11.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoNadal para gozar en familia en Tomiño cunha decena de actividades

    Nadal para gozar en familia en Tomiño cunha decena de actividades

    Tomiño prepárase para dar a benvida a un Nadal cheo de cor e de lecer para todos os públicos. Durante todo o mes de decembro, o Concello pon en marcha unha ampla programación “coa que buscamos que a veciñanza goce desta época tan sinalada non só cunha morea de actividades todas de balde, senón tamén convidando a todos os tomiñeses a desfrutar do municipio, saír ás rúas e mercar no noso comercio local”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

    O pistoletazo de saída ao Nadal en Tomiño darase hoxe mércores 6 de decembro co tradicional acendido das luces, que encherán a vila de cor a través de diferentes elementos decorativos que crearán un acolledor ambiente para estas datas. A partir de aí comezará un programa no que o público poderá desfrutar un ano máis do Concerto de Nadal da Coral Polifónica de Tomiño, que se celebrará o domingo 10 de decembro ás 19.00 horas no auditorio municipal de Goián.

    A programación continúa con máis música o domingo 17 de decembro, nesta ocasión co tradicional Concerto de Nadal da Agrupación Musical de Goián, que porá o broche final aos actos de celebración do 25 aniversario da entidade e que contará coa actuación das Bandas da Escola de Música e da propia Agrupación. Será ás 19.00 horas no auditorio municipal de Goián.

    O martes 26 de decembro chega o Nadal ao mercado municipal con varias actividades para público familiar que comezarán con ‘Contarte con Arte’ de Migallas Teatro, un espectáculo co que a compañía achegará un teatro comprensible, crítico e entretido, bebendo da tradición e da vida cotiá, cunha visión universal das situacións humanas máis próximas. O obradoiro será ás 11.30 horas no primeiro andar. Xa o xoves 28 de decembro será a quenda de Cayetano Lledó e a súa ‘Maxia especial de Nadal’, un espectáculo máxico e sorprendente apto para todos os públicos ás 11.30 horas tamén no Mercado municipal.

    O venres 29 de decembro será a quenda da Gran Chocolatada de Nadal Adeto na Praza do Seixo ás 16.30 horas e o sábado 30 de decembro o público poderá desfrutar da Festa Pre Fin de Ano ás 22.00 h. Para rematar o ano, o 31 de decembro o Apalpador visitará aos nenos e nenas tomiñesas ás 12.00 horas no Mercado de Tomiño.

    O ano comezará un ano máis con inchables de balde o mércores 3 e o xoves 4 de xaneiro na Praza do Seixo e a tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro polas parroquias e a Praza do Seixo.

    Por outro lado, o Concello quere seguir apoiando ao comercio local nestas datas, polo que puxo en marcha unha nova edición da campaña ‘Nadal + Nadal’, unha iniciativa que busca premiar tanto aos establecementos tomiñeses como a todas aquelas persoas que escollen mercar no seu municipio. Do 7 ao 27 de decembro os usuarios e usuarias participarán no sorteo de vales de compra polo dobre do valor dos seus tíckets, mentres que os establecementos competirán por ver quen deseñou a mellor decoración de Nadal tanto dentro dos locais como nos escaparates.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.