7.9 C
Pontevedra
Mércores, 6 de Decembro de 2023
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz e Covelo inauguran o obradoiro dual 'Medrando entre todos/as'

    Mondariz e Covelo inauguran o obradoiro dual ‘Medrando entre todos/as’

    Con esta iniciativa conxunta creáronse 26 contratos de traballo de 9 meses

    O obradoiro dual “Medrando entre todos/as”, organizado conxuntamente polos concellos de Mondariz e Covelo, xa está en marcha. Este mércores, 30 de decembro de 2020, foi inaugurado oficialmente na sede da Escola Municipal de Música de Mondariz (antigo C.E.I.P. Riofrío-Vilar) coa presenza da delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro; o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, e o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.

    Durante o acto de inauguración, os dous alcaldes salientaron que este obradoiro de emprego foi froito dunha “colaboración intelixente e funcional” entre concellos veciños con desafíos semellantes en materia de desenvolvemento rural. A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, pola súa banda, felicitou aos concellos de Mondariz e Covelo por ter incluído no proxecto conxunto dous sectores que teñen boa inserción laboral, como o sociosanitario e o forestal.

    Nas últimas semanas ultimáronse os procesos de selección de candidatos/as para as 10 prazas da especialización en atención sociosanitaria, as 10 prazas da especialización en traballos forestais e de xardinería, e as 6 prazas de administración e docencia. Dos 26 contratos que se asinaron, cinco corresponderon a homes e 21 a mulleres.

    O alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, diríxese ao alumnado do obradoiro en presenza da delegada territorial, Luisa Piñeiro e o alcalde de Covelo, Pablo Castillo

    A formación teórica, que se levará a cabo nas aulas da Escola Municipal de Música de Mondariz, complementarase ao longo dos nove meses de contrato cunha capacitación práctica en Mondariz e Covelo. A especialización en atención sociosanitaria realizarase na residencia da terceira idade de Covelo, no centro de día de Mondariz e no SAF (Servizo de Axuda no Fogar) que se presta nos dous concellos. No caso da especialización en traballos forestais e de xardinería, a formación práctica levarase a cabo en parcelas de titularidade municipal, como a Cela e a Lagoa en Mondariz e o Souto e a Finca do Caseiro en Covelo.

    A especialización no ámbito da dependencia está vinculada a dous certificados de profesionalidade de nivel 2 (atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións), mentres que a especialización no ámbito forestal está relacionada con tres certificados de profesionalidade de nivel 1 (actividades auxiliares en aproveitaments forestais, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería).

    A iniciativa conxunta, que conta cun orzamento de 359.946,00 euros, está financiada principalmente pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, aínda que os concellos de Mondariz e Covelo tamén contribúen cunha achega de capital e outros recursos municipais.

    Tanto Mondariz como Covelo levan case dúas décadas (Mondariz, 15 anos; Covelo, 17 anos) sen contar cun obradoiro de emprego destas características, polo que os dous alcaldes celebran esta resolución positiva do seu proxecto conxunto. “Presentamos o proxecto conxunto en febreiro deste ano, despois de varios meses de traballo, porque somos concellos rurais concienciados coa problemática do despoboamento e somos plenamente conscientes de que é necesario crear novas oportunidades laborais para fomentar o asentamento de familias. A realización deste obradoiro de emprego, considerando o excepcional contexto de crise sanitaria e económica que estamos a vivir, non pode ser máis oportuna”, comenta o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros. Para o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, “este obradoiro de emprego, que é resultado do compromiso político e da colaboración efectiva entre institucións con problemáticas semellantes, permite fomentar a empregabilidade nos dous concellos e ofrece unha boa oportunidade para a formación de persoas en ámbitos laborais de gran proxección”.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.