O Nadal continúa no Rosal con moita música. Este domingo 10 de decembro, o auditorio municipal será o escenario do XIII Concerto Coral ‘Ecos do Nadal’, unha das actuacións máis agardadas nestas datas festivas por rosaleiros. Organizado pola Coral Ecos do Folón de Fornelos, a actuación conta coa colaboración da Asociación Músico-Cultural Ecos do Folón, do Concello, da Comunidade de Montes de Santa Mariña e da Deputación de Pontevedra a través do programa PonteGal.
A partir das 18.00 horas, o público poderá gozar de balde dun espectáculo no que a Coral Ecos do Folón estará acompañada polo Coro ‘Cantemos’ de Salvaterra, unha entidade nada hai máis de 20 anos co obxectivo da divulgar a música coral por medio de concertos e intercambios con outras asociacións. Contará tamén coa participación da Coral Polifónica ‘Vagalume’, de Oia, fundada en 2001.
A Coral Ecos do Folón naceu como asociación músico-cultural no ano 2012 con 17 compoñentes e foi crecendo de forma paulatina ata chegar ás máis de 30 voces mixtas coas que conta na actualidade. Participante en todos os circuítos culturais, a coral organiza cada anos dous esperados concertos no Rosal, ‘Ecos de Verán’ e ‘Ecos de Nadal’. Neles amosa no escenario o seu variado repertorio, no que se inclúen temas tradicionais galegos, habaneiras, valses, boleros, cantos relixiosos, panxoliñas… moitos deles arranxados, compostos ou adaptados polo director da coral, Jorge Fernández.