A aposta do Bm Cañiza polo deporte feminino desde o rural e para o rural é un feito. O máximo expoñente é o Oliveira&Faro Saeplast Cañiza, o seu primeiro equipo feminino, que compite por terceiro ano consecutivo en División de Honra Prata Feminina e no cal se combinan xogadoras foráneas coas formadas na súa canteira e que son hoxe referentes para todos.
Os Premios Iberdrola Supera son unha iniciativa de Iberdrola para recoñecer e dar visibilidade aos mellores proxectos postos en marcha en España en favor da igualdade de xénero a través da práctica deportiva. Seis son as categorías premiadas con 50.000 € cada unha: base, competición, innovación, social, inclusión e difusión.
O Bm Cañiza é un dos dous finalistas na categoría de competición co proxecto “A forza do deporte feminino no rural”. Un proxecto que pretende englobar a realidade da competición feminina no alto nivel desde o medio rural, visibilizar este esforzo e conseguir o financiamento necesario para unha mellora e creación de infraestruturas e servizos acordes co nivel de competición nacional. Estas novas infraestruturas conseguirían cubrir unha debilidade que o club e as súas xogadoras levan anos carrexando contra outros equipos de municipios máis poboados, con maior capacidade financeira e mellores instalacións e material para o adestramento.
Representantes do club estarán en Madrid onde se celebrará a gala de entrega de premios ás 17:30 h nas oficinas centrais da empresa.