O Concello de Redondela organiza, xunto coa plataforma de artistas e activistas Sinha Paca, o V Magosto que se celebrará este sábado día 2 de decembro. E se o ano pasado trasladaron a festa á parroquia de Quintela, nesta edición o lugar elixido é a Gándara, no Viso. Nesta ocasión contan coa colaboración da Asociación Fonte do Allo do Viso, a Asociación de Festas do Carme de Soutoxuste, a AVV O Eixo de Soutoxuste e a Sociedade Cultural do Viso.
Haberá actividades ao longo de toda a xornada. O grupo de pandeireteiras Terra Meigas do Vigo e o trío Sindicato do Folclore serán os encargados de abrir a festa ás 12.30 horas. Ás 14.30 comezará o xantar popular cunha gran garavanzada, tamén con opción vegana, e desde a organización lembran que é preciso facer a reserva por whatsapp no número 679352585.
Pola tarde, desde as 16.00 horas, haberá xogos populares para todas as idades, unha ruta familiar na que buscar elementos naturais para despois construír un “Landart” colectivo e, de seguido, un obradoiro para crianzas de cancións e músicas do magosto.
Logo chega a quenda do obradoiro de danza africana con Itzzy Mousso e a actuación do Coro Tirapuxa de Trasmañó. O pregón correrá a cargo da cantante e animadora Marcela Canela, veciña do Viso. O concertos comezarán ás 20.00 horas da man dos grupos Tanto Nos Ten, Habelas Hainas e o rapeiro local Nani. Para rematar a festa estará o dúo de Pica-discos local AshLeiras. Non van faltar as castañas asadas de balde, mercado de artesanía, espazo vegano, rosquillas e chouripán.
Un ano máis, e xa van cinco, desde Sinha Paca presumen dunha programación “na que gostamos do noso, da cultura pequena, reivindicamos a tradición, refrescamos a memoria e mais subimos historias no Instagram” sinala Berto Covelo, un dos organizadores. Desde a concellería de Cultura a edil Rita Pérez salienta a importancia de seguir apostando desde o Concello por actividades como este magosto “unha tradición tan nosa onde se mestura a festa, a cultura e a convivencia entre a veciñanza nunha xornada con actividades pensadas para toda a familia”.