, dentro das accións encamiñadas a mellorar a seguridade viaria de peóns e vehículos, ven de adxudicar e iniciar os traballos de repintado da sinalización horizontal en determinadas rúas e cruces concretos da Guarda

Neste senso se teñen repintado numerosos pasos de peóns do casco urbano, así coma novos paso de peóns na Pasaxe(Camposancos).

Destaca a actuación feita na Rúa Baiona, onde se se cambiou o aparcamento lateral para favorecer o tránsito de vehículos de grandes dimensións coma camións ou autobuses.

Deputación e Fundación Incyde celebran un webinario sobre as oportunidades de negocio nas contornas rurais

Analizar as oportunidades de negocio que poden ofrecer os contornos rurais, non só con actividades tradicionais senón coas derivadas das novas necesidades e demandas vencelladas á sustentabilidade, a calidade de vida ou o repoboamento, é o obxectivo do webinario que organizan os viveiros de empresas de Barro e Lalín da Deputación de Pontevedra e a Fundación Incyde, e que se celebrará en streaming o vindeiro 21 de abril, ás 18.30 horas.

A encargada de impartir esta charla, que está dirixida tanto a viveiristas, empresas, profesionais, persoas emprendedoras e público interesado, é a consultora empresarial e directora de proxectos de creación da citada fundación, Maribel Pérez.

As persoas interesadas xa poden anotarse para asistir a este webinario desde o formulario dispoñible na páxina web da institución provincial (https://www.depo.gal/-/oportunidades-de-negocio-en-contornos-rurais). O punto de partida desta acción formativa está no pulo que está a tomar nos últimos tempos o rural como nicho de negocio e, neste senso, a charla afondará nos cambios producidos nos hábitos de consumo e nos ámbitos social e económico e en coñecer como poden aproveitarse para poñer en marcha novas iniciativas empresariais.

Máis polo miúdo, concretaranse posibles nichos de mercado e as oportunidades que estes cambios crean no territorio: economía sustentable, dixitalización, Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), saber tradicional, produto local, igualdade de oportunidades, asentamento de poboación feminina e da mocidade, entre outros. As persoas asistentes verán exemplos de como formular un DAFO para un enfoque dos nichos de mercado máis óptimos e coñecerán estratexias para levar a cabo modelos de negocio.

Amais de consultora e directora de proxectos de creación da Fundación Incyde, a relatora Maribel Pérez, forma parte da directiva de entidades de apoio ao desenvolvemento rural. Compaxina o seu traballo como consultora co de empresaria, dirixindo proxectos de diferentes tipos: comercio electrónico, construción ou aloxamento rural.

As persoas que desexen máis información sobre o evento poden escribir ao enderezo electrónico [email protected] ou contactar cos teléfonos 886 217 360 e 686 540 897.

A ORAL confírmalle ao Concello de Salceda que “dosificará” o cobro dos recibos dos últimos catro anos de catastro

A directora do ORAL, Inmaculada Viña, ven de confirmarlle ao Concello de Salceda de Caselas, logo de diversas consultas realizadas dende o equipo de goberno, que o organismo de recadación está en disposición de emitir de xeito escalonado os recibos derivados da regularización catastral que está a levar o Ministerio de Facenda en Salceda e noutros municipios.

Deste xeito, tal como trasladou a directora, neste ano 2021 emitirase ademais do recibo anual o do ano 2018, no 2022 o do 2019 e no 2023 o do 2020, dándose por rematado deste xeito o proceso de regularización.

Esta medida ven a completar as demais iniciativas que se levaron a cabo dende o Concello de Salceda de Caselas para axudar á veciñanza, na medida do posible, a afrontar este proceso de regularización que de xeito unilateral iniciou o Ministerio de Hacienda, e que supuxo a emisión de máis de 15.500 notificacións á veciñanza de Salceda.

O goberno municipal estudia tamén co departamento xurídico o xeito de solucionar un dos maiores problemas que plantexa esta revisión, que é o das parcelas que se consideran urbanas nos núcleos rurais dende o 1997 coa aprobación das normas subsidiarias vixentes, e que na realidade non reúnen os requisitos para edificar.

Nestes casos dende catastro aplícase un coeficiente redutor que vai dende o 0,6 ata o 0,8 dependendo das características das parcelas, pero o equipo de goberno considera que estas parcelas, mal definidas nas normas subsidiarias, deberían quedar fora desta regularización.

Ademais o goberno municipal traballa na modificación da ordenanza reguladora do IBI que permita unha posible baixada do tipo impositivo. A alcaldesa emitiu providencia de solicitude de informe á intervención municipal xa o pasado 10 de marzo, informe que foi emitido xa o 22 do mesmo mes, e que agora está a ser estudiado para ver as posibilidades de modificación.

Tamén o 25 de marzo, dende a alcaldía, emitiuse providencia ao departamento de servizos sociais para que emitan informe das posibles bonificacións sociais que se poidan levar a cabo, e que será estudiado en canto se elabore. De tódolos xeitos, as posibles modificacións da ordenanza que se poidan aprobar, legalmente non se poderían aplicar ata o vindeiro ano.

O primeiro que se fixo dende o Concello foi a creación dunha oficina de asesoramento con catro persoas, que levan revisado xa máis dun milleiro de notificacións, e informado ás persoas afectadas dos xeitos de presentar recursos nos casos en que corresponde facelo.

O Club Balonmán Caselas a piques de xogar a “Final Four”

Despois de finalizar primeiros de grupo na fase de equipos que loitaban contra o descenso, o Club Balonmán Caselas disputará outra fase na que xogarán todos os primeiros equipos de cada grupo e o segundo mellor.

Nesta fase participarán un total de catro equipos, da que sairá un único gañador. O equipo vencedor terá a oportunidade de xogar a “Final Four”, que da a opción a xogar a fase de ascenso a liga nacional; o que sería un gran paso para o BM Caselas.

O primeiro partido terá lugar o vindeiro domingo, 18 de abril, en Salceda na que os locais enfrontaranse ao Balonmán Pabellón Ourense ás 17:00 horas.

A seguinte semana recibirán, tamén en Salceda de Caselas, ao C.P. Lucense e finalizarán a fase xogando en Carballo tendo que enfrontarse ao Balonmán Xiria.

Todos os eventos deportivos disputararanse seguindo os  protocolos sanitarios vixentes marcados pola Consellería de Sanidade. No Club Balonmán Caselas están cheos de ilusión por poder chegar a xogar a “Final Four” aínda que saben que é todo un reto.

O Porriño solicita á Xunta a reparación da cuberta do colexio de Budiño

Lourdes Moure, concelleira de Educación, inspeccionou hoxe xunto co enxeñeiro municipal e persoal do Parque de Bombeiros, o estado da cuberta do Colexio da Cruz, en Budiño.

Dúas zonas do tellado do centro escolar supoñen un risco, segundo acreditou un informe da arquitecta municipal, que o Concello xa remitiu á Consellería de Educación para que a Xunta de Galicia acometa a correspondente reparación. Tamén a dirección do Colexio solicitou formalmente á Consellería o arranxo urxente da cuberta.

Namentres hoxe procedeuse a sinalizar e valar a zona de máis risco ata que o venres se desmonte a cuberta, a partir das 10 da mañá. Persoal do parque comarcal de Bombeiros do Porriño en colaboración cos servizos técnicos municipais realizarán a desmontaxe das partes da cuberta que se atopan en peor estado.

