Xoves, 29 Maio de 2025

A Deputación pon en marcha un portal para divulgar as actividades de Nadal nos concellos da provincia

Chega o Nadal e a provincia de Pontevedra énchese de luz e cor e ofrece unha programación para vivir unha experiencia festiva irrepetible. Co obxectivo de divulgar a programación dos concellos da provincia, a Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, acaba de poñer en marcha un portal no que se poden consultar todas as actividades que se desenvolverán ao longo e ancho da provincia. Na actualidade, máis dunha vintena de concellos xa forman parte da páxina web (https://turismoriasbaixas.com/gl/navidad-rias-baixas), se ben segue aberto o prazo para que máis municipios se adhiran.

Iluminación nas rúas e prazas, fantásticas decoracións nos centros urbanos e no rural, concertos, mercados, atraccións, xogos, nacementos, actividades para todas as idades, etc. A través do mapa interactivo que se pode atopar na devandita páxina web, as persoas poderán buscar que ver e facer para vivir o Nadal nas Rías Baixas. Desta maneira, na páxina poderán consultarse os obradoiros, concertos, mercadiños, festas, actuacións musicais, feiras de atraccións e todas as actividades programadas tanto para maiores como para o máis pequenos da casa. Tamén é posibles descubrir outros datos, como os horarios das visitas dos Reis Magos e de Papá Noel aos diferentes concellos, así como os días de celebración das cabalgatas.

O Sergas fai un chamamento á poboación para vacinarse fronte á gripe e a Covid

A Consellería de Sanidade fai un chamamento a cidadanía para que se vacine da gripe e do covid antes de que remate o ano. Desde o luns, 11 de decembro, o departamento sanitario galego continuará inmunizando á cidadanía galega nos hospitais e centros de saúde.

As persoas de 80 e máis anos, como ata o de agora, poden acudir previa cita ao seu centro de saúde de cabeceira para recibir a vacina de covid e gripe.

Se o prefiren poden acudir a vacinarse nos hospitais, como terán que facer o resto das persoas menores de 80 anos que teñen indicada a vacinación de covid e gripe. Para iso,  deben coller autocita nos días e horas dispoñibles, que se poden consultar no seguinte enderezo:

https://coronavirus.sergas.es/Contidos/PUNTOS-VACINACION-COVID-GRIPE-2023

As persoas que só queiran poñer a vacina da gripe, poden acudir ao seu centro de saúde pedindo cita de maneira habitual.

Gripe en nenos de 6 a 59 meses

Por outra banda, a fin de semana do 16 e o 17 deste mes ábrense os hospitais para a vacinación da gripe nos nenos e nenas de 6 a 59 meses. Trátase dun novo chamamento para facilitar a conciliación, e que se poida vacinar aos cativos na fin de semana, xa que é posible facelo calquera día da semana nos centros de saúde. A Dirección Xeral de Saúde Pública procederá a facer a convocatoria, de novo, por SMS.

Vixilancia da gripe e da covid

Segundo o último informe de vixilancia da gripe que realiza a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, a actividade gripal referida á semana epidemiolóxica que rematou o 3 de nadal, mantense nun nivel baixo de intensidade, se ben o número de consultas por gripe está a aumentar respecto da semana anterior. En concreto, a taxa de consultas de atención primaria no conxunto de Galicia medrou un 73% respecto da semana anterior. A suba observouse en todas as provincias, especialmente na de Lugo e Ourense, e en todos os grupos de idade.

Xunto ao anterior, nesta semana epidemiolóxica notificouse o ingreso de 91 persoas con gripe confirmada, un 40% máis que a semana previa, sendo a taxa máis elevada a observada no grupo de 65 e máis anos de idade, seguido do de 0 a 4 anos. No que vai de temporada notificáronse 257 ingresos, todos con virus do tipo A, e trece deles ingresaron na UCI.

Polo que atinxe á covid, mantense o número de casos constante dos dous últimos meses. A data de hoxe, 9 persoas permanecen en UCI e 107 están en unidades de hospitalización.

Respecto do virus respiratorio sincitial, Sanidade informa que é o que presenta na actualidade o maior número de casos, atopándonos agora arriba da onda.

Arbo acolle hoxe a obra de teatro “Falemos como galegas”

0

O Auditorio Municipal de Arbo será escenario este sábado, 9 de decembro, da actuación da compañía pontevedresa Migallas Teatro, que porá en escena a obra “Falemos como galegas” no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función dará comezo ás 19:00 horas e a entrada será libre ata completar o aforo.

“Falemos como galegas” é un espectáculo humorístico interactivo onde se abordan cuestións relacionadas coa lingua galega, como por exemplo os falsos tópicos ao redor dela, os prexuízos ou cal é o seu futuro. María Campos e Carlos Yus dan vida nesta peza, dirixida a público mozo e adulto, a un feixe de personaxes entre os que se atopa a popular señora de Palmírez, coñecida polas súas intervencións no programa ‘Luar’ e toda unha icona do ‘castrapismo’.

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, dende outubro e ata finais de mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.

O Nadal volverá ata a Guarda cunha completa programación para gozar especialmente en familia

0

A Guarda xa ten todo listo paraa celebración do Nadal 2023, na que se quere caracterizar por recuperar unha programación cultural de rúa pensada para os diferentes grupos de idade e gustos culturais, aínda que como ven sendo habitual sabemos que as crianzas son os principais protagonistas destas datas, e así se reflicte nas propostas.

O inicio da programación estará marcado polo acendido da iluminación de  que terá lugar o venres 8 de decembro ás 20h, que estará acompañado – se o tempo o permite – dun pasarrúas e a actuación do Grupo de Gaitas da Terceira Idade.

A partir desta ponte festiva da Constitución poderemos gozar tamén co Nadal nas Prazas,  unha decoración moi singular que un ano mais corre a cargo das diferentes asociacións da Guarda. Colectivos como San Xerome, Avelaíña, Percamino, Comisión de Festas da Guía, Piueiro, Terceira Idade, Érguete e Transmiño decoran con material reciclado e sostible aqueles puntos  e prazas mais preto da súa actividade, cunha temática común que este ano quixo inspirarse no clásico “Conto de Nadal”  ou nos diferentes contos de Nadal da nosa tradición

A programación continuará a partir da segunda quincena de decembro coas citas tradicionais para estas datas: o tradicional Concerto de Panxoliñas na Igrexa Parroquial da Guarda coa participación dos grupos corais guardeses terá lugar o 17 de decembro. O Concerto de Nadal do Conservatorio de Música o 21 de decembro e a Carreira de San Silvestre organizada pola Sociedade Atelética do Trega o día 23 de decembro con saída do Porto.

Mais como indicábamos ao principio os protagonistas do Nadal son as crianzas e as familias, é foi pensando nelas que se articulou unha intensa programación de actividades participativas e espectáculos para os cativos e cativas, comezando o sábado 16 de decembro con espectáculo de humor Abracadáver no Centro Cultural, seguiranlle a partir do día 27 na Praza de Avelino Vicente:  xogos populares, actividades de animación e baile , retos de Nadal, o concerto de Paco Nogueiras (29 de decembro)  e o espectáculo As palabras perdidas (3 de xaneiro). Nesta praza instalarase unha carpa para garantir a realización das activdades.

Por último, pensando nos amantes da música que ten a nosa vila, programaronse para os  sábados destas semanas dous concertos de blues, soul e rock a cargo do grupo Awen, de Vigo o día 23 de decembro na praza de Avelino Vicente e o día 30 de decembro, o grupo guardés Gold&Colt presentará o seu último disco no Centro Cultural da Guarda. Ambos concertos serán as 20 h.

8 de decembro

Acendido da iluminación de Nadal, ás 20:00 horas na Praza do Reló

16 de decembro

Abracadáver, espectáctulo infantil de teatro e clown. Ás 18:00 horas no Centro Cultural

17 de decembro

Concerto de panxoliñas, ás 17:00 horas na Igrexa Parroquial

21 de decembro

Concerto de Nadal do conservatorio de música, ás 20:00 horas no Centro Cultural

23 de decembro

  • Carreira “San Silvestre” ás 11.00 horas no Porto da Guarda
  • Concerto do grupo Awen, ás 20:00 horas na praza de Avelino Vicente

27 de decembro

Xogos populares (xogos de madeira, da rá, zancos, buxainas…) de 17:00 ás 19:30 horas na praza de Avelino Vicente

28 de decembro

“A bailar no Nadal” espectáculo infantil. Ás 17:00 horas na praza de Avelino Vicente

29 de decembro

Concerto de Paco Nogueiras ás 17:00 horas na praza de Avelino Vicente

30 de decembro

Concerto Gold and Colt ás 20:00 horas no Centro Cultural

3 de xaneiro

“As palabras perdidas”, espectáculo infantil. Ás 17:00 horas na praza de Avelino Vicente

4 de xaneiro

Xogos de Nadal de 17:00 a 19.00 horas

5 de xaneiro

Cabalgata de Reis e Recepción dos Reis Magos

Arranca a segunda fase das obras na PO-399 en Cabreira, Salvaterra

A Xunta de Galicia iniciou esta semana os traballos da segunda fase de cuneta tendida na PO-399 na parroquia de Cabreira, en Salvaterra de Miño. Nesta actuación levarase a cabo a construcción de preto de 200 metros de cuneta tendida que teñen como fin mellorar a seguridade e a mobilidade da poboación. As obras desta segunda actuación sitúanse no acceso tanto a farmacia como a área recreativa e Centro Cultural Xerme e completan as obras xa executadas na primeira fase.

Durante a primeira fase rematada no mes de xullo, realizáronse as obras de mellora da seguridade peonil na antiga estrada da Xunta de Galicia e o mesmo tempo da drenaxe e tubaxe das cunetas para a recollida das augas pluviais da estrada.

O Plan Hurbe na contorna da Capela avanza a bo ritmo iniciando a transformación cara ao gran San Eleuterio

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal, e o edil de Urbanismo, José Ramilo, visitaron estes días as obras do Plan Hurbe de humanización da contorna de San Eleuterio; que comezaron a finais do pasado mes de agosto, e avanzan a bo ritmo.

