18.3 C
Pontevedra
Mércores, 16 de Outubro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaNovos cortes de tráfico polas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda

    Novos cortes de tráfico polas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda

    O avance nas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa autovía A-55 fará necesarios novos cortes de tráfico durante este vindeiro venres, día 1 de decembro e o próximo luns, día 4.

    Trátase de continuar os traballos no novo enlace do punto quilométrico 30 na autovía A-55 para dar conexión coa futura vía de altas prestacións Tui-A Guarda, coa execución da capa de rodaxe dos novos ramais e cuñas de incorporación e saída á autovía, sentido Tui-O Porriño desde a glorieta elevada, na súa calzada esquerda, entre os quilómetros 30+100 e o 30+500.

    Esta nova fase da intervención fai necesario proceder a un corte total dos ramais de entrada e saída da calzada esquerda da A-55 e á posta en funcionamento do transfer do tronco da propia autovía, dando servizo así ao tráfico pola calzada dereita.

    Na programación destes traballos, que se levaran a cabo sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, inclúese a disposición dos desvíos de tráfico, en función das intervencións que se acometerán cada día.

    O primeiro corte iniciarase o venres, día 1 de decembro, e afectará á circulación sentido Portugal-Tui (calzada decrecente), futuro ramal de saída da autovía ao enlace. Esta afección iniciarase ás 06,30 coa montaxe da sinalización vertical e balizamento e unha vez que estea a calzada libre de circulación, iniciarase o fresado e estendido da nova capa de rodaxe. A ligazón funcionará, como na actualidade.

    Deste xeito, para facilitar a circulación do tráfico porase en servizo o transfer entre o quilómetro 30+500 e o 29+800, cortando a calzada esquerda/decrecente, dando servizo pola calzada esquerda cun único carril para ambos os sentidos de circulación. Manterase o enlace do quilómetro 30+000 funcionando na situación actual, incorporándose desde o ramal en obra á autovía sentido decrecente e para acceder ao enlace efectuarase o cambio de sentido no enlace situado no PK 29+000.

    Os traballos continuarán na noite do luns dia 4 de decembro no treito de circulación sentido Portugal –Tui (calzada decrecente), futuro ramal de entrada á autovía desde o enlace. Para facilitar o tráfico porase en servizo o transfer entre o quilómetro 30+500 e o 29+800, cortando a calzada esquerda/decrecente, dando servizo pola calzada esquerda cun único carril para ambos os sentidos de circulación.

    A variación do tráfico nesta situación é que para executar os traballos faise necesario o corte total do ramal de incorporación da ligazón do PK 30+000 ao tronco da A-55 (sentido decrecente), actualmente en servizo, os demais ramais da ligazón funcionarán segundo a súa disposición actual de obras.

    Este segundo corte iniciarase ás 21,30 do luns día 4, facéndose coincidir coa diminución constatada na afluencia de tráfico, momento que se iniciará a montaxe da sinalización vertical e balizamento e unha vez que estea a calzada libre de circulación, iniciarase o fresado e estendido da nova capa de rodaxe. Para dar servizo aos usuarios que se queiran incorporar á autovía, sentido O Porriño, discorrerá o tráfico polo centro de Tui.

    Por outra banda, a circulación do tráfico cara ao ramal de entrada da calzada dereita sentido crecente non se verá afectado por estes traballos, atopándose operativa a través do ramal de nova construción do quilómetro 30.

    Cómpre indicar que o tronco da autovía e os ramais da ligazón atópanse actualmente xa sinalizados de obras, co cambio de sentido da saída 29B indicativo para incorporarse á estrada sentido Tui-Portugal.

    Para a recirculación do tráfico sobre os enlaces quedarán delimitados por barreira de plástico tipo New Jersey, xunto coa súa correspondente sinalización horizontal e vertical de obras para o seu correcto desenvolvemento. O Goberno galego segue avanzando nesta infraestrutura viaria, que supón un investimento autonómico de 30 M€ e é estratéxica para reforzar a seguridade viaria e aumentar a competitividade nesta contorna.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.