A mestra de primaria, Jessica Rodríguez Piñeiro, foi seleccionada como unha das dez finalistas a mellor docente de España na categoría de Primaria. Esta profesora do CEIP Cedeira é a única galega que opta a este galardón na súa categoría, e competirá con outros nove docentes das comunidades de Madrid, Valencia, Canarias, Asturias, Andalucía e a cidade autónoma de Ceuta.
Estes galardóns, coñecidos como os Goya da educación, queren recoñecer o labor do profesorado e darlle visibilidade, e teñen a particularidade de que é o propio alumnado o que nomea aos seus profesores, e no caso de Infantil e Primaria fano as familias. Os Premios Educa Abanca entregaranse o 24 de febreiro na Coruña, nunha gala que se celebrará en paralelo ao Congreso Mundial de Educación Educa 2024. Alí daranse a coñecer as puntuacións de cada un dos finalistas e obterá o título de Mellor Docente de España o que logre máis puntos. Os gañadores recibirán unha figura, ademais dun premio económico de 1.000 euros e un diploma acreditativo.
Recoñecementos á calidade do ensino público de Redondela
O concelleiro de Ensino, Iván Valles, afirma que a candidatura de Jessica Rodríguez é un orgullo para Redondela “e pon de manifesto a calidade do ensino público deste municipio”. O edil sinala que hai moitos máis exemplos do gran nivel dos centros educativos redondeláns en todos os niveis, como o grupo de alumnos do IES Illa de San Simón (Carla Acosta, David Lago e Rubén Lago) que se atopan estes días en Tailandia participando na Olimpíada Xuvenil de Ciencias internacional. Tamén o CEIP Laredo acaba de ser premiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade nun concurso convocado polo Día Contra a Violencia de Xénero co traballo audiovisual “Que non che digan que non podes”. Pola súa banda o IES de Chapela logrou unha mención de honra nos Premios de Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2023 da Consellería de Educación polo seu Proxecto Xanela, unha iniciativa de teatro inclusivo e comunitario baseado nunha metodoloxía de aprendizaxe-servizo. Valles avanza tamén que nos vindeiros meses os centros de ensino de Redondela organizarán en colaboración co Concello diferentes actividades como a “Lectura na rúa” que prepara o colexio Santa Mariña e na que participan máis de 1.000 alumnos e alumnas do municipio, a mostra “Espalla tinta” que promove o CEIP Cedeira ou a actividade de xadrez do IES Floriani.