Xoves, 27 Marzo de 2025

Mos estrea ordenaza e nova imaxe para os seus taxis

O Pleno do Concello de Mos, en sesión ordinaria do mes de novembro, aprobou inicialmente e por maioría dos votos, a nova ordenanza dos servizos urbanos de transportes en automóbiles lixeiros no Concello de Mos.

O documento recibiu as votacións a favor do grupo de goberno e do Partido Socialista, e a abstención do BNG.

Tras desta aprobación inicial en Pleno a nova ordenanza sométese agora a exposición pública, quedando aprobada definitivamente de forma automática despois de que teña transcorrido o devandito periodo de información pública, de trinta días, para a presentación de reclamacións e suxerencias por parte dos interesados, se os houbese. De non presentarse reclamacións, quedará polo tanto aprobada de xeito definitivo.

Mediante a aprobación desta nova ordenanza de taxis, o Concello de Mos e a concellería de Mobilidade que dirixe a edil Julia Loureiro, promoven a adaptación da normativa municipal ao Decreto 103/2018, de 13 de setembro, e regular unha serie de aspectos en canto á titularidade do títulos habilitantes, así como os distintivos e cores dos vehículos.

Deste xeito, incorpóranse certas actualizacións respecto do documento anterior, entre os que destacan a posibilidade de contar con ata dúas licenzas de auto taxi por titular, de empregar dúas cores nos devanditos vehículos: branco e gris (sendo ata o de agora a branca a única cor posible) e a incorporación dun novo logo distintivo dos taxis do municipio.

Trátase dun deseño con motivos arlequinados, elemento recurrente e identi­cativo do sector do taxi que é empregado de maneira recurrente en toda a súa iconografía; ademáis de ser un elemento presente no escudo do Concello de Mos.

Esta nova rotulación con dimensións: 80 x 8 cm, consta de dúas fileiras do xadrezado empregado no escudo do Concello, combinando as cores amarela e vermella, cun efecto óptico que se asemella ao degradado.