Diferentes xeracións, o mesmo amor. Iso reflicte a fotografía de Suevia Cividanes Alonso titulada ’84 anos sepárannos’, a imaxe gañadora do concurso ‘Mulleres que inspiran’, un certame co que o Concello do Rosal buscaba facer unha homenaxe ás avoas, nais… rosaleiras e recoñecer o labor destas mulleres como piares das familias e da sociedade ao tempo que fomentaba a memoria histórica, a creatividade artística e a participación cidadá.
O Salón de Exposicións do Concello acollerá ata finais de ano unha mostra con 28 imaxes presentadas a este certame, case unha trintena de escenas familiares ou sociais históricas, de reunións xeracionais e de encontro que ofrecen unha ollada ao Rosal de todos os tempos.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a visitar esta interesante exposición que forma parte do programa municipal do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. “Percorrendo as distintas imaxes poñemos en valor o traballo e a vida das mulleres rosaleiras, mulleres loitadoras que turraron cara a adiante por toda unha sociedade cun labor que moitas veces permanece invisible a pesar de ser fundamental para o funcionamento das nosas vidas e das nosas vilas”, lembrou a rexedora.
O Concello puxo en marcha esta iniciativa ao abeiro do proxecto ‘Mulleres que inspiran’, un programa posto en marcha para continuar revolucionando mentes, promocionar a igualdade real e previr a violencia de xénero a través de referentes femininos en todos os eidos.
Financiado pola Deputación de Pontevedra, o proxecto ‘Mulleres que inspiran’ busca achegar referentes femininos en todos os ámbitos a través de diferentes liñas de actuación, como encontros con profesionais, dando visibilidade ás xornalistas deportivas e deportistas profesionais de disciplinas historicamente masculinas ou a través da arte.