13.9 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán colabora coa promoción do deporte entre as mulleres saharauis nos campamentos...

    Nigrán colabora coa promoción do deporte entre as mulleres saharauis nos campamentos de refuxiados

    O Concello de Nigrán trasladará tamén ao eido deportivo o seu coñecido compromiso co pobo saharaui. O alcalde de Nigrán e catro concelleiras participan esta semana na viaxe organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e Solidariedade Galega co Pobo Saharaui aos campamentos de refuxiados en Alxeria, en Tindouf, para coñecer in-situ a realidade desta poboación desprazada aquí desde 1975. Trátase da segunda vez que o rexedor acude a este territorio en calidade de presidente do Fondo Galego, mentras que a primeira para as catro edís, que aproveitaron a oportunidade de participar nesta viaxe autofinanciada por cada un dos 110 participantes e pensada para familias acolledoras e para representantes dos gobernos locais e técnicos galegos co fin de sensibilizalos sobre este conflito. Así, durante cinco días, a delegación do Fondo Galego, composta por 41 persoas de toda Galicia, manterá reunións, coñecerá proxectos de cooperación, visitará institucións e convivirá con familias saharauis. Ademais, desde Nigrán e liderado pola propia edil de Deportes, Sara Penedo, impartirase un obradoiro dirixido a mulleres que desexen iniciarse na práctica deportiva. Penedo ofrecerá a posibilidade de organizar adestramentos persoalizados online de cara a calquera interesada en participar nalgunha das probas da maratón do Sáhara a finais de febreiro. Con este fin, a delegación de Nigrán tamén achegará roupa deportiva.

    “O compromiso do Concello de Nigrán co pobo saharaui é máximo e por iso estamos aquí, para buscar novas vías de cooperación. A maiores, aproveitando que acude a edil de Deportes, Sara Penedo, preguntamos se podíamos organizar algún partido e, desde o Ministerio de Xuventude e Deporte, nos pediron que realizásemos algún obradoiro para animar ás mulleres a facer exercicio porque, nese sentido, todavía hai unha fenda de xénero grande”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza o irmandamento entre a maratón do Sahara e a carreira popular pola praia Nigrán-Area de cara a promover esta proba deportiva e solidaria organizada cada ano por voluntarios de diferentes nacionalidades e á que acuden atletas de moitos países. “O deporte é saúde física e mental, por iso é importante chegar ás mulleres”, incide Penedo, Con ela viaxan Bibiana Peixoto, edil de Servizos Sociais; Cristina Dosil, edil de Relacións Veciñais, Xuventude, Festexos Populares e Comercio; e María Mayán, edil de Maiores.

    O Concello de Nigrán finanza desde o ano pasado o proxecto ‘Nadafa’ de recollida de residuos e sensibilización ambiental nos campamentos de refuxiados saharauis, concretamente na wilaya de Bojador, con 16.500 habitantes. Ademais, a Mancomunidade do Val Miñor ten achegados 25.000 € tamén para axuda alimentaria de emerxencia e o Concello de Nigrán cedeu durante o verán a vivenda municipal de Balinfra (Camos) aos monitores saharuis que acompañan aos cativos do programa ‘Vacacións en Paz’ en Galicia.

    “Nesta comarca temos un compromiso firme cos saharauis que se amosa cada ano no programa ‘Vacacións en Paz’ que, grazas ás familias acolledoras e á financiación dos concellos, trae a menores saharauis no verán”, explica González. “O movemento solidario e a vontade expresada pola sociedade civil nesta causa é absoluto, o conflito do Sáhara compete directamente a España porque foi unha provincia máis deste país, e por iso queremos manter unha colaboración con eles, cremos que desde o local tamén debemos formar parte da cooperación internacional”, insiste o rexedor, quen aprobou no 2022 no Concello de Nigrán unha moción en defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharaui e de rexeitamento da viraxe neste asunto de política exterior por parte do goberno de España, sendo o primeiro municipio de Galicia en facelo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.