A dirección do CEIP da Cruz notificará aos pais e nais de alumnos desta circunstancia e dos cambios nos itinerarios de entrada e saída do centro.

A Xunta de Galicia convocará 1.604 prazas nas oposicións de ensino 2021

A Xunta de Galicia publicará neste 2021 unha oferta de emprego público cun total de 1.604 prazas no ensino, das que máis do 85% –en concreto 1.372 prazas– serán de novo ingreso. Así llo transmitiu o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, ás organizacións sindicais na Mesa Sectorial Docente non Universitaria.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade compromete un total de 5.498 prazas para educación entre  as ofertas de 2020 e 2021. As probas da oferta de 2021 desenvolveranse no ano 2022, dado que neste ano se realizarán as que non se puideron facer no 2020 por mor da pandemia. 

Tal e como explicou o director xeral, está previsto que a oferta de emprego público docente correspondente a 2021 inclúa prazas nos corpos de mestres, profesores de ensino secundario, de escolas oficiais de idiomas, de artes plástica e deseño.

Renovación de directores

Na mesa sectorial celebrada esta mañá tamén se analizou a orde pola que se e convoca concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección dos centros docentes públicos, a través da que está previsto renovar a dirección de 436 colexios e institutos.

Así mesmo, abordouse o texto do anteproxecto de decreto polo que se regula a selección, nomeamento e cesamento das direccións dos centros docentes públicos, conforme ás novas especificacións da LOMLOE.

Exames recuperación

Por outra banda, a mesa sectorial continuará mañá coa proposta de cambio no calendario escolar para modificar no curso 2021/2022 as datas dos exames de recuperación do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), 1º de Bacharelato e 1º de FP Básica e realizalos no mes de xuño, na liña do que se vén facendo en 2º de Bacharelato desde o curso 2018/2019, e en numerosas comunidades autónomas.

En concreto, o borrador do calendario escolar do curso 2021/2022 prevé que o alumnado de ESO, Bacharelato e primeiro curso de FP Básica realice as probas de recuperación entre o 17 e o 21 de xuño de 2022. Este curso 2020/2021 aínda non haberá modificacións e desenvolverase seguindo o sistema previsto.

O obxectivo deste cambio é, fundamentalmente, beneficiar o alumnado, que poderá realizar os exames de recuperación cos contidos máis recentes, con maior posibilidade de aprobar. Así mesmo, isto facilitará a organización do curso seguinte tanto aos docentes, como aos centros e ás familias.

Con este adianto, está previsto que o curso 2022/2023 poida iniciarse antes que en anos anteriores en todas as etapas, o que facilitará a conciliación da vida laboral das familias.

Arévalo reesctructura o seu goberno a piques de chegar ao ecuador da lexislatura

0

No Pleno da Corporación Municipal do Concello de Mos celebrado o pasado 29 de marzo produciuse a toma de posesión por parte do concelleiro do grupo municipal de goberno, José Areal Giráldez, sobre o que a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, adiantou na sesión plenaria que sería o edil responsable da concellería de Deportes.

Pois ben, esa non é a única novidade que implica a incorporación de Areal ao equipo de goberno local, senón que supón unha reestructuración das delegación que se produce cando queda xa moi pouco para chegar á metade da lexislatura.

Ademais de Deportes, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, aposta por José Areal para xestionar Urbanismo e asígnalle Patrimonio ao edil Leo Costas, que ata o de agora xa levaba as concellerías de Medio Ambiente Sostible, Mocidade, Emerxencias e Novas Tecnoloxías.

“El é un home que coñece moi ben o mundo do deporte porque foi presidente dun dos clubes máis importantes do noso municipio, a Unión Deportiva Mos, e foi tamén xogador da UD Mos e do Club Louro Tameiga, polo que ten un amplo coñecemento do tecido asociativo deportivo mosense e estou segura de que ten un gran perfil para dirixir os departamentos municipais tanto de Deportes como de Urbanismo”, declarou Arévalo sobre o concelleiro José Areal.

Por outra banda a rexedora local mosense asígnalle a concellería de Participación Cidadá a Sara Cebreiro, carteira que se suma ás súas competencias actuáis nos departamentos de Política Social e Igualdade, e Cultura e Turismo.

A continuidade imponse nos casos dos outros 5 concelleiros/as do equipo de goberno local. A edil Julia Loureiro segue a levar as concellerías de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Educación, Persoal e Réxime Interno, e Mobilidade.

Alberto Méndez Lago, leva as concellerías de Facenda, Contratación, Transparencia e Bo Goberno.

O tenente alcalde, Camilo Augusto, dirixe as concellerías de Desenvolvemento Urbano e Revalorización de Espazos Públicos, Vías e Obras, e Coordinación coas Asociacións Veciñais.

Baldomero Lorenzo encárgase de Servizos para a Mellora do Entorno Eural e Urbano e Parques e Xardíns.

E Gonzalo Alonso Táboas continúa coas concellerías de Alumeado e Eficiencia Enerxética e Recollida de Residuos.

Sobre os cambios realizados no goberno local a alcaldesa salientou que “son realizados pensando sempre en mellorar, en prestar mellores servizos á veciñanza e respostar óptimamente ás súas demandas, necesidades e prioridades; pensando en seguir a construir o Mos das persoas, un territorio de oportunidades poñendo a Mos e aos mosenses por riba de todo”.

Tomiño retoma a programación cultural co espectáculo “Só.”, do artista Xampatito Pato

0

A programación cultural volve a Tomiño o vindeiro 25 de abril. Será no Auditorio de Goián a mans do artista Xampatito Pato, co seu espectáculo “Só.”, unha auténtica revelación na escena circense.

O artista pasou polos principais festivais de circo e rúa, e tamén estivo en diversos teatros de todo o país. “Só.” recibiu múltiples premios e recoñecemento, unha proposta de malabares elegante e divertida, cunha disciplina pouco estendida como a “cigar box”, que sorprende pola súa orixinalidade: un personaxe obsesivo, cuadriculado e meticuloso, un ser único na súa especie rodeado dun sin fin de caixas que escapan ao seu control e coas que xoga para dar forma ao seu mundo. Do caos xorde un universo delirante onde inventa a risa, creando unha loucura cómica e transformándose nun novo ser cunha nova figura.

O espectáculo será ás 17:30 horas, é apto para todos os públicos e terá unha duración aproximada de 50 minutos. A entrada terá un prezo de 3 euros para as persoas maiores de 12 anos e de 1,5 euros para as menores desa idade. Pódese reservar praza a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ao 986 62 20 01.

Dolores Rodal doa ao Concello de Tui un cadro de Ricardo Padín de 1870

0

A tudense Dolores Rodal García vén de doar ao Concello de Tui o cadro “Vista de Tui” pintado polo artista tudense Ricardo Padín en 1870. O acto formal da entrega tivo lugar o pasado venres, 9 de abril, no salón de plenos da Casa do Concello.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto a membros da corporación, recibiu a doazón deste cadro da man de Dolores Rodal e dos seus familiares.

Neste acto, tras a sinatura do correspondente documento de doazón, Dolores Rodal expresou o seu desexo e o da súa familia de que esta obra que chegara ao poder dos seus antepasados se incorporase á custodia do Concello tudense para que fose contemplado polo veciños e enriquecese o patrimonio municipal.

