9.2 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaCoveloCovelo recoñece á futbolista Marta Castillo e ao futbolista Pablo Aparicio polos...

    Covelo recoñece á futbolista Marta Castillo e ao futbolista Pablo Aparicio polos seus logros deportivos

    O Concello de Covelo recibíu á futbolista Marta Castillo Gómez e ao futbolista Pablo Aparicio Carballo para recoñecer os seus logros deportivos facéndolle entrega dunha placa institucional e dun sentido aplauso da directiva do club de fútbol local, veciñanza e familiares que asistiron ao acto celebrado no salón de plenos da Casa do Concello. Nesta recepción cargada de emocións, o alcalde, Pablo Castillo, e a concelleira Lourdes Enes, no nome de toda a Corporación, desexáronlle moitos éxitos deportivos e persoais convidándoos a seguir loitando polos seus soños.

    O futbolista do Celta de Vigo de 14 anos de idade, Pablo Aparicio, vén de ser convocado pola Selección Española de Fútbol Sub-15 para xogar os vindeiros días 6, 8 e 10 de decembro na cidade de Alfaz de Pi en Alicante. Este mozo, con orixes na parroquia de Casteláns, comezou con tan só 3 anos a xogar ao fútbol sala no equipo La Paz, pasando despois ao Sárdoma, logo ao Candeán e ao Val Miñor para fichar co Real Club Celta de Vigo aos 12 anos. Xa no ano 2022 e neste 2023 foi convocado pola Selección Galega de Fútbol sub-14 para o campionato de España. Sen abandonar os seus estudos de 3º da ESO, Pablo adestra na Madroa tres horas diarias catro días á semana. Algo que non impide que os seus resultados académicos sexan de sobresaínte para poder estudar no futuro Mediciña e ser médico deportivo.

    A infantil Marta Castillo tamén comezou dende ben pequena a sentir a paixón polo fútbol e dende os catro anos que se iniciou no futbito non deixou nunca de medrar como deportista. Dende o Club de Covelo fichou para o da Cañiza onde adestra nun equipo mixto sendo ela a única fémina. Marta foi convocada pola Selección Galega de Fútbol Sub-14 para xogar coa subselección de Vigo en Braga quedando subcampioas e acadando o título de campioas de Galicia en Silleda con esta mesma subselección. Os primeiros contactos coa selección galega foron no 2019 cortando a súa traxectoria a pandemia. Algo que non impedíu que esta futbolista seguira mellorando ata o día de hoxe no que a pesar de recibir ofertas doutros clubs elixe xogar cos da Paradanta. Ao igual que Pablo tamén é quen de compaxinar o deporte e os estudos de 2º da ESO con moi bos resultados, véndose no futuro exercendo profesións relacionadas co deporte e co ensino.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.