A Semana das Ciencias de Ponteareas chega, neste mércores, ao seu ecuador. A pandemia, as lóxicas precaucións e medidas de seguridade sanitaria, fixeron que esta edición tivera que reinventarse, literalmente falando, para manter unha iniciativa que logo de cinco anos, é un referente a seguir tanto dentro coma fora de Galicia.
Nesta quinta edición, como explica a concelleira de Ensino e alcaldesa en funcións, Cristina Fernández Davila, houbo que facer cambios importantes para non perder o espírito con que naceu a actividade. Así, ante a imposibilidade de incluír o Museo das Ciencias dentro da Semana propiamente dita, como en edicións anteriors, optouse por facelo do 6 ao 9 e “a verdade é que resultou moi ben a pesar da necesidade de reinventarse porque non hai que esquecer que a máxima deste Museo é Prohibido non toca e, xustamente agora, non se pode facer iso”, explica Cristina Fernández.
Pese a todas as dificultades propias dun estado de pandemia, a actividade desenvolvida por Jesús Fernández e Amparo Francos “é que este ano a diriximos aos centros de ensino de primaria a través de video conferencia”, explica a concelleira, resultou todo un éxito. “Amais de amosarlles experimentos interesantes –apunta Cristina Fernández– unha vez acabados estes o alumnado tivo tempo de preguntar, de volver a reclamar a atención sobre algún experimento que lles gustou ou sobre un obxecto que lles chamou a atención ou que lles gustou especialmente”.
Pero a crise da COVID-19, non só incide directamente sobre o desenvolvemento das actividades, senón tamén sobre o seu custe. “Ao estudar como realizar esta Semana das Ciencias, tiñamos que ver de facela atractiva para o alumnado e para os centros educativos e, ao mesmo tempo, que se puidera compaxinar co custe”, afirma a concelleira de Ensino. Non se pode esquecer, engade, “que calquera cousa que se faga agora ten o dobre de custe”.
E pon Cristina Fernández, un exemplo claro. En pasados anos, a Concellería que ela dirixe, desenvolvía iniciativas co alumnado dos centros educativos nas que se levaban a nenos e nenas de dúas ou tres clases en autobuses para realizar actividades no exterior e, do mesmo xeito, desenvolvíanse actividades para 200 ou 300 nenos no auditorio municipal –obradoiros, teatro, música…–. “Agora é imposible”, afirma Cristina Fernández. “Onde antes contratabas unha actividade para catrocentos alumnos agora temos que contratar actividades para grupos de 25 e iso o fai case que inviable”.
Pero a Semana das Ciencias aguanta e, en circunstancias excepcionais como esta, amosa a súa fortaleza. O segredo? O traballo colectivo. “Todo o que se fai dende unha Concellería, que é o que me atinxe, ten que ser e debe ser un traballo colectivo. Non pode haber un iluminado porque se o hai, a cousa ten data de caducidade”. Por contra, asegura, “se é unha idea que atrae a todos, que os fai partícipes, non só limítanse a colaborar senón que propoñen ideas e poden incluso organizarla. Se o fas así, ao final tes un colectivo implicado que non vai a deixar desaparecer esta actividade nunca, e iso é o que pretendo eu”.
O certo é que a Semana das Ciencias, que comezou como un ‘experimento’, non só se consolidou senón que converteuse nun referente dentro e fora de Galicia. “Dá un pouco de vertixe. O primeiro ano presentei a idea ante os centros educativos, expliqueilles que sería moi interesante amosar na rúa o que se fai nos centros en materia de ciencias, que os demáis centros educativos o miren pero que tamén o mire a xente… e de súpeto comezaron a aparecer achegas interesantísimas, ‘poderíamos achegar algo para os profes… e podíamos facer isto, e podíamos facer aquilo”.
Logo, o que comezou como un experimento deuse a coñecer internacionalmente e, como lembra Cristina Fernández, “presentamos a nosa idea a un congreso europeo e restula que alí démonos de conta que o noso proxecto era mellor que o de Santiago, mellor que o de París, igual a un que se facía en Alemaña e similar tamén a un que se facía no norte de Italia”.
Indubidablemente a pandemia, que como todo na vida, acabará pasando –non hai mal que cen anos dure…– volverá a permtir que a Semana das Ciencias de Ponteareas que non amosa ningún tipo de ‘fatiga’, volva a recuperar un obxectivo que, ao marxe dos experimentos ou interesar aos rapaces e rapazas na rama científica, as veces pasa desapercibido para moitos pero non así para Cristina Fernández, “as actividades tiñan outros elementos alleos ao experimento que ías facer ou á charla que ías escoitar; o alumnado aprende a comportarse a manter unha orde, un silencio, a intercontectar tanto emocionalmente como socialmente con outro alumnado diferente de outros centros e doutras idades, que fan cousas distintas. Iso o perdemos e iso realmente era o espírito desta Semana das Ciencias”.
Mentres a normalidade que todos desexamos non chega, a Semana das Ciencias mantén o tipo e, ao longo de toda esta semana amosa a nenos e nenas, mozas e mozos, que a ciencia que é a que nos fai avanzar, é divertida porque, só se nos divertimos desenvolvendo un traballo ou realizando unha actividade, a poderemos facer ben.