Pola súa banda, o alcalde Tui agradeceu, en nome propio e da Corporación Municipal, o xeneroso xesto de Dolores Rodal e a súa familia. Enrique Cabaleiro reiterou a gratitude en nome dos veciños e veciñas de Tui con Dolores Rodal García e a súa familia que expresan deste modo o seu compromiso de cariño coa nosa cidade.

Esta obra pictórica ten gran interese histórico pois recolle unha visión de Tui e Valença co río Miño, previa á construción da Ponte Internacional.  Pasará a estar nun lugar visible da Casa do Concello.

Características da obra:

  • “Vista de Tui”
  • Dimensións 113×91 cm.
  • Técnica: óleo sobre lenzo
  • Data: 1870 (figura na obra)
  • Autor: Ricardo Padín, pintor tudense da segunda metade do século XIX con obra dispersa en domicilios e coleccións privadas. Conta cunha técnica depurada e formalista. E pai do afamado pintor e debuxante Eduardo Padín Rodríguez.
  • Descrición: vista de Tui dende a Alameda de San Domingos, inxerida no debuxo dun escudo oblongo que no seu bordo superior leva o nome do autor ·R. PADIN” e no inferior figura escrito: “A LA SOCIEDAD RECREATIVA DE TUY” figurando por baixo a data de 1870. A composición pretende ser naturalista, colocando en primeiro plano unha pastora con ovellas e cabras para sinalar o aspecto bucólico e idealizado da representación que contrasta coa fidelidade na representación da paisaxe de Tui e Valença xunto co río Miño.

“Medrando entre todos/as” xa leva tres meses de actividade

0

A iniciativa “Medrando entre todos/as” conxunta dos concellos de Mondariz e Covelo supuxo a contratación de 26 persoas: 10 na especialización en atención sociosanitaria, 10 na especialización en traballos forestais e de xardinería, e 6 en administración e docencia. Trátase do primeiro obradoiro de emprego que acolle o Concello de Mondariz en 15 anos.

No ámbito da dependencia, as persoas que participan no obradoiro están realizando unha formación práctica vinculada a dous certificados de profesionalidade de nivel 2: atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións.

Esta capacitación profesional é moi importante para atender as necesidades dunha poboación cada vez máis avellentada, e estáse a levar a cabo nas instalacións municipais de Pé de Muíño (Riofrío).

Tamén realízanse traballos de recuperación ambiental que están realizando na Cela dentro do ámbito forestal. O acondicionamento desta parcela municipal, a través de “Medrando entre todos/as”, convertida en cascalleiro despois de anos de abandono, permitirá o futuro desenvolvemento dun albergue turístico no Concello de Mondariz.

Este proxecto estratéxico para promover o turismo na localidade xa está en marcha, coa tramitación do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) da Cela iniciado polo goberno municipal.

A Xunta publica hoxe no DOG a convocatoria para solicitar a partir de mañá as axudas do Bono Enerxía Peme e Comercio

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para solicitar as axudas do Bono Enerxía Peme e Comercio, que ten como obxectivo axudar a pemes e autónomos dos sectores máis afectados pola pandemia a renovar as súas instalacións enerxéticas.

Enmarcada no Plan de axudas ao comercio galego, esta nova liña de apoios, coa que se prevé chegar a 1000 pemes e autónomos, conta cun orzamento de 3 millóns de euros, co obxectivo de mobilizar ao redor de 5M€, aforrar 300.000 euros ao ano na factura enerxética destas empresas e negocios, reducir o consumo enerxético de 3000MWh/ano –o impacto equivalente na redución de CO2 de plantar 45.000 árbores–, así como crear ou manter ao redor de 70 postos de traballo.

Os apoios da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación serán de concorrencia non competitiva e terán unha intensidade do 80% ata un máximo de 6000 euros por centro de traballo. Ademais, os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50% sen necesidade de presentar avais. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro o 30 de xuño, ou ata que se esgote o crédito, mentres que as actuacións poderán terse executado desde o pasado 1 de xaneiro e ata o vindeiro 30 de setembro.

As axudas poden destinarse á mellora da envolvente a través de toldos ou láminas de control solar ou térmico; á renovación dos equipos de iluminación interior ou exterior; á mellora das instalacións eléctricas; á renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras ou secadoras, entre outros; así como equipos para a redución do consumo enerxético nas instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Tamén se poderá utilizar para sistemas domóticos e inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto de xeito máis eficiente.

Con esta nova medida, o Goberno galego busca diminuír o consumo de enerxía, aumentando a eficiencia enerxética e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible, así como reducir a factura de enerxía das pemes e autonómos, aumentando a súa competitividade.

O programa enmárcase no Plan de axudas ao comercio galego, sumándose así aos Bonos Activa Comercio, unha medida coa que se prevé beneficiar a 330.000 clientes a través de bonos desconto de 30 euros cos que se mobilizarán máis de 55M€ en vendas nos establecementos de proximidade; e ao programa Renove Electrodomésticos, co que se agarda mobilizar 10,5M€ e chegar a 20.000 fogares.

Estas iniciativas teñen como obxectivo incentivar o consumo, favorecendo, deste xeito, a súa recuperación. De feito, entre estas tres iniciativas –o Bono Enerxía Peme e Comercio, o Bono Activa Comercio e o programa Renove Electrodomésticos–, a mobilización prevista poderá superar os 70M€.

A Guarda, concello de Pontevedra con maior taxa de doazóns de sangue no 2020

0

A directora da Axencia Galega de Doazóns de Sangue (ADOS), Marisa López García, remitiu fai uns días unha carta ao alcalde da Guarda, Antonio Lomba, para facer constar o agradecemento e a axuda recibida do Concello da Guarda coa labor de sensibilización social a prol da doazón de sangue.

A Axencia de Doazóns de Órganos e Sangue é un servizo esencial no soporte da actividade asistencial dos nosos hospitais e as especiais dificultades que estamos a vivir trala declaración da pandemia. Así e todo a colaboración cidadá foi encomiable en Galicia o que supuxo poder atender as necesidades que se presentaron.

Dende ADOS e dende o Concello da Guarda se quere felicitar aos veciños e veciñas da vila “que unha vez máis volveron a destacar como con concello de maior taxa de doazóns de sangue da provincia de Pontevedra”, con 700 doazóns de sangue no ano 2020, o que representa 70 doazóns por cada 100.000 habitantes e ano, por riba das 40/100.000 habitantes que marca a OMS.

Alumnado do Programa Integrado de Emprego de Mos realizan un curso de programación de robots nunha empresa local

0

11 usuarios do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos están a realizar un curso de programación de robots industriais nas instalación da empresa Unimate Robótica, S.L. (Monte Faquiña). A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Promoción Económica, Julia Loureiro, visitaron aos alumnos e “a importancia de accións formativas deste tipo, innovadoras, adaptadas á demanda industrial dos tempos actuáis, e moi vencelladas a un dos sectores máis potentes como é o da automoción”

Estas accións –engade a alcaldesa de Mos– representan un claro exemplo dunha formación para o emprego eficiente que permitirá realizar ao alumnado, a posteriori, unha búsqueda proactiva de emprego con altas probabilidades de éxito”.

