14.1 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño revalida o seu recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia

    Tomiño revalida o seu recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia

    O Concello de Tomiño revalida o seu recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia. Así o vén de decidir a Secretaría Permanente da Iniciativa Cidades Amigas da Infancia, conformada por representantes do Ministerio de Xuventude e Infancia, da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), do Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) e UNICEF España, que trasladou os seus parabéns ao Concello e agradeceu “moi especialmente o traballo e compromiso amosado polo goberno municipal no cumprimento dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes”.

    “Resulta emocionante que manter o selo de Cidade Amiga da Infancia, unha distinción que supón un recoñecemento ao traballo realizado nos últimos anos para conseguir que Tomiño sexa un concello no que as políticas da infancia e da adolescencia se sitúen no centro do noso facer diario contando coa participación activa dos nosos nenos e nenas e da nosa mocidade”, salientou a alcaldesa, Sandra González.

    Pola súa banda, o concelleiro de Mocidade, Agustín González, destacou que en Tomiño “estamos moi orgullosos e orgullosas de ser un Concello que dende hai anos ten en conta aos nenos e nenas en moitísimas facetas da vida municipal, dende pequenas ou grandes obras ata outros aspectos relevantes como a mobilidade”. “É unha ledicia ver que a nosa infancia e mocidade participa sempre de forma moi activa e que UNICEF nos inclúa no selecto club de municipios que fomentan a implicación dos nenos e nenas, que son as e os cidadáns do presente, non só do futuro”, recalcou.

    O Selo Cidades Amigas da Infancia, que só posúen seis concellos en toda Galicia, pon en valor un modelo de xestión centrado no enfoque de dereitos de infancia, un modelo que implica a coordinación interna do goberno con outros actores locais, que promove e xera mecanismos reais de participación da infancia e da mocidade e que conta cunha estratexia a longo prazo para incorporar a nenos, nenas e adolescentes nas súas política se accións. “Ser parte desta rede supón compartir unha mesma misión, que todo rapaz e rapaza poida desenvolverse plenamente na súa vila, porque o progreso da infancia é o progreso de todas e todos. É un investimento que ten un impacto positivo, presente e futuro, transformador da realidade da infancia e da mocidade, pero tamén de toda a sociedade”, lembra o concelleiro.

    Para obter este recoñecemento Tomiño leva anos traballando en diferentes ámbitos e proxectos, como a creación do Consello Local de Infancia e Adolescencia, ‘Voces Novas’, para dar maior participación á cativada e mocidade do municipio, ou a posta en marcha de proxectos para mellorar a calidade de vida e o desenvolvemento vital de nenos e adolescentes.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.