A campaña Mos Axuda no Nadal inclúe desde fai anos o proxecto ‘Ningún neno sen agasallo’. Esta iniciativa solidaria está promovida por Mos Axuda, Concello de Mos e coa colaboración da Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, para que ningún desexo dun neno/a no Nadal quede sen facerse realidade.
O listado de nenos/as é facilitado polo departamento dos servizos sociais de Mos e por suposto, os datos son totalmente confidenciais, polo que para mercar o regalo os colaboradores participantes reciben unha carta escrita polo neno beneficiario pero sen asinar, só identificada cun número de referencia. E o agasallo que pide na devandita carta debe ser depositado indicando no paquete o número da carta asignada. A entrega de agasallos realizarase, coma sempre, a véspera de Reis, o día 5 de xaneiro, pola mañá, durante un acto no que os cativos, acompañados das súas familias, recibirán os seus agasallos de mans das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, anunciaron sobre esta iniciativa que “este ano a campaña ‘Ningún neno sen agasallo’ do Concello de Mos únese á iniciativa Magos e Estrelas, de EVD para Reis. As persoas que queiran sumarse e aportar un agasallo para os cativos das familias usuarias do departamento de Política Social mosense poden facelo colaborando a través de Magos e Estrelas da EVD Galicia”.
Magos e Estrelas é un proxecto que busca achegar valor á comunidade cun agasallo para as persoas que o necesiten e que que dá o relevo ao proxecto orixinal de Elfos e Calcetíns, que durante once anos mantivo tanto amor e agarimo.
Segundo informan desde EVD “esta iniciativa nace da nosa procura constante de querer achegar proxectos que acheguen valor á comunidade. É un proxecto solidario que busca ofrecer, ás nenas e nenos que o necesitan, un agarimo en Reis, nunhas datas tan sinaladas”.
Para iso necesítanse magos, é dicir, persoas solidarias que se encarguen de comprar e enviar un agasallo e elaborar unha felicitación, para que cada neno/a ou estrela de Mos teña o seu agarimo en Reis.
Para poder participar só hai que encher o formulario que aparece na páxina web de EVD https://www.evdgalicia.com/magos-y-estrellas/ solicitando facerse mago para que se lle asigne unha estrela.
Para máis información tamén se pode escibir un correo electrónico a [email protected].
Na categoría de colaboradores entran aquelas empresas, entidades, organizacións que queiran apoiar a Magos e Estrelas.
Cada mago, logo de completar o formulario, recibirá un correo coa carta da estrela asignada. O mago deberá comprar un agasallo de Reis Magos para unha nena ou neno (O orzamento deste deberá estar entre un mínimo de 20€ e un máximo de 40€) e despois terá que depositalo nun punto máxico, escribindo unha tarxeta de “felices festas”.
Os puntos máxicos son os centros de EVD en Mos e Crecente.
Tamén se pode colaborar como voluntario no proxecto, participando na entrega dos agasallos, clasificación dos mesmos e demais tarefas moi necesarias para que estas festas sexan máis felices para as estrelas.