Este curso comezou o 5 de abril e rematará o día 16 deste mesmo mes. En total son 40 horas de formación (20 teóricas e 20 prácticas). Está sendo realizado por 11 usuarios do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos con perfís científico-tecnolóxicos moi ligados a industria 4.0, aos que se lles imparten os coñecementos necesarios para desempeñarse a nivel profesional no mundo da robótica industrial coñecendo as tecnoloxías máis actuáis asociadas ao robot.

Nesta formación dáselle unha gran relevancia á parte práctica, xa que o contacto do alumno co robot é o mellor método para aprender e entender o mundo da robótica, simulando probemas reais que aparecen no traballo diario con robots. Os docentes cos que contan os alumnos deste curso son destacados técnicos especializados, profesionais desta área industrial, con ampla experiencia en proxectos de robótica das principais empresas do sector da automoción.

Con este curso o alumnado adquirirá unha sólida base de coñecementos e práctica para a programación de robots industriais. Especialmente deseñado para persoas vencelladas ao mundo das novas tecnoloxías, a automatización, e a robótica industrial; estudantes de informática, electrónica, electricidad, organización industrial… e todo tipo de perfís derivados da educación técnica.

O VI Programa Integrado de Emprego 2020-21 prolongarase ata o 8 de novembro de 2021, subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia con 250.000 €. O custo total do proxecto é de 313.283,21 €, polo que o Concello asume o importe non subvencionado.

Participan no programa, 30 persoas pertencentes a colectivos con maiores dificultades: persoas desempregadas con discapacidade, persoas desempregadas en risco de exclusión social (incluidas as perceptoras de Risga) e persoas desempregadas menores de 30 anos con baixa cualificación, e 70 persoas dos seguintes colectivos: persoas desempregadas menores de 30 anos cualificadas; persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios de desemprego ou renda de inserción activa de inserción (RAI); mulleres desempregadas; persoas desempregadas de longa duración. A porcentaxe de menores de 30 anos (con cualificación e sen cualificación) que se interesaron polo programa foi importante (o 53 %).

O Concello de Oia entrega 19 novos composteiros entre a veciñanza

0

O Concello de Oia continúa co seu programa de promoción da compostaxe doméstica, nesta ocasión a través do reparto de 19 novos composteiros individuais que nos últimos días foron entregados ás veciñas e veciños que os tiñan solicitado durante o prazo habilitado o pasado mes de novembro.

Ademais de recoller os seus dispositivos para compostaxe, as persoas beneficiarias do programa participaron nunha charla explicativa sobre o uso dos composteiros. A charla foi impartida por un técnico de Sogama no centro sociocultural de Pedornes na tarde do pasado venres.

As veciñas e veciños que reciben un composteiro do programa municipal quedan comprometidas a participar nas labores de inspección que programe o Concello a fin de comprobar o correcto uso do dispositivo entregado.

Promoción da compostaxe doméstica

A nova partida, procedente dunha achega de Sogama, forma parte do programa de promoción da compostaxe doméstica que está a desenvolver a Administración local, e que consiste na entrega de composteiros individuais entre a veciñanza.

Dentro deste programa municipal, desde o ano 2019 Concello leva entregados un total de 69 composteiros, algúns recibidos a través de Sogama e outros correspondentes ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

O Concello de Oia anima á veciñanza a empregar os composteiros nos seus fogares e lembra que a compostaxe é unha oportunidade para reciclar os residuos orgánicos: o compost que se fabrica (rico en materia orgánica e minerais) pode ser reutilizado nas hortas domésticas por ser un bo fertilizante para o solo.

Beneficios da compostaxe

O compost é un excelente abono para as hortas domésticas, pois contribúe a que as plantas teñan maior resistencia ás pragas e enfermidades sen necesidade de empregar fertilizantes artificiais e pesticidas. Así mesmo, este produto natural resulta beneficioso para a estrutura e a saúde do solo.

Ademais, o tratamento de restos orgánicos a través da compostaxe axuda a diminuír a produción de residuos, pois a materia é reutilizada en vez de ser botada aos colectores de lixo.

As axudas da Xunta ao sector escénico propician o reencontro co público dunha trintena de espectáculos

Unha trintena de espectáculos producidos en temporadas anteriores están xa a ter unha nova vida grazas a diferentes proxectos para a súa recuperación, que contan co apoio da Xunta a través da liña extraordinaria de axudas ao impulso do sector escénico galego.

Estas axudas, resoltas en novembro do ano pasado no marco do Plan de Reactivación do sector cultural, traducíronse na adxudicación de 500.000 euros a catro salas de exhibición e 38 compañías de teatro, danza, novo circo e maxia co obxectivo de relanzar montaxes que viron afectada a súa exhibición polas restricións sanitarias.

Máis 75% das formacións beneficiarias remataron ou están a rematar a recuperación destes espectáculos mediante o desenvolvemento de diferentes modelos de residencias artísticas, que na meirande parte culminan co seu reencontro co público a través de funcións escénicas, pero tamén doutras actividades de mediación cultural.

Proxectos xa rematados

É o caso de Sarabela Teatro, que retomou O secuestro da bibliotecaria cunha residencia na Casa da Cultura de Barbadás, unha serie de funcións para público familiar e escolar, e a presentación da súa unidade didáctica na Biblioteca Pública Nós de Ourense. Tamén Producións Teatrais Excéntricas realizou unha estadía na Casa da Cultura de Outes para volver ensaiar a súa versión de Medida x medida, de Shakespeare, cara ao seu posterior regreso aos escenarios.

Sarabela Teatro. O secuestro da bibliotecaria

Así mesmo, entre as compañías teatrais que xa levaron a cabo estas residencias atópanse Teatro do Noroeste con As virxes salvaxes no Centro Sociocultural de Agrón (Ames), Ningures Produción con O agrocho no Auditorio Municipal de Cangas, Talía Teatro en Cee con Voa, voa! e Bicos con lingua, Ibuprofeno Teatro con O mel non caduca na Azucreira de Portas ou A Xanela do Maxín con A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza no Auditorio de Negreira.

12 compañías de danza

Pola súa parte, a danza tivo un especial tratamento nesta convocatoria, que reservou 100.000 euros para proxectos desta modalidade artística, dos que resultaron adxudicatarias 12 compañías. Entre elas, Carlota Pérez con Límites, La Macana con Keep Going e Pink Unicorns ou Paula Quintas cun programa residencias, exhibición e mediación no Teatro Principal da Estrada.

A Unidade Móbil de Inspección Técnica de Ciclomotores estará en Tomiño os días 22 e 23 de abril

0

A unidade móbil de inspección técnica de ciclomotores desprazarase a Tomiño durante os días 22 e 23 de abril. O lugar do seu emprazamento será en A Rocha nº 8, na explanada fronte á Policía Local.

O horario para as inspeccións será de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas o día 22. O día 23 as inspeccións realizaranse só en horario de mañá.

Poderase reservar cita previa a través do teléfono 902 30 90 00 ou a través da páxina web www.sycitv.com.

A Alcaldía do Porriño denega un pleno extraordinario solicitado polo PP “ao non constar acrecitada a autenticidade das firmas dos concelleiros”

A Alcaldía do Porriño deu a coñecer a denegación á convocatoria de Pleno Extraordinario que solicitaba o grupo municipal do Partido Popular. Os motivos para dita denegación son o “non constar acreditada a autenticidade das firmas e a vontade dos concelleiros solicitantes” e, como consecuencia a ese feito, a solicitude de Pleno “non ven correctamente firmada polo número necesario de concelleiros”, unha cuarta parte dos membros da Corporación.

