A nova senda peonil desde o Centro Cultural de Guizán ao Cruce do Moreno (segunda fase da humanización da Estrada Louriñó-Sobráns), incluída no Plan Mos Humanizado, e cun investimento de 657.456,66 euros, atópase prácticamente rematada a falla únicamente do pintado da sinalización horizontal, que quedará realizado antes de fin de mes.
Así o informaron alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal, e o edil mosense de Urbanismo, José Ramilo.
Esta obra consiste na continuación da humanización de Guizán no tramo Sobráns-Louriñó.
A humanización de Sobráns a Louriñó é a continuación do trazado de beirarrúas para a mellora da mobilidade peonil na estrada Louriñó-Sobráns. A actuación desenvólvese ao longo de 2 quilómetros, partindo desde o Centro Cultural de Guizán cara ao cruzamento coa Estrada Puxeiros-Mos. O proxecto xera un espazo de tránsito seguro nunha estrada na que existe un elevado número de vivendas.
Este proxecto de execución dunha nova beirarrúa desde o Centro Cultural de Guizán ata o chamado Cruce do Moreno (parroquia de Torroso), está financiado con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Con el xéranse novos intinerarios peonís, aplicando criterios de mellora da seguridade vial, mobilidade sostible e posta en valor do patrimonio cultural. A actuación está motivada principalmente pola necesidade de creación dun itinerario peonil seguro nun percorrido con alta presenza de usuarios debido ao seu papel de conexión de equipamentos sociais, culturais e relixiosos. Neste sentido, a actuación plantéxase como un itinerario seguro e accesible con distintas zonas que distribúen e organizan o seu marcado carácter lonxitudinal.
O criterio principal de deseño foi optar pola xeración de espazos de coexistencia, con preferencia peonil naqueles lugares onde as características espaciais da estrada o fan posible. Buscando mediante a unificación dos pavimentos unha redución de velocidade por parte dos vehículos que garante a seguridade dos viandantes.
A beirarrúa discorre pola marxe esquerda e dereita, adaptándose aos condicionantes presentes no seu trazado, polo que foi necesario ampliar a plataforma nalgúns tramos, tomando como criterio a conservación de todos os elementos construídos existentes. A beirarrúa conta con vados de acceso ás parcelas.