8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Concello do Rosal busca a implicación da mocidade coa posta en...

    O Concello do Rosal busca a implicación da mocidade coa posta en marcha dun consello local propio

    Está integrado por persoas de diferentes idade, incluído alumnado do CPI, vencelladas ao mundo da ciencia, da cultura, do medio ambiente, do deporte ou da música, entre outros

    O Concello do Rosal non só está comprometido coa mocidade, senón que busca tamén a implicación dos rosaleiros e rosaleiras máis novos no devir do municipio. Por este motivo acaba de constituírse o Consello Municipal da Mocidade, un novo órgano consultivo que funcionará como ferramenta para recoller propostas, resolver dúbidas, facer preguntas e obter respostas sobre as actuacións que se están levando a cabo no concello e que afectan de xeito directo aos mozos e mozas.

    “Quero agradecer a participación e implicación de todas as persoas que integran este novo consello do que eu tamén formarei parte activa, xa que a mocidade é un tema co que me identifico especialmente”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora destacou a importancia que ten para o Concello a posibilidade “de contar en todos os campos coa experiencia da veciñanza, tamén dende idades temperás. É garantía de que se dará continuidade a ese tecido asociativo forte que sempre foi marca de identidade do Rosal”.

    Este novo consello, constituído nunha reunión celebrada por videoconferencia, está integrado pola rexedora; por Sara Vicente, concelleira de Mocidade; Ramón Fernández Leal, concelleiro de Participación Veciñal; Laura Valderrama, mestra especialista en Pedagoxía Terapéutica; Eduardo Guisantes, que estudou Tecnoloxía dos Alimentos e está a facer o doutorado en Química; Antía, doutoranda en Literatura Comparada; Iago, administrador de lotería; Cecilia, estudante de Nutrición e Dietética; Miriam Diego, mestra de educación infantil; Andrea Rodríguez, estudante de Pedagoxía; Alejandro, enxeñeiro informático; Sabela Méndez, estudante de Educación Infantil; Sabela Treinta e María Mariño, estudantes de 2º de Bacharelato; e Lea, Martín e Ángela, alumnos do CPI Manuel Suárez Marquier e representantes no Consello Escolar. Os e as participantes neste consello tamén están vencellados a outros ámbitos como o medio ambiente, o deporte, a cultura ou a música.

    Este encontro serviu para facer unha primeira toma de contacto e recoller algunhas das inquedanzas amosadas polos integrantes do consello municipal, que nesta primeira reunión se centraron sobre todo no eido medioambiental. Así, pediron que se realizaran actividades relacionadas co medio ambiente orientadas á xente nova, como campañas de concienciación, espazos de voluntariado e accións de coidado da contorna, algunhas delas xa previstas e que se realizarán en función da evolución da situación sanitaria.

    Durante o encontro tamén se abordaron posibles iniciativas como a creación un espazo para a realización de calistenia por parte da xente nova ou dun espazo ao que as persoas poidan acudir como espectadoras e compartir aquelas cousas que saiban facer.

    Este é o sétimo consello municipal que pon en marcha o Concello do Rosal tras o de Desenvolvemento Local, Igualdade, Deporte, Cultura, Educación e Medio Ambiente, cos que se busca crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva nos distintos ámbitos da vida da localidade.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.