A resolución da Alcaldía, segundo explica o Concello do Porriño, basease no exame da solicitude de Pleno e da acreditación dos concelleiros firmantes ao cotexalos con outros documentos existentes no Concello.

Dese ‘análise’ e segundo a Alcaldía porriñesa resulta que “só o voceiro, Alejandro Lorenzo presenta solicitude e firma electrónica con certificado recoñecido”.

A resolución da Alcaldía é concluínte ao engadir que “respecto da acreditación da identidade, firma e declaración do resto de concelleiros firmantes, só consta un garabato ou simulacro de firma ao final do documento”.

A maiores precísanse irregularidades como: “non se identifica a autenticidade dos firmantes co seu nome e apelidos; non se identifica a autenticidade dos firmantes co seu DNI e non se formula a solicitude mediante documento ou firma electrónica como alternativa”.

Antes de firmar o decreto de denegación, a alcaldesa reuniuse co secretario xeral do Concello para consultar o caso. O voceiro do PP, Alejandro Lorenzo –afirma o Concello do Porriño–, “xa ten coñecemento da denegación da que foi informado polo Secretario”.

O Concello de Baiona finaliza as obras de mellora do camiño Fonteloureira en Belesar

0

O Concello de Baiona vén de dar por finalizados os traballos de mellora do camiño de Fonteloureira, en Belesar, obras que foron visitadas polo alcalde de Baiona, Carlos Gómez, acompañado polo concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez.

Desde a Concellería de Vías e Obras, Óscar Martínez, sinala que con este proxecto de mellora do vial “levouse a cabo a renovación do firme coa aplicación dunha nova capa de rodadura e o arranxo da base nas zonas máis danadas. Tamén se procedeu á mellora da drenaxe mediante a realización dunha cuneta de formigón que recollerá e canalizará as pluviais. Así mesmo, procedeuse á limpeza das marxes do camiño”.

A obra, realizada por Construcciones Fechi, supuxo un investimento de 34.970,88 euros e foi financiada polo Concello de Baiona e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

Pola súa banda, o alcalde, Carlos Gómez, sinalou que con esta obra “favorecemos a conexión existente entre o barrio de Estivada co barrio do Urgal, conseguindo unha mellora na seguridade e comodidade de todas as veciñas e veciños. Esta obra súmase a unha de tantas que o noso goberno está a realizar nas parroquias, co fin de mellorar as condicións das mesmas”.

Luis López salienta o “gran valor social” dos Premios Cidade de Tui

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, salientou hoxe o “gran valor social” dos Premios Cidade de Tui durante a gala de entrega dos galardóns celebrada este mediodía no Teatro Municipal da Área Panorámica con motivo da xornada de clausura das Festas do San Telmo 2021.

O representante autonómico, que entregou o premio, a título póstumo, concedido ao animador e divulgador Alberto Estévez Piña, trasladou os parabéns da Xunta de Galicia aos galardoados, entre os que tamén figuraban a Residencia San Telmo, xestionada polas Hermanitas de los Ancianos Desamparados dende 1882, e o escultor Silveiro Rivas.

Luis López agradeceu ao Concello e á sociedade tudense “o seu compromiso co recoñecemento público aos grandes defensores e embaixadores da vida económica, social e cultural deste municipio a través destes premios” e destacou a importancia da posta en valor “da xente que traballa na consecución dos fitos colectivos nunha vila tan antiga, tan rica en historia e de tanta importancia para Galicia”.

Polo demais, o delegado territorial tamén valorou moi positivamente a celebración das Festas do San Telmo, das máis coñecidas da comunidade galega, con seis xornadas cheas de actos “que se desenvolveron sen ningunha incidencia misturando os estritos protocolos de seguridade sanitaria con eventos virtuais para poder ir recobrando pouco a pouco a normalidade da vida social sen deixar de manter a raia a ameaza da covid-19”.

“Quero destacar e agradecer a gran responsabilidade e o compromiso do pobo de Tui para celebrar o San Telmo aceptando estas necesarias limitacións, pero amosando a todo o mundo que podemos ir recuperando paseniñamente e con moito coidado a nosa vida social, que é algo que agardamos que poida acelerarse a medida que segue a avanzar o proceso de vacinación”, concluiu Luis López.

David Regades entrega as chaves dos locais para unha escola infantil no polígono da Granxa

O delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, entregou as chaves dos locais do Consorcio no Polígono da Granxa á empresa Trastes, que abrirá unha escola infantil. Ao acto asistiu a alcaldesa de Porriño, Eva García de la Torre; o presidente da Entidade Urbanística de Conservación, Indalecio Cuevas, e o seu xerente, David Sobral; así como responsables da empresa, dirixida por Beatriz Cabaleiro.

Trátase de seis locais na planta baixa do Centro de Servizos de Zona Franca na Granxa cunha superficie total de 318 metros cadrados cadrados con 75 de zona exterior. Trastes ofrecerá un total de 74 prazas de 0 a 3 anos, así como servizos complementarios de 3 a 8 anos. A duración do contrato será de 15 anos.

David Regades manifestou o seu total apoio a este proxecto xa que “é fundamental para que a xente que acode a diario a traballar na Granxa poida conciliar a vida familiar e a laboral”. Os parques empresariais de Zona Franca, engadiu, “son máis que recintos onde hai naves, son espazos económicos que se dotan de servizos para ser máis adecuados para reter o talento e isto facilita a integración de nais e pais no mercado laboral.”

A escola infantil do polígono da GRanxa estará dirixida por Beatriz Cabaleiro Fernández, que conta cunha dilatada experiencia nesta etapa educativa a través dos diferentes centros infantís Trastes. Beatriz Cabaleiro agradeceu a todos os que fixeron posible que se instale a escola infantil na Granxa e subliñou que “a estimulación temperá para o desenvolvemento de habilidades, nunha contorna bilingüe e chea de agarimo e cordialidade non se podería desenvolver en mellor lugar que este”, ademais de engadir que “estamos a falar dun proxecto educativo e leste é o piar do noso futuro”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Porriño, Eva García de la Torre, destacou que “como institucións públicas tócanos favorecer a conciliación e pensar que o futuro é moito mellor e temos que facilitar que o traballo teña apoios para coidar dos fillos”.

A adecuación do local farase de maneira inmediata co fin de poder poñer en marcha a escola infantil no menor tempo posible.

A Xunta convoca os premios extraordinarios de Formación Profesional de Grao Superior

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta vén de convocar os premios extraordinarios de Formación Profesional de Grao Superior correspondentes ao curso 2019/2020 para o alumnado que rematou os seus estudos no ano 2020.

En total a Xunta convoca ata 23 premios extraordinarios, un por cada familia de Formación Profesional de grao superior implantada en Galicia. Poderán optar a estes premios os estudantes que obtiveran unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos, entre outros requerimentos.

O prazo de presentación de solicitudes para optar aos galardóns estará aberto ata o día 12 de maio. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou directamente desde a propia aplicación PremiosEdu.

O obxectivo destes galardóns é recoñecer publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de Formación Profesional de grao superior en Galicia e enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Xunta para a posta en valor e fomento da excelencia dentro do sistema educativo galego.

