Luns, 10 Febreiro de 2025

Arbo acolle hoxe a obra de teatro “Falemos como galegas”

O Auditorio Municipal de Arbo será escenario este sábado, 9 de decembro, da actuación da compañía pontevedresa Migallas Teatro, que porá en escena a obra “Falemos como galegas” no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función dará comezo ás 19:00 horas e a entrada será libre ata completar o aforo.

“Falemos como galegas” é un espectáculo humorístico interactivo onde se abordan cuestións relacionadas coa lingua galega, como por exemplo os falsos tópicos ao redor dela, os prexuízos ou cal é o seu futuro. María Campos e Carlos Yus dan vida nesta peza, dirixida a público mozo e adulto, a un feixe de personaxes entre os que se atopa a popular señora de Palmírez, coñecida polas súas intervencións no programa ‘Luar’ e toda unha icona do ‘castrapismo’.

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, dende outubro e ata finais de mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.