Sábado, 26 Xullo de 2025

O Concello pon a disposición das familias de Ponteareas o campamento Concilia-Tea Nadal

O Concello de Ponteareas anuncia a chegada de Concilia-Tea Nadal, un programa deseñado para ofrecer ás familias un espazo divertido e educativo para os máis pequenos durante as vacacións do Nadal.

Este campamento, dirixido a nenas e nenos de 3 a 12 anos escolarizados nas etapas de Educación Infantil e Educación Primaria, busca promover a conciliación familiar coa laboral ao mesmo tempo que fomenta a aprendizaxe, a creatividade e a diversión.

A actividade desenvolverase nas instalacións do CEIP Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas, situado na rúa Fermín Bouza Brey, 13, durante os días laborais comprendidos entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro, ambos incluídos, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O custe é de 50 euros por participante. Ademais, ofrécese un servizo de aula matinal desde as 8:00 ata as 9:00 horas por 10 euros adicionais. É importante mencionar que é preciso un mínimo de 25 inscritos para realizar a actividade principal e 10 para o servizo de aula matinal.

A preinscrición estará aberta desde mañá, 30 de novembro, ata o vindeiro xoves, 7 de decembro e as bases e o impreso poderán obterse na Oficina de Ensino, na segunda planta do concello, de luns a venres, en horario de 9 a 14 horas, no Rexistro Xeral do Concello de Ponteareas ou na páxina web ponteareas.gal. A documentación requerida deberá presentarse no Rexistro xeral do Concello de Ponteareas, en horario de 9 a 14 horas ou ben mediante a sede electrónica municipal, previa identificación electrónica: https://ponteareas.sedelectronica.gal.

O xoves 7 de decembro publicarase unha listaxe provisional de admitidos/as nos taboleiros do Concello e tamén na páxina web. A listaxe definitiva estará dispoñible o 13 de decembro nos mesmos lugares. A información completa está publicada nas bases da convocatoria.

En caso de superar a demanda das prazas dispoñibles, iranse cubrindo por estrita orde de presentación no rexistro do Concello de Ponteareas, dando prioridade aos menores empadroados en Ponteareas. Unha vez confirmada a praza, requirirase a presentación da documentación necesaria nun prazo máximo de 48 horas.

O Viso acolle o V Magosto Sinha Paca

0

O Concello de Redondela organiza, xunto coa plataforma de artistas e activistas Sinha Paca, o V Magosto que se celebrará este sábado día 2 de decembro. E se o ano pasado trasladaron a festa á parroquia de Quintela, nesta edición o lugar elixido é a Gándara, no Viso. Nesta ocasión contan coa colaboración da Asociación Fonte do Allo do Viso, a Asociación de Festas do Carme de Soutoxuste, a AVV O Eixo de Soutoxuste e a Sociedade Cultural do Viso.

Haberá actividades ao longo de toda a xornada. O grupo de pandeireteiras Terra Meigas do Vigo e o trío Sindicato do Folclore serán os encargados de abrir a festa ás 12.30 horas. Ás 14.30 comezará o xantar popular cunha gran garavanzada, tamén con opción vegana, e desde a organización lembran que é preciso facer a reserva por whatsapp no número 679352585.

Pola tarde, desde as 16.00 horas, haberá xogos populares para todas as idades, unha ruta familiar na que buscar elementos naturais para despois construír un “Landart” colectivo e, de seguido, un obradoiro para crianzas de cancións e músicas do magosto.

Logo chega a quenda do obradoiro de danza africana con Itzzy Mousso e a actuación do Coro Tirapuxa de Trasmañó. O pregón correrá a cargo da cantante e animadora Marcela Canela, veciña do Viso. O concertos comezarán ás 20.00 horas da man dos grupos Tanto Nos Ten, Habelas Hainas e o rapeiro local Nani. Para rematar a festa estará o dúo de Pica-discos local AshLeiras. Non van faltar as castañas asadas de balde, mercado de artesanía, espazo vegano, rosquillas e chouripán.

Un ano máis, e xa van cinco, desde Sinha Paca presumen dunha programación “na que gostamos do noso, da cultura pequena, reivindicamos a tradición, refrescamos a memoria e mais subimos historias no Instagram” sinala Berto Covelo, un dos organizadores. Desde a concellería de Cultura a edil Rita Pérez salienta a importancia de seguir apostando desde o Concello por actividades como este magosto “unha tradición tan nosa onde se mestura a festa, a cultura e a convivencia entre a veciñanza nunha xornada con actividades pensadas para toda a familia”.

Decembro comeza cunha xornada de portas abertas do Serradoiro dos Carranos en Covelo

0

O Concello de Covelo informa que este domingo día 2 de decembro haberá unha nova xornada de portas abertas do Serradoiro dos Carranos e da súa aula de natureza organizada co apoio da Deputación de Pontevedra. As visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece rutas, observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía e distintas actividades. Promover hábitos de vida saudable e difundir a riqueza patrimonial e medioambiental do Concello de Covelo é o obxectivo das visitas guiadas que se programan ao longo de todo o ano totalmente de balde, así o explica a Concelleira de Cultura, Lourdes Enes.

O Concello oferta a oportunidade de visitar este espectacular serradoiro nos seguintes tramos horarios: de 10 a 11:30 horas, de 12 a 13:30 horas, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas. As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono que xestiona o guía de montaña e biólogo, Julio Eiroa, 654 500 652.

A programación anual do Concello de Covelo permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada que pon en valor o patrimonio cultural e natural.

O serradoiro dos Carranos

O Serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo. O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o serradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa e un pequeno almacén. Tamén podemos apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí. A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.

O Concello de Nigrán informa da pronta aprobación provisional do PXOM

0

O Concello de Nigrán, tal e como se comprometera, convocou onte o Consello Sectorial do PXOM co fin de informar sobre o estado actual de tramitación do documento, moi preto xa da súa aprobación provisional. A esta cita, tal e como recolle o regulamento deste órgano aprobado polo goberno socialista de Efrén Juanes no 2008, estiveron chamadas a participar 22 entidades deportivas, culturais, veciñais, de montes ou augas do municipio, así como representantes dos diferentes partidos políticos e o Colexio de Aparelladores ou APROIN. O obxectivo non foi outro que informar de man do propio equipo redactor da situación do Plan, con todos os informes sectoriais favorables desde o pasado mes de marzo, cando a Axencia Galega de Infraestruturas deu o visto bo tras 3 anos de traballo. Previamente a esta convocatoria, o goberno local mantivo durante o mes de setembro reunións abertas á participación veciñal en cada parroquia, deixando alí o propio documento, pendurado ademáis na web municipal e dispoñible en Urbanismo (onde se chegou a ampliar o horario para atender consultas polas tardes).

Esta é a terceira vez que o goberno de Juan González convoca o Consello Sectorial, sendo a derradeira no 2018 para informar da modificación subsidiaria das normas urbanísticas e a primeira no 2015 para amosar á veciñanza o documento do PXOM antes de ser enviado a Patrimonio cos cambios introducidos tras actualizar o catálogo de bens, un dos requirimentos que esixidos. Nos tres casos, o goberno mantivo sempre reunións en cada unha das sete parroquias canalizadas polas propias entidades veciñais.

“A transparencia é máxima e aí están os feitos que o corroboran, por iso cada veciño de Nigrán sabe perfectamente a situación das súas propiedades no futuro PXOM, ben a través das reunións por parroquias ou cos propios técnicos de Urbanismo, e por iso nos diriximos primeiramente a eles. Agora é o turno do Consello Sectorial, órgano que, precisamente, representa ao conxunto da veciñanza e que vela polos intereses globais do municipio”, explica o alcalde, Juan González, quen tamén acudirá ao Consello Sectorial xunto ao edil de Urbanismo, Diego García, e outros membros do seu equipo de goberno. “É a oportunidade de que fagan preguntas aos propios técnicos responsables. Nas reunións polas parroquias detectáronse algúns erros que se corrixirán e agora estamos de novo abertos á explicar absolutamente todo o que poida xurdir porque o que buscamos é o máximo consenso”, engade González, quen avanza que se modificará o regulamento que rexe ao Consello para que poidan participar entidades con sede no municipio creadas a partir de 2008.

“Con todos os informes positivos confiamos en que a resposta ao informe de sostibilidade ambiental será favorable e, a partir de aí, poderemos levalo a un Pleno para a súa Aprobación Provisional, pola nosa banda non se demorará nin un día más do preciso. “É unha enorme tranquilidade e unha satisfacción ter rematados todos os ‘deberes’ por parte do Concello. Moi pronto Nigrán contará cun plan urbanístico do século XXI que a maioría dos municipios aínda non teñen”, finaliza.

SoMos Nadal, xa é Nadal en Mos

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e os concelleiros do goberno local, veñen de presentar a programación do Nadal 2023-2024 no Concello de Mos, enmarcada baixo o título ‘SoMos Nadal’ e que comezará o vindeiro sábado, día 2 de decembro, ás 18:30 horas, cun espectáculo de Cánticos de Nadal a cargo de Emilio Rúa e Xosé Carlos Carneiro na Igrexa de Santa Eulalia de Mos.

domingo día 3 chega o tan esperado acto inaugural do acendido navideño, que marca o inicio do Nadal en Mos e representa, xunto coa Festa Pre Fin de Ano do 30 de decembro, un dos acontecementos máis esperados e concorridos, tanto destas datas, como de toda a programación lúdica e cultural mosense.

O acendido do alumeado de Nadal do vindeiro domingo na contorna do Pazo de Mos dará comezo ás 18:00 horas e contará co espectáculo infantil “A Raíña da Neve”, a actuación musical dos “King Kids”, así como canóns de neve artificial e fotomatón con foto de regalo e obradoiros infantís de pintacaras e globoflexia.

Tamén o domingo 3 o Club Tenis de Mesa Mos organiza o Torneo Solidario Always Tenis de Mesa en horario de 10:30 horas a 13:00 horas.

