O Concello de Redondela organiza esta fin de semana un amplo programa de actividades co gallo do prendido das luces de Nadal. O acendido en Redondela será na praza do Concello ás 20.00 horas do sábado día 2 de decembro. As actividades comezarán ás 18.00 horas cun concerto para público infantil e familiar con Uxía Lambona e a Banda Molona. A partires das 19.00 horas os pasarrúas de Latexo Percusión e as Aves do Paraíso de Barafunda encherán de música e cor as rúas do centro da vila, con saída desde a praza de Ribadavia acompañados coa Coca Simona.
Un día despois, o domingo 3 de decembro ás 19:45 horas, terá lugar o prendido das luces de Nadal de Chapel na renovada Alameda de Rosalía de Castro. As actividades para festexar o comezo do Nadal contarán con teatro, música e animación. Ás 17.00 horas Teatro ao Cubo representará o espectáculo Ghop!!, para público infantil e familiar. A música chegará da man de Paco Nogueiras ás 18.00 horas co seu último traballo “C@nto contigo”, e ás 19.00 o espectáculo Aves do Paraíso de Barafunda e a Coca Simona. As luces prenderanse ás 19.45 horas.
Máis de 5.000 metros cadrados de alumeado de Nadal
A iluminación de Nadal, como en anos anteriores, non se limitará aos núcleos urbanos senón que se extenderá por todas as parroquias do municipio. Rita Pérez, a concelleira de Cultura, explica que son “máis de 5.000 metros cadrados de iluminación, con 200 arcos de luz e 600 elementos decorativos cun total de 895.000 luces led”. As rúas do municipio lucirán cos motivos do Nadal, ao igual que as prazas, alamedas, xardíns e elementos singulares como o mercado municipal ou o antigo viaducto.