9.2 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoA maxia do Nadal ilumina xa O Porriño

    A maxia do Nadal ilumina xa O Porriño

    O Porriño viviu onte unha emotiva tarde coa praza Arquitecto Antonio Palacios ateigada de público, nenos e maiores, para vivir xuntos un dos momentos máis ilusionantes do ano, o acendido do alumbrado de Nadal. Centos de persoas congregáronse aos pés do Concello para recibir o Nadal, nun acto no que os usuarios e usuarias de Aceesca foron os protagonistas.

    Laura, Marcos, Ana, Poli, Carlos, Paula, Eloy e Alba foron os encargados de premer o botón que iluminou a vila e deu inicio ao Nadal. Xunto a eles tamén estiveron persoas usuarias de Afaga, dos centros de día da vila e da EVD.

    “Gustaríanos aproveitar este momento para trasladar os desexos das persoas con diversidade”, dixo Laura, “Igualdade, respecto, inclusión, non violencia, autodeterminación, accesibilidade universal, saúde e participación social. En definitiva, queremos unha sociedade diversa onde se respecten a todas as persoas sen ter en conta a súa raza, cor, procedencia, capacidades, orientación sexual etc”. Entre os aplausos da xente Laura e os seus compañeiros e compañeiras desexaron a todos unhas felices festas e iniciaron a conta atrás xunto aos asistentes que finalizou co prendido das luces.

    O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quixo agradecerlles que un ano máis aceptaran o convite do seu concello para dirixir este acto “É unha honra contar con vós, ninguén mellor para traernos a ilusión, a maxia e a luz que nos lembra a nós e ao mundo o verdadeiramente importante destas datas: poder disfrutalas xuntos e a sorte de ternos os un aos outros”, apuntou o alcalde, “Desexo que o pasedes todas e todos moi ben e disfrutedes ao máximo destas festas”.

    Bailes, animación, batallas de globos xigantes e chocolate quentiño con rosca para levar mellor o frío sumáronse ao inicio das festas na vila do Louro. E como non hai Nadal que se precie sen neve, dous grandes canóns de neve artificial sumáronse á celebración. Un momento moi especial que deu paso á música de Generación M e culminou ao son da gaita de Álvaro Costas e o seu espectáculo de música e luz, “Mitic. Christmas Family”.

    Co pobo vestido xa para a ocasión, o Concello do Porriño fixo pública a súa programación que se extenderá ata o 7 de xaneiro e aúna obradoiros de nadal, música, cine, concursos e grandes eventos xa tradicionais, entre outros.

    Este xoves, 7 de decembro celebrarase un obradoiro de decoración de árbores de Nadal e o sábado 9 de decembro comezará en Mosende e Chenlo o periplo das rondallas polas parroquias. A Rondalla de Pontellas e a Rondalla Sta. Eulalia de Atios visitarán todos os centros culturais as fins de semana. O día 17 a solidariedade chegará ao pavillón municipal da man de Studio57 e o seu Navidance Solidario e o 21 de decembro a Escola de Municipal de Música celebrará o seu Festival de Nadal.

    Non se esquecen no Porriño de facilitarlle a Papa Noel o seu traballo o máximo posible, polo que se organizaron as visitas dos seus axudantes a todos os centros educativos, Aceesca e Centros de día, que se encargarán de recoller as súas peticións. Actuacións infantís, obradoiros, cine para cativos e o tradicional Encontro de Nadal de Corais darán forma as xornadas previas á chegada de Papá Noel, que visitará persoalmente aos nenos e nenas o 24 de decembro na praza do Concello.

    Pasada a noiteboa e o día de Nadal, retómanse as actividades o 27 con obradoiros para nenas e nenos a cargo da Academia Bastón.

    O 30 de decembro chega unha das citas ineludibles do Nadal no Porriño: a Festa Pre-Fin de ano. De novo, os pequenos e pequenas a celebrarán pola mañá e pola noite serán os maiores os que tomen as uvas ao ritmo das badaladas, acompañados polas rondallas da vila, sesións dj´s con Dj Pitty e Dj Samu Pexe, e o Combo Dominicano que non quixo perderse a festa entre outras sorpresas que se farán públicas nos próximos días.

    O Porriño Peque Fest, o gran festival de inchables e animación para as nenas e nenos do Porriño volverá tomar o pavillón municipal. Desta vez durante tres días, o 2, 3 e 4 de xaneiro. O tren turístico do Nadal permitiravos chegar ao pavillón no transporte acaído para a ocasión.

    A cabalgata de Reis promete sorprender este ano e irá precedida, o día antes, da visita das SS.MM os Reis Magos a todas as parroquias.

    O 6 de xaneiro calzamos de novo as deportivas para correr a Carreira solidaria de Reis do Concello do Porriño e o 7 poñemos o punto final a estas festas co tradicional Encontro de Rondallas do Porriño.

    Concursos e moitas sorpresas máis completarán a programación coa que o Concello do Porriño quere conseguir que estas, sexan as mellores festas de Nadal da súa historia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.