DECEMBRO

Mércores 6

  • Concerto Santa Icía ás 18:00 h, no auditorio de Torroso

Sábado 9

  • Festival de Nadal das Escolas Baile Deportivo Patricia Martínez ás 20:00 h, no multiúsos das Pozas

Domingo 10

  • Teatro infantil títeres ás 18:00 h, no auditorio de Guizán
  • Festival “Has de cantar Torroso Gaiteiro” ás 18:30 h, no auditorio de Torroso
  • Festival de Corais de Nadal ás 19:00 h no Pazo de Mos

Sábado 16

  • Teatro infantil ás 19:00 h, no Pazo de Mos

Domingo 17

  • Concentración solidaria de coches clásicos de 10:00 a 14:00 h, no Centro Dotacional de Torroso
  • Certame de Rondallas ás 17:00 h, na Avenida de Puxeiros

Xoves 21

  • Acendido do Pazo de Mos (Campaña #AcendeOXacobeo) e acendido monumentos do Camiño máis chocolatada ás 18:00, no Pazo de Mos

Domingo 24

  • Papanoelada Moteira ás 11:00 h, no parqeu de Sanguiñeda (saída do percorrido)

Sábado 30

  • Festa Pre-Fin de Ano ás 23:30 h, no Pazo de Mos

XANEIRO

Xoves 4

  • Excursión para familias “Barco do Nadal” ás 19:00 h (hora da saída desde o multiúsos das Pozas). Prezo: 14 € (adultos) / 9 € (nenos de 3 a 12 anos)

Venres 5

  • Cabalgata de Reis ás 18:00 h, na Avenida de Sanguiñeda

Entrega de premios do XVIII certame de fotografía

0

O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy celebra este sábado, 2 de decembro, ás 18:00 horas e no Círculo Cultural e Deportivo de Cesantes a entrega de premios do XVIII certame de fotografía correspondente a 2023.

O evento repartiu tres premios de adultos e dous xuvenís; e un mais que premiou á mellor fotografía. A mellor fotografía corresponde a Sergio Lorenzo Ramilo con ‘Tras la tormenta’, o primeiro premio de adultos recaeu en Óscar Alonso Cabaleiro con “Miradas doutro tempo”, mentres que en xuvenís gañou Aroa González Lorenzo con ‘Lembranzas’.

A directiva do Obradoiro desexa agradecer a todos os participantes o envio de instantáneas e recorda que todas elas quedaran expostas ó público dende este sábado en Cesantes.

Novos triunfos para o taekwondo da Cañiza

0

Un ano máis o Concello de Arbo volve a celebrar o éxito dos deportistas taekwondistas, na nova edición da Copa Xunta de Galicia de Técnica na que participaron cerca de 700 deportistas de 32 clubes galegos. Entre eles 10 competidores da Cañiza.

O Clube Asociado da Cañiza, afiliado ao KIAP de Vigo, conseguiu 7 medallas nas modalidades de competitiva e amateur (para as idades comprendidas entre os 7 e 18 anos) nunha competición na que se reuniron os mellores deportistas das 4 provincias.

MODALIDADES E PODIUMS DA COPA GALICIA DE TAEKWONDO:

  • 6 ANOS: Lara Miguélez Pérez que conseguiu a MEDALLA DE OURO
  • 8 ANOS: Noa Domínguez Parada: MEDALLA DE PRATA
  • 8 ANOS: Imanuel Domínguez Iserhiewrhitz. MEDALLA DE BRONCE
  • 9 ANOS: Iker  González Soalleiro: MEDALLA DE BRONCE
  • 10 ANOS: María Cerviño Alvarez: MEDALLA DE BRONCE
  • 14 ANOS: María Rita Barros Alonso: MEDALLA DE BRONCE
  • 18 ANOS: Manuel Romay Rodríguez: MEDALLA DE OURO

A Copa Xunta de Galicia de técnica (infantil e adultos) é un torneo que ten como obxectivo prioritario a promoción deste deporte, aínda que nos últimos anos inclúe a categoría competitiva, que outorga puntos para o ránking galego de técnica. Neste torneo participaron os deportistas que acadaron a clasificación nas fases provinciais, que se celebraron nos últimos meses.

Na última competición provincial de Taekwondo, na que participaron 13 dos taekwondistas cañicenses, conseguiron 10 clasificacións.

Os 35 deportistas do Clube asociado da Cañiza, afiliado ao KIAP de Vigo, entrenan nas instalacións do ximnasio municipal, de luns a venres en horario de 16h a 18h e está coordinado polo entrenador nacional de taekwondo Fidel Rodríguez, traballador do Concello da Cañiza, adscrito ao servizo de deportes como monitor deportivo.

Rematada a primeira fase das obras en Coto e o Couto, en Salvaterra

O Concello de Salvaterra de Miño vén de rematar as obras da primeira fase correspondente a primeira anualidade deste 2023 para a mellora de accesos en Coto (Oleiros) e o Couto (Salvaterra), obras realizadas a través do Plan Camiños 2023-2024 financiadas mediante a subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais por un importe de 55.166 euros (a dividir entre os dous anos), asumindo o Concello o valor restante de 11.584,86 euros.

Deste xeito, e co fin de mellorar a calidade e seguridade das estradas do municipio, o Concello segue co plan de mellora da súa rede viaria, neste caso coas obras de mellora de drenaxe e pavimentación de dous camiños municipais de acceso aos lugares de Coto, na parroquia de Oleiros e O Couto, na parroquia de Salvaterra, que se atopaban nun estado de notable deterioro. Ademais no tramo do Coto en Oleiros executouse un tramo de cuneta revestida de formigón para dar solución a evacuación das augas pluviais no vial.

A Deputación de Pontevedra estará presente na Feira Culturgal con “+ cultura, + provincia”

A Deputación de Pontevedra participará desde este venres 1 de decembro ata o domingo 3 no Pazo da Cultura de Pontevedra na décimo sexta edición de Culturgal cun posto propio e baixo o lema “+ cultura, + provincia”. O presidente da Deputación, Luis López, participará este venres xunto á vicepresidenta primeira e deputada de Cultura e Deportes, Marta Fernández-Tapias, na inauguración desta Feira das Culturas Galegas, na que dará o tiro de saída a este espazo no que se amosará a ampla actividade cultural que a Deputación desenvolve e convidará ao público a coñecer a provincia por medio da cultura. Ademais, nos tres días de feira o posto da Deputación acollerá actividades dirixidas ao público máis novo e ao público xeral, nas que se apostará pola cultura máis emerxente da provincia.

Desta maneira, o sábado 2 de decembro, de 12:00 a 13:30 horas, desenvolverase o obradoiro “Crea Pontes con Taller Abierto”, unha actividade infantil na que os nenos se inspirarán e recrearán a ponte da provincia que escollan en formato diorama coa guía e o consello das monitoras de Taller Abierto, ambas con formación en arquitectura. O resto da fin de semana porase á disposición dos cativos material para realizar unha actividade libre sobra as pontes da provincia.

Ademais, ao longo da fin de semana tamén haberá tempo para desfrutar de actuacións en vivo. Por unha banda, o grupo Lontreira actuará o sábado 2 de decembro ás 19:30 horas. Formado por Héctor Rodríguez (Moaña), Iván Barral (Meis) e Adri (A Illa de Arousa), este grupo xorde no verán de 2022 e non deixa de dar pasos de xigante na industria musical galega. Chegaron a ser finalistas na categoría de artista emerxente nos Premios Martín Códax da Música 2023 e foron seleccionados como os cen mellores grupos polos eurofáns na elección interna de Eurovisión España, quedando ás portas da final do Benidorm Fest 2024. No seu primeiro álbum intercalan poemas e cancións para ir narrando singraduras da vida a través das conexión cos espazos naturais que os rodean.

Outra das actuacións musicais terá lugar o domingo 3, ás 13:30 horas, con Leticia Rey, cantautora de Vila de Cruces que está a facerse oco no panorama musical galego actual como compositora e intérprete. Estará acompañada do pianista Iago Mouriño e amosará ao público a súa luminosa música con tinguiduras indie e folk que trata de encher de paz ás persoas que a escoitan. Foi galardoada co Premio Mans da Fundación Paideia.

‘1851-1888-1900’, de Sandra Barreiro Parguina (Pontevedra, 1995)

É unha artista plástica que se dedica á disciplina do debuxo e ó deseño gráfico téxtil, cun grande interese no mundo do pano de seda. Conta cun grao en Belas Artes e co máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda, ambos pola Universidade de Vigo, onde cursa actualmente o programa de doutorado en Creación e Investigación de Arte Contemporánea. Traballa para a empresa de estampados téxtiles Mitwill en Mulhouse (Francia). Ao certame presentou a peza ‘1851-1888-1900’, na que rescata o imaxinario visual e arquitectónico das grandes exposicións universais de Londres, Barcelona e París con ilustracións sobre panos de seda.

Antía Iglesias

‘Estados intermedios-Estados residuales’, de Antía Iglesias Fernández (Galicia, 1997)

É artista, deseñadora e investigadora. Conta cun grao en Belas Artes e un máster en Dirección de Arte en Publicidade, ambos pola Universidade de Vigo, onde actualmente desenvolve a súa tese doutoral.  A instalación ‘Estados intermedios-Estados residuales’ coa que participou en Novos Valores sitúase entre a galería e o laboratorio. A través da transformación e exposición de especies vexetais invasoras, representa a multidimensionalidade do mundo vexetal.

Andrés Sanjurjo

‘Canto custa unha imaxe?’, de Andrés Sanjurjo García (A Coruña, 1993)

É produtor, cineasta e investigador. Conta cun grao en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Burgos, un máster en Documental de Creación e outro en Estudos de Cine e Audiovisual Contemporáneos, ambos pola Universitat Pompeu Fabra. No videoensaio ‘Canto custa unha imaxe?’, utiliza imaxes da gravación de Alén mar catro anos antes na illa de Chiloé (Chile) para presentar unha análise crítica sobre un aspecto do audiovisual documental que normalmente permanece oculto: as negociacións e os pactos que se agochan detrás dos retratos de persoas.

Lucía Perdiz

‘Percorrer, atravesar, andar’, de Lucía Perdiz Dávila (Muíños, Ourense, 1988)

É técnica en Caracterización e Maquillaxe Profesional pola Escola de Imaxe e Son de Vigo, técnica superior en Artes Aplicadas á Escultura pola Escola de Artes Superior Mestre Mateo, conta cun grao en Belas Artes pola Universidade de Vigo e cun máster en Educación pola mesma universidade. A súa obra ‘Percorrer, atravesar, andar’ é unha peza escultórica que xorde do traballo da autora sobre os conceptos de mobilidade e territorio e que se materializa nunha acumulación de vultos atados fortemente que se erguen sobre un bidón metálico.

Remata o Ciclo Mestre Mateo cunha proxección este xoves na Guarda sobre María Casares

0

O Ciclo Mestre Mateo chega ao seu fin este xoves na Guarda coa proxección do documental “María Casares, a muller que viviu mil vidas”. A través deste ciclo a Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual achegaron entre maio e este mes de novembro as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos de Baiona, A Estrada, O Grove, A Guarda e Caldas. A última proxección, gañadora ao mellor documental nos premios Mestre Mateo, terá lugar no mesmo lugar no que arrancou este ano a iniciativa, no Centro Cultural da Guarda, e será este xoves ás 20.30 horas.