A dotación orzamentaria para estes premios é de 19.550 euros que se distribuirán entre os galardoados na mesma contía, de 850 € por alumno. Ademais da correspondente dotación económica, a obtención destes premios dálle dereito ao alumnado a concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional de formación profesional de grao superior.

A Deputación pon en marcha a quinta edición dos cursos de español para persoas inmigrantes

A Deputación de Pontevedra vén de lanzar a quinta edición dos cursos de español para persoas inmigrantes, a iniciativa coa que a institución provincial apoia á poboación non hispanofalante a preparar e superar a proba DELE A2 (Diploma de Español Como Lingua Estranxeira), indispensable para que poidan logo solicitar a nacionalidade española. Ao igual que o pasado ano, haberá un total de 55 prazas nos tres cursos de 40 horas de duración que se desenvolverán nesta edición, dous en Vigo e un en Pontevedra.

Desde este luns 12 de abril e ata o día 30 deste mes (inclusive) as persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario que poden atopar na web da Deputación (www.depo.gal). As actividades arrancarán o 24 de maio en Vigo, co primeiro curso que se prolongará ata o 11 de xuño, en horario de 15.30 a 18.10 horas, e que ten un total de 20 prazas. Tamén na cidade olívica desenvolverase a segunda actividade formativa, desde o 14 de xuño ao 2 de xullo, de 9.30 a 12.10 horas, con 15 prazas. E do 13 de setembro ao 1 de outubro terá lugar o curso en Pontevedra, con 20 prazas, en horario de 9.30 a 12.10 horas.

As clases, ao igual que o pasado ano, desenvolveranse cun estrito protocolo anti Covid, que inclúe o uso obrigatorio de máscaras e a dotación de material de hixiene para garantir a seguridade. En caso de que a formación non se puidera impartir polas circunstancias de modo presencial, valorarase a posibilidade de realizala en remoto e, en todo caso, o seu desenvolvemento estará supeditada á normativa vixente en cada momento.

Nestes cursos poden participar persoas maiores de 16 anos que estean empadroadas nalgún dos concellos da provincia e se atopen en situación regular. Unha vez finalizados os cursos, o alumnado presentarase ao exame do DELE A2 que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo, que terá lugar o 10 de setembro para as persoas que participaron nos dous primeiros cursos e o 13 de novembro para as do terceiro curso.

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha esta iniciativa no ano 2017 co fin de facilitar lles ás persoas de países non falantes a consecución deste título e, por conseguinte, apoiar a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. Trátase dunha proba que require unha preparación previa e ten un custo económico que dificultan o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación e, polo tanto, favorecen procesos de exclusión social. A través deste programa, a institución provincial subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no DELE A2. Nas catro edicións anteriores, estas actividades tiveron un total de 235  participantes.

O pasado ano un total de 40 persoas superou a proba, o que supón un 80% do alumnado. A maioría das persoas participantes procedían de Marrocos, Brasil e Senegal, amais doutros países como Ghana, Mauritania, Quenia, Alxeria ou Nixeria.

O Rosal viaxará pola Galicia máxica este 17 de abril da man de Marta Ortiz

0

O Rosal continúa coa súa programación especial para este abril, mes do libro no municipio, coa que se busca convidar a toda a veciñanza a desfrutar da lectura e da literatura dende ben pequenos. Por este motivo, este sábado 17 de abril chega ao Auditorio Municipal rosaleiro (19.00 horas) Marta Ortiz co seu ‘Galicia máxica’, un espectáculo de balde para público infantil e familiar co que achegar a nenos e nenas ao patrimonio cultural galego dun xeito divertido.

Durante un bo anaco, o público poderá desfrutar dun espectáculo de narración oral, contacontos, música e manipulación de obxectos nos que tradicións galegas, romances, cancións e xogos serán protagonistas. Unha viaxe única pola Galicia máis sorprendente, chea de seres máxicos, cancións, xogos e tradicións que gardan con elas as costumes e o sentir dun pobo.

A entrada será gratuíta e con aforo limitado a 60 persoas polo que será necesario facer inscrición previa a través da web do Concello. A actuación desenvolverase cumprindo con todas as medidas e protocolos de seguridade marcados polas autoridades sanitarias.

E moito máis

A programación para este mes complétase cunha proposta interactiva na que se invita a toda a veciñanza a participar no concurso de fomento da lectura que se está a celebrar, para o que hai que enviar un vídeo recomendando un autor e un libro e mesmo lendo un parágrafo da obra. Ademais, membros do Club de Lectura do CPI Manuel Suárez Marquier están a facer as súas recomendacións de forma visual e diferentes rosaleiros e rosaleiras participarán na lectura de ’27 historias para tomar sopa’ poñéndose ante a cámara para ler as historias para nenos e nenas que recolle o libro.

Todas estas iniciativas estanse a difundir durante todo este mes de abril a través da web e das redes sociais do Concello xunto a un vídeo do alumnado do CPI lendo un conto, outro libraría do Rosal dando a coñecer o máis demandado nestes intres en literatura para diferentes idades e un vídeo promocional da Biblioteca municipal. Será precisamente a biblioteca e os seus usuarios e usuarias os protagonistas doutra actividade: o premio ao bo lector na categoría de Infantil, Xuvenil e Adulto, que se entregará o vindeiro 23 de abril.

Dende o Concello agradecen a colaboración desinteresada de todas as persoas que participan neste proxecto, iniciativas culturais tan necesarias nestes intres.

Areeiro recomenda realizar un tratamento preventivo contra o mildio nas viñas

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda a aplicación dun tratamento preventivo nas viñas contra o mildio, ante  as condicións meteorolóxicas previstas para as vindeiras xornadas.

O persoal técnico do centro incidiu en que aínda que as temperaturas das dúas últimas noites non foron compatibles co mildio, e a pesar de non ter atopado ningunha mancha nas viñas nas que se están a realizar revisións, é recomendable realizar un tratamento preventivo fronte a esta enfermidade. A previsión da maioría das axencias meteorolóxicas contempla a posibilidade de que as choivas previstas a partir deste martes se estendan durante algúns días, o que podería favorecer o desenvolvemento da citada patoloxía.

O III Campionato Open de Pesca Submarina Vila de Baiona celebrarase o sábado 17 de abril

0

Baiona acollerá o vindeiro sábado 17 de abril o III Campionato Open de Pesca Submarina Vila de Baiona. Un evento organizado polo Club subacuático Pérez-Sub, coa colaboración do Concello anfitrión, que reunirá a numerosos deportistas en augas de Cabo Silleiro.

O Campionato está incluído no Calendario Oficial da Federación Galega de Actividades Subacúaticas para a tempada 2021. Será Open aberto a deportistas FEGAS, sexan socios ou non do club, que queiran compartir unha mañá de pesca submarina. A súa duración será de 5 horas e aplicarase o regulamento vixente para os campionatos galegos desta modalidade.

A proba será individual con saída desde terra e consta de varias categorías: Senior, Veteranos, Feminina e Sub23. Os tres primeiros de cada categoría recibirán trofeo. Tamén se entregará un distintivo á peza maior conseguida no campionato.

Os quilos de peixes conseguidos durante a celebración desta terceira edición do campionato serán doados integramente á Fundación Casa Caridade Vigo-Hogar San José (Comedor Social), do mesmo xeito que aconteceu en edicións anteriores. Na anterior edición chegáronse a obter 200kg de peixe.

