Chega o Nadal e a provincia de Pontevedra énchese de luz e cor e ofrece unha programación para vivir unha experiencia festiva irrepetible. Co obxectivo de divulgar a programación dos concellos da provincia, a Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, acaba de poñer en marcha un portal no que se poden consultar todas as actividades que se desenvolverán ao longo e ancho da provincia. Na actualidade, máis dunha vintena de concellos xa forman parte da páxina web (https://turismoriasbaixas.com/gl/navidad-rias-baixas), se ben segue aberto o prazo para que máis municipios se adhiran.
Iluminación nas rúas e prazas, fantásticas decoracións nos centros urbanos e no rural, concertos, mercados, atraccións, xogos, nacementos, actividades para todas as idades, etc. A través do mapa interactivo que se pode atopar na devandita páxina web, as persoas poderán buscar que ver e facer para vivir o Nadal nas Rías Baixas. Desta maneira, na páxina poderán consultarse os obradoiros, concertos, mercadiños, festas, actuacións musicais, feiras de atraccións e todas as actividades programadas tanto para maiores como para o máis pequenos da casa. Tamén é posibles descubrir outros datos, como os horarios das visitas dos Reis Magos e de Papá Noel aos diferentes concellos, así como os días de celebración das cabalgatas.