Xavier Villaverde (director e guionista) propón en “María Casares, a muller que viviu mil vidas”, unha aproximación íntima e profunda á vida da actriz, unha figura fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX. Trátase dunha homenaxe desde a súa Galicia natal, á que nunca esqueceu, no marco do primeiro centenario do seu nacemento. No documental interveñen María Lopo, Emilio Grancío, Manolo Rivas, Mabel Rivera, Johana Silberstein, Jorge Lavelli, Marion Chénetier-Alev e Manolo Lourenzo.

Con esta última proxección o Ciclo Mestre Mateo chega ao seu final, despois de dotar aos concellos da provincia dunha programación estable de cinema en galego, exhibindo as películas premiadas e finalistas dos premios Mestre Mateo deste ano. Ademais de “María Casares, a muller que viviu mil vidas” tamén se proxectaron no marco deste programa filmes coma “Valentina” (Chelo Loureiro), “Live is life” (Dani de la Torre), “Código Emperador” (Jorge Coira), “O corpo aberto” (Ángeles Huerta), “A foreign song” (César Souto), “Unicorn Wars” ((Alberto Vázquez Rico) , “Onde máis doe” (Manane Rodríguez) ou “No somos nada” (Javier Corcuera).

Teatro, este sábado, en Nigrán

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 2 de decembro ás 20:30 horas no Auditorio Municipal a función ‘Un home con lentes de pasta’, a cargo da compañía Redrum Teatro, no marco do ciclo ‘Tornar ás táboas’ da Deputación de Pontevedra. Trátase dunha comedia negra surrealista escrita polo dramaturgo Jordi Casanovas e dirixida por Alex Sampayo. A entrada será libre ata completar a capacidade.

A peza, escrita por Jordi Casanovas e dirixida ao público mozo e adulto, bebe de fontes moi diversas. Búrlase do snobismo literario e convida ao público a ser auténtico a través da posta en valor do sinxelo e inocente. A historia presenta a Sheyla, que acaba de ser abandonada pola súa parella e a quen os seus amigos Laura e Fer queren animar para que aproveite a oportunidade e faga realidade o seu desexo de escribir. Con esa intención traerán a cear a Guillerme, un poeta “capaz de namorar a calquera cuns breves versos”. Pero a Guillerme non lle van satisfacer as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren, as súas vidas penden dun fío, afógan na dúbida, algo que Guillerme non vai desaproveitar.

Esta comedia negra foi estreada en Barcelona no 2010 e recibiu, entre outros, o premio da crítica Sierra D’or ao mellor texto teatral ou o de mellor espectáculo nos premios Estafe Out no 2011, ademais, estivo nomeada ao mellor texto catalán nos Premios Max do 2011.

Concerto cheo de anécdotas e vivencias para visibilizar o papel da muller na música

0

Promocionar a igualdade e previr a violencia de xénero a través de referentes femininos no eido laboral, cultural, científico… e musical. Ese é o obxectivo de ‘Mulleres que inspiran’, un programa posto en marcha polo Concello do Rosal para continuar revolucionando mentes e camiñar cara a unha igualdade real dando a coñecer e achegando figuras femininas de calado tamén á rapazada e mocidade.

Ao abeiro desta iniciativa, o alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier desfrutaron estes días dun interesante encontro coa violinista Nuria Naya e a saxofonista Fátima Martínez, que a través dun pequeno concerto con anécdotas, citas e detalles curiosos concienciaron á rapazada da importancia, incidencia e marxinación das mulleres na música ao longo dos tempos.

Como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “con estas actividades buscamos dar a coñecer a situación das mulleres e as súas circunstancias sociais, xa que foron moi distintas ás dos homes e esas dificultades vense reflectidas na súa expresión e produción musical”. “Non ter en conta e non coñecer ás compositoras, intérpretes, directoras… significa non coñecer boa parte da nosa tradición musical”, recalcou.

A través de diferentes pezas musicais, Naya e Martínez fixeron un percorrido histórico dende a antigüidade ata hoxe contando ademais a súa experiencia como mulleres dentro do ambiente musical formativo e profesional.

A compositora e intérprete Nuria Naya foi violinista en diferentes orquestras e na Banda de Gaitas Artalgo, onde nace o seu dúo con Víctor Iglesias, e grava e colabora con formacións de diversos estilos musicais, como Mercedes Peón ou Xoel López. Violinista na actualidade en Luar na Lubre, dende o ano 2020 embárcase nun novo proxecto con Fátima Martínez: a escola de música ‘Entresons’, un centro especializado en Método Suzuki e Mago Diapasón.

Pola súa banda, Fátima Martínez comezou os seus estudos musicais na Agrupación Musical do Rosal. Formou parte da agrupación ao mesmo tempo que colaboraba con distintas bandas de música populares e agrupacións da xeografía galega. Especialista no método Mago Diapasón, impartiu clase en diferentes escolas de música e encargouse durante varios da dirección coral de Cantores de San Diego e do Coro do Centro Cívico do Castrillón. Actualmente imparte saxofón na Escola Municipal de Música de Cee á vez que dirixe xunto a Naya ‘Entresons’.

Co proxecto ‘Mulleres que inspiran’ o Concello do Rosal busca camiñar cara á igualdade a través de diferentes liñas de actuación para proporcionar visibilidade ás mulleres e aos seus logros, favorecendo a erradicación das desigualdades de xénero, poñendo sobre a mesa os mecanismos que favorecen a violencia de xénero e promovendo a formación en igualdade de oportunidades e a reflexión sobre todo tipo de violencia.

Baiona reconoce o palmarés do alpinista Roberto López

0

A concelleira de Deportes e Política Social do Concello de Baiona, Ana María Iglesias Rodríguez, recibiu no Concello de Baiona a Roberto López para coñecer de primeira man o palmarés e a historia deste alpinista lucense fincado en Baiona.

Roberto López acaba de inscribir o seu nome no libro dos galegos que conquistaron algunha das catorce cumes máis altas do planeta. Vén de anunciar a súa ascensión ao Cho Oyu, un dos xigantes da cordilleira do Himalaya, a oitava montaña máis alta do mundo, con 8.163 metros. Este membro do club Xistra xa contaba no seu historial con cumes importantes en territorio nepalí. O ano pasado coroou o Island Peak, de 6.100 metros e este outono inaugurouno coa conquista dunha cima na que deixaron a vida moitos montañeiros ao longo das últimas décadas, entre eles o español Santiago Suárez Alonso, que o 7 de maio de 1989 faleceu cando se atopaba a 7.250 metros de altura e foi enterrado no lugar do fatal accidente.

Roberto López é un alpinista con gran experiencia noutras latitudes. No seu currículo figuran o Mont Blanc (4.810), o McKinley (6.190), o Kilimanjaro (5.895), o Pico Lenin (7.134), o Pequeño Alpamayo (5.410), o Condodiri (5.648), o Huayna Potosí (6.090), o Sajama (6.542), o Chimborazo (6.268), o Huascarán (6.768) e o Khan Tengri (7.010).

“O alpinista afincado en Baiona acábase de estrear nos ochomil pero se importancia ten a súa palmarés deportivo tamén o é o labor solidario que leva ás súas costas. Para un alpinista amateur, a culminación deste tipo de retos supoñen unha extraordinaria realización persoal, pero conquistar o corazón das persoas que habitan a pé dos picos do montaña, aínda o é máis. E é que o alpinista leva parello aos seus retos deportivos, retos solidarios”, sinala a Concelleira de Deportes e Política Social, Ana María Iglesias Rodríguez.

Neste último ascenso destaca a acción solidaria desenvolver en Nepal, en concreto, prestando axuda a nenos e nenas en situación vulnerable e con problemas físicos e/o discapacidade. En 2019, participou nos programas de axuda á infancia en colexios, hospitais e fogares na Paz, Bolivia, xunto con Save the Children España/Bolivia. En 2018, levou a cabo a acción solidaria en Lima, Perú, para a inserción socio-económica de mulleres vítimas de violencia de xénero, en colaboración con Cruz Vermella España/Perú. Tamén achegou o seu granito de area cunha acción deportivo-solidaria en favor dos afectados polo terremoto de grao 7.8 en Ecuador, en ano 2016, en colaboración con Cruz Vermella España/Ecuador.

O Bm Cañiza feminino na final dos Premios Iberdrola Supera

0

A aposta do Bm Cañiza polo deporte feminino desde o rural e para o rural é un feito. O máximo expoñente é o Oliveira&Faro Saeplast Cañiza, o seu primeiro equipo feminino, que compite por terceiro ano consecutivo en División de Honra Prata Feminina e no cal se combinan xogadoras foráneas coas formadas na súa canteira e que son hoxe referentes para todos.

Os Premios Iberdrola Supera son unha iniciativa de Iberdrola para recoñecer e dar visibilidade aos mellores proxectos postos en marcha en España en favor da igualdade de xénero a través da práctica deportiva. Seis son as categorías premiadas con 50.000 € cada unha: base, competición, innovación, social, inclusión e difusión.

O Bm Cañiza é un dos dous finalistas na categoría de competición co proxecto “A forza do deporte feminino no rural”. Un proxecto que pretende englobar a realidade da competición feminina no alto nivel desde o medio rural, visibilizar este esforzo e conseguir o financiamento necesario para unha mellora e creación de infraestruturas e servizos acordes co nivel de competición nacional. Estas novas infraestruturas conseguirían cubrir unha debilidade que o club e as súas xogadoras levan anos carrexando contra outros equipos de municipios máis poboados, con maior capacidade financeira e mellores instalacións e material para o adestramento.

Representantes do club estarán en Madrid onde se celebrará a gala de entrega de premios ás 17:30 h nas oficinas centrais da empresa.

Os novos voluntarios de Protección Civil do Porriño, Val Miñor, Salceda e Redondela reciben os seus carnés

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presidiu este martes o acto de entrega dos novos carnés de voluntariado de Protección Civil celebrado no Porriño. Xunto co alcalde, Alejandro Lorenzo, a representante autonómica destacou a importante labor que realizan as agrupacións da provincia das que acentuou a súa vocación de servizo público.

“O papel que fai Protección Civil é insubstituíble e supón un dos grandes avances nunha sociedade que pretende avanzar e mellorar”, sinalou Ana Ortiz. A delegada tamén destacou que “nun mundo como o actual debemos ter referencias como as vosas, persoas desinteresadas, que achegades horas, esforzo, traballo e, sobre todo actitude, porque estades sempre no lugar que facedes falta dispostos a axudar”.

No acto entregáronse un total de 37 renovacións de carnés, dos que 18 pertencen á agrupación do Val Miñor, 10 ao Porriño, 5 de Salceda de Caselas, 3 de Redondela e 1 de Moaña.