En 2021 é o terceiro ano que se celebra o campionato de pesca submarina Vila de Baiona organizado polo Club subacuático Pérez-Sub, un dos máis antigos e numerosos de Galicia, coa colaboración do Concello de Baiona.

O consistorio baionés ten un gran compromiso co deporte, punto que se viu confirmado polos medios facilitados por este municipio para a celebración do evento.

As edicións anteriores foron todo un éxito xa que se contou entre os participantes con varios campións de España e campións galegos chegados de toda Galicia e varias comunidades autónomas.

O campionato adaptouse aos momentos que estamos a vivir polo que conta cun protocolo Covid aprobado pola Xunta e a Federación Galega de Actividades Subacuáticas, e realizaranse as debidas probas aos deportistas inscritos.

SmartPeme oferta cinco novos obradoiros online para esta semana

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre como emitir un evento en liña de xeito profesional –divido en dúas xornadas–, como mellorala presenza promocionando as entradas do teu blog, como mellorar a sustentabilidade dun establecemento turístico e de como crear unha páxina profesional.

En concreto, este martes 13 impartirase o obradoiro Como emitir o teu evento en liña de maneira profesional VII – Crea con Canva e Photopea, estarán a cargo de Lara Taboada, Titulada Superior en Ensinos artísticos de Deseño Gráfico, quen falará da importancia dunha boa estratexia de comunicación empresarial en liña. No mesmo día, Laura Carrera, Graduada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá o obradoiro Mellora a túa presenza en liña promocionando as entradas do teu blog.

O mércores 14, Mariana Rosa, Graduada en Turismo, impartirá Como mellorar a sustentabilidade do teu establecemento turístico, obradoiro que plantexará a definición de Turismo Sostible, falará da Axenda 2030 e das boas prácticas no eido do turismo.

Para finalizar a semana, o xoves 15, será a quenda de Como emitir o teu evento en liña de maneira profesional VIII – OBS III a cargo Manuel Freire, experto universitario en Robótica e Impresión 3D, quen falará de todo o relacionado coa comunicación empresarial en liña. Por último, María Aller, Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá un taller titulado Crea unha páxina profesional con WordPress I, e falará das posibilidades que ofrece esta ferramenta.

Un mozo foi trasladado nun helicóptero medicalizado ao caer dunha bicicleta en Ponteareas

Un mozo resultou ferido de consideración esta onte pola mañá nunha zona de monte de Ponteareas despois de caer da bicicleta que manexaba, no lugar de Ganade.

O 112 Galicia recibiu a alerta da situación do home ás 10:00 horas, a través dun compañeiro do ferido con que iba en bicicleta.

Axiña, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado para atender ao mozo e no que foi evacuado ao Hospital da Coruña.

Ademais, para prestar apoio ao equipo médico desprazado na aeronave, desde o CIAE 112 Galicia alertouse á Policía Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Nigrán duplicará o número de beneficiarios do programa ‘Xantar na Casa’

0

O Concello de Nigrán ven de solicitar ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar a modificación do convenio de colaboración do programa ‘Xantar na casa’ para poder duplicar o número de usuarios, o que permitirá pasar dos 10 actuais a 20 en menos de tres meses de funcionamento en Nigrán, sendo o único municipio do Val Miñor que participa neste programa conxunto co Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar.

“Os novos beneficiarios, como os actuais, son fundamentalmente persoas maiores ás que este apoio lles garante unha alimentación saudable e unha maior independencia”, explica o alcalde, Juan González. Un día á semana (os venres no caso de Nigrán) reciben no propio domicilio 7 bandexas cos menús correspondentes listos para quecer no microondas e con todas as garantías sanitarias (inclúen pan, primeiro plato, segundo e postre), tendo un custe simbólico para o beneficiario de 1,76 € por menú (Concello e Xunta aportan o resto ata 6,60 €). Así, ‘Xantar na Casa’ está destinado a maiores de 60 anos e tamén a dependentes ou en risco de exclusión social. En Nigrán arrancou en xaneiro de 2021 con usuarios das parroquias de Chandebrito, Panxón, Priegue, Parada e Nigrán, sendo 9 deles anciáns dependentes (dous deles matrimonios) e unha persoa con discapacitada problemas de mobilidade. Agora se completará con outras dez persoas maiores.

“Forma parte do proxecto ‘Un Nigrán para todos’ , neste caso dirixido á incrementar a automonía persoal ao tempo que garantimos unha alimentación saudable facilitando tamén a conciliación das familias coidadoras”, resume o rexedor, quen avanza que se pedirá outra modificación do convenio se despois xurden más persoas interesadas.

“Está funcionando moi ben, os usuarios están contentos e temos esta lista de agarda que queremos cubrir. Moitos maiores que viven sos, especialmente do rural, non teñen a capacidade de ir a mercar os alimentos e poñerse despois a cociñar e, ademais, desexan manter a independencia de vivir nos seus propios fogares, este programa está a demostrar que é dunha gran axuda”, engade Bibiana Peixoto, edil de Asuntos Sociais, quen subliña ademais o escasísimo custe económico que supón para o beneficiario.

Os menús son completos e equilibrados, correctamente condimentados e cunha boa presentación, variados e adaptables ás necesidades das persoas beneficiarias, os seus gustos e hábitos, así como á gastronomía local e á época do ano (trátase dunha dieta basal de 630-840 Kcal., o que supón o 35% do volume enerxético diario total, que no caso dos anciáns oscila entre 1.800 e 2.400 Kcal). Desde ‘Xantar na Casa’ procuran especialmente o uso de produtos de orixe, elaboración ou transformación galega .

Ademais, ao comezo do servizo compróbase que as persoas beneficiarias dispoñan de microondas, frigorífico, enxoval e calquera elemento preciso para a preparación e inxesta dos xantares porque no caso de carecer deles póñense a súa disposición en réxime de depósito.

Desde unha perspectiva integral, ‘Xantar na Casa’ pode complementar ao servizo de axuda o fogar permitindo manter ao máximo a propia capacidade de independencia e autonomía e posibilitando a permanencia nos seus propios fogares nunhas condicións aceptables, evitando o desarraigo ou retardando posibles institucionalizacións.

Feridas dúas persoas nun accidente múltiple en Mos

0

Un accidente múltiple, con seis vehículos implicados, sáldase con dúas persoas trasladadas polos servizos sanitarios de urxencia, no concello pontevedrés de Mos.

O accidente tivo lugar pasados poucos minutos das 07:30 horas desta mañá na autovía A-55, sentido Vigo, concretamente á altura da gasolineira, ao seu paso pola parroquia de Tameiga. Así o indicaban os usuarios da vía que chamaron ao 112 Galicia para informar do sinistro.

Con estes datos, os xestores de Emerxencias 112 Galicia alertaron do sucedido a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes de Tráfico e aos membros do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos. Do mesmo xeito, informaron aos Bombeiros do Porriño e voluntarios de Protección Civil da localidade por se fose precisa a súa intervención.

Compre sinalar que o 112 Galicia solicitou a colaboración dos servizos de mantemento da vía para recuperar as condicións de seguridade.

