Baiona acollerá o vindeiro sábado 17 de abril o III Campionato Open de Pesca Submarina Vila de Baiona. Un evento organizado polo Club subacuático Pérez-Sub, coa colaboración do Concello anfitrión, que reunirá a numerosos deportistas en augas de Cabo Silleiro.
O Campionato está incluído no Calendario Oficial da Federación Galega de Actividades Subacúaticas para a tempada 2021. Será Open aberto a deportistas FEGAS, sexan socios ou non do club, que queiran compartir unha mañá de pesca submarina. A súa duración será de 5 horas e aplicarase o regulamento vixente para os campionatos galegos desta modalidade.
A proba será individual con saída desde terra e consta de varias categorías: Senior, Veteranos, Feminina e Sub23. Os tres primeiros de cada categoría recibirán trofeo. Tamén se entregará un distintivo á peza maior conseguida no campionato.
Os quilos de peixes conseguidos durante a celebración desta terceira edición do campionato serán doados integramente á Fundación Casa Caridade Vigo-Hogar San José (Comedor Social), do mesmo xeito que aconteceu en edicións anteriores. Na anterior edición chegáronse a obter 200kg de peixe.
En 2021 é o terceiro ano que se celebra o campionato de pesca submarina Vila de Baiona organizado polo Club subacuático Pérez-Sub, un dos máis antigos e numerosos de Galicia, coa colaboración do Concello de Baiona.
O consistorio baionés ten un gran compromiso co deporte, punto que se viu confirmado polos medios facilitados por este municipio para a celebración do evento.
As edicións anteriores foron todo un éxito xa que se contou entre os participantes con varios campións de España e campións galegos chegados de toda Galicia e varias comunidades autónomas.
O campionato adaptouse aos momentos que estamos a vivir polo que conta cun protocolo Covid aprobado pola Xunta e a Federación Galega de Actividades Subacuáticas, e realizaranse as debidas probas aos deportistas inscritos.