A delegada salientou a importante labor que realizan as 9 agrupacións da área de Vigo, das que salientou a súa vocación de servizo público, e apuntou que “hoxe estades aquí moitos voluntarios, pero sodes máis e a todos gustaríame mostrarvos o agradecemento da Xunta polo voso labor”. 

ALDI abre as portas do seu primeiro supermercado na área de Vigo, en Mos

0

ALDI segue consolidando o seu crecemento en Galicia e inaugurará hoxe, mércores 29 de novembro, o seu primeiro supermercado no concello de Mos. Este establecemento está situado na Rua Dás Angustias s/n, e conta con preto de 1.100 m2 de sala de vendas e un equipo de 18 colaboradores.

Trátase da terceira apertura de ALDI en Galicia no que levamos de ano, tras dúas aperturas máis na cidade de Pontevedra. Grazas ao novo ALDI de Mos, os veciños do municipio xa poden ampliar a súa opción de compra con produtos de alta calidade a baixos prezos. O novo establecemento ofrece unha selección de preto de 2.000 produtos, un 86 % de marca propia e un 80 % de orixe nacional, tamén galegos.

Ademais, os novos clientes atoparán ofertas semanais en artigos básicos e outros para realizar unha compra semanal completa e sinxela, ao mellor prezo posible. “Tiñamos moitas ganas de abrir a primeira tenda na cidade de Mos e achegar aos veciños e veciñas da cidade a nosa opción de compra baseada nos prezos baixos e o desconto, a esencia do noso ADN”, destacou Víctor Nieto, responsable de Expansión de ALDI na zona. “Con esta apertura, ademais, reforzamos o noso compromiso coa xeración de emprego estable e de calidade no país e superamos a cifra dos 50 empregados de ALDI en Galicia”, engadiu Pastor.

A visita institucional contou coa asistencia de Nidia María Arévalo Gómez, alcaldesa de Mos; Manuel Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño; Ramón Alonso Fernández e Francisco Domínguez, vicepresidente e xerente da Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS. “Damos as grazas a ALDI por engrosar as cifras de postos de traballo, superficies comerciais, e por achegar progreso, riqueza, futuro e servizos ao concello de Mos”, destacou Nidia María Arévalo Gómez.

Este novo supermercado en Mos súmase aos dous establecementos ALDI situados en Pontevedra e a tenda de Santiago de Compostela. Deste xeito, a compañía alcanza a cifra das 4 tendas no conxunto da rexión galega, territorio cun importante potencial de crecemento para ALDI e onde prevé seguir crecendo nun futuro próximo con novas aperturas e incorporacións. O novo ALDI de Mos: prezos baixos, produtos nacionais e xoguetes para Nadal No novo ALDI de Mos, os clientes poderán atopar preto de 2.000 produtos de calidade, un 86% de marca propia e máis dun 80% de orixe nacional. Co obxectivo de manter prezos baixos en toda a súa variedade, a cadea de supermercados revisa periodicamente os seus procesos e establece relacións de confianza e a longo prazo con máis de 400 provedores nacionais, tamén galegos. Este esforzo por conter os prezos compleméntase con ofertas e promocións semanais e quincenais en categorías esenciais para as familias.

Durante as dúas primeiras de inauguración, ALDI tamén ofrecerá ao redor de 30 ofertas en produtos básicos e frescos, ademais dos seus prezos baixos habituais, para celebrar a súa nova apertura en Mos. A compañía aplica desde este mércores descontos de ata o 33% para facilitar vías de aforro aos seus clientes. Entre estas promocións, destacan produtos de orixe local, como o pan de moño (1,25 euros) ou o queixo de pau santo sabor trufa (2,99 euros). Nos próximos meses, ALDI seguirá ofrecendo novas ofertas, ademais de manter os seus habituais prezos baixos. Tamén desde o pasado mércores 8 de novembro, ALDI ofrece unha proposta de máis de 500 xoguetes para este Nadal nos seus máis de 420 supermercados de España. Os veciños e veciñas de Mos que se acheguen ao novo ALDI poderán atopar múltiples propostas de xogo para todas as idades, desde primeira infancia ata os 16 anos, para cubrir necesidades de lecer diversas e de forma responsable, asegurando sempre unha compra con conciencia. En concreto, a cadea de supermercados presenta máis do 60% dos seus xoguetes cun prezo igual ou inferior aos 9,99 euros, así como máis de 200 xoguetes elaborados con madeira sostible e certificados co selo FSC®, que garante unha xestión responsable e sostible dos bosques.

Compromiso coa sustentabilidade e a eficiencia enerxética

A nova tenda de ALDI en Mos estará aberta ao público de luns a sábado de 9:00h a 21:30h. No seu compromiso coa eficiencia enerxética, este novo supermercado dispón de placas solares, de iluminación LED e foi equipado con tecnoloxía domótica para evitar perdas de xénero por avarías e mellorar a iluminación e a climatización. Tamén incorpora CO2 como gas refrixerante, unha alternativa máis sostible e eficiente, e o seu aparcamento gratuíto conta con 80 prazas e dous puntos de recarga para vehículos eléctricos.

O modelo do desconto de ALDI

As claves do modelo de ALDI ofrecen aos seus clientes oportunidades de aforro efectivas nas súas compras habituais. Para dispoñer da máxima calidade ao prezo máis axustado posible, a compañía revisa periodicamente os seus produtos e procesos e mantén relacións de confianza e a longo prazo cun número reducido de provedores locais. Todo iso fai que a cadea de supermercados dispoña dunha variedade cunha forte presenza de marca propia e principalmente de orixe nacional. Como empresa creadora do desconto, a compañía pon semanalmente ao dispor dos seus clientes unha cesta de compra cunha boa relación calidade-prezo.

Tomiño revalida o seu recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia

0

O Concello de Tomiño revalida o seu recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia. Así o vén de decidir a Secretaría Permanente da Iniciativa Cidades Amigas da Infancia, conformada por representantes do Ministerio de Xuventude e Infancia, da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), do Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) e UNICEF España, que trasladou os seus parabéns ao Concello e agradeceu “moi especialmente o traballo e compromiso amosado polo goberno municipal no cumprimento dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes”.

“Resulta emocionante que manter o selo de Cidade Amiga da Infancia, unha distinción que supón un recoñecemento ao traballo realizado nos últimos anos para conseguir que Tomiño sexa un concello no que as políticas da infancia e da adolescencia se sitúen no centro do noso facer diario contando coa participación activa dos nosos nenos e nenas e da nosa mocidade”, salientou a alcaldesa, Sandra González.

Pola súa banda, o concelleiro de Mocidade, Agustín González, destacou que en Tomiño “estamos moi orgullosos e orgullosas de ser un Concello que dende hai anos ten en conta aos nenos e nenas en moitísimas facetas da vida municipal, dende pequenas ou grandes obras ata outros aspectos relevantes como a mobilidade”. “É unha ledicia ver que a nosa infancia e mocidade participa sempre de forma moi activa e que UNICEF nos inclúa no selecto club de municipios que fomentan a implicación dos nenos e nenas, que son as e os cidadáns do presente, non só do futuro”, recalcou.

O Selo Cidades Amigas da Infancia, que só posúen seis concellos en toda Galicia, pon en valor un modelo de xestión centrado no enfoque de dereitos de infancia, un modelo que implica a coordinación interna do goberno con outros actores locais, que promove e xera mecanismos reais de participación da infancia e da mocidade e que conta cunha estratexia a longo prazo para incorporar a nenos, nenas e adolescentes nas súas política se accións. “Ser parte desta rede supón compartir unha mesma misión, que todo rapaz e rapaza poida desenvolverse plenamente na súa vila, porque o progreso da infancia é o progreso de todas e todos. É un investimento que ten un impacto positivo, presente e futuro, transformador da realidade da infancia e da mocidade, pero tamén de toda a sociedade”, lembra o concelleiro.

Para obter este recoñecemento Tomiño leva anos traballando en diferentes ámbitos e proxectos, como a creación do Consello Local de Infancia e Adolescencia, ‘Voces Novas’, para dar maior participación á cativada e mocidade do municipio, ou a posta en marcha de proxectos para mellorar a calidade de vida e o desenvolvemento vital de nenos e adolescentes.

Redondela prenderá as luces de Nadal este sábado

0

O Concello de Redondela organiza esta fin de semana un amplo programa de actividades co gallo do prendido das luces de Nadal. O acendido en Redondela será na praza do Concello ás 20.00 horas do sábado día 2 de decembro. As actividades comezarán ás 18.00 horas cun concerto para público infantil e familiar con Uxía Lambona e a Banda Molona. A partires das 19.00 horas os pasarrúas de Latexo Percusión e as Aves do Paraíso de Barafunda encherán de música e cor as rúas do centro da vila, con saída desde a praza de Ribadavia acompañados coa Coca Simona.

Un día despois, o domingo 3 de decembro ás 19:45 horas, terá lugar o prendido das luces de Nadal de Chapel na renovada Alameda de Rosalía de Castro. As actividades para festexar o comezo do Nadal contarán con teatro, música e animación. Ás 17.00 horas Teatro ao Cubo representará o espectáculo Ghop!!, para público infantil e familiar. A música chegará da man de Paco Nogueiras ás 18.00 horas co seu último traballo “C@nto contigo”, e ás 19.00 o espectáculo Aves do Paraíso de Barafunda e a Coca Simona. As luces prenderanse ás 19.45 horas.

Máis de 5.000 metros cadrados de alumeado de Nadal

A iluminación de Nadal, como en anos anteriores, non se limitará aos núcleos urbanos senón que se extenderá por todas as parroquias do municipio. Rita Pérez, a concelleira de Cultura, explica que son “máis de 5.000 metros cadrados de iluminación, con 200 arcos de luz e 600 elementos decorativos cun total de 895.000 luces led”. As rúas do municipio lucirán cos motivos do Nadal, ao igual que as prazas, alamedas, xardíns e elementos singulares como o mercado municipal ou o antigo viaducto.

Espectáculo familiar no Multiúsos Mercado de Sabarís o domingo

0

O Multiúsos Mercado de Sabarís acolle o domingo, 3 de decembro, ás 18 horas, o espectáculo familiar de narración oral e música Cacho Animaladas! do programa cultural da Deputación de Pontevedra “Tonar ás Táboas”.

Cacho animalada é unha sesión de narración oral e música para público infantil. A narradora Vero Rilo acompáñase esta vez da guitarra e a voz do multifacético Luis Iglesias. A tradición oral, o humor, o rock e a alegría van unidos con animais e animaladas pensadas para gozar en familia. Un espectáculo fresco e despreocupado para recargar enerxías.