Os representantes municipais, Arévalo, Grandal e Ramilo, informaron de que xa se realizou toda a excavación necesaria para acometer o muro de contención proxectado para o torreiro. Así como a execución da zapata do muro, colocación da armadura e formigonado da zapata.

Tamén se levou a cabo o replanteo de cotas e niveis, así como de instalacións urbanas como o abastecemento de auga, e de rego.

O primeiro paso dos traballos, e previo incluso á excavación, foron as demolicións necesarias e a retirada de postes na zona do talud onde vai ubicado o muro de contención do torreiro.

Para esta obra Xunta de Galicia e Concello de Mos destinan un total de 1,03 M de € e a actuación acométese ao abeiro do chamado Plan Hurbe, un programa impulsado polo goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. A Xunta tamén ten proxectada a construción de Vivenda de Protección Oficial, VPO, 100% pública en San Eleuterio; co que se converterá a zona no gran San Eleuterio.

Como se dixo, a Xunta de Galicia e o Concello de Mos destinan 1,03 millóns de euros á humanización da contorna da ermida de San Eleuterio, en Tameiga, segundo o convenio de colaboración que hai asinado entre as administracións autonómica e local. Esta actuación ten como obxectivo converter a contorna desta ermida nun espazo público de calidade no que se lle dará prioridade total aos peóns sobre os vehículos. A Xunta financia o 70% da obra e o concello asume o 30% restante.

Con esta obra ponse en valor unha vez máis a colaboración estreita e coordinada entre Xunta e Concello de cara a dotar ao municipio de espazos públicos de calidade. Así, desde 2019 xa se levaron a cabo outras actuacións ao abeiro desta iniciativa, como a mellora da contorna da Casa Consistorial, a mellora urbanización e da pavimentación da urbanización de San Eleuterio e a humanización da contorna parroquial de San Mamede. E, a maiores, atópase tamén en marcha mellora integral da urbanización de San Rafael.

As devanditas actuacións, supoñen un investimento global de 2,8 millóns de euros para mellorar as contornas públicas e humanizar rúas e prazas da localidade mosense.

Neste caso da contorna da Ermida de San Eleuterio as obras consisten na dotación de zonas verdes, na renovación completa do mobiliario urbano e na remodelación total da pavimentación da zona, ademais da protección de todos os elementos culturais como a propia ermida de San Eleuterio, e o cruceiro.

Tui aposta por un consumo local e sostible

0

Tui aposta por un Nadal sostible, polo comercio local e o produto de proximidade convidando a realizar as compras nestas festas nos distintos establecementos tudenses. 

Dende o Concello de Tui quérese pór o aceno no uso de bolsas reutilizables e reciclables nestas datas, nas que se incrementan de forma notable o número de compras. Para iso dende hoxe mesmo os establecementos poden recoller na Oficina Municipal de Turismo, na Paseo da Corredoira, bolsas sostibles.

A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, explica que a través do proxecto Commerce Inside da Deputación de Pontevedra, financiado con fondos Next Generation, mercáronse 23.400 unidades de bolsas que son distribuídas agora entre os comerciantes e praceiros. Trátase de novos deseños de embalaxe para o comercio de proximidade que emprega material compostable ou reciclado da propia actividade comercial, e hidrosolubles.

Dispóñense de tres tipos de bolsas. Así hai un modelo compostable pensado para produtos perecedoiros coma peixe, carne, froitas e verduras.  Amais cóntase con dous modelos reutilizables un realizado con plástico reciclado e outro con algodón 100% reciclado. Deste xeito poténciase a imaxe de marca do comercio de proximidade coma un destino sostible e respectuoso co medio ambiente, onde se potencia o consumo responsable. Ao tempo promóvese o reciclado de materiais, concienciando sobre a importancia da economía circular.

Lémbrase dende a concellería de Comercio que os establecemento tudense poden recoller estas bolsas na Oficina Municipal de Turismo de forma totalmente gratuíta.  Esta acción súmase á campaña posta en marcha para potenciar as compras e o consumo local neste Nadal cos lemas “O que queres para a túa mesa de Nadal está en Tui” e “Os agasallos que queres están en Tui”.

O redondelán Iago Mera, subcampión de España de Taekwondo

0

O redondelán Iago Mera, da escola Omnihum, acadou un excelente resultado no Campionato de España de Taekwondo de poomsae. Redondela tivo un representante na selección galega que onte participou na proba estatal por comunidades autónomas.

A competición celebrouse en La Nucía, Alacante, onde Iago se proclamou subcampión en categoría benxamín masculino por autonomías e acadou tamén o 3º posto por clubes.

O concelleiro de Deportes, Iván Valles, felicitou a Iago por este gran logro ao tempo que puxo en valor os excelentes resultados do taekwondo redondelán en xeral, un deporte que ten no municipio “un gran futuro con estas novas xeracións”.

Postos de artesanía, doces caseiros, música e actividades para crianzas na Feira de Nadal de Covelo

0

O Concello de Covelo celebra a súa tradicional Feira de Nadal este sábado día 9 no pavillón de deportes municipal. Resgardados das inclemencias do tempo as persoas participantes poderán gozar da música en directo, de doces caseiros e chocolate quente e mercar os seus agasallos de nadal nos múltiples postos de artesanía.

De 10 da mañá á 18 horas e de xeito ininterrumpido o pavillón abre as súas portas para todas aquelas persoas que desexen facer compras, socializar, bailar ou degustar os postres caseiros mentres os máis pequenos e pequenas dos fogares participan nas distintas actividades e xogos gratuítas que o Concello ten programado.

Produtos de proximidade e feitos a man protagonizarán esta nova edición da Feira de Nadal que chegará acompañada ás 12 horas do obradoiro de nadal con Barafunda Animación e actividades infantís.

A partir das 17 horas tocará bailar e divertirse con “A xogas cos trasnos do nadal”. A continuación sobre as 17:30 horas Papá Noel visitará o pavillón coa súa caixa máxica na que depositar desexos.

Un pulpeiro e postos con produtos de alimentación completarán a oferta de lecer da Feira de Nadal de Covelo na que produtores, veciñanza e visitantes comparten e intercambian coñecementos, experiencias e inquedanzas.

O mercado invernal ‘Bulebule’ abre a programación de Nadal de Nigrán

0

O Concello de Nigrán abrirá oficialmente a súa programación de Nadal a partir do venres 15 de decembro co xa tradicional mercado invernal ‘Bulebule’. A partir aí, e ata o día de Reis coa popular cabalgata, sucederase a programación festiva para todo tipo de públicos e gustos: baile, bingo social, contacontos, eventos deportivos, cine familiar, corais, rondallas… Todo polo míudo está pendurado na web no apartado ‘Próximos Eventos’ https://www.nigran.es/agenda/.

A terceira edición do Bulebule chega a Nigrán do 15 ao 17 de decembro coa novidade de trasladarse desde a Praza Rosalía de Castro á Praza do Concello (fronte ao Auditorio) e, unha vez máis, co reto de funcionar como un impulso á creatividade, á música, á gastronomía e á artesanía da comarca. Trátase dun evento único que destaca e celebra o talento artesanal porque o seu propósito é fomentar o feito a man e as habilidades creativas de artistas da rexión, que estarán representados nunha trintena de postos de venda.

“Eliximos este evento como o gran inicio do noso Nadal aínda que as luces xa estean acendidas nesa data. A realidade é que o ‘bulebule’ é o punto de partida da nosa programación especial, por iso ten máis sentido facer aí a gran celebración”, explica o alcalde, Juan González.

Deste xeito, o Concello irá acendendo as luces de Nadal en todo o municipio ao longo desta ponte de decembro e o gran evento que marcará o inicio das festas en Nigrán será a inauguración do mercado o venres 15 desde as 17:30 horas ás 18:30 horas con ‘Benito e Rufino’, de Troula Animación, o concerto de The Bar Luthier’ ás 20:00 horas e bingo solidario ás 18:00 no Auditorio. A partir de ahí, a fin de semana contará cunha ampla variedade de actividades para nenos e adultos, desde talleres creativos ata actuacións en vivo, asegurando diversión para toda a familia e con programación no Auditorio Municipal situado ao seu carón (Coral Novos Aires ás 19:00 do sábado e coral de Chandebrito e Parada o domingo á mesma hora). No exterior, como parte do ‘Bulebule’, repetiranse concertos en sesión vermú e de serán; o sábado 16 co cantautor Javier Lago (13:30), ‘Music Bross’ ás 18:00 e a banda tributo ao pop rock dos 80/90 ‘El hechizo de Nora’ (20:00) e doble sesión de contacontos en inglés ‘Santa’s Elves’ a cargo de Kids&Us ás 11:00 e 17:00 no Auditorio. Finalmente o domingo, estará a cantautora Carla Lourdes (13:30) e a rock band ‘The Twinpims’ (20:00). Os horarios, actividades e o nome de firmas asistentes poderán consultarse a través do seu instagram @bulebulenigran e na súa páxina web www.bulebulenigran.es.

“Estamos emocionados de dar a benvida novamente ao ‘Bulebule’. Esta edición representa un fito significativo, e estamos seguros de que ofrecerá aos visitantes unha experiencia única, chea de creatividade e calidez invernal”, sinalan desde Brétema Studio, organizadora do evento de orixe nigranés.

