25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAs axudas da Xunta ao sector escénico propician o reencontro co público...

    As axudas da Xunta ao sector escénico propician o reencontro co público dunha trintena de espectáculos

    Sarabela, Excéntricas, Teatro do Noroeste, Ningures, Talía, Ibuprofeno, La Macana ou Carlota Pérez remataron xa o proceso de recuperación dos proxectos subvencionados, combinando residencias artísticas con representacións

    Unha trintena de espectáculos producidos en temporadas anteriores están xa a ter unha nova vida grazas a diferentes proxectos para a súa recuperación, que contan co apoio da Xunta a través da liña extraordinaria de axudas ao impulso do sector escénico galego.

    Estas axudas, resoltas en novembro do ano pasado no marco do Plan de Reactivación do sector cultural, traducíronse na adxudicación de 500.000 euros a catro salas de exhibición e 38 compañías de teatro, danza, novo circo e maxia co obxectivo de relanzar montaxes que viron afectada a súa exhibición polas restricións sanitarias.

    Máis 75% das formacións beneficiarias remataron ou están a rematar a recuperación destes espectáculos mediante o desenvolvemento de diferentes modelos de residencias artísticas, que na meirande parte culminan co seu reencontro co público a través de funcións escénicas, pero tamén doutras actividades de mediación cultural.

    Proxectos xa rematados

    É o caso de Sarabela Teatro, que retomou O secuestro da bibliotecaria cunha residencia na Casa da Cultura de Barbadás, unha serie de funcións para público familiar e escolar, e a presentación da súa unidade didáctica na Biblioteca Pública Nós de Ourense. Tamén Producións Teatrais Excéntricas realizou unha estadía na Casa da Cultura de Outes para volver ensaiar a súa versión de Medida x medida, de Shakespeare, cara ao seu posterior regreso aos escenarios.

    Sarabela Teatro. O secuestro da bibliotecaria

    Así mesmo, entre as compañías teatrais que xa levaron a cabo estas residencias atópanse Teatro do Noroeste con As virxes salvaxes no Centro Sociocultural de Agrón (Ames), Ningures Produción con O agrocho no Auditorio Municipal de Cangas, Talía Teatro en Cee con Voa, voa! e Bicos con lingua, Ibuprofeno Teatro con O mel non caduca na Azucreira de Portas ou A Xanela do Maxín con A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza no Auditorio de Negreira.

    12 compañías de danza

    Pola súa parte, a danza tivo un especial tratamento nesta convocatoria, que reservou 100.000 euros para proxectos desta modalidade artística, dos que resultaron adxudicatarias 12 compañías. Entre elas, Carlota Pérez con Límites, La Macana con Keep Going e Pink Unicorns ou Paula Quintas cun programa residencias, exhibición e mediación no Teatro Principal da Estrada.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.