Son tempos de soltar a melena e contar, cantar, bailar e correr coas feras que levamos dentro: raposos, mirlas, topos, nenos… corredes connosco? Público infantil e familiar.

Salvaterra organiza un concurso de decoración de escaparates

Con motivo da chegada do Nadal o Concello de Salvaterra de Miño lanza un concurso de escaparates de Nadal para os establecementos e comercios da vila. A través deste concurso preténdese fomentar o espíritu destas datas e promocionar o comercio local. De esta forma o Concello porá en valor a oferta comercial de Salvaterra de Miño.

Os establecementos interesados deberán inscribirse dende o 4 e ata o 11 de decembro no correo [email protected] onde indicarán os seus datos para a participación no concurso. Unha vez feitas as inscricións procederase a facer instantáneas de tódolos escaparates que participen e que se subirán ás redes sociais do Concello de Salvaterra de Miño (Instagram e Facebook).

O gañador será o que maior número de Me Gustas consiga entre as dúas redes sociais unha vez finalice o concurso o 7 de xaneiro, ó día seguinte publicarase o comercio gañador. O premio estará composto por dúas entradas para o Museo da Ciencia do Viño, dúas entradas para o Espazo Lúdico Termal de Teáns-Oleiros e unha comida para dúas persoas nun restaurante do noso municipio.

Novos cortes de tráfico polas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda

0

O avance nas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa autovía A-55 fará necesarios novos cortes de tráfico durante este vindeiro venres, día 1 de decembro e o próximo luns, día 4.

Trátase de continuar os traballos no novo enlace do punto quilométrico 30 na autovía A-55 para dar conexión coa futura vía de altas prestacións Tui-A Guarda, coa execución da capa de rodaxe dos novos ramais e cuñas de incorporación e saída á autovía, sentido Tui-O Porriño desde a glorieta elevada, na súa calzada esquerda, entre os quilómetros 30+100 e o 30+500.

Esta nova fase da intervención fai necesario proceder a un corte total dos ramais de entrada e saída da calzada esquerda da A-55 e á posta en funcionamento do transfer do tronco da propia autovía, dando servizo así ao tráfico pola calzada dereita.

Na programación destes traballos, que se levaran a cabo sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, inclúese a disposición dos desvíos de tráfico, en función das intervencións que se acometerán cada día.

O primeiro corte iniciarase o venres, día 1 de decembro, e afectará á circulación sentido Portugal-Tui (calzada decrecente), futuro ramal de saída da autovía ao enlace. Esta afección iniciarase ás 06,30 coa montaxe da sinalización vertical e balizamento e unha vez que estea a calzada libre de circulación, iniciarase o fresado e estendido da nova capa de rodaxe. A ligazón funcionará, como na actualidade.

Deste xeito, para facilitar a circulación do tráfico porase en servizo o transfer entre o quilómetro 30+500 e o 29+800, cortando a calzada esquerda/decrecente, dando servizo pola calzada esquerda cun único carril para ambos os sentidos de circulación. Manterase o enlace do quilómetro 30+000 funcionando na situación actual, incorporándose desde o ramal en obra á autovía sentido decrecente e para acceder ao enlace efectuarase o cambio de sentido no enlace situado no PK 29+000.

Os traballos continuarán na noite do luns dia 4 de decembro no treito de circulación sentido Portugal –Tui (calzada decrecente), futuro ramal de entrada á autovía desde o enlace. Para facilitar o tráfico porase en servizo o transfer entre o quilómetro 30+500 e o 29+800, cortando a calzada esquerda/decrecente, dando servizo pola calzada esquerda cun único carril para ambos os sentidos de circulación.

A variación do tráfico nesta situación é que para executar os traballos faise necesario o corte total do ramal de incorporación da ligazón do PK 30+000 ao tronco da A-55 (sentido decrecente), actualmente en servizo, os demais ramais da ligazón funcionarán segundo a súa disposición actual de obras.

Este segundo corte iniciarase ás 21,30 do luns día 4, facéndose coincidir coa diminución constatada na afluencia de tráfico, momento que se iniciará a montaxe da sinalización vertical e balizamento e unha vez que estea a calzada libre de circulación, iniciarase o fresado e estendido da nova capa de rodaxe. Para dar servizo aos usuarios que se queiran incorporar á autovía, sentido O Porriño, discorrerá o tráfico polo centro de Tui.

Por outra banda, a circulación do tráfico cara ao ramal de entrada da calzada dereita sentido crecente non se verá afectado por estes traballos, atopándose operativa a través do ramal de nova construción do quilómetro 30.

Cómpre indicar que o tronco da autovía e os ramais da ligazón atópanse actualmente xa sinalizados de obras, co cambio de sentido da saída 29B indicativo para incorporarse á estrada sentido Tui-Portugal.

Para a recirculación do tráfico sobre os enlaces quedarán delimitados por barreira de plástico tipo New Jersey, xunto coa súa correspondente sinalización horizontal e vertical de obras para o seu correcto desenvolvemento. O Goberno galego segue avanzando nesta infraestrutura viaria, que supón un investimento autonómico de 30 M€ e é estratéxica para reforzar a seguridade viaria e aumentar a competitividade nesta contorna.

Curso de competencias dixitais básicas no Concello de Covelo

0

O Concello de Covelo informa que está aberto o prazo para inscribirse no curso de informática de competencias dixitais básicas. No marco do VII Plan de Formación para o Emprego do Concello de Covelo desenvolverase un novo curso en horario de tarde de 16:30 a 19:30 horas os días 11, 12, 13, 14, 18, 19, 20, 21, 27 e 28 de decembro de 2023.

O Plan de Formación para o Emprego do Concello de Covelo ten como obxectivo establecer medidas e actuacións concretas que melloren a protección ante a perda de emprego e a eficacia na recolocación dos/as desempregados/as así como a formación ao longo da vida, explica a concelleira de Formación e Emprego, Lourdes Enes.

As persoas que desexen máis información sobre as accións formativas e/ou a documentación a aportar poden poñerse en contacto coa Concellería de Formación e Emprego e co auxiliar de Desenvolvemento Local no número de teléfono: 986 650 027 Ext 4 ou 1

O prazo de inscrición rematará o vindeiro día 5 de decembro ás 13:30 horas. As persoas interesadas en participar deberán estar empadroadas no concello. Este novo curso está dirixido a persoas desempregadas e inscritas como tal no Servizo Público de Emprego de Galicia aínda que no suposto de que a totalidade de prazas non se cubran con persoas en situación de desemprego, poderán ofertarse a traballadores en activo.

Tódolos solicitantes deberán aboar no momento da inscrición o prezo público pola participación en cursos establecido na Ordenanza Fiscal Reguladora do Prezo Público pola Prestación de Actividades Lúdicas, Recreativas, Culturais, Formativas e Deportivas.

O salto xeracional de Suevia Cividanes, fotografía gañadora do concurso ‘Mulleres que inspiran’

0

Diferentes xeracións, o mesmo amor. Iso reflicte a fotografía de Suevia Cividanes Alonso titulada ’84 anos sepárannos’, a imaxe gañadora do concurso ‘Mulleres que inspiran’, un certame co que o Concello do Rosal buscaba facer unha homenaxe ás avoas, nais… rosaleiras e recoñecer o labor destas mulleres como piares das familias e da sociedade ao tempo que fomentaba a memoria histórica, a creatividade artística e a participación cidadá.

O Salón de Exposicións do Concello acollerá ata finais de ano unha mostra con 28 imaxes presentadas a este certame, case unha trintena de escenas familiares ou sociais históricas, de reunións xeracionais e de encontro que ofrecen unha ollada ao Rosal de todos os tempos.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a visitar esta interesante exposición que forma parte do programa municipal do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. “Percorrendo as distintas imaxes poñemos en valor o traballo e a vida das mulleres rosaleiras, mulleres loitadoras que turraron cara a adiante por toda unha sociedade cun labor que moitas veces permanece invisible a pesar de ser fundamental para o funcionamento das nosas vidas e das nosas vilas”, lembrou a rexedora.

O Concello puxo en marcha esta iniciativa ao abeiro do proxecto ‘Mulleres que inspiran’, un programa posto en marcha para continuar revolucionando mentes, promocionar a igualdade real e previr a violencia de xénero a través de referentes femininos en todos os eidos.

Financiado pola Deputación de Pontevedra, o proxecto ‘Mulleres que inspiran’ busca achegar referentes femininos en todos os ámbitos a través de diferentes liñas de actuación, como encontros con profesionais, dando visibilidade ás xornalistas deportivas e deportistas profesionais de disciplinas historicamente masculinas ou a través da arte.

Nigrán construirá unha pista de pumptrack e de skate en Vilariño e Patos

0

O Concello de Nigrán destinará 80.000 € para construír o vindeiro ano unha pista de pumptrack en Vilariño e un half-pipe na contorna de Patos. Ambas infraestruturas foron demandandas no primeiro caso por rapazada do municipio que practica bmx (disciplina do ciclismo) e, no segundo, polas escolas de surf, xa que o adestramento con skate resulta especialmente idóneo cando a mar non reúne condicións para impartir clases.

“O certo é que son dous deportes urbanos con moita popularidade entre a mocidade de Nigrán e que complementan á perfección á pista de skate de Porto do Molle para poder ofrecer desde o Concello diferentes modalidades dentro do skateboard e BMX”, explica o alcalde, Juan González, quen sinala que precisamente, o pasado mes de outubro, o nigranés Xoel Pereira Rial, de 17 anos, proclamouse subcampión de España de pumptrack en Zaragoza representando a Galicia.

A xustificación das ubicacións elixidas polo Concello baseanse na propia demanda da rapazada. “En Vilariño fabricaran eles mesmos hai anos un pumptrack moi rudimentario ao carón do campo de fútbol e, en Patos, pois lóxicamente para dar servizo á comunidade surfeira que o pide”. Así, en concreto se plantexa os 1.000 m² de superficie pegados ao parque de Poutón e unha superficie moito menor para un half ao lado do parque infantil e o mercado dos sábados.

Un pumptrack é un circuíto de pequenas dimensións que se pode percorrer cun monopatín ou cunha bicicleta impulsándose soamente mediante a inercia adquirida nos saltos e peraltes e a propia habilidade do skater ou ciclista, xa que a norma é precisamente a prohibición de darse impulso ou pedalear. Os primeiros circuitos construíronse nos 2000 en EEUU e Australia e España conta agora con preto de 200.

Pola súa banda, un half-pipe ou medio tubo é unha estrutura en forma de ‘U’ usada, xeralmente, na práctica de deportes extremos, como o skateboard, a patinaxe, o snowboard, BMX ou outros tipos de bicicletas. Desde hai décadas os surfeiros buscaron unha alternativa para adestrar cando as condicións climatolóxicas o impiden, desta necesidade nace o ‘surfskate’, para seguir simulando e aprendendo novas técnicas desde o asfalto.