Resto da programación

A programación continúa o venres 22 co ‘Encesta un alimento’ do CB Nigrán, os papanoeles surfeiros o 23 en Patos e o baile de Nadal pola tarde no Auditorio. Como é tradicional, a rondalla de Santiago de Parada desfilará polas rúas de Nigrán a mañá do 24. Os máis cativos poderán gozar de cine o martes 26 con ‘El origen de los guardianes’ (18:00 horas, Auditorio Municipal) e o 2 de Xaneiro con ‘Cuento de Navidad’ (18:00 horas, Auditorio Municipal). Pensado tamén nas crianzas serán uns obradoiros de pintura avós/netos que se anunciarán convintemente e a presentación do libro do nigranés Ivan R. ‘Los Winkle’ o 27 de decembro na Biblioteca. Como é habitual, o día 30 terá lugar a tradicional carreira ‘San Silvestre Solidaria’ e ‘Os arroases do Val Miñor’ lanzaranse á agua desde o porto de Panxón. Ademáis, o día 30 terá lugaro concerto de fin de ano da orquestra de saxos de Redondela. A programación remata o día 5 de xaneiro coa gran Cabalgata de Reis.

Esta fin de semana volven escoitarse os ‘Ecos do Nadal’ no Rosal

0

O Nadal continúa no Rosal con moita música. Este domingo 10 de decembro, o auditorio municipal será o escenario do XIII Concerto Coral ‘Ecos do Nadal’, unha das actuacións máis agardadas nestas datas festivas por rosaleiros. Organizado pola Coral Ecos do Folón de Fornelos, a actuación conta coa colaboración da Asociación Músico-Cultural Ecos do Folón, do Concello, da Comunidade de Montes de Santa Mariña e da Deputación de Pontevedra a través do programa PonteGal.  

A partir das 18.00 horas, o público poderá gozar de balde dun espectáculo no que a Coral Ecos do Folón estará acompañada polo Coro ‘Cantemos’ de Salvaterra, unha entidade nada hai máis de 20 anos co obxectivo da divulgar a música coral por medio de concertos e intercambios con outras asociacións. Contará tamén coa participación da Coral Polifónica ‘Vagalume’, de Oia, fundada en 2001.

A Coral Ecos do Folón naceu como asociación músico-cultural no ano 2012 con 17 compoñentes e foi crecendo de forma paulatina ata chegar ás máis de 30 voces mixtas coas que conta na actualidade. Participante en todos os circuítos culturais, a coral organiza cada anos dous esperados concertos no Rosal, ‘Ecos de Verán’ e ‘Ecos de Nadal’. Neles amosa no escenario o seu variado repertorio, no que se inclúen temas tradicionais galegos, habaneiras, valses, boleros, cantos relixiosos, panxoliñas… moitos deles arranxados, compostos ou adaptados polo director da coral, Jorge Fernández.

Mos Axuda no Nadal por ‘Ningún neno sen agasallo’

0

A campaña Mos Axuda no Nadal inclúe desde fai anos o proxecto ‘Ningún neno sen agasallo’. Esta iniciativa solidaria está promovida por Mos AxudaConcello de Mos e coa colaboración da Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, para que ningún desexo dun neno/a no Nadal quede sen facerse realidade.

O listado de nenos/as é facilitado polo departamento dos servizos sociais de Mos e por suposto, os datos son totalmente confidenciais, polo que para mercar o regalo os colaboradores participantes reciben unha carta escrita polo neno beneficiario pero sen asinar, só identificada cun número de referencia. E o agasallo que pide na devandita carta debe ser depositado indicando no paquete o número da carta asignada. A entrega de agasallos realizarase, coma sempre, a véspera de Reis, o día 5 de xaneiro, pola mañá, durante un acto no que os cativos, acompañados das súas familias, recibirán os seus agasallos de mans das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, anunciaron sobre esta iniciativa que “este ano a campaña ‘Ningún neno sen agasallo’ do Concello de Mos únese á iniciativa Magos e Estrelas, de EVD para Reis. As persoas que queiran sumarse e aportar un agasallo para os cativos das familias usuarias do departamento de Política Social mosense poden facelo colaborando a través de Magos e Estrelas da EVD Galicia”.

Magos e Estrelas é un proxecto que busca achegar valor á comunidade cun agasallo para as persoas que o necesiten e que que dá o relevo ao proxecto orixinal de Elfos e Calcetíns, que durante once anos mantivo tanto amor e agarimo.

Segundo informan desde EVD “esta iniciativa nace da nosa procura constante de querer achegar proxectos que acheguen valor á comunidade. É un proxecto solidario que busca ofrecer, ás nenas e nenos que o necesitan, un agarimo en Reis, nunhas datas tan sinaladas”.

Para iso necesítanse magos, é dicir, persoas solidarias que se encarguen de comprar e enviar un agasallo e elaborar unha felicitación, para que cada neno/a ou estrela de Mos teña o seu agarimo en Reis.

Para poder participar só hai que encher o formulario que aparece na páxina web de EVD https://www.evdgalicia.com/magos-y-estrellas/ solicitando facerse mago para que se lle asigne unha estrela.

Para máis información tamén se pode escibir un correo electrónico a [email protected].

Na categoría de colaboradores entran aquelas empresas, entidades, organizacións que queiran apoiar a Magos e Estrelas.

Cada mago, logo de completar o formulario, recibirá un correo coa carta da estrela asignada. O mago deberá comprar un agasallo de Reis Magos para unha nena ou neno (O orzamento deste deberá estar entre un mínimo de 20€ e un máximo de 40€) e despois terá que depositalo nun punto máxico, escribindo unha tarxeta de “felices festas”.

Os puntos máxicos son os centros de EVD en Mos e Crecente.

Tamén se pode colaborar como voluntario no proxecto, participando na entrega dos agasallos, clasificación dos mesmos e demais tarefas moi necesarias para que estas festas sexan máis felices para as estrelas.

Detectada unha vertedura nunha zona de monte de Saxamode

0

Na tarde de onte  axentes da Policía Local de Redondela foron requiridos por unha vertedura de augas fecais no monte. Foi unha veciña de San Estebo de Negros a que deu o aviso tras localizar a vertedura na zona de Saxamonde. Axentes da policía deron coa súa orixe nunha arqueta no camiño do Balado.

Deuse aviso a Augas de Galicia, que acudiu ao lugar e tomou mostras. Tamén se achegaron á zona operarios da empresa Aqualia, concesionaria do servizo de saneamento. Estes traballadores manifestaron posteriormente que a vertedura podería terse producido por un atoamento na rede causado polas raíces das árbores. Colaborou Protección Civil de Redondela.

O ciclo de teatro da Deputación chega este venres ás Neves coa obra “A louca historia de Galicia”

0

O Ciclo de Teatro da Deputación de Pontevedra “Tornar ás táboas” chega este venres 8 de decembro ata As Neves. O Auditorio Municipal será o escenario de “A louca historia de Galicia” que interpretará Fulano, Mengano e Citano a partir das 18:00 horas para público mozo e adulto. A entrada é libre ata completar aforo.

“A louca historia de Galicia” é un percorrido, en clave de humor, a través da historia de Galicia percorrendo “apaixonantes períodos de luz e sombras”, que, como destaca a compañía, “fixeron de nós o que somos, ou o que algúns pensan que somos”. “Unha historia –engaden- que demostra que os galegos sabemos rirnos de nós mesmos, e dos outros…”, e que sigue medrando e enriquecéndose cada ano.

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, dende outubro e ata finais de mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.

A Guarda dará comezo ao Nadal eset venres

0

O Concello de A Guarda dará a benvida á maxia do Nadal co acendido oficial das luces na Praza do Reló o vindeiro venres 8 de decembro as 20:00 horas.

Este venres 8 de decembro, o Concello de A Guarda convida á comunidade a unirse á celebración do acendido oficial das luces de Nadal na emblemática Praza do Reló. Este evento, que marca o inicio das festividades nadaleiras no noso querido concello, será aínda máis especial grazas á actuación do Grupo de Gaitas da Terceira Idade.

O Concello de A Guarda espera contar coa presenza de todos os residentes e visitantes para disfrutar xuntos deste momento único. O acendido das luces de Nadal marca o comezo dunha serie de actividades festivas programadas para toda a tempada.

As voces da Coral Polifónica inauguran o Nadal en Tomiño

0

A Coral Polifónica dá o pistoletazo de saída ás festas en Tomiño co seu tradicional concerto de Nadal. As voces das máis de 30 persoas que integran a formación serán as encargadas de abrir a programación cultural e de lecer no municipio cunha agardada actuación o domingo 10 de decembro ás 19.00 horas no auditorio de Goián.

O público poderá gozar de balde da paixón pola música e o canto da Coral Polifónica, varias xeracións que conforman unha gran familia baixo a dirección de David González. Nesta nova actuación prometen sorprender ao público con algunha novidade, ao tempo que deleitará a todas e todos os asistentes co seu amplo repertorio de cancións populares, clásicas e contemporáneas.

A coral tomiñesa comezou a súa andaina no ano 1997 e na actualidade ten gañado o recoñecemento do público pola súa calidade e estilo único. Cada luns ensaian de forma puntual con moita ilusión de subirse ao escenario e transmitir o seu amor pola música e o canto. A Coral Polifónica de Tomiño está aberta a recibir novas e novos integrantes de todas as idades e sumar voces a un equipo formado por xente dende os 50 aos 83 anos.

Nigrán continuará ofrecendo o ‘Servizo de Atención Temperá’ os vindeiros 3 anos

0

O Concello de Nigrán investirá finalmente 312.000 € nos vindeiros 3 anos no ‘Servizo de Atención Temperá’ (SAT), que seguirá sendo xestionado por ‘La Esperanza del Valle Miñor’, responsable do CEE Juan María, tras resultar a empresa adxudicataria nun procedemento aberto no que só se presentou esta oferta de 104.000 €/ano (o orzamento base era de
122.656 €/ano).

A principal novidade do novo contrato é precisamente a súa duración, que pasa de 1 a 3 anos, manténdose a sede na antiga Escola de Nenas do Ceán. O servizo contará, como ata agora, cun psicólogo, un logopeda e un fisioterapeuta e seguirá formando parte da Rede Galega de Atención Temperá, (nun 31 % dos casos as crianzas acuden a máis dunha especialidade, é dicir, reciben servizos compartidos de logopedia, fisioterapia e/ou psicoloxía).

