Martes, 18 Marzo de 2025

Comezan as obras de reparación da senda peonil de Baíña

Xa deron comezo os traballos de reparación da senda peonil do río Baíña, instransitable desde final do ano pasado. As actuacións supoñen un investimento de 45.356,85 €, a Deputación de Pontevedra subvencionará o 70 %, 23.621,79 €, mentres que o Concello de Baiona achegará con fondos propios o diñeiro restante, 21.735,06 €.

As obras executaranse no tramo final da senda pechado ao paso da veciñanza polos danos sufridos polos temporais de decembro do ano pasado provocaron grandes danos. Por iso levarán a cabo traballos que consistirán na recuperación principalmente en labores de reposición da estrutura inicial, piares, correas e pontones, coas mesmas características e condicións estruturais.

O prazo de execución dos traballos é dun mes, e durante ese tempo manterase cortado o paso á marxe do río Baíña, coa correspondente sinalización avisando aos paseantes.
“Co ánimo de colaboración entre administracións e pola importancia desta infraestrutura para a veciñanza de Baiona en xeral e de Baíña en particular, actuamos con urxencia para dar solución a este camiño natural, interrompido polo derrube de varias das plataformas de madeira que conforman o tramo final do percorrido froito das crecidas do río Baíña polas choivas torrenciais sufridas en decembro do pasado ano”, sinala o Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.

“Trátase dunha senda fluvial ao longo do Río Baíña, xusto antes de desembocadura situada en Baiona, fronte á Praia de Santa Marta, moi utilizada polos veciños e veciñas da parroquia para acurtar distancia baixar ata a praia e o paseo marítimo. Así mesmo, tamén é moi utilizada por senderistas e camiñantes para realizar unha agradable camiñada a beiras do río e moi interesante pola súa beleza”, destaca o Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña.

Con esta actuación, permitirase novamente, completar o percorrido total da senda, podendo gozar dun paseo agradable, entre a vexetación e fervenzas ao longo de todo o percorrido. Esta senda de menos dun quilómetro de distancia foi realizada polo actual alcalde no ano 2011, desde a concellería de medio ambiente, para poñer en valor a riqueza natural da nosa contorna.