Comezan as obras de reparación da senda peonil de Baíña

0

Xa deron comezo os traballos de reparación da senda peonil do río Baíña, instransitable desde final do ano pasado. As actuacións supoñen un investimento de 45.356,85 €, a Deputación de Pontevedra subvencionará o 70 %, 23.621,79 €, mentres que o Concello de Baiona achegará con fondos propios o diñeiro restante, 21.735,06 €.

As obras executaranse no tramo final da senda pechado ao paso da veciñanza polos danos sufridos polos temporais de decembro do ano pasado provocaron grandes danos. Por iso levarán a cabo traballos que consistirán na recuperación principalmente en labores de reposición da estrutura inicial, piares, correas e pontones, coas mesmas características e condicións estruturais.

O prazo de execución dos traballos é dun mes, e durante ese tempo manterase cortado o paso á marxe do río Baíña, coa correspondente sinalización avisando aos paseantes.
“Co ánimo de colaboración entre administracións e pola importancia desta infraestrutura para a veciñanza de Baiona en xeral e de Baíña en particular, actuamos con urxencia para dar solución a este camiño natural, interrompido polo derrube de varias das plataformas de madeira que conforman o tramo final do percorrido froito das crecidas do río Baíña polas choivas torrenciais sufridas en decembro do pasado ano”, sinala o Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.

“Trátase dunha senda fluvial ao longo do Río Baíña, xusto antes de desembocadura situada en Baiona, fronte á Praia de Santa Marta, moi utilizada polos veciños e veciñas da parroquia para acurtar distancia baixar ata a praia e o paseo marítimo. Así mesmo, tamén é moi utilizada por senderistas e camiñantes para realizar unha agradable camiñada a beiras do río e moi interesante pola súa beleza”, destaca o Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña.

Con esta actuación, permitirase novamente, completar o percorrido total da senda, podendo gozar dun paseo agradable, entre a vexetación e fervenzas ao longo de todo o percorrido. Esta senda de menos dun quilómetro de distancia foi realizada polo actual alcalde no ano 2011, desde a concellería de medio ambiente, para poñer en valor a riqueza natural da nosa contorna.

O Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Porriño asesora a medio cento de persoas

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo,  participou no acto de inauguración do Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Porriño, un dos doce activos en toda a comunidade e dos dous dispoñibles na provincia de Pontevedra.

Malia que onte foi a inauguración oficial, este Polo xa ten asesorado desde o mes pasado a máis de medio cento de persoas cos seus respectivos proxectos, sendo mulleres o 61 %. A estas persoas emprendedoras prestáronselles case un cento de titorías para darlle un pulo aos seus negocios, entre os que dominan as iniciativas relacionadas coa educación, o comercio e a hostalaría.

En canto ao conxunto da Rede, que se puxo en marcha en xullo do ano pasado, atendéronse xa arredor de 900 persoas, coas que se realizaron máis de 2.500 sesións de titorización. Entre os seus negocios, predomina o comercio ou a hostalaría, pero tamén o sector primario.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a “importancia de contar con este recurso no Porriño” xa que que “somos un pobo cunha gran iniciativa emprendedora e cunha mocidade inquieta que precisa de asesoramento e apoio para dar forma e poñer en marcha os seus proxectos”.

Na súa intervención, a conselleira sinalou que o novo Polo do Porriño confirma a aposta da Xunta de Galicia por xerar riqueza pegada ao territorio, cunha “boa práctica recoñecida en Europa para fomentar o emprendemento dunha forma completa, sen límite de tempo e de forma gratuíta”. Tamén puxo en valor que a Rede de Polos xorde para ofrecer un acompañamento continuado das persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que vaian pasando os seus proxectos. A finalidade do goberno autonómico é acadar os 15 centros activos ao remate do ano, para cubrir o cen por cento do territorio galego.

O Polo de Emprendemento e Apoio ao emprego do Porriño pode visitarse na rúa Ramiranes, número 9. 

O Concello de Covelo felicita a Concepción Val Cousiño polo seu 108 cumpreanos

0

O Concello de Covelo quixo achegar os seus parabéns a Concepción Val Cousiño, veciña de Covelo, que acaba de cumprir 108 anos. O alcalde, Pablo Castillo, a concelleira, María Valiño, e o ex concelleiro, José María Vázquez, visitárona para entregarlle un agasallo e todo o cariño a súa veciña máis lonxeva.

“Concha é apreciada na súa parroquia e no concello por ser unha muller valente que non dubidou en marchar para Alemania cando tivo que sacar adiante aos seus fillos. Xa de pequena era quen de realizar traballos de forza e carácter”, sinala o alcalde.

Nacida o 21 de novembro do ano 1915 no lugar de Pencellos, Maceira, Concepción é nai de 2 fillos, Carmen e Valentín; ten 3 netos, Silvia, Víctor e David e 2 bisnetas, Sara e Alicia. Pero na familia de Concha tamén están o seu xenro, Antonio, e a súa nora, María del Carmen, e así o fai saber. Ten tamén no seu corazón ao seu irmán Sergio que vive en Uruguay e non esquece a seu home, Valentín, finado hai anos.

Coñeceu o traballo do campo galego e tamén a emigración cando con corenta e oito anos decidíu marchar traballar a Alemania a unha fábrica de porcelana na que estivo doce anos. Dende pequena aprendeu a ser forte e a estar aló onde fose preciso para axudar á familia, sendo nena axudaba ao pai a carretar coa parella de bois que había na casa e traballou guiando aos bois que levaban as pedras nun carrro para a construción da central eléctrica de Maceira.

Ata o último día que puido calcetou para toda a familia e prolongou ata o máximo posible a súa estancia en Maceira onde tivo todo tipo de animais: galiñas, porcos, ovellas, vacas… e unha horta capaz de subministrar a todos os fillos e netos cada fin de semana. “Sempre ten o as para matar o tres e sempre atopa apoio no refraneiro popular para os seus argumentos”, explica a súa familia.

Agora vive na residencia de maiores de Coia onde a súa familia a visita semanalmente. Dela dín que é unha muller loitadora e coas ideas claras que se enche de enerxía cada vez que a visita a familia, algo que a mantén con vida.

Concha é a máis lonxeva de Covelo e, probablemente, da comarca da Paradanta. Na súa memoria atesoura os grandes cambios sociais, económicos e históricos non só de Galicia, tamén de España e do mundo inmerso, no ano do seu nacemento, na I Guerra Mundial.

Salvaterra aproba un convenio con Augas de Galicia para a execución da nova EDAR do Mendo

O Grupo de Goberno de Salvaterra presentaba ao pleno da corporación, para a súa aprobación, o convenio con Augas de Galicia para as obras da nova EDAR do Mendo.

Un proxecto que estará cofinanciado polo Concello de Salvaterra de Miño e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. Obra que ascende a 2.000.000 millóns de euros e que se pretende estea rematada no ano 2026.

Esta obra englóbase nas actuacións de mellora e ampliación da rede de saneamento que está levando a cabo o concello de Salvaterra de Miño. Despois de preto de 4 anos de trámites administrativos e de realizar a compra de terreos, o Pleno da Corporación vén de autorizar a Alcaldesa de Salvaterra a sinatura do convenio que permitirá arrancar coa licitación das obras no 2024. Unhas obras moi necesarias para dar continuidade a rede de saneamento existente nas parroquias de Leirado, Soutolobre, Meder, Corzáns e Fiolledo que permitirán iniciar novas inversións nesas parroquias que verten a conca do Mendo e para o futuro saneamento de Oleiros.

As actuación a realizar consisten nun pozo de bombeo en As Santas que recollerá as augas residuais pola rede de saneamento existente e impulsaraas hacia a parcela onde se ubicará a nova EDAR, que serán impulsadas a través dunha impulsión de polietileno ata a pranta da Estación Depuradora que terá unha zona de pretatamento, de bombeo e de tratamento biolóxico que dirixirá as augas tratadas a través doutro pozo de bombeo a un novo colector emisario ata o Río Miño.

Mos estrea ordenaza e nova imaxe para os seus taxis

0

O Pleno do Concello de Mos, en sesión ordinaria do mes de novembro, aprobou inicialmente e por maioría dos votos, a nova ordenanza dos servizos urbanos de transportes en automóbiles lixeiros no Concello de Mos.

O documento recibiu as votacións a favor do grupo de goberno e do Partido Socialista, e a abstención do BNG.

Tras desta aprobación inicial en Pleno a nova ordenanza sométese agora a exposición pública, quedando aprobada definitivamente de forma automática despois de que teña transcorrido o devandito periodo de información pública, de trinta días, para a presentación de reclamacións e suxerencias por parte dos interesados, se os houbese. De non presentarse reclamacións, quedará polo tanto aprobada de xeito definitivo.

Mediante a aprobación desta nova ordenanza de taxis, o Concello de Mos e a concellería de Mobilidade que dirixe a edil Julia Loureiro, promoven a adaptación da normativa municipal ao Decreto 103/2018, de 13 de setembro, e regular unha serie de aspectos en canto á titularidade do títulos habilitantes, así como os distintivos e cores dos vehículos.

Deste xeito, incorpóranse certas actualizacións respecto do documento anterior, entre os que destacan a posibilidade de contar con ata dúas licenzas de auto taxi por titular, de empregar dúas cores nos devanditos vehículos: branco e gris (sendo ata o de agora a branca a única cor posible) e a incorporación dun novo logo distintivo dos taxis do municipio.

Trátase dun deseño con motivos arlequinados, elemento recurrente e identi­cativo do sector do taxi que é empregado de maneira recurrente en toda a súa iconografía; ademáis de ser un elemento presente no escudo do Concello de Mos.

Esta nova rotulación con dimensións: 80 x 8 cm, consta de dúas fileiras do xadrezado empregado no escudo do Concello, combinando as cores amarela e vermella, cun efecto óptico que se asemella ao degradado.

Arbo e Sogama organizan unha charla de compostaxe doméstico

0

O Centro Multiúsos acollerá o xoves 30 de novembro, a partir das 18:00 horas unha charla informativa sobre a compostaxe que organizan o Concello de Arbo e Sogama. A sesión informativa será impartida por técnicos especializados de SOGAMA e nas mesmas explicaranse os pormenores e bondades da compostaxe doméstico e atenderanse todas as dúbidas trasladadas polos asistentes.

O obxectivo destas sesións formativas é reforzar os coñecementos da veciñanza na compostaxe e incidir no potencial que a materia orgánica ten para o seu uso como abono natural, xa que achega nutrientes ao chan e protéxeo  fronte a pragas e enfermidades.

