11.4 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoO Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Porriño asesora a...

    O Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Porriño asesora a medio cento de persoas

    A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo,  participou no acto de inauguración do Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Porriño, un dos doce activos en toda a comunidade e dos dous dispoñibles na provincia de Pontevedra.

    Malia que onte foi a inauguración oficial, este Polo xa ten asesorado desde o mes pasado a máis de medio cento de persoas cos seus respectivos proxectos, sendo mulleres o 61 %. A estas persoas emprendedoras prestáronselles case un cento de titorías para darlle un pulo aos seus negocios, entre os que dominan as iniciativas relacionadas coa educación, o comercio e a hostalaría.

    En canto ao conxunto da Rede, que se puxo en marcha en xullo do ano pasado, atendéronse xa arredor de 900 persoas, coas que se realizaron máis de 2.500 sesións de titorización. Entre os seus negocios, predomina o comercio ou a hostalaría, pero tamén o sector primario.

    O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a “importancia de contar con este recurso no Porriño” xa que que “somos un pobo cunha gran iniciativa emprendedora e cunha mocidade inquieta que precisa de asesoramento e apoio para dar forma e poñer en marcha os seus proxectos”.

    Na súa intervención, a conselleira sinalou que o novo Polo do Porriño confirma a aposta da Xunta de Galicia por xerar riqueza pegada ao territorio, cunha “boa práctica recoñecida en Europa para fomentar o emprendemento dunha forma completa, sen límite de tempo e de forma gratuíta”. Tamén puxo en valor que a Rede de Polos xorde para ofrecer un acompañamento continuado das persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que vaian pasando os seus proxectos. A finalidade do goberno autonómico é acadar os 15 centros activos ao remate do ano, para cubrir o cen por cento do territorio galego.

    O Polo de Emprendemento e Apoio ao emprego do Porriño pode visitarse na rúa Ramiranes, número 9. 

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.