Domingo, 9 Febreiro de 2025

O Concello de Nigrán informa da pronta aprobación provisional do PXOM

O Concello de Nigrán, tal e como se comprometera, convocou onte o Consello Sectorial do PXOM co fin de informar sobre o estado actual de tramitación do documento, moi preto xa da súa aprobación provisional. A esta cita, tal e como recolle o regulamento deste órgano aprobado polo goberno socialista de Efrén Juanes no 2008, estiveron chamadas a participar 22 entidades deportivas, culturais, veciñais, de montes ou augas do municipio, así como representantes dos diferentes partidos políticos e o Colexio de Aparelladores ou APROIN. O obxectivo non foi outro que informar de man do propio equipo redactor da situación do Plan, con todos os informes sectoriais favorables desde o pasado mes de marzo, cando a Axencia Galega de Infraestruturas deu o visto bo tras 3 anos de traballo. Previamente a esta convocatoria, o goberno local mantivo durante o mes de setembro reunións abertas á participación veciñal en cada parroquia, deixando alí o propio documento, pendurado ademáis na web municipal e dispoñible en Urbanismo (onde se chegou a ampliar o horario para atender consultas polas tardes).

Esta é a terceira vez que o goberno de Juan González convoca o Consello Sectorial, sendo a derradeira no 2018 para informar da modificación subsidiaria das normas urbanísticas e a primeira no 2015 para amosar á veciñanza o documento do PXOM antes de ser enviado a Patrimonio cos cambios introducidos tras actualizar o catálogo de bens, un dos requirimentos que esixidos. Nos tres casos, o goberno mantivo sempre reunións en cada unha das sete parroquias canalizadas polas propias entidades veciñais.

“A transparencia é máxima e aí están os feitos que o corroboran, por iso cada veciño de Nigrán sabe perfectamente a situación das súas propiedades no futuro PXOM, ben a través das reunións por parroquias ou cos propios técnicos de Urbanismo, e por iso nos diriximos primeiramente a eles. Agora é o turno do Consello Sectorial, órgano que, precisamente, representa ao conxunto da veciñanza e que vela polos intereses globais do municipio”, explica o alcalde, Juan González, quen tamén acudirá ao Consello Sectorial xunto ao edil de Urbanismo, Diego García, e outros membros do seu equipo de goberno. “É a oportunidade de que fagan preguntas aos propios técnicos responsables. Nas reunións polas parroquias detectáronse algúns erros que se corrixirán e agora estamos de novo abertos á explicar absolutamente todo o que poida xurdir porque o que buscamos é o máximo consenso”, engade González, quen avanza que se modificará o regulamento que rexe ao Consello para que poidan participar entidades con sede no municipio creadas a partir de 2008.

“Con todos os informes positivos confiamos en que a resposta ao informe de sostibilidade ambiental será favorable e, a partir de aí, poderemos levalo a un Pleno para a súa Aprobación Provisional, pola nosa banda non se demorará nin un día más do preciso. “É unha enorme tranquilidade e unha satisfacción ter rematados todos os ‘deberes’ por parte do Concello. Moi pronto Nigrán contará cun plan urbanístico do século XXI que a maioría dos municipios aínda non teñen”, finaliza.