O alcalde do Concello de Arbo, detaca o gran exito do programa de compostaxe, “en total o Concello de Arbo, leva repartido 320 composteiros dende o comezo da Campaña no ano 2020”.

A elaboración de compost na casa ten moitas ventaxas, tanto medioambientais como económicas. O compostaxe permite reutilizar os refugallos que de outra maneira acabarían no colector verde convenicional e contribúe a reducir a frecuencia do servizo de recollida.

O Alcalde explicou que “a pretensión dende o Concello é reducir a xeración de residuos dos nosos fogares, colaborando asi mesmo co medio ambiente porque obtemos un abono natural de excelente calidade para as nosas prantas, legumes, horatalizas…”.

O Concello de Arbo acaba de recibir 25 composteiros máis para repartir entre a poboación arbense. A nova campaña iniciarase a principios de decembro.

A Deputación transformará o antigo mercado de Oia

0

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, asinaron este luns un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis de case 400.000 euros, o 40 % do orzamento, os traballos para a rehabilitación do mercado de Oia. O Concello, pola súa banda, achega o 60 % do total (590.000 euros). O acordo asinouse na primeira visita institucional do mandatario provincial a este concello, un encontro no que López puxo en valor o traballo realizado polo equipo de goberno e aplaudiu a execución deste tipo de proxectos que transforman os equipamentos municipais e ofrecen mellores servizos a cidadanía.

A obra, valorada nun total de 982.000 euros, servirá para a recuperación dun mercado singular no centro do municipio. Un proxecto que converterá este inmoble nun espazo de encontro para a cidadanía que integrará arte, cultura e comercio. Os traballos centraranse na creación dun espazo central diáfano e dun graderío que permitirá a organización de eventos e a asistencia de espectadores. Ademais, o proxecto contempla a restauración da cuberta respectando o deseño orixinal a oito augas, a substitución da estrutura de aceiro por unha de madeira, a apertura de catro portas, unha en cada fachada; e a conservación das aberturas orixinais na fachada e na cuberta para dotar de iluminación natural a un edificio que verá mellorada tamén a súa conexión coa fachada marítima.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Oia realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

A deste luns, foi a primeira visita institucional de Luis López a Oia como presidente da Deputación e quixo agradecer a remarcar o compromiso do goberno provincial para escoitar as necesidades do Concello, respectar a autonomía do goberno local á hora de escoller que obras levar a cabo e a apoiar proxectos transformadores.

Os ciberdelitos, eixo central da nova cita cos ‘Cafés en Igualdade’ do Rosal

0

O Rosal pecha a súa programación co gallo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha nova cita cos seus ‘Cafés en Igualdade’, un espazo de reunión para todas as familias rosaleiras no que conversar sobre temas de interese de xeito cómodo e distendido ao tempo que se promove a conciliación familiar, laboral e persoal.

Este xoves 30 de novembro, o axente da Garda Civil Javier Cancela abordará con todas as persoas participantes unha cuestión de vixente actualidade, os ciberdelitos, facendo especial fincapé nos delitos con enfoque de xénero. Nesta ocasión, a sesión será de 17.30 a 18.30 horas na Cafetería Juan.

“A violencia de xénero traspasa calquera barreira, tamén a dixital. Poden ser comentarios inapropiados nas redes sociais, mensaxes, ameazas, chantaxes, divulgación de datos persoais ou noticias falsas… Temos que aprender a detectar, previr e erradicar este tipo de violencias, porque aínda que non se ven poden ter consecuencias moi graves na vida das vítimas”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O Concello do Rosal puxo en marcha estes ‘Cafés en Igualdade’ co obxectivo de ofrecer un balón de osíxeno ás familias rosaleiras, creando un recuncho no que deixar a un lado todas as obrigas diarias para abordar temas de especial interese para a sociedade. O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

O alcalde e o goberno municipal renuncian a subirse o soldo

O Goberno Municipal do Porriño renuncia un ano máis a subirse o soldo e as retribucións de alcalde e concelleiros serán as contempladas no orzamento, sen a subida do índice que marca o IPC.

A tal fin, hoxe aprobouse no pleno, co voto a favor do goberno local e do grupo municipal do BNG e o voto en contra do do PSOE, a modificación da base 28 do orzamento que permitirá non aplicar o incremento retributivo do 0,5 % aos cargos electos con dedicación exclusiva e parcial.

Así, o soldo do alcalde manterase en 39.540 euros se manteñen as contías para as adicacións exclusivas e parciais dos concelleiros e concelleiras.

“Comprometinme facelo, a ser o primeiro en mostrar austeridade toda a lexislatura e así o fago. Por compromiso coa veciñanza e tamén por responsabilidade e sentido común”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Non vou subir o meu soldo nin o do meu equipo, non o fixen antes das eleccións e non o farei agora”.

Últimos días para inscribirse no Cross Escolar de Baiona

0

A Concellería de Deportes do Concello de Baiona informa de que ata este mércores, 29 de novembro, poderán formalizarse as inscricións para participar na XXIV Cros Escolar do Val Miñor, que se celebrará este domingo, 3 de decembro, na contorna do antigo campo de fútbol de Santa Marta en Sabarís. Aínda están a tempo para realizar a mesma no Pavillón de Deportes Municipal, chamando ao teléfono 986356558 ou no email: [email protected].

Trátase dunha proba solidaria, pois se realizará unha recollida de alimentos non perecedoiros destinados á ONG de Baiona “Axuda ao Mundo Necesitado”.

Esta proba acollerá as categorías cadete masculino/feminino (nados nos anos 2009-10), que sairán ás 10:45 e 11:00 horas, correlativamente. Os atletas masculino/feminino (2011/12) correrán ás 11:15 e 11:25 horas. A do alevín masculino/feminino (2013/14) comezarán ás 11:35 e 11:45 horas. Os participantes benjamín masculino/feminino (2015/16) iniciarán a proba ás 12:10 e 12:20 horas. Por último, os atletas de Cros máis pequenos serán os chupetes masculino/feminino (nados 2019/20) que comezarán a correr ás 12:30 e 12:40 horas.

As fotografías dos bosques españois, entre eles o Aloia, forman parte da mostra “Berces da Vida. De paseo polos bosques de España”

0

Unha fotografía tomada no Parque Natural do Monte Aloia de Tui é unha das 26 imaxes que conforman a mostra “Berces da Vida. De paseo polos bosques de España” que foi inaugurada esta mañá na Sala Municipal de Exposicións no edificio Francisco Sánchez. A exposición chega a  Tui da man de Afundación, coa colaboración do Concello de Tui e ABANCA.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela, e a directora da Oficina de Tui de ABANCA, Mª Teba García.

Comisariada polo premiado biólogo e divulgador Joaquín Araujo a mostra, realizada en colaboración con Lunwerg, reúne 26 fotografías, de distintos autores, nas que se plasma a biodiversidade das fragas e bosques de España, entre eles do Parque Natural de Sierra Espuña en Murcia, da Selva de Irati en Navarra, do Faial de Montejo de la Sierra en Madrid ou da Ribeira Sacra en Ourense. A exposición pretende servir de chamada de atención sobre a necesidade de conservar este espazos, imprescindibles para a vida no noso planeta.

Esta mostra está incluída en “Corrente cultural”, un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación. Tamén forma parte do proxecto “Cultura por alimentos”, que convida aos visitantes a entregar produtos non perecedoiros a modo de entrada solidaria para a Federación Española de Bancos de alimentos (FESBAL).

A exposición pode visitarse na Sala Municipal até o 4 de xaneiro de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 20.30 h e os sábados de 9 a 13 h.

CoidaMos chega ao municipio mosense por un Mos máis limpo

0

O Concello de Mos vén de presentar a campaña CoidaMos, que inclúe a nova imaxe corporativa do Servizo Municipal de recollida de lixo, rotulada e implantada tanto nos novos contedores como nos camións de recollida, que foron rotulados co novo deseño.

A campaña foi presentada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Medio Ambiente, mantemento de zonas urbanas, e parques e xardíns, Laura Méndez, responsables da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, FCC, e operarios que prestan diariamente o servizo en Mos.

As representantes municipais, Arévalo e Méndez, explicaron durante a presentación que “esta campaña informativa céntrase na difusión da información dos servizos ao dispor dos veciños no que se refire a recollida de lixo. Ten co obxectivo concienciar e informar sobre a recollida selectiva e incentivar a utilización do Punto Limpo por parte da poboación para tratar de reducir a proliferación de vertquidos incontrolados”.

A campaña inclúe o envío a todos os domicilios mosenses dun folleto informativo coas característica e os distintos tipos de servizos. Información sobre o tipo de contedores e a súa utilidade, coa novidade da próxima implantación do contedor marrón de residuos orgánicos ‘Fracción orgánica’. Tamén se informa da recollida a domicilio de entullos e facilítase o número de teléfono para a súa xestión.

“A novidade desta campaña consiste en incentivar a utilización do punto limpo por parte da poboación para tratar de reducir a proliferación de verteduras incontroladas, para iso incluíuse nos folletos unha cartilla para conseguir premios. A cartilla débese completar con selos cada vez que se acuda ao Punto Limpo a depositar un desfeito para a consecución dun incentivo (baños libres na piscina municipal e botellas de aluminio das novas mascotas da campaña, @s Mosiñ@s, para a poboación infantil, e bonos de piscina e sauna gratis para a poboación adulta)”, explicou a edil responsable, Laura Méndez.

No mes de febreiro a campaña centrarase nos centros escolares de Mos, onde serán impartidas por persoal especializado da empresa FCC charlas informativas, durante as que tamén se repartirán os folletos dirixidos á poboación infantil, sempre da man d@s Mosiñ@s mascotas do programa CoidaMos.

Toda a información sobre esta campaña educativa e de sensibilización medioambiental poderase consultar a través do código QR que aparece nos novos contedores rotulados coa nova imaxe de CoidaMos.

Durante a presentación rexedora local e concelleira aproveitaron para lembrar que as recollidas especiais de aparatos eléctricos e electrónicos como electrodomésticos, televisores, aparatos eléctricos, etc. realízasr todos os martes e sábados e, tras avisar por teléfono, os solicitantes poden depositar os residuos o día anterior para á súa recollida no colector máis próximo ó seu domicilio. O horario de chamadas é de luns a venres: de 09.00 a 14.00 h.

A recollida de voluminosos como mobles, colchóns, sillas, somieres, etc. ten un horario de chamadas de luns a venres: de 09.00 a 14.00 h e un horario de recollida: os martes e sábados, tras avisar por teléfono. Os solicitantes poden depositar os residuos o día anterior a súa recollida no colector máis próximo ó seu domicilio.

