Domingo, 16 Marzo de 2025

Ponteareas executa obras de mantemento do tellado da aula de Pías

A aula de Pías, pertencente ao Colexio Rural Agrupado A Picaraña, dispón xa do tellado reparado logo das obras de mantemento realizadas polo actual grupo de goberno tras as múltiples denuncias da ANPA do centro polo seu mal estado ao longo dos últimos tempos.

A asociación de nais e pais levaba tempo reclamando unha actuación de mellora e mantemento das instalacións que o anterior goberno bipartito non foi quen de atender e da que a ANPA non chegou a recibir resposta. Por este motivo o tellado da aula foi quedando paulatinamente en estado de abandono ata que a chegada do actual grupo de goberno deu prioridade a esta actuación que se levou a cabo de xeito máis rápido posible.

A obra de rehabilitación centrouse na substitución das tellas se atopaban rotas ou desgastadas por mor da ausencia de mantemento e reparación anteriores, así como o cambio de diversos restreis de madeira tamén moi deteriorados e a limpeza integral de todo o conxunto do tellado. Ademais, procedeuse ao hidrofugado do tellado para evitar filtracións de auga no centro educativo e mellorar así as condicións de confort do alumnado.