O goberno local inaugurou o SAT en xaneiro deste ano, estando dirixido a crianzas de 0 a 6 anos con algún trastorno transitorio ou permanente no seu desenvolvemento ou en risco de padecelo. O obxectivo deste contrato a tres anos é garantir a súa continuidade. Actualmente atende a 70 familias nigranesas que xa non teñen que desprazarse cos seus fillos ata Vigo e que, desde que o solicitan, son avaliados e atendidos en menos de 30 días porque non hai lista de agarda.

“Somos pioneiros no Val Miñor en contar co noso propio SAT e estamos moi orgullosos de telo; o noso obxectivo é mantelo permanentemente como un piar da nosa política. Un Nigrán para todos, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que era unha demanda de moitas familias, educadores e sanitarios e unha prioridade para o Departamento de Servizos Sociais de Nigrán, así que a satisfacción é máxima ao contrastar a gran acollida que ten.

Todos os pacientes son derivados a través dos centros de saúde de Nigrán (pediatría) e os centros educativos ou ben os propios servizos sociais do Concello tamén poden recurren a el para a petición de diagnóstico, sendo fundamental o seu traballo para a detección precoz dos trastornos ou do risco de padecelos. Entre os casos con alta probabilidade de precisar deste servizo están as crianza con gran prematuridade, dano cerebral, parálises, trastornos
do espectro autista, TDAH, trastornos de conducta ou emocionais, sordeira, cegueira, anomalías conxénitas do cerebro… Isto xeralmente implica un retraso no desenvolvemento xeral, da motricidade fina ou grosa, do sistema cognitivo, da linguaxe… Noutros casos, a crianza que o precisa se atopa nunha situación de vulnerabilidade evolutiva debido a factores de risco biolóxicos, psicolóxicos ou sociais, e, por tanto, con alta probabilidade de desenvolver un trastorno ou retraso no desenvolvemento de non mediar unha intervención temperá. Polo tanto, ditas actuacións non van dirixidas únicamente aos nenos que padecen algún déficit físico, psíquico ou sensorial, senón tamén aos que poden presentar problemas madurativos ou de adaptación (coñecidos como nenos de alto risco) e aos nenos sen unha patoloxía evidente.

“A importancia da atención temperá radica na plasticidade do cerebro infantil; co conxunto de intervencións propostas preténdese responder canto antes ás necesidades transitorias ou permanentes da crianza, con independencia de se presenta ou presentará unha discapacidade”, explican desde o SAT de Nigrán.

O obxectivo é que o Servizo de Atención Temperá continúa deseñando de xeito multidisciplinar sesións individualizadas que permitan potenciar a capacidade de desenvolvemento e de benestar destes pequenos e das súas familias. “Hoxe en día non cabe dúbida que a detención precoz na primeira infancia é fundamental para mellorar infinidade de aspectos na vida das persoas, por iso o consideramos básico para o Nigrán que estamos a construir”, resume o alcalde.

A maxia do Nadal ilumina xa O Porriño

O Porriño viviu onte unha emotiva tarde coa praza Arquitecto Antonio Palacios ateigada de público, nenos e maiores, para vivir xuntos un dos momentos máis ilusionantes do ano, o acendido do alumbrado de Nadal. Centos de persoas congregáronse aos pés do Concello para recibir o Nadal, nun acto no que os usuarios e usuarias de Aceesca foron os protagonistas.

Laura, Marcos, Ana, Poli, Carlos, Paula, Eloy e Alba foron os encargados de premer o botón que iluminou a vila e deu inicio ao Nadal. Xunto a eles tamén estiveron persoas usuarias de Afaga, dos centros de día da vila e da EVD.

“Gustaríanos aproveitar este momento para trasladar os desexos das persoas con diversidade”, dixo Laura, “Igualdade, respecto, inclusión, non violencia, autodeterminación, accesibilidade universal, saúde e participación social. En definitiva, queremos unha sociedade diversa onde se respecten a todas as persoas sen ter en conta a súa raza, cor, procedencia, capacidades, orientación sexual etc”. Entre os aplausos da xente Laura e os seus compañeiros e compañeiras desexaron a todos unhas felices festas e iniciaron a conta atrás xunto aos asistentes que finalizou co prendido das luces.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quixo agradecerlles que un ano máis aceptaran o convite do seu concello para dirixir este acto “É unha honra contar con vós, ninguén mellor para traernos a ilusión, a maxia e a luz que nos lembra a nós e ao mundo o verdadeiramente importante destas datas: poder disfrutalas xuntos e a sorte de ternos os un aos outros”, apuntou o alcalde, “Desexo que o pasedes todas e todos moi ben e disfrutedes ao máximo destas festas”.

Bailes, animación, batallas de globos xigantes e chocolate quentiño con rosca para levar mellor o frío sumáronse ao inicio das festas na vila do Louro. E como non hai Nadal que se precie sen neve, dous grandes canóns de neve artificial sumáronse á celebración. Un momento moi especial que deu paso á música de Generación M e culminou ao son da gaita de Álvaro Costas e o seu espectáculo de música e luz, “Mitic. Christmas Family”.

Co pobo vestido xa para a ocasión, o Concello do Porriño fixo pública a súa programación que se extenderá ata o 7 de xaneiro e aúna obradoiros de nadal, música, cine, concursos e grandes eventos xa tradicionais, entre outros.

Este xoves, 7 de decembro celebrarase un obradoiro de decoración de árbores de Nadal e o sábado 9 de decembro comezará en Mosende e Chenlo o periplo das rondallas polas parroquias. A Rondalla de Pontellas e a Rondalla Sta. Eulalia de Atios visitarán todos os centros culturais as fins de semana. O día 17 a solidariedade chegará ao pavillón municipal da man de Studio57 e o seu Navidance Solidario e o 21 de decembro a Escola de Municipal de Música celebrará o seu Festival de Nadal.

Non se esquecen no Porriño de facilitarlle a Papa Noel o seu traballo o máximo posible, polo que se organizaron as visitas dos seus axudantes a todos os centros educativos, Aceesca e Centros de día, que se encargarán de recoller as súas peticións. Actuacións infantís, obradoiros, cine para cativos e o tradicional Encontro de Nadal de Corais darán forma as xornadas previas á chegada de Papá Noel, que visitará persoalmente aos nenos e nenas o 24 de decembro na praza do Concello.

Pasada a noiteboa e o día de Nadal, retómanse as actividades o 27 con obradoiros para nenas e nenos a cargo da Academia Bastón.

O 30 de decembro chega unha das citas ineludibles do Nadal no Porriño: a Festa Pre-Fin de ano. De novo, os pequenos e pequenas a celebrarán pola mañá e pola noite serán os maiores os que tomen as uvas ao ritmo das badaladas, acompañados polas rondallas da vila, sesións dj´s con Dj Pitty e Dj Samu Pexe, e o Combo Dominicano que non quixo perderse a festa entre outras sorpresas que se farán públicas nos próximos días.

O Porriño Peque Fest, o gran festival de inchables e animación para as nenas e nenos do Porriño volverá tomar o pavillón municipal. Desta vez durante tres días, o 2, 3 e 4 de xaneiro. O tren turístico do Nadal permitiravos chegar ao pavillón no transporte acaído para a ocasión.

A cabalgata de Reis promete sorprender este ano e irá precedida, o día antes, da visita das SS.MM os Reis Magos a todas as parroquias.

O 6 de xaneiro calzamos de novo as deportivas para correr a Carreira solidaria de Reis do Concello do Porriño e o 7 poñemos o punto final a estas festas co tradicional Encontro de Rondallas do Porriño.

Concursos e moitas sorpresas máis completarán a programación coa que o Concello do Porriño quere conseguir que estas, sexan as mellores festas de Nadal da súa historia.

Redondela propón á Xunta melloras no proxecto de humanización da avenida Mendiño

0

O Concello de Redondela remitiulle á Xunta de Galicia unha memoria con varias modificacións para a nova avenida Mendiño. O obxectivo destes cambios é o de “axustar o proxecto ás necesidades reais da poboación de Redondela”, segundo explica a alcaldesa Digna Rivas. Con estas modificacións “o cidadán é o protagonista deste entorno urbano ao entender o espazo público como un lugar de convivencia”.

O proxecto servirá para reordenar a estrada e mellorar a seguridade viaria da avenida (PO-363), un tramo urbano que pertence á rede secundaria da Xunta de Galicia . A avenida Mendiño ten aproximadamente 1 quilómetro de lonxitude, e conecta o núcleo urbano con zonas de servizo de gran afluencia como o centro de saúde, colexios, institutos, instalacións deportivas e áreas de recreo. Tamém é o principal acceso á praia de Cesantes. A avenida conta cunha elevada intensidade de tráfico e circulación de peóns, especialmente nos horarios de entrada e saída dos centros educativos. Na zona rexístranse importantes retencións has horas punta e inseguridade no paso de peóns.

O Concello propón diferentes solucións para mellorar a seguridade viaria da zona e reordenar o espazo en superficie. As propostas céntranse en dous aspectos principais: por unha banda , a mellora das interseccións existentes e, por outra, a reordenación dos tramos para mellora a mobilidade e seguridade dos peóns, reordenando zonas de circulación e aparcamento. O concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, explica que pretenden “acentuar o carácter humanizado da vía, con protagonismo do cidadán sobre o vehículo e con solucións aos problemas de tráfico cunha visión máis humanizada”.

Entre as melloras que contempla o proxecto están as novas beirarrúas con pavimento de pedra ata o porto de Cesantes. O Concello demanda ademais un novo estudo do tramo viario que permita manter o arborado, así como a incorporación de novas zonas verdes “para crear un ambiente o máis amigable posible con corredores verdes”. O goberno local propón a creación dun  carril bici “para fomentar unha mobilidade sostible”.

Coa elaboración desta memoria o Concello redondelán cumpre así co compromiso adquirido por Digna Rivas na reunión celebrada o pasado mes de novembro coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, na que lle trasladaron as demandas da veciñanza e formacións políticas. Rivas lembra que a Xunta anunciou en 2019 a humanización desta avda Mendiño “sen que ata o de agora se puxeran en marcha os traballos”. No Concello son agora “moderadamente optimistas” dado o interese mostrado por parte da conselleira “malia que advertiu que os investimentos estarán condicionados polos fondos europeos NextGeneration”.

Salceda revalida a súa terceira flor de honra no certame Vilas en Flor

O Concello de Salceda de Caselas vén de recibir o galardón que outorga o certame Vilas en Flor para este ano 2023, sendo dos poucos Concellos que conta con tres flores de honra.  Vilas en Flor recoñece deste xeito o traballo continuo que ven desenvolvendo o Concello na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá co coidado da contorna. O diploma foi recibido na gala anual, que este ano se celebrou no Auditorio de Goián, no Concello de Tomiño.

No pasado mes de outubro, o xurado visitou o municipio acompañado por Marcos Troncoso, Concelleiro de Turismo, e Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda. O xurado, formado por persoas profesionais de recoñecido prestixio dos sectores do viveirismo, a xardinería, o paisaxismo e o turismo, valorou moi positivamente o traballo desenvolto nos últimos anos polo Concello de Salceda, en  aspectos como as humanizacións, a creación e mantemento das sendas fluviais e outros espazos verdes, ou a creación de máis de vinte aparcadoiros disuasorios no casco urbano, que permiten unha maior seguridade peonil, ademais de facilitar o estacionamento e a fluidez do tráfico rodado.

Logo da recepción da distinción, o Equipo de Goberno de Salceda quixo recoñecer e agradecer o traballo dos distintos departamentos municipais e empresas de mantemento que fan posible que o noso Concello sexa xa un referente. Dende o persoal de vías e obras, desbroces, recollida de lixo, limpeza de rúas, etc, así como as tarefas de mantemento de parques e xardíns que realiza ACEESCA nunha proposta de integración laboral de persoas con discapacidade. Ademais fíxose extensible este agradecemento ao persoal técnico de urbanismo, clave para o bo desenvolvemento urbano e rural de Salceda.

O certame sigue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza de proxectos implantados xa en países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia ou Canadá. “Vilas en Flor” é un certame impulsado pola Fundación Juana de Vega e que este ano celebrou a súa sexta edición, coa participación de trinta e oito concellos galegos. Na súa organización, participan tamén a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar). Conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, e o patrocinio de diferentes entidades privadas.

Este proxecto persigue a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación, contribuíndo así ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento das visitas turísticas.

Marcos Troncoso, concelleiro de Turismo, amosou a súa satisfacción pola renovación das tres flores de honra para Salceda, recoñecemento que poucos Concellos acadan, e que dá boa mostra do traballo realizado nos últimos anos na posta en valor dos espazos verdes e a creación de novas áreas de lecer e esparcemento, sempre dende o punto de vista da sostenibilidade ecolóxica.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, agradeceu o traballo dos diferentes colectivos implicados na conservación da vila, reiterou que este “é un recoñecemento ao voso traballo e adicación, e ao voso cariño por Salceda. Entre todos e todas seguimos a construír un Concello mellor para as persoas e do que cada día estamos máis orgullosas”.

Concurso de slogans contra a violencia de xénero en Salvaterra

Onte tivo lugar no IES Salvaterra de Miño a entrega de premios da XIII edición do Concurso de Slogans contra a violencia de xénero que organiza o Concello de Salvaterra de Miño contando coa colaboración do centro educativo.

En total participaron 114 alumnas e alumnos que presentaron o seu slogan a este certame que se presenta cada ano dentro das accións levadas a cabo con motivo da conmemoración do 25 de novembro e contra a violencia de xénero financiadas ó abeiro da subvencion do Pacto de Estado contra a violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade. A través do concurso búscase que transmitan unha mensaxe e un posicionamento claro de repulsa contra os malos tratos. Dentro destas iniciativas preténdese asimesmo reunir material para facer unha campaña de difusión e publicidade dalgúns dos recursos que existen para abordar este tema.

O concurso consta de catro premios: tres deles valorados en 50 euros trocables por material educativo, informático, deportivo, roupa ou música e un primeiro de 150 euros trocable do mesmo xeito e cuxo lema formará parte da campaña de sensibilización a través duns marcapáxinas e material promocional do vindeiro ano.

Nesta edición o lema gañador foi “Amar non é sufrir, amar é vivir” de Antía Pérez de 3º da ESO e os segundos premios foron os slogans “Quérete, valórate” de Denís Cordero de 3º ESO, “Non son a muller da túa vida, son a muller da niña vida” de Lucía Farto de 1º ESO e “Machismo fóra, igualdade dentro” de Ayman Hilali de 3º ESO.

O Concello de Salvaterra leva anos traballando cos máis novos na prevención deste tipo de violencia dende idades tempranas para establecer as bases de relacións sans e saudables.

A música protagonista na Eurocidade Tui-Valença co concerto “Nadal de Cristal / Natal de Cristal”

A maxia do Nadal cunha nova ponte musical encherá o próximo sábado, 16 de decembro, ás 21.30 h ES o Teatro Municipal de Tui no Concerto de Nadal da Eurocidade Tui-Valença. Baixo o título de “Nadal de Cristal / Natal de Cristal” este evento impulsado pola Cámara Municipal de Valença e o Concello de Tui reunirá no escenario a 80 músicos de 4 formacións Kasual Quartet, o Coro indantil Vocalis Contrasta, o Coro da Academia de Música da Fortaleza de Valença, e Mistura Vocal.

Este espectáculo, con estética invernal, plasmará os lazos de unións entre a poboación valenciana e tudense, fundindo dúas culturas e dous países, e amosando a beleza e a fraxilidade do Nadal.

Así sobre o escenario estará o cuarteto de jazz Kasual Quartet coa colaboración da cantante María Joao, doce nenos e nenas do coro infantil Vocalis Contrasta, 30 cativos e cativas do Coro da Academia de Música da Fortaleza de Valenç dirixidos por Joao Azevedo e acompañados polo pianista Antonio Kent Queener e os 37 cantores e cantoras do coro Mistura Vocal baixo a dirección de Aloia Martínez.

“Nadal de Cristal / Natal de Cristal” conta coa dirección técnico-artística de Eva García e Juantxo García, e a dirección musical de Aloia Martínez. As entradas para este concerto de Nadal da Eurocidade, poranse á venda hoxe martes, 5 de decembro, ás 17 h aos prezos de 6 € e 4,5 € a través das páxinas web tui.gal e cm-valenca.pt.

O Porriño presenta o seu novo punto violeta

A Secretaria Xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañou ao alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e á concelleira de Igualdade, Carolina González, na presentación do novo Punto Violeta do Concello do Porriño.

O concello conta dende hai máis dun ano con este recurso nos seus festivais, concertos e actividades,  unha área segura na que se acolle e acompaña de maneira inmediata ás mulleres que sexan vítimas de agresión sexual, ademais de levar a cabo unha función informativa e de sensibilización.

Ata o de agora, de maneira provisional, estaba instalado baixo unha carpa morada, un elemento pouco privado á hora de denunciar unha agresión machista. Hai que ter en conta que se trata do primeiro lugar físico de contención para unha muller que acaba de sufrir un acoso, polo que se require dun espazo pechado e protexido que ofrezca seguridade e privacidade á vítima ante esta situación.

O novo Punto Violeta móbil, unha autocaravana con varios habitáculos, ofrece as condicións acaídas para unha atención inmediata e ademais dispón no mesmo espacio dunha oficina informativa e de denuncia.

A Secretaria Xeral de Igualdade quixoagradecer “ao alcalde e ao todo o equipo de goberno que impulsen iniciativas como a que hoxe presentamos, unha autocaravana Punto Violeta para dar acubillo ás vítimas dunha agresión sexual . Despois de velo en primeira persoa pode ser un proxecto piloto que recollan outros concellos” e apuntou que “para traballar en contra das agresións sexuais temos que facelo dende o conxunto da sociedade, dende todas as administracións e entidades”.

Pola súa banda, Carolina González,  engadiu que, como ata o de agora, estará presente en todos os actos multitudinarios “co fin de converterse nun referente para as mulleres, un lugar seguro ao que acudir en caso de sentirse coaccionadas, de ser agredidas ou simplemente para aclarar dúbidas. Persoal cualificado as atenderá e dará asesoramento xurídico”.

O alcalde concluíu incidindo na importancia de dar a coñecer este recurso “para que todas as mulleres o identifiquen como un lugar seguro ao que acudir, no que se garantiza a confidencialidade e o anonimato. Queremos que todos e todas poidamos disfrutar do noso pobo e das nosas festas sen medo, dende o respecto e a responsabilidade”. Lorenzo lembrou que o Punto Violeta é un dos recursos Viogen cos que conta o Concello do Porriño para seguir traballando na prevención da violencia contra as mulleres e na intervención directa cando estamos fronte a unha posible agresión, como son o Centro de Información á Muller (CIM) e a adhesión ao servizo de atención e protección para víctimas da violencia de xénero (Atenpro), un servizo telefónico de atención e protección para víctimas. Por outra banda o corpo da Policía Local do Porriño está adherido ao sistema de seguemento integral dos casos de violencia de xénero asinado mediante convenio co Ministerio do Interior

Nadal para gozar en familia en Tomiño cunha decena de actividades

0

Tomiño prepárase para dar a benvida a un Nadal cheo de cor e de lecer para todos os públicos. Durante todo o mes de decembro, o Concello pon en marcha unha ampla programación “coa que buscamos que a veciñanza goce desta época tan sinalada non só cunha morea de actividades todas de balde, senón tamén convidando a todos os tomiñeses a desfrutar do municipio, saír ás rúas e mercar no noso comercio local”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

O pistoletazo de saída ao Nadal en Tomiño darase hoxe mércores 6 de decembro co tradicional acendido das luces, que encherán a vila de cor a través de diferentes elementos decorativos que crearán un acolledor ambiente para estas datas. A partir de aí comezará un programa no que o público poderá desfrutar un ano máis do Concerto de Nadal da Coral Polifónica de Tomiño, que se celebrará o domingo 10 de decembro ás 19.00 horas no auditorio municipal de Goián.

A programación continúa con máis música o domingo 17 de decembro, nesta ocasión co tradicional Concerto de Nadal da Agrupación Musical de Goián, que porá o broche final aos actos de celebración do 25 aniversario da entidade e que contará coa actuación das Bandas da Escola de Música e da propia Agrupación. Será ás 19.00 horas no auditorio municipal de Goián.

O martes 26 de decembro chega o Nadal ao mercado municipal con varias actividades para público familiar que comezarán con ‘Contarte con Arte’ de Migallas Teatro, un espectáculo co que a compañía achegará un teatro comprensible, crítico e entretido, bebendo da tradición e da vida cotiá, cunha visión universal das situacións humanas máis próximas. O obradoiro será ás 11.30 horas no primeiro andar. Xa o xoves 28 de decembro será a quenda de Cayetano Lledó e a súa ‘Maxia especial de Nadal’, un espectáculo máxico e sorprendente apto para todos os públicos ás 11.30 horas tamén no Mercado municipal.

O venres 29 de decembro será a quenda da Gran Chocolatada de Nadal Adeto na Praza do Seixo ás 16.30 horas e o sábado 30 de decembro o público poderá desfrutar da Festa Pre Fin de Ano ás 22.00 h. Para rematar o ano, o 31 de decembro o Apalpador visitará aos nenos e nenas tomiñesas ás 12.00 horas no Mercado de Tomiño.

O ano comezará un ano máis con inchables de balde o mércores 3 e o xoves 4 de xaneiro na Praza do Seixo e a tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro polas parroquias e a Praza do Seixo.

Por outro lado, o Concello quere seguir apoiando ao comercio local nestas datas, polo que puxo en marcha unha nova edición da campaña ‘Nadal + Nadal’, unha iniciativa que busca premiar tanto aos establecementos tomiñeses como a todas aquelas persoas que escollen mercar no seu municipio. Do 7 ao 27 de decembro os usuarios e usuarias participarán no sorteo de vales de compra polo dobre do valor dos seus tíckets, mentres que os establecementos competirán por ver quen deseñou a mellor decoración de Nadal tanto dentro dos locais como nos escaparates.

Ponteareas executa obras de mantemento do tellado da aula de Pías

A aula de Pías, pertencente ao Colexio Rural Agrupado A Picaraña, dispón xa do tellado reparado logo das obras de mantemento realizadas polo actual grupo de goberno tras as múltiples denuncias da ANPA do centro polo seu mal estado ao longo dos últimos tempos.

A asociación de nais e pais levaba tempo reclamando unha actuación de mellora e mantemento das instalacións que o anterior goberno bipartito non foi quen de atender e da que a ANPA non chegou a recibir resposta. Por este motivo o tellado da aula foi quedando paulatinamente en estado de abandono ata que a chegada do actual grupo de goberno deu prioridade a esta actuación que se levou a cabo de xeito máis rápido posible.

A obra de rehabilitación centrouse na substitución das tellas se atopaban rotas ou desgastadas por mor da ausencia de mantemento e reparación anteriores, así como o cambio de diversos restreis de madeira tamén moi deteriorados e a limpeza integral de todo o conxunto do tellado. Ademais, procedeuse ao hidrofugado do tellado para evitar filtracións de auga no centro educativo e mellorar así as condicións de confort do alumnado.

A Deputación transformará a Alameda de Gondomar grazas á cooperación institucional

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Gondomar, Juan Francisco Ferreira, asinaron este martes un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis de case 925.000 euros, o 77 % do orzamento, os traballos para a humanización da Alameda de Gondomar e da súa contorna. O Concello, pola súa banda, achega o 23 % do total (270.000 euros). O protocolo asinouse durante unha recepción do mandatario provincial ao rexedor deste Concello do Val Miñor ao Pazo provincial, durante o que López destacou o esforzo e cooperación de ambas as administracións para transformar espazos urbanos e mellorar os servizos prestados á veciñanza.

A obra, valorada en 1,2 millóns de euros, servirá para a renovación integral da Alameda e a súa contorna a través da eliminación do tráfico rodado na maior parte do ámbito, permitindo unicamente a circulación de residentes por unha soa rúa e cunha velocidade limitada a 10 quilómetros por hora. Ao mesmo tempo, acabarase co illamento ao que está sometida actualmente a Alameda mediante a eliminación da praza elevada e a creación dunha plataforma única que dea prioridade á mobilidade peonil e homoxeneice todo o espazo. Do mesmo xeito, o proxecto inclúe a implantación de novas áreas de descanso e xogo, novo mobiliario urbano, unha iluminación máis acaída e a adecuación das zonas axardinadas con novas especies vexetais.

A intervención transformará o espazo por completo ampliando a área dedicado aos peóns desde os 1.087 metros cadrados actuais aos máis de 2.376 metros cadrados que recolle o proxecto. O espazo reservado unicamente para o tráfico rodado caerá desde os 1.598 metros cadrados de agora a cero. Neste sentido, Luis López destacou que se trata dun avance na transformación integral dos espazos públicos, un avance no coidado do medio ambiente e un avance no municipalismo que rexe a acción de goberno da Deputación de Pontevedra.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Gondomar realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

Redondela condena a violencia machista cunha concentración institucional

0

O Concello de Redondela celebrou este mediodía unha concentración como acto de repulsa polo último asasinato machista perpetrado en Galicia. A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que a violencia machista “ten nome e apelidos”. O última muller asasinada é Encarnación Regueiro Rodríguez, tiña 80 anos e era veciña de Sigüeiro, en Oroso. O seu home, Manuel Barbeira, matouna a coiteladas.

Este é o feminicidio número 54 en España no que vai de ano segundo os datos oficiais. Pero son máis. A  día de hoxe son xa 99 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas que contabiliza o portal Feminicio.net. Desde 2003, cando se empezaron a contabilizar os asasinatos machistas, 1.234 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas.

A rexedora redondelá insistiu en que é “unha tarefa de todos e todas acabar co terrorismo machista. Unha tarefa das administracións e de toda a sociedade, e que é unha obriga implicarnos todos e todas contra a violencia machista”. O acto rematou cun minuto de silencio.

Covelo recoñece á futbolista Marta Castillo e ao futbolista Pablo Aparicio polos seus logros deportivos

0

O Concello de Covelo recibíu á futbolista Marta Castillo Gómez e ao futbolista Pablo Aparicio Carballo para recoñecer os seus logros deportivos facéndolle entrega dunha placa institucional e dun sentido aplauso da directiva do club de fútbol local, veciñanza e familiares que asistiron ao acto celebrado no salón de plenos da Casa do Concello. Nesta recepción cargada de emocións, o alcalde, Pablo Castillo, e a concelleira Lourdes Enes, no nome de toda a Corporación, desexáronlle moitos éxitos deportivos e persoais convidándoos a seguir loitando polos seus soños.

O futbolista do Celta de Vigo de 14 anos de idade, Pablo Aparicio, vén de ser convocado pola Selección Española de Fútbol Sub-15 para xogar os vindeiros días 6, 8 e 10 de decembro na cidade de Alfaz de Pi en Alicante. Este mozo, con orixes na parroquia de Casteláns, comezou con tan só 3 anos a xogar ao fútbol sala no equipo La Paz, pasando despois ao Sárdoma, logo ao Candeán e ao Val Miñor para fichar co Real Club Celta de Vigo aos 12 anos. Xa no ano 2022 e neste 2023 foi convocado pola Selección Galega de Fútbol sub-14 para o campionato de España. Sen abandonar os seus estudos de 3º da ESO, Pablo adestra na Madroa tres horas diarias catro días á semana. Algo que non impide que os seus resultados académicos sexan de sobresaínte para poder estudar no futuro Mediciña e ser médico deportivo.

A infantil Marta Castillo tamén comezou dende ben pequena a sentir a paixón polo fútbol e dende os catro anos que se iniciou no futbito non deixou nunca de medrar como deportista. Dende o Club de Covelo fichou para o da Cañiza onde adestra nun equipo mixto sendo ela a única fémina. Marta foi convocada pola Selección Galega de Fútbol Sub-14 para xogar coa subselección de Vigo en Braga quedando subcampioas e acadando o título de campioas de Galicia en Silleda con esta mesma subselección. Os primeiros contactos coa selección galega foron no 2019 cortando a súa traxectoria a pandemia. Algo que non impedíu que esta futbolista seguira mellorando ata o día de hoxe no que a pesar de recibir ofertas doutros clubs elixe xogar cos da Paradanta. Ao igual que Pablo tamén é quen de compaxinar o deporte e os estudos de 2º da ESO con moi bos resultados, véndose no futuro exercendo profesións relacionadas co deporte e co ensino.

Comezan as visitas de Nadal ao Castelo de Soutomaior

Este mércores 6 de decembro comezan as visitas teatralizadas de Nadal ao Castelo de Soutomaior con todas as prazas esgotadas. Ofertáronse en total 300 prazas para estas visitas que permitirán achegarse á historia do castelo dun xeito divertido e ameno entre o mércores e o domingo 10 de decembro. Ademais desta actividade, este ano súmanse dúas grandes novidades á programación de Nadal da Deputación no Castelo de Soutomaior: un espectáculo de vídeo mapping e un xogo de escapismo.

O vídeo mapping consiste, tal e como explicou o presidente da institución provincial Luis López, nun espectáculo gratuíto de luz e son proxectado na Torre da Homenaxe do Castelo. Terá unha duración de seis minutos e haberá pases continuos desde o atardecer ata as 21:00 horas. A cidadanía interesada en gozar deste vídeo mapping poderao facer entre o 22 de decembro e o 4 de xaneiro, exceptuando os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro que coinciden coas datas de peche do Castelo de Soutomaior.

No que respecta ao xogo de escapismo, aberto a maiores de 8 anos, trátase de vivir en primeira persoa o asedio ao Castelo de Soutomaior. Para elo, tal e como informou Luis López, os participantes, nun tempo máximo de 60 minutos, terán que resolver probas e pistas en grupos para axudar a Pedro Madruga a parar aos Irmandiños. A actividade, para a que xa se pode adquirir entrada en www.castelodesoutomaior.com,  terá lugar os días 21,22, 23, 26, 28, 29 e 30 de decembro e os días 3 e 4 de xaneiro, con 6 pases ao día dende as 11 ata as 14 horas e dende as 16 ás 19 horas.  

Unha mestra do CEIP Cedeira entre os finalistas a mellor docente de España

0

A mestra de primaria, Jessica Rodríguez Piñeiro, foi seleccionada como unha das dez finalistas a mellor docente de España na categoría de Primaria. Esta profesora do CEIP Cedeira é a única galega que opta a este galardón na súa categoría, e competirá con outros nove docentes das comunidades de Madrid, Valencia, Canarias, Asturias, Andalucía e a cidade autónoma de Ceuta.

Estes galardóns, coñecidos como os Goya da educación, queren recoñecer o labor do profesorado e darlle visibilidade, e teñen a particularidade de que é o propio alumnado o que nomea aos seus profesores, e no caso de Infantil e Primaria fano as familias. Os Premios Educa Abanca entregaranse o 24 de febreiro na Coruña, nunha gala que se celebrará en paralelo ao Congreso Mundial de Educación Educa 2024. Alí daranse a coñecer as puntuacións de cada un dos finalistas e obterá o título de Mellor Docente de España o que logre máis puntos. Os gañadores recibirán unha figura, ademais dun premio económico de 1.000 euros e un diploma acreditativo.

Recoñecementos á calidade do ensino público de Redondela

O concelleiro de Ensino, Iván Valles, afirma que a candidatura de Jessica Rodríguez é un orgullo para Redondela “e pon de manifesto a calidade do ensino público deste municipio”. O edil sinala que hai moitos máis exemplos do gran nivel dos centros educativos redondeláns en todos os niveis, como o grupo de alumnos do IES Illa de San Simón (Carla Acosta, David Lago e Rubén Lago) que se atopan estes días en Tailandia participando na Olimpíada Xuvenil de Ciencias internacional. Tamén o CEIP Laredo acaba de ser premiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade nun concurso convocado polo Día Contra a Violencia de Xénero co traballo audiovisual “Que non che digan que non podes”. Pola súa banda o IES de Chapela logrou unha mención de honra nos Premios de Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2023 da Consellería de Educación polo seu Proxecto Xanela, unha iniciativa de teatro inclusivo e comunitario baseado nunha metodoloxía de aprendizaxe-servizo. Valles avanza tamén que nos vindeiros meses os centros de ensino de Redondela organizarán en colaboración co Concello diferentes actividades como a “Lectura na rúa” que prepara o colexio Santa Mariña e na que participan máis de 1.000 alumnos e alumnas do municipio, a mostra “Espalla tinta” que promove o CEIP Cedeira ou a actividade de xadrez do IES Floriani.

O Porriño acende o Nadal este mércores

O Porriño dará a benvida este mércores á tempada de Nadal co acendido do seu alumeado. A praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá a partir dos 17 h varias actividades para festexar por todo o alto o arranque do Nadal.

Ás 17 h actuará o grupo de gaitas Asubío e de seguido un pasarrúas de perxoases infantís e o espectáculo para nenas e nenos “A bailar no Nadal!” farán as delicias dos máis pequenos.

O gran momento chegará ás 18:30 h a cargo dos usuarios e usuarias de Aceesca, que unha vez máis serán os encargados de premer o botón que encherá a vila de maxia.

A festa seguirá cun concerto de Generación M e o espectáculo musical “Mitic. Christmas Family” da man de Álvaro Costas.

Nigrán celebra o Día da Discapacidade cunha chocolatada

0

O Concello de Nigrán foi onte o epicentro da celebración do ‘Día Internacional da Discapacidade’ na comarca cunha gran chocolatada no Pavillón de Panxón á que acudiron preto de 900 escolares de 15 centros educativos do Miñor. Precisamente, esta data conmemorativa do 3 de decembro pospúxose a este luns para poder festexala, como é habitual, co alumnado, e a ela acudiron os representantes políticos de cada municipio, que tamén tiveron unhas verbas para as crianzas. Un ano máis, o CEE Juan María, ubicado na parroquia de Parada, liderou a iniciativa.

“Sodes o futuro, temos que ter empatía con todas as persoas, todos somos diferentes e iguais ao memo tempo. Todos temos o dereito a ser felices e a que nos respecten. Todos os días deberían ser o Día Internacional da Discapacidade”, considerou o alcalde de Nigrán, Juan González, anfitrión deste evento no que o Concello de Nigrán asumíu a organización da chocolatada e os autobuses de todos os centros educativos do municipio.

“Celebramos y agradecemos que lo que antes parecía raro, difícil y lejano, hoy empieza a ser normal, fácil y accesible”, sinalou Pepe na lectura do manifesto, a cargo de tres usuarios do CEE Juan María, mentras que Iago agradeceu “que cada vez es más fácil pasear por la calle sin que nadie se dé la vuelta extrañado al vernos” e que se lles dean oportunidades de participación na comunidade. Finalmente, Cintia animou aos asistentes a que sigan dando “razones para celebrar y agradecer que cada vez vivamos en una sociedad más inclusiva, rica y diferente”. “Somos “Diferentemente Iguales”, concluíu.

A xornada incluíu o contacontos educativo ‘Todos menos uno’, a cargo de Xermola Cantos e Contos, e a posterior chocolatada para todos e baile.

A Guarda lanza unha nova ferramenta dixital para dar a coñecer os recursos e rutas turísticos

0

A Concellería de Turismo do Concello da Guarda, grazas a unha subvención de fondos europeos para a creación de contidos dixitais, desenvolveu uns novos mapas turísticos interactivos para ampliar a oferta de información turística para os visitantes.

Estes mapas turísticos dixitais están integrados na actual web municipal de turismo (www.turismoaguarda.es) e tamén contan cun enlace directo a estes mapas: https://mapas.turismoaguarda.es/inicio.

Esta ferramenta está integrada por 18 mapas interactivos ordenados por temáticas e distribuídos en 4 seccións: Coñece A Guarda; A Guarda é patrimonio; A Guarda é natureza; A Guarda: do Miño ao Atlántico. A finalidade é dar protagonismo e presentar dun xeito sinxelo e atractivo en base aos posibles intereses dos visitantes.

Estes mapas contan con máis de 80 recursos con foto, vídeo, introdución e unha descrición. Estes recursos están xeolocalizados e visualízanse no mapa baseado en tecnoloxía Google Maps cunha iconografía adecuada. Os idiomas dispoñibles son galego, español e inglés.

Ademais, conta con dúas funcionalidades: cómo chegar e compartir o recurso mediante WhatsApp, Facebook, Twitter e Instagram. Polo que é unha excelente ferramenta de promoción e difusión dos contidos turísticos da Guarda.

Neva no Pazo de Mos para darlle a benvida ao Nadal

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e os concelleiros e concelleiras do goberno local, participaron no acto de acendido do alumeado de Nadal nos exteriores do Pazo de Mos, xunto con centos de persoas que non quixeron perder o espectáculo navideño cargado de actividades, música, diversión e neve.

Así chegou o tan esperado acto inaugural do acendido navideño, que marca o inicio do Nadal en Mos e representa, xunto coa Festa Pre Fin de Ano do 30 de decembro, un dos acontecementos máis esperados e concorridos, tanto destas datas, como de toda a programación lúdica e cultural mosense.

O acendido do alumeado de Nadal na contorna do Pazo de Mos deu comezo ás 18:00 horas e contou co espectáculo infantil “A Raíña da Neve”, a actuación musical dos “King Kids”, así como canóns de neve artificial e fotomatón con foto de regalo e obradoiros infantís de pintacaras e globoflexia.

DECEMBRO

Mércores 6

  • Concerto Santa Icía ás 18:00 h, no auditorio de Torroso

Sábado 9

  • Festival de Nadal das Escolas Baile Deportivo Patricia Martínez ás 20:00 h, no multiúsos das Pozas

Domingo 10

  • Teatro infantil títeres ás 18:00 h, no auditorio de Guizán
  • Festival “Has de cantar Torroso Gaiteiro” ás 18:30 h, no auditorio de Torroso
  • Festival de Corais de Nadal ás 19:00 h no Pazo de Mos

Sábado 16

  • Teatro infantil ás 19:00 h, no Pazo de Mos

Domingo 17

  • Concentración solidaria de coches clásicos de 10:00 a 14:00 h, no Centro Dotacional de Torroso
  • Certame de Rondallas ás 17:00 h, na Avenida de Puxeiros

Xoves 21

  • Acendido do Pazo de Mos (Campaña #AcendeOXacobeo) e acendido monumentos do Camiño máis chocolatada ás 18:00, no Pazo de Mos

Domingo 24

  • Papanoelada Moteira ás 11:00 h, no parqeu de Sanguiñeda (saída do percorrido)

Sábado 30

  • Festa Pre-Fin de Ano ás 23:30 h, no Pazo de Mos

XANEIRO

Xoves 4

  • Excursión para familias “Barco do Nadal” ás 19:00 h (hora da saída desde o multiúsos das Pozas). Prezo: 14 € (adultos) / 9 € (nenos de 3 a 12 anos)

Venres 5

  • Cabalgata de Reis ás 18:00 h, na Avenida de Sanguiñeda

Salvaterra presenta a programación de Nadal

Chega o mes de decembro e o Concello de Salvaterra de Miño presenta a que será a
programación de Nadal para os vindeiros días. Dende a Concellería de Cultura, que dirixe
Lorena Soto, elaborouse un programa dirixido a tódalas idades con actividades moi
atractivas.

Dende o venres 8 de decembro en Salvaterra de Miño haberá concertos de corais, bandas
e músicos locais ademais de festivais, obradoiros, cine, música e un mercadillo de Nadal.
Precisamente esta última é unha das novidades que, coincidindo coa inauguración da
decoración da Praza do Concello na que participan os centros educativos e o módulo de
Carpintaría do IES Salvaterra de Miño, terá lugar os días 15 e 16 de decembro.

Entre toda a programación destacan as actuacións de Nadal das asociacións culturais
e deportivas do noso municipio ademais da celebración da xa tradicional San Silvestre.
Unha carreira solidaria que se celebrará o 23 de decembro na que poderán participar
pequenos e maiores aportando un produto non perecedoiro para o Banco de Alimentos.
Toda a información da carreira publicarase nos vindeiros días.

Por outra banda, a Casa da Cultura de Salvaterra de Miño incluirá actividades para os
máis pequenos, coas proxeccións das películas “El Gato con botas, el último deseo” e
“Tadeo Jones 3” e a obra de teatro “Un conto de Nadal”. O día 28 de decembro chegará
a Salvaterra un espectáculo moi recomendado para toda a familia, “Molto Barroco”,
incluido dentro do programa Tornar ás Táboas da Deputación de Pontevedra.

A Biblioteca Municipal de Salvaterra será outro punto clave que continúa con actividades
para os nenos. Neste caso terá un obradoiro de adornos dirixido a aqueles de entre
3 e 11 anos.

O Concello fai fincapé nas datas fundamentais no calendario como son a visita de Papá
Noel, o Apalpador ou os Reis Magos que se celebrarán os días 24 e 27 de decembro e o
5 de xaneiro respectivamente.

Novas prazas para asistir ao FP dual do IES Chapela

0

Ábrese un período extraordinario de admisión en prazas liberadas do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia na modalidade semipresencial e a distancia dual no IES de Chapela. As persoas interesadas que reúnan os requisitos de acceso deben presentar a súa solicitude e a documentación correspondente (fotocopia do documento de identidade e titulación de acceso) na secretaría do centro de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas (de forma presencial). O prazo de admisión remata o próximo 15 de decembro (incluído).

O ciclo inclúe prácticas remuneradas en empresas cun contrato de formación.

Os requisitos para poder presentar a solicitude son:

  • Ter entre 18 (ou facelos no ano en que comece o ciclo) e 29 anos.
  • Cumprir os requisitos de acceso a un ciclo formativo de grao medio (título de ESO, título profesional básico, técnico/a auxiliar, técnico/a, 2º de BUP, PCPI, requisitos de acceso a ciclos de grao superior, outros estudos declarados equivalentes, proba de acceso).
  • Carecer da cualificación profesional obtida e recoñecida polo sistema de formación para o emprego ou do sistema educativo, requirida para concertar un contrato en prácticas para o posto de traballo ou a ocupación obxecto do proxecto.
  • Non ter realizado con anterioridade un contrato de formación e aprendizaxe, e cumprir os requisitos establecidos na normativa laboral vixente para poder efectualo.
  • Non ter superado ningún módulo profesional do ciclo formativo, agás que fose cursando outro ciclo formativo.

O Concello de Covelo executa obras por máis de 120.000 € para reparar os danos por temporais

0

O Concello de Covelo executa traballos de reparación e reconstrución por un total de 122.052 € nas parroquias de Casteláns, Godóns, Santiago de Covelo e San Salvador de Prado. Con estas obras o Concello procede a arranxar os danos causados pola climatoloxia adversa en infraestruturas municipais. “Non só se realizarán traballos de reposición e arranxo, tamén se prevén obras que melloren as condicións anteriores e así evitar futuras incidencias provocadas pola intensidade de auga dos temporais”, explica o alcalde, Pablo Castillo, que tamén sinala que as intervencións estanse a realizar en espazos de uso diario da cidadanía.

Na parroquia de  Casteláns actúanse en dous lugares, no torreiro de festas de Lourido e ao carón do cemiterio de A Costa. En Lourido o Concello traballa na mellora da canalización de augas pluviais ao non soportar a existente grandes caudais de auga. A anterior canalización non podía evacuar a auga das intensas choivas motivo polo que a auga circulaba por fóra asolagando o parque público e provocando o derrubamento do muro de contención. Agora o Concello trasplanta as árbores e retira as pedras caídas polo derrubamento do muro e procede a levantar un novo muro de mampostería con pedra granítica que conteña o camiño. Tamén colocará unha nova baranda e para evitar futuros derrubamentos actuará sobre a recollida de aguas pluviais retirando a canalización de formigón existente e substituíndoa por tubería de polietileno, ademais de colocar arquetas e realizar traballos de drenaxe, entre outros, cun custo total 59.493 €.

No cemiterio da Costa realízase unha actuación similar de desmonte, cimentacións, reconstrución de muros de contención,  condución de augas, colocación de arquetas e instalación de barreiras de seguridade ao ser insuficiente a capacidade da cuneta existente que non consegue evacuar toda a auga que baixa da pista de acceso ao monte. Estas obras teñen un valor de 35.007 €.

Na Bugariña, Godóns, investíronse 14.103 € na reparación do talude caído realizando un novo muro de mampostería con canteira de pedra granítica. Tamén se procederá a unha axeitada canalización das aguas para evitar futuros incidentes.

No barrio de Carballeda, parroquia de Santiago de Covelo, desenvolvéronse traballos de desbroce, retirada de canalización rota e instalación de novos tubos de formigón, arqueta e talude para contención do camiño cun custo total de 11.168 €.

Por último, contémplase a reparación da Ponte Tieliñas en San Salvador de Prado danada polas intensas choivas e que suporá un gasto de máis de 18.945 €.

Aberto o prazo para inscribirse no campamento de Nadal

O vindeiro 22 de decembro comezará o Campamento de Nadal organizado pola Concellería de Igualdade do Concello do Porriño dirixido aos máis pequenos e pequenas da casa, de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, ambos inclusive. Tendo preferencia os empadroados no Porriño.

Esta actividade terá lugar os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro de 2023 e o 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2024, en horario de mañá de 9 h a 14 h.

As inscricións poderán facerse presencialmente por rexistro ou por sede electrónica. O prazo abriuse hoxe luns e rematará o 12 de decembro ás 9 h.

A listaxe de admitidos e admitidas publicarase na páxina web do Concello. Máximo 50 participantes. Seguirase a orde de inscrición, previa baremación das solicitudes que acrediten a concorrencia de algunha circunstancia computable.

O lugar de entrega e recollida dos e das participantes será na porta principal do pavillón municipal no horario indicado. Os rapaces e rapazas deberán levar roupa cómoda, calzado cómodo e outro de reposto para poder utilizar no seu caso as pistas deportivas, unha mochila co calzado de resposto, unha merenda e auga.

No caso de precisar algunha vestimenta diferente, serán as monitoras e monitores as persoas encargadas de comunícalo.

O formulario de inscrición pode descargarse da páxina web municipal.

O Concello abre unha enquisa sobre participación e necesidades socioculturais no Rosal

0

O Concello do Rosal está levando a cabo un Estudo de participación e necesidades culturais da veciñanza co obxectivo de coñecer as necesidades culturais, de lecer e de participación da veciñanza para facilitar a toma de decisións neste campo. Coa primeira fase xa rematada, na que se realizaron entrevistas con persoas clave, arranca agora a segunda fase para coñecer a opinión directa da veciñanza.

Tras o deseño do cuestionario, o Concello pon agora a disposición da poboación unha enquisa que poderá encherse en liña a través da páxina do Concello e á que tamén poderá accederse a través dun código QR que estará dispoñible no Concello e no comercio local. Esta enquisa tamén poderá cubrise en papel na propia Casa Consistorial ou nalgúns establecementos públicos.

A enquisa está aberta a todas aquelas persoas que viven no Rosal ou participan en actividades socioculturais no municipio e estará activa durante catro semana ou ata cando se acade a mostraxe representativa necesaria para o estudo.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quere resaltar a importancia de coñecer a visión da veciñanza en todos os aspectos que se recollen no cuestionario para identificar as necesidades de primeira man e así poder tomar decisións máis axustadas ás demandas socioculturais de rosaleiros. Dende o Concello agradécese de antemán a participación e anima á veciñanza a encher a enquisa, que non leva máis de 10 minutos. Xa na terceira e última fase do proxecto presentarase o informe final con todos os resultados e conclusións obtidas ao longo destes meses de traballo, diferenciando ademais os resultados en función das distintas variables de interese que xurdan.

Abel Caballero, invitado sorpresa ao acendido de Nadal de Redondela

0

O Concello de Redondela prendeu as luces de Nadal nun evento cheo de música, cor e animación. A afluencia de público foi masiva, cunha praza do Concello ateigada de xente, ao igual que a Alameda e as rúas e prazas do centro da vila. A festa comenzou co concerto de Uxía Lambona, para seguir co vibrante pasarrúas de Latexo Percusión, mentres quevas Aves do Paraíso de Barafunda encargáronse de poñer a maxia e a cor a unha xornada na que tamén foi protagonista a Coca Simona. Ata as folerpas de neve quixeron dar a benvida ao Nadal en Redondela para goce de nenos e maiores

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi o encargado de facer a conta atrás para o acendido do alumeado de Nadal redondelán xunto coa alcaldesa Digna Rivas.

A iluminación de Nadal, como en anos anteriores,  non se limita aos núcleos urbanos senón que se estende por todas as parroquias do municipio. Son máis de 5.000 metros cadrados de iluminación, con 200 arcos de luz e 600 elementos decorativos cun total de 895.000 luces led. As rúas do municipio lucirán cos motivos do Nadal, ao igual que as prazas, alamedas, xardíns e elementos singulares como o mercado municipal ou o antigo viaduto.

Acendido de Nadal en Chapela

Onte domingo ás 19:45 horas tivo tamén lugar o prendido das luces de Nadal de Chapela na renovada Alameda de Rosalía de Castro. As actividades para festexar o comezo do Nadal contaron con teatro, música e animación.