Mércores, 6 Novembro de 2024

Redondela condena a violencia machista cunha concentración institucional

O Concello de Redondela celebrou este mediodía unha concentración como acto de repulsa polo último asasinato machista perpetrado en Galicia. A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que a violencia machista “ten nome e apelidos”. O última muller asasinada é Encarnación Regueiro Rodríguez, tiña 80 anos e era veciña de Sigüeiro, en Oroso. O seu home, Manuel Barbeira, matouna a coiteladas.

Este é o feminicidio número 54 en España no que vai de ano segundo os datos oficiais. Pero son máis. A  día de hoxe son xa 99 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas que contabiliza o portal Feminicio.net. Desde 2003, cando se empezaron a contabilizar os asasinatos machistas, 1.234 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas.

A rexedora redondelá insistiu en que é “unha tarefa de todos e todas acabar co terrorismo machista. Unha tarefa das administracións e de toda a sociedade, e que é unha obriga implicarnos todos e todas contra a violencia machista”. O acto rematou cun minuto de silencio.