A recollida de podas deberá ir en bolsas de un máximo de 2m. Requírese tamén chamada previa en horario de luns a venres: de 09.00 a 14.00 h. O horario de recollida será o último xoves de cada mes.

Para todas as recollidas é obrigatorio chamar ao 672 72 98 60.

Así mesmo o Punto Limpo é un servizo municipal de balde para todos os veciños e veciñas de Mos no que se poden desfeitar mobles, enseres, electrodomésticos, cables e aparellos informáticos, madeiras, restos de poda, plásticos, metais, aceite vexetal, etc. Atópase situado no Parque Empresarial Mos-A Veigadaña, Parcela CES-2 e aberto todos os martes e xoves de 10.00 a 14.00 h e de 16.30 a 20.30 h, e os sábados: de 10.00 a 14.00 h.

Acudir ao Punto Limpo ten premio en Mos agora coa posta en marcha da nova campaña medioambiental CoidaMos.

Para o público infantil o premio é un bidón de aluminio reciclado de 400 ml coas mascotas d@s Mosiñ@s e o xeito de participar é recorta a cartilla, levar os residuos ao Punto Limpo, levar a cartilla e cada vez que leven residuos pedir un selo e cando completen a cartilla con todos os selos entrgala no Concello de Mos e trocala polo premio que tamén pode ser a opción de baños libres na Piscina Municipal do Pavillón Óscar Pereiro.

No caso do premio para os adultos o procedemento é o mesmo e a cartilla, unha vez completada, poderá ser trocada por dous bonos para dúas persoas para acceder á piscina municipal incluíndo a sauna. Para obter máis información sobre esta campaña as persoas interesadas poden chamar ao 986 09 70 37.

Por último durante a presentación lembrouse que é necesaria a responsabilidade cidadá e veciñal para manter un Mos limpo, e que as condutas inapropiadas, poden ser sancionables aínda que non sexa a vontade inicial da administración local a imposición de multas. O abandono, incluído o do lixo disperso, o vertido e a xestión incontrolada de calqueira tipo de residuos non perigosos sen que se puxera en perigo grave a saúde das persoas ou producira un dano ou deterioro grave para o medio ambiente pode comportar multas que poden oscilar entre os 2.001 e os 100.000 euros.

Redondela homenaxea a Sesé Mateo na gala do seu premio de Xornalismo Ético

0

O Concello de Redondela entregou o pasado venres o III Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético cunha emotiva gala presentada pola xornalista redondelá Laura Vaqueiro. Este premio naceu co obxectivo de recoñecer “a ética á hora de tratar informacións relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e respectando a intimidade das vítimas e as súas familias”, como explicou a alcaldesa Digna Rivas. Ana González Liste é a gañadora desta edición cunha reportaxe sobre a vida das mulleres galegas vítimas de violencia de xénero que contan con seguemento telemático por parte da policía. A concelleria de Igualdade, Iria Vilaboa, salientou que este ano presentáronse 12 traballos en diferentes formatos, “o que pon en valor a calidade da reportaxe gañadora, que competía con outros traballos que poden resultar máis atractivos como pode ser un audiovisual”.

Ana González Liste manifestou que é “un orgullo recibir este premio que leva o nome de Sesé Mateo” e agradeceu “a xenerosidade das mulleres que confiaron en min e dedicáronme o seu tempo para que esta reportaxe fose posible”.

Un dos protagonistas da cita foi Joshua Mateo, fillo de Sesé Mateo, quen agradeceu que a memoria da súa nai se manteña viva grazas a este premio, falou do seu traballo como axente de igualdade e pediu a todo o público que traballen tamén no seu entorno “como axentes do cambio”.

O Porriño contará cun novo auditorio en tres anos

O Concello do Porriño xa deu o primeiro paso para dar resposta a unha das grandes necesidades deste pobo: a construción dun auditorio municipal. Trátase dunha das maiores demandas da veciñanza porriñesa que ata o de agora non conta cun espazo en condicións ao servizo da cultura, o ocio e o entretemento.

“Como sempre dixen para min é un reto que O Porriño se convirta tamén  na cidade da Cultura. Temos o esencial, un tecido asociativo veciñal e cultural con iniciativa e moi dinámico, unha programación cultural anual e unha veciñanza con enormes inquedanzas, pero carecemos de instalacións propias que nos permitan localizar e visibilizar toda isto”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Necesitamos un auditorio á altura do Porriño”.

A tal fin, o Gobeno Municipal da o primeiro paso e levará a pleno o investimento necesario para poñer en marcha este proxecto.

O novo auditorio municipal erixirase xunto ao Centro Cultural Municipal, cunha ampliación do edificio que se completará coa urbanización do conxunto da parcela e da rúa Fernández López, aledaña ao mesmo, conectando con outros equipamentos culturais da zona como o Círculo Recreativo Cultural, o Centro Cívico e o local multiusos municipal sito nesa rúa, creando así un espazo público de calidade accesible a todos os veciños. “Será o centro neurálxico cultural e social da vila”, apuntou

A inversión estimada para a execución da nova sala e a urbanización do conxunto da parcela é de 1.871.870 euros, aos que hay que sumar 360.000 para a renovación a Fernández López. Estímase asimismo necesaria unha partida de 30.000 euros para a dirección de ambas obras no momento da súa execución polo que o importe total da inversión proposta será de 2.261.870 euros.

“Estamos ante un investimento necesario dado que o aforo do actual auditorio resulta insuficiente para as necesidades reais da veciñanza, tendo que acudir a entidades privadas como é o Círculo Recreativo Cultural para dar cabida a algún dos eventos programados polo Concello”, continuou o alcalde, indicando que no tocante ao financiamento da inversión programada “están en trámite diversos convenios con axentes financiadores externos como a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e o Estado a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR- Fondos NextGeneration EU). O concello incorporará como aportación municipal a este proxecto a cantidade de 900.000 euros, a través dun crédito extraordinario”.

“Será unha realidade e antes de que remate esta lexislatura abrirá as súas portas, comprométome”, concluíu Lorenzo.

O Concello de Nigrán intenta salvar ao castiñeiro de San Pedro do “chancro”

0

O Concello de Nigrán traballa a contrarreloxo para salvar do ‘chancro’ ao castiñeiro centenario de San Pedro despois de que a Brigada Forestal Municipal detectase a súa presencia. Así, tras solicitar o Concello hai dous anos sen éxito que este espectacular exemplar fose incluído no catálogo de ‘Árbores Senlleiras de Galicia’ da Xunta pola súa singularidade, agora, ante esta situación, o Concello pedíu oficialmente que o Departamento de Sanidade Vexetal inicie o tratamento fitosanitario que o podería salvar e, por outra banda, que a Estación Fitopatolóxica do Areeiro estudie polo míudo a súa saúde. A maiores, esta mesma semana a Brigada Forestal Municipal retirou as polas mortas e podou os chupóns para que non lle resten vigorosidade.

“Ao parecer o chancro é unha enfermidade moi común nestas árbores e, sen tratamento axeitado, conduce á morte, polo que, aínda que nin sequera é competencia do Concello porque está en terreo da Igrexa, nos puxemos mans á obra inmediatamente para salvalo”, explica o alcalde, Juan González, quen tratou no 2021 de que, xunto ao ‘árbore botella’ situado a 400 metros (ao carón da fábrica de champán)se catalogase como árbore ‘senlleiras’ de Galicia para outorgarlle a máxima protección (en Nigrán ningún exemplar ten esta distinción). O certo é que o chancro é unha das peores enfermidades que poden aparecer en árbores e plantas e está provocada por unha bacteria que penetra na planta a través dunha ferida das ramas, talos ou follas, unha vez dentro, crea vultos que impiden que o zume circule ben, facendo que poida chegar a morrer.

Este castiñeiro ten un diámetro de 158 cm (28 cm por riba do perímetro normal) e 35 metros de altura baixo un aspecto corpulento e porte erecto. O enxeñeiro forestal municipal certificou no 2020 que, “sendo moi precavido’, supera os 110 anos, xa que nas fotografías do voo américano de 1956-1957 xa se aprecia cunha copa moi similar, polo que como mínimo naquel intre tería 50 anos. Sendo unha árbore autóctona e icónica en Galicia, é unha sorte que sobreviva un exemplar coas súas características ten preto do litoral, xa que pola propia urbanización da franxa costeria, a maioría destes exemplares redúcense ao interior da comunidade. Este exemplar é boa proba da importancia dos castiñeiros en Galicia como sustento e fonte de madeira ao longo do tempo: as fortes podas que sufríu (aínda apreciables) indican que a súa extración non só foi con obxectivos de formación, se non tamén para adquisición de madeira de gran calidade. A maiores, o certo é que este castiñeiro forma parte esencial do conxunto da igrexa de San Pedro e tamén da súa historia, tanto é así que os veciños aínda recordan cando apoiado sobre as súas polas se colocaba o palco da música para as festas parroquiais.

“Forma parte do patrimonio natural de Nigrán e ten un valor científico, cultural, etnográfico e histórico indubidable, polo que hai que protexelo a nivel biolóxico e antropolóxico”, engade o rexedor.

SmartPeme catro novos cursos esta semana

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e autónomos, oferta esta semana catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático. As actividades abordarán cuestións relacionadas con Google Analytics, con como crear unha páxina web con WordPress, coa edición de vídeo a través de Capcut e tamén coa Intelixencia Artificial.

O martes 28 de 12:00 a 13:00 terá lugar o obradoiro de “Google Analytics 4 para toma de decisións”. A través desta acción formativa afondarase en como as ferramentas de analítica permiten descubrir o proceso que seguen as persoas usuarias desde que entran nunha web ata que a abandonan, para que as empresas poidan tomar mellores decisións de negocio. O taller será impartido por Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais con experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web.

O mércores 29 terán lugar dous talleres. De 12:00 a 13:00 desenvolverase o curso “Crea unha páxina profesional con WordPress I”, onde se abordarán as posibilidades que ofrece a plataforma para crear un sitio web e o deseño, desenvolvemento e xestión da páxina para conseguir unha plataforma profesional e optimizada. María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, especializada en márketing dixital, será a encargada de dirixir este obradoiro.  

Tamén o mércores, entre as 17:00 a 18:00, terá lugar o obradoiro “Capcut I: edición de vídeo e as súas posibilidades” co que as persoas participantes poderán aprender a editar vídeos facilmente en liña. A encargada de impartir este curso será Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.

Finalmente, o xoves 30 de 12:00 a 13:00, desenvolverase o obradoiro “Intelixencia Artificial II, clasificación e regresión”, onde Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, abordará diferentes cuestións relacionadas coa materia, como as redes neuronais, a clasificación de imaxes, a regresión ou, entre outras, o Jestson Nano.