A Deputación aproba o proxecto de mellora da mobilidade peonil no barrio da estación de Arbo

A Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde en Xunta de Goberno á mellora da mobilidade peonil na intersección das EP-5202 e EP-5203, no barrio do ferrocarril do concello de Arbo. Con esta actuación, que ten un orzamento de 663.200 euros, o ente provincial dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza.

As obras serán financiadas na súa totalidade pola Deputación a través dun convenio co Concello de Arbo, que aporta o 30% do orzamento cunha achega do Plan Concellos, e convértense no maior investimento do ente provincial en Arbo ata o momento. Con esta achega a Deputación dá prioridade aos peóns e peoas á vez que favorece a accesibilidade en toda a zona, revalidando así o seu compromiso coa mobilidade amable e sostible e a revalorización do espazo público como un dereito da cidadanía.

As actuacións levaranse a cabo nun tramo de case medio quilómetro situado entre a contorna da Capela de San Antonio e a estación de tren e comprenderán dúas zonas de actuación. Nunha delas, na contorna da capela onde entroncan as dúas estradas provinciais, instalaranse pasos elevados de peóns e peoas para darlles seguridade e realizaranse beirarrúas dun mínimo de 2,5 metros de ancho para enlazar coa zona de convivencia proxectada. Pola súa banda, dende o entronque das estradas cara a estación de tren de Arbo habilitarase a devandita zona de convivencia ao longo de 310 metros. Nela levarase a cabo unha senda cun ancho mínimo de 2,5 metros e plataforma única na zona de coexistencia de tráfico rodado e peonil, na que peóns e peoas terán preferencia.

Grazas a este investimento provincial melloraranse tamén as redes de abastecemento, saneamento e alumeado, apostando polo emprego dos recursos sostibles ao instalar 24 farois LED ademais de restaurar 12 unidades xa existentes.

A Xunta destaca a coordinación entre entidades e administracións para impulsar a integración laboral das persoas con discapacidade

0

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, e dos alcaldes de Nigrán e Gondomar, Juan González e Paco Ferreira, respectivamente, asistiron esta pasada semana á reapertura da caseta que o Centro Especial de Emprego Juan María de Nigrán ten no Paseo de Torrente Ballester. Alí destacou a necesidade de continuar traballando de maneira coordinada para impulsar a integración laboral das persoas con discapacidade.

O alcalde de Nigrán, Juan González, conversa con Marta Fernández-Tapias e Fernando González Abeijón

Fernando González Abeijón salientou o traballo que realiza a diario o centro Juan María Empleo para que os seus usuarios adquiran máis autonomía e melloren a súa calidade de vida. Neste senso, salientou o programa de formación dual subvencionado pola Xunta de Galicia e que permite a adquisición de habilidades necesarias para a integración no mercado laboral.

[su_image_carousel source=”media: 34224,34227,34225,34223″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

En concreto, esta formación dual trata de realizar proxectos baseados nun réxime de alternancia entre o emprego e a cualificación. Ao seu remate, os destinatarios saen capacitados para mellorar a súa inserción profesional e obteñen certificados de profesionalidade.

Nova colección

Un total de 10 persoas con discapacidade estanse a preparar no centro de formación da asociación en actividades auxiliares de comercio, ao tempo que contan cun contrato de traballo na tenda de roupa Juan María by Lolola, a división laboral do centro especial de emprego que está centrado na industria da moda inclusiva.

O Centro Juan María Empleo reabre esta caseta para presentar a nova colección de roupa Surfeando estrellas, baixo o abrigo da deseñadora viguesa Lola Rande. Será o segundo punto de venda da súa colección fóra do propio centro, despois do emprazado no centro comercial da Praza Elíptica de Vigo.

Neste mes comezarán as catas para o proxecto de supresión do paso a nivel do Porriño

A alcaldesa do Concello do Porriño, Eva Garcia de la Torre, autorizou esta pasada semana á empresa GOC, Consultoría e Ingeniería a executar as catas e sondaxes precisas para o proxecto de supresión do paso a nivel no Porriño. Tratase do estudo xeotécnico a incluír no proxecto construtivo que acomete ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias). GOC foi a adxudicataria en unión temporal de empresas coa firma Proínte para a redacción do devandito proxecto.

Segundo a documentación presentada pola adxudicataria, o obxectivo é determinar a estrutura xeolóxica dos terreos, tanto na área do paso a nivel a suprimir como ao longo dos posibles puntos onde sexa construída a nova estación do ferrocarril, xa sexa ao norte ou ao sur do Porriño. Actualmente, os redactores do proxecto están a valorar ata seis alternativas diferentes.

Os traballos xeo técnicos a desenvolver, que comezarán a longo deste mes de abril e durarán como máximo dous meses, consistirán en ensaios, catas e sondaxes tanto na vía do tren como nos terreos lindantes e tamén nas estruturas atravesadas polo trazado que poderían terse afectado polo proxecto que se decida.

A alcaldesa manifestou hoxe que “é unha nova fantástica xa que é a primeira vez que se chega tan lonxe nesta arela da veciñanza para acadar a eliminación do paso a nivel polo centro do Porriño”. O inicio das catas amosa, segundo Eva Garcia, “a normalidade coa que se traballa no Concello pois máis aló do balbordo político, estamos a xestionar con tranquilidade e as cousas avanzan razoablemente ben para transformar Porriño nunha vila moderna e alegre>”, rematou.

As sobreiras da Ermida da Madalena do Rosal, incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia

0

O conxunto de sobreiras da Ermida da Madalena do concello do Rosal acaba de ser incorporado ao Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, un rexistro público dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que figuran todas aquelas árbores e formacións que merecen unha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais.

Un logro que supón un recoñecemento do traballo para a posta en valor deste patrimonio natural único de grande importancia, para o que contou coa inestimable implicación da CMVMC das Eiras, con especial implicación do seu actual presidente, Xoán Carlos Gándara, promotor da iniciativa. “Para nós é importante que se recoñeza a riqueza histórica, ambiental e patrimonial que temos no municipio e estas árbores non soamente contaban coas condicións idóneas para ser incluídas no catálogo polo seu porte, senón tamén pola paraxe singular na que se atopan”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Na solicitude destacáronse os principais valores destas catro árbores singulares, pertencentes á especie Quercus suber con excepcionais características no seu porte e dendrometría, especialmente os tres exemplares de maior tamaño. Así, as árbores teñen un perímetro que oscila entre os 3,8 e os 4,3 metros e forman entre todas unha copa cunha base de forma elíptica de 32 m no eixo maior e 23 m no menor.

Outra das características que influíron na súa inclusión no catálogos son os seus notables valores estéticos e paixasísticos ao atoparse ao pé da capela da Madalena, ben de interese patrimonial catalogado, e o valor histórico do conxunto, situado a carón dun xacemento arqueolóxico. Ademais, a capela aparece mencionada en documentos do século XII como pertencente ao Mosteiro de Oia e tamén está acreditado que a zona serviu de emprazamento de pezas de artillería nas guerras con Portugal.

Este catálogo, que está en constante actualización, ten rexistrados neste momento case 179 elemenros de 80 especies diferentes elementos espallados por toda a comunidade galega, 157 exemplares individuais e 39 formacións arbóreas. Coa inclusión das sobreiras da Madalena no catálogo garántese a protección e conservación do conxunto, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente a súa integridade, saúde ou á súa aparencia e calquera proxecto a realizar necesitará autorización administrativa previa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta.