Venres, 15 Agosto de 2025

A Guarda participou en FITUR como un dos protagonistas do Xeodestino Ría de Vigo Baixo Miño

0

Cada ano A Guarda como destino turístico destacado conta cun especial protagonismo nas presentacións da Deputación de Pontevedra e do Xeodestino Ría de Vigo Baixo que se realizan durante a Feira de Turismo de Madrid, FITUR.

O xoves 20 de xaneiro no stand de Turismo de Galicia tivo lugar a presentación da campaña promocional “Mulleres do Camiño Portugués” do Xeodestino Ría de Vigo Baixo Miño e A Guarda ofreceu a súa experiencia no Camiño Portugués da Costa.

Nesta presentación estiveron presentes profesionais de diferentes ámbitos do turismo onde ofreceron a súa experiencia no camiño e no trato diario cos peregrinos. O Concello da Guarda estivo representado pola técnico de Turismo, Rosalía Verde, que trasladou aos asistentes a atención prestada na Oficina de Turismo e a relevancia da Guarda como primeiro municipio galego do Camiño Portugués da Costa.

Ademais nesta presentación presentouse o vídeo promocional da campaña para este 2022 onde cinco mulleres vinculadas ao turismo contan a importancia social e económica do camiño para os concellos do Camiño Portugués e da Costa. As cinco mulleres protagonistas do vídeo son Mar Rodríguez, de Teetravel; Lucía Fragata, de Turismo de Baiona; Noelia Martínez, de Casa do Marqués; Patricia Muñoz, de Amodo Turismo; e Rosalía Verde, de Turismo A Guarda.

Ademais asistiuse á presentación da campaña “Love Rías Baixas” da Deputación de Pontevedra e no seu vídeo promocional amosan a historia de 7 persoas que se achegaron ata a provincia e decidiron quedarse a vivir. Unha destas protagonistas é Daniela Savic, naceu en Eslovenia e chegou A Guarda como xogadora de balonmán e agora continúa como adestradora. A través do seu relato e as panorámicas da vila converteuse nunha excelente embaixadora do noso concello.

Os interesados en coñecer A Guarda tiñan no stand de Turismo de Galicia material turístico e calendarios fotográficos do Concello.

Nigrán habilitará as praias de Portocelo e Os Cantos como espazos para cans todo o ano

0

O goberno local de Nigrán proporá no vindeiro pleno ordinario do 31 de xaneiro unha modificación de Ordeanza Municipal de Convivencia Cidadá e de Ornato Público para permitir que os cans acudan durante todo o ano ás praias de Portocelo (Panxón-Monteferro) e Os Cantos (Lourido). Con estas dúas excepcións, mantense igual a autorización de que os animais acudan a calquera outro areal do municipio agás no periodo do 1 de xuño ao 30 de setembro.

“A ordeanza aprobada no ano 2016 precisaba ser actualizada para cumprir con esta vella demanda dos propietarios de cans, que viñan reclamando desde hai tempo contar cunha praia dispoñible para as súas mascotas tamén durante a tempada estival, somos sensibles á demanda e por iso tomamos esta decisión”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca a conveniencia destes dous areais “por estaren pouco urbanizados, sen afluencia masiva de persoas, en situacións xeográficas opostas, con rochedos que estimulan o xogo e por contar cunhas dimensións reducidas que facilitan o control dos cans por parte dos seus donos”.

Aparellada a esta necesidade de modificar a ordeanza neste aspecto, o goberno local tamén considera preciso reforzar a obrigatoriedade de recoller os excrementos dos animais en todas as praias do municipio por ser, precisamente, lugares de convivencia de familias a onde se levan moitos animais. Así, propón como cambio que a sanción pase de ser contemplada leve a grave, o que na práctica supón unha multa que oscilaría entre os 101 € e 300 € fronte ao máximo de 100 € actuais. “Ter unha mascota implica uns dereitos pero tamén unhas obrigas moi claras, resulta absolutamente incívico non recoller os excrementos, máximo en areais que son visitados por moita poboación, neste sentido temos claro que non se pode ser transixir e que hai que equiparar a multa á gravidade do comportamento que representa”, sinala o alcalde.

Igualmente, a ordeanza será modificada para que inclúa expresamente redactado o permiso de circulación e estadía de cans-guía de invidentes e de persoas con discapacidade, que non terán ningún tipo de limitación para acompañar ao seu dono. “Era algo que non estaba recollido e que desde a nosa política ‘Un Nigrán para todos’ o considerábamos fundamental, tiña que actualizarse neste sentido porque foi un aspecto que non se contemplou no seu momento. Na práctica as persoas cegas ou con deficiencia visual usuarias de can-guía teñen recoñecido legalmente, en toda España, o dereito de acceder, acompañadas do mesmo, a todos os lugares, espazos, establecementos e transportes públicos ou de uso público, no caso de Nigrán incorporamos a ademais persoas con calquera tipo de discapacidade”, subliña.

Finalmente, e tamén neste apartado correspondente aos animais, o goberno local considera preciso que a ordeanza sexa actualizada para permitir a presenza de cans e cabalos en competicións, exhibicións ou mostras que conten co correspondente título habilitante. “É de sentido común, neste caso actualízase para que non existan discrepancias entre o que se autoriza e a prohibición absoluta da ordeanza”.

“Cremos que estas actualizacións da lexislación municipal con respecto aos animais fan de Nigrán un municipio máis amigable, cívico e comprometido coa súa contorna”, finaliza o rexedor.

As farmacias galegas poderán subministrar os sistemas personalizados de dosificación de medicamentos antes de marzo

As farmacias galegas poderán subministrar os sistemas personalizados de dosificación de medicamentos aos pacientes no primeiro trimestre deste ano. Así o anunciou, esta mañá, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha xornada organizada pola Asociación Española de Dereito Farmacéutico (ASEDEF).

Tal e como apuntou, é unha das demandas máis reiteradas polos pacientes e os profesionais de farmacia, xa que supón mellorar o seguimento e adherencia ao tratamento. Coa Lei de ordenación farmacéutica de Galicia –aprobada en 2019 e en pleno desenvolvemento-, simplifícase ao máximo o procedemento administrativo, ao permitir ás oficinas de farmacia prestar este servizo mediante unha declaración responsable, sen necesidade de esperar a que se tramite unha autorización.

Durante a sesión, celebrada en Madrid, o responsable da carteira de Sanidade da Xunta de Galicia salientou o avance no desenvolvemento da nova Lei farmacéutica de Galicia. Nestes momentos, están en pleno desenvolvemento outros cinco decretos que van regular: a planificación e autorización de novas oficinas de farmacia; os horarios e as quendas de garda; a sinalización, a publicidade e as actividades de promoción; a creación das unidades de farmacia de atención primaria; así como o subministro de medicamentos a domicilio. Todos eles, dixo, remataron o período de consulta pública o pasado venres.

Con respecto a este último, García Comesaña lembrou que, durante os peores momentos de pandemia e de xeito extraordinario, as farmacias achegaron os fármacos ás casas daqueles galegos que non podían desprazarse ata o seu hospital de referencia nin tampouco ata a súa farmacia na procura da súa medicación. Coa este decreto, regúlase, pois, esta entrega, prestando un servizo esencial a doentes dependentes, crónicos, de idade avanzada ou que viven en zonas illadas.

Unha normativa con marcado carácter de servizo público

“Pioneira, ambiciosa e axustada ás necesidades de profesionais e usuarios”, así é como García Comesaña definiu a reforma que iniciou Galicia, hai xa uns anos, do seu sistema farmacéutico e no que a súa normativa está ben situada e avanzada de cara a aplicar a Estratexia farmacéutica que se vén de aprobar, a finais do pasado ano, na Comisión Europea. Ademais de ser un texto que vai na liña das demandas europeas, é dos máis modernos de España. Neste senso, resaltou o “marcado carácter de servizo público”, xa que “un galego, independentemente do lugar no que viva, ten garantido o acceso rápido, eficaz, oportuno, equitativo e racional á medicación”.

Recordou o concurso público de apertura de novas oficinas de farmacia, que permitiu autorizar un total de 41 –o 76% delas no ámbito rural e semiurbano-, asegurando, así, que “todos os concellos de Galicia conten coa súa oficina de farmacia”. Puxo en valor a tramitación dun “proceso que foi modélico”: “Mentres noutras comunidades o tempo medio de duración de resolución é de entre cinco e dez anos, Galicia fíxoo nun tempo récord dun ano”.

Por outra banda, o conselleiro de Sanidade fixo referencia ao programa de atención farmacéutica que, na actualidade, o Servizo Galego de Saúde ten estendido en máis de 100 centros sociosanitarios. Aproveitando o novo modelo residencial que a Xunta vai implantar nos centros de maiores e de persoas con discapacidade, o Sergas actualizará dito programa co fin de chegar a todos os centros de máis de 90 prazas da nosa Comunidade, acadando unha cobertura do 70% das prazas. 

O sector farmacéutico, clave para afrontar a pandemia

García Comesaña aproveitou a xornada para destacar, tamén, o modelo galego de xestión da pandemia, cuxo eixo central foi o seu comité de expertos, ao igual que a anticipación na implantación de medidas e a importancia da coordinación e a colaboración.

Neste punto, tivo palabras de agradecemento para os profesionais farmacéuticos, claves na atención do cidadán: “As oficinas de farmacia foron unha extensión do sistema sanitario”. Así, lembrou o reparto de máscaras á poboación máis vulnerable, a entrega de medicamentos a domicilio, a emisión dos certificados covid ou o apoio na labor de vixilancia epidemiolóxica.

O Entroido volve este ano ao Porriño

O Concello do Porriño traballa xa na elaboración das bases do Entroido 2022. A expensas da evolución da pandemia e tamén do protocolo específico comprometido pola Xunta de Galicia que permita determinar a data do desfile, o goberno municipal aclarou hoxe que o Entroido volverá este anos ás rúas do Porriño e xa se está organizando.

“Temos claro que esta é unha das festas máis agardadas por moitos porriñeses e porriñesas e por iso decidimos seguir adiante e facelo con todas as garantías sanitarias”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo,  “En principio  o desfile de comparsas e o Enterro da Sardiña celebrarase nas datas establecidas, sempre que os protocolos sanitarios e a situación epidemiolóxica nos permita facelo con seguridade. De non ser así, o aprazaremos para cando sexa posible, pero o Entroido anegará as nosas rúas este ano”.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez,  animou ás comparsas a “ir preparando os seus disfraces e carrozas para devolver a cor, humor e troula destas festas á nosa vila”.

O Concello de Tomiño dá os parabéns ao Club Deportivo Miño polo seu éxito na Taça Ibérica

0

O Concello de Tomiño quere dar os parabéns ao Club Deportivo Miño polo seu éxito na emblemática Taça Ibérica de Slálom que se celebrou a pasada fin de semana en Vilanova de Cerveira. Máis de cen piragüistas se deron cita para disputar esta proba puntuable tanto para a Liga Galega como para a portuguesa.

O Club Deportivo Miño acudiu cun total de once deportistas, que desfrutaron nas augas do Coura acadando un total de seis medallas. En categoría feminina, Laura Alonso, en K1 sénior; Ainhoa Barreiro, en K1 Júnior; e Alba Soutelo en C1 Júnior resultaron gañadoras nas súas respectivas probas. Alba e Ainhoa participaron por dobre partida, e ademais do ouro, Alba foi cuarta en K1 e Ainhoa bronce en C1.

En categoría masculina, Brais Castro, en C1 Sénior, fixo o segundo mellor tempo das finais, obtendo unha medalla de prata. Alexis Esperança, en K1 Júnior, alzouse co ouro, ao facer o mellor tempo na final. Na mesma categoría, Sergio Rodríguez, que tamén aspiraba ao podio, rematou cuarto e Mateo Álvarez quinto.  En K1 sénior, Emilio Rodríguez acabou vixésimo. En K1 cadete Adrián Lluch foi quinto, Antón Fernández décimo e Rui Malheiro décimo cuarto. 

Catro ouros, unha prata e un bronce foron o balance final de medallas para o club. Na clasificación final por equipos, o Deportivo Miño-Teixugos foi o gañador da proba, cun total de 214 puntos, compartindo podio co Tea de Mondariz con 168 e o Montaña Quixós de Monforte con 140.

SmartPeme lanza un concurso para desenvolver solucións innovadoras na sostibilidade, igualdade e o emprendemento

A Deputación lanzou a través de Smartpeme un novo concurso en liña para o Desenvolvemento de Solucións Innovadoras a Retos, co obxectivo de “seguir a impulsar a innovación tecnolóxica e o talento da provincia”. Será unha acción tecnolóxica vinculada aos obxectivos de Sostibilidade, Igualdade e Emprendemento coa que se busca, como destacou a presidenta provincial Carmela Silva, a promoción de “propostas innovadoras que se poidan implementar en diferentes accións de proxectos empresariais e de emprendemento para facernos máis competitivas e competitivos”.

Será o terceiro reto tecnolóxico deste tipo que promove a Deputación, despois dos anteriores hackathon do sector turístico e das entidades sociais do Terceiro Sector, aínda que neste ano o formato será diferente e, en lugar das sesións grupais intensivas nunha fin de semana, promóvese unha convocatoria de ideas na que as persoas participantes terán máis tempo para “madurar e presentar as súas propostas”. “Isto redundará, dixo a presidenta, en que as ideas que se presenten sexan moito máis maduras e ambiciosas”. Así, neste concurso, aliñado tamén nos seus obxectivos coa Axenda 2030 e o Plan de Resiliencia do Goberno do Estado, as persoas participantes deberán idear solucións innovadoras a través dunha creación móbil, web ou outra plataforma tecnolóxica que dean resposta a algún dos seguintes retos: axudar na promoción da sostibilidade nas empresas; contribuír na mellora da igualdade nas empresas e axudar no impulso do emprendemento.

Será un evento online para garantir a seguridade e saúde dos e das participantes e poderán participar grupos multidisciplinares dun máximo 4 persoas. O concurso arranca hoxe, coa apertura das inscricións, que as persoas poderán facer ata o 9 de febreiro co formulario na web de Smartpeme, xunto ás bases do concurso. O certame está aberto a persoas de todo o Estado con preparación técnica suficiente para o desenvolvemento da idea proposta.

O proceso

A partir da súa inscrición, as persoas traballarán na súa proposta e contarán co apoio de personal técnico de Smartpeme para resolver dúbidas de corte tecnolóxico ou relacionadas co modelo de negocio exposto. Posteriormente, o día 10 de febreiro os equipos presentarán as súas propostas ante o xurado e os e as finalistas amosarán as súas solucións innovadoras no evento de clausura que terá lugar o día 15, tamén on line, no que se darán a coñecer ás e aos gañadores. O xurado valorará a validez do modelo de negocio, a viabilidade, a innovación e a diferenciación do proxecto na selección dos gañadores.

Haberá tres premios que, como subliñou a presidenta provincial, Carmela Silva, buscan “non soamente premiar a innovación dando a oportunidade ás persoas gañadoras de ter un espazo para poder desenvolver proxectos, senón que promocionamos a nosa provincia, tanto en aloxamentos como en gastronomía e experiencias turísticas”. O primeiro consistirá no acceso prioritario ao programas de coworking que a Deputación desenvolverá este ano nos viveiros de empresas de Barro e Lalín  e unha estancia nun aloxamento na provincia para 4 persoas. O segundo premio será o acceso prioritario aos programas de coworking máis unha experiencia gastronómica na provincia para 4 persoas. E o terceiro, o acceso prioritario ao coworking máis unha experiencia de turismo activo na provincia para 4 persoas.

Ponteareas organiza un orixinal obradoiro de iniciación ao humor gráfico en galego na biblioteca municipal

Ponteareas continúa esta semana coas actividades en homenaxe ao mestre Castelao. Esta semana o Concello organiza un orixinal obradoiro de iniciación ao humor gráfico galego impartido polo debuxante e deseñador afincado en Ponteareas Pablo Prado, Fuco, un curso de balde cuxo único requisito é ser maior de 11 anos e que se realizará na biblioteca municipal o vindeiro venres 28 de xaneiro de 18.00 a 20.00 horas.

Dende a Concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba, convidan a toda a veciñanza a participar neste curso co que aprender de xeito ameno a contar historias a través de imaxes e viñetas cheas de humor. O obradoiro xirará sobre humoristas gráficos galegos importantes, como Castelao ou Vidales Tomé, entre outros. “No Concello apostamos por actividades creativas demandadas pola mocidade e pola veciñanza en xeral ao tempo que afianzamos o noso apoio ao fomento da lingua galega en cada unha delas”, destaca o edil. 

A actividade contará con prazas reducidas, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse no correo electrónico [email protected] ou no teléfono 986 660 765.

O obradoiro será impartido polo humorista e ilustrador gráfico Pablo Prado, gañador do premio de banda deseñada de O Garaxe Hermético con ‘Nerea e o príncipe da Sorte’, un traballo con guión de Miguel Rojo e publicado pola editorial Xerais. Prado colabora ademais dende hai anos en proxectos vinculados á loita pola igualdade como a asociación feminista FestiVal das Brétemas ou SOS Racismo Galicia; no 2019 participa na ilustración do videoclip de animación ‘Semillas’, de Tremenda Jauría; e en 2020 traballa como storyboard na serie de Netflix ‘La casa de papel’ e colabora con Fernando Llor na banda deseñada ‘O último festi’, para o Armadiña Rock de Combarro.

Mondariz prepara o seu Entroido 2022

0

A asociación de Veciños Xabriña, xunto coa colaboración do Concello de Mondariz, preparan o seu tradicional entroido para este ano 2022. Despois do parón polas restriccións da pandemia da Covid-19 o ano pasado, este ano voltará a celebrarse o domingo 27 de febrero.

A Asociación organizadora desta festa anima a veciñanza a participar e lembra a todos os interesados que o prazo de incripción remata o día 18 de febreiro. A inscrición deberá realizarse a través do Rexistro Xeral do Concello, e as bases publicitaranse na páxina do Concello de Mondariz e da propia asociación.

Ainda que a celebración estará condicionada pola incidencia da pandemia e polas posibles restricións que aplique sanidade neste evento, a organización e o Concello celebrarán un Entroido seguro para a veciñanza.

Crecente reformará a praza Ana Pastor co programa ReacPon da Deputación

0

“Os plans extraordinarios da Deputación de Pontevedra son moi positivos para concellos pequenos como Crecente. Grazas a eles podemos impulsar actuacións e servizos para asentar poboación”, asegurou o alcalde Julio César García-Luengo na sinatura do convenio coa presidenta Carmela Silva para a recuperación do espazo público para as persoas na praza Ana Pastor e a súa contorna, entre a Igrexa de San Pedro e a estrada de acceso ao núcleo de Crecente. Esta actuación, que apostará pola ampliación do espazo peonil a través da creación dunha plataforma única e da eliminación do tráfico rodado, así como pola eficiencia enerxética, será posible a través dun investimento de 409.008,14 € dos cales a Deputación achega 359.770,45 € no marco do  plan ReacPon.

A presidenta Carmela Silva amosou a súa satisfacción ao coñecer que os recursos da Deputación van permitir a Crecente “facer unha grande obra, recuperar un espazo máis para as persoas”. “A transformación vai ser total –subliñou-, vai converter a un lugar precioso e con moito patrimonio nun espazo máis desexable e atractivo, máis amable, o que servirá para atraer xente, dinamizando a súa economía, creando emprego e futuro”.  Amais, a presidenta aproveitou para asegurar que “non será posible facer transformación en dixitalización, en transición ecolóxica, en cohesión social e territorial se os concellos non teñen a capacidade de poder xestionar recursos” e instou a “darlle unha volta ao modelo para ter en conta ao mundo local, para que os concellos teñan máis capacidade e recursos para facer fronte a grandes proxectos”. Así, fixo un chamamento ás outras administracións (Europa, o goberno do Estado e Xunta de Galicia) para que “tomen nota. O mundo local é o que mellor coñece a contorna, o que está a demostrar máis capacidade para desenvolver grandes proxectos e, ademais, son grandes xestores xa que son capaces, con poucos recursos materiais, económicos e humanos, de executar en prazo mentres outras administracións devolven recursos”.

Tamén recordou Carmela Silva que “os recursos do Plan Concellos permiten aos municipios facer fronte aos gastos ordinarios, pero é necesario financiamento extraordinario como o ReacPon ou outros plans extraordinarios que aprobamos anteriormente como os DepoRemse ou Reequilibrio”. E destacou que Crecente recibiu 450.000  € do DepoRemse para a conexión peonil e mellora da seguridade na contorna da residencia de maiores, centro de saúde, colexio e escola infantil, e preto de 370.500 do plan de Reequilibrio para a mellora do pavillón.

Pola súa banda o alcalde, Julio César García-Luengo, agradeceu o apoio e recursos dos plans da Deputación de Pontevedra “que tanto nos favorecen xa que temos cada vez menos habitantes e se queremos que se asenten  precisamos que teñan servizos”. Cualificou como “moi positivos” os plans extraordinarios grazas aos que “podemos impulsar actuacións e servizos para fixar poboación”. Sobre os recursos concretos do plan ReacPon enxalzou que permitirá “recuperar un espazo público privilexiado para as persoas, nunha contorna que hai que aproveitar e que con esta obra vai mellorar en calidade”.

O proxecto

O proxectosuporá remodelar un espazo que, na actualidade, ten un pavimento deteriorado e desgastado, non conta con vexetación  e o mobiliario urbano está situado de forma dispersa. A través da actuación vaise recuperar o espazo para as persoas creando unha plataforma única, eliminado o tráfico rodado e configurando unha zona restrinxida a residentes que permitirá ampliar o espazo peonil ata un 50%. Amais dotarase á contorna de espazos acolledores nos que poder sentarse, descansar ou desfrutar da contorna, potenciarase e protexerase o cruceiro con zonas de estar ao seu redor, instalaranse elementos de xardinería e espazos verdes e substituiranse as luminarias actuais por novas de tecnoloxía LED. Todo elo apostando por contribuír a unha economía descarbonizada, mediante a eliminación de CO2 e a mellora da eficiencia enerxética, e  por aliñarse cos obxectivos da Axenda 2030 e do Plan de Resiliencia.

Volven as visitas guiadas ás camelias do xardín de excelencia internacional do Castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra volve pór en marcha un ano máis, coincidindo coa etapa de floración da camelia, as súas visitas guiadas e as caracterizadas polo xardín de excelencia internacional do Castelo de Soutomaior. Ofertaranse un total de 42 sesións entre os meses de febreiro e de marzo e as entradas saen hoxe á venda. Pódense adquirir desde a páxina web do Castelo ao prezo de 3 € ou 8 €, segundo a modalidade.

Carmela Silva asegurou que, con esta actividade, a Deputación segue a apostar “por produtos que nos diferencian, que son de enorme calidade e que atraen moitísima xente. De feito, estas visitas sempre esgotan as súas prazas en moi pouco tempo porque teñen unha grande aceptación”. A presidenta tamén sinalou o “salto cualitativo” que está a ter a Ruta da Camelia do Castelo de Soutomaior, aproveitando a emisión “onte dunha reportaxe sobre ela nunha canle televisiva estatal con centos de milleiros de seguidores e seguidoras” para salientar que “xa temos presenza nos grandes medios audiovisuais do Estado español”.

A primeira actividade de camelias serán as visitas guiadas, que se levan organizando por cuarto ano consecutivo, ofrecidas por persoal especializado. A Deputación organiza 18 sesións todos os martes e xoves ás 16:30 horas, desde o martes 1 de febreiro ata o xoves 31 de marzo. Estas visitas, nas que poden participar un máximo de 20 persoas (a capacidade adaptarase, de ser necesario, en función da evolución da pandemia), teñen un prezo de 3 €.

Ademais, volven as visitas caracterizadas que se suspenderon en 2020 e 2021 por mor da situación sociosanitaria. Serán, de novo, actrices caracterizadas como as personaxes históricas María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Coco Chanel quen realizarán o percorrido a través dos xardíns. Organizaranse un total de 24 sesións todos os domingos de febreiro e de marzo, agás a primeira quenda, que cadrará no sábado 5 de febreiro, tamén para grupos de ata 20 persoas. Organizaranse 3 sesións por día, ás 11:00 ás 12:30 e ás 16:30 horas. O prezo desta actividade é de 8 €, xa que inclúe, trala visita aos xardíns, a entrada ao Castelo. Nas visitas guiadas e caracterizadas ao Castelo de Soutomaior poderanse coñecer todas as variedades de camelia plantadas no xardín de excelencia internacional, onde o público coñecerá a súa orixe, os coidados necesarios e outras curiosidades arredor da flor das Rías Baixas. Ademais, unha parada obrigada será no Xardín de Camelias con nome de muller, que a Deputación puxo en marcha en 2022 para render homenaxe a mulleres ilustres da historia universal como son María Vinyals, Rosalía de Castro, a Bella Otero, Jane Andresen, Sofía Novoa, Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega e Jimena Fernández de la Vega.

Mañá conferencia de Víctor Manuel Vázquez Portomeñe no Foro do Camiño Portugués

0

Mañá, martes 25 de xaneiro, o Concello de Tui retoma a celebración mensual do “Foro do Camiño Portugués” coa presenza dun destacado protagonista da recuperación e revitalización do Camiño de Santiago en Galicia, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, ex-conselleiro da Xunta de Galicia e medalla de honra do Concello de Tui concedida no ano 2017.

Vázquez Portomeñe (Taboada-Lugo, 1934) é protagonista destacado na posta en valor do fenómeno xacobeo, especialmente na súa época como deputado autonómico e como conselleiro en distintos gobernos de Manuel Fraga Iribarne na Xunta de Galicia. Na súa etapa como responsable da consellería de Educación e Cultura Vázquez Portomeñe promoveu a aprobación -por unanimidade- de leis como a de Patrimonio Cultural ou a de Protección dos Camiños de Santiago. Tamén na súa época de conselleiro se encargou de organizar o primeiro Xacobeo, en 1993, conseguindo ampliar unha realidade espiritual e relixiosa a outra cultural e socioeconómica, que ten resultado de vital transcendencia para Galicia.

Portomeñe recibiu, en 2017, por acordo do pleno do Concello de Tui a medalla de honra da cidade recoñecendo o seu papel fundamental na creación do Xacobeo e na revitalización do Camiño Portugués, así coma as achegas que os distintos departamentos que dirixiu na Xunta de Galicia realizaron en Tui con investimentos destacados coma a restauración do órgano da Catedral ou do edificio “Francisco Sánchez” daquela Área Panorámica.

A conferencia do próximo martes 25 de xaneiro ás 19 h poderase seguir presencialmente na Aula Cemit  (Edificio “Francisco Sánchez” – antiga Área Panorámica, rúa Colón,2 primeiro andar, entrada por portas 4 e 12) ou por streaming a través da páxina web do Concello de Tui: www.tui.gal. A asistencia é libre ata completar o aforo do local, sendo recomendable a inscrición previa -por rigoroso orde de chegada- a través do correo electrónico: [email protected].

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que o Concello de Tui avanza nas actividades deste “Foro do Camiño Portugués”, que pretende contribuír ao posicionamento de Tui no ámbito do Camiño de Santiago e agradece a Victor Manuel Vázquez Portomeñe a súa presenza en Tui.

Este Foro foi inaugurado o pasado 20 de abril de 2021 coa presenza de Juan Manuel López-Chaves, presidente de honra da Asociación Amigos de los Pazos de Vigo e impulsor do Camiño Portugués, a quen deu continuidade o 25 de maio Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, o 22 de xuño  Luís Pedro Martíns, presidente de Turismo Porto e Norte, e o 22 de setembro  Luís Quinteiro, bispo da diocese de Tui-Vigo. No pasado mes de novembro foi o peregrino tudense, Dámaso Rodríguez Costas quen compartiu a súa experiencia polas rutas xacobeas.

Este Foro súmase a outras medidas impulsadas dende o Concello a prol do Camiño ao entender que a ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do noso concello: a creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de Facebook “Camiño Portugués. Tui” con máis 4.400 amigos, etc.

O Rosal continúa coas súas formacións contra a violencia de xénero

0

O Concello do Rosal continúa coas súas formación contra a violencia de xénero. Esta fin de semana rematou o curso de autodefensa para mulleres que organizou en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade. As asistentes aprenderon a utilizar as ferramentas necesarias para poder afrontar e defenderse ante situacións violentas.  Unha das alumnas destacou que esta formación axuda a “saber defendernos, xa que hai moitos anos, cando tiven unha situación que o requería,  non sabía facelo”.

No curso participaron mulleres de todas as idades e consistiu de adestramento físico e psicolóxico para crear protocolos de actuación así como para dotar ás participantes de auto capacidades para a prevención de posibles situacións de violencia. O obxectivo, soamente o de dotar de ferramentas a estas mulleres para fuxir lesas dunha situación de violencia.

A actividade foi impartida por especialistas da Federación Galega de Loita pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Pontevedra demostra que é a “provincia do turismo” en FITUR

A Feira Internacional do Turismo de Madrid (FITUR), o principal escaparate turístico mundial,  foi “un gran éxito para a provincia de Pontevedra, que este ano logrou os mellores resultados”. Así o salientou hoxe a presidenta Carmela Silva. A responsable provincial destacou que os recoñecementos que recibiu o destino Rías Baixas, xunto coa cifra de visitantes rexistrada en  2021, “máis dun millón de persoas ata decembro, o que representa o 32% das persoas que viaxaron a Galicia segundo os datos do INE, e 2,3 millóns de pernoitas, o 38% do total da comunidade autónoma”, demostran que “somos a provincia do turismo en Galicia, somos a Deputación que consigue os mellores datos turísticos, e estes resultados acádanse grazas a esta administración provincial e ao sector privado”. “Imos a  todo tren, subliñou, á velocidade de AVE”,

Carmela Silva  fixo balance sobre FITUR e lembrou que a provincia recibiu o premio SICTED ao mellor destino nacional, un galardón que “tivo repercusión a nivel estatal porque se fixo eco o propio Ministerio de Turismo”, apuntou. Ademais a Deputación recolleu a “Q” de calidade para o castelo de Soutomaior, e formalizou a súa adhesión á Spain Film Commission. “Tamén asinamos o acordo de promoción con Renfe para ter presenza en estacións e nos trens que saian de calquera lugar de España para achegarse a Galicia, o que nos permitirá centrar varias ofertas e produtos”, lembrou, para resaltar tamén as visitas a stands;  a participación no primeiro taller HUB Español Gaia X, centrado na creación do espazo de datos de turismo; e o traballo de “networking” de Turismo Rías Baixas a través de contactos profesionais, encontros da Ruta dos Fenicios e da Red DTI, e prospeccións para accións de ecoturismo e turismo deportivo.

Impacto de “Love Rías Baixas”

A presidenta tamén salientou o impacto de “Love Rías Baixas”, a campaña turística da Deputación presentada en FITUR. “Non podemos estar máis orgullosas e orgullosos, ninguén tivo estes datos”, apuntou, para explicar que desde o 13 de xaneiro a promoción acumula 2,3 millóns de impacto nas redes e 6,3 millóns de impactos potenciais. “Entre as contas máis activas, ademais da Deputación e Turismo Rías Baixas, están Turespaña, Fitur, Ifema, a actriz Jazmín Abuín – condutora da presentación de “Love Rías Baixas”, Emma Lustres, Rodolfo Irago e os principais medios dixitais da provincia e Galicia”, enumerou. O vídeo da promoción supera xa as 10.000 visualizacións. “A nosa campaña é un exitazo. Está moi ben deseñada, emociona, namora e amosa o potencial da provincia e a creatividade de quen desenvolveu a campaña”, engadiu.

Campaña en medios e grandes cidades españolas

Ademais, a presidenta anunciou que a Deputación iniciará de inmediato a promoción da campaña turística nos medios. “Imos promocionar o destino para darlle visibilidade e notoriedade e posicionarnos”. A campaña desenvolverase a través de medios on line e tamén en formatos de contidos de cabeceiras de turismo como Traveler ou Trip Advisor. A Deputación fará fincapé nas revistas de viaxes e tamén nos suplementos de fin de semana de medios xeneralistas e publicacións con audiencia feminina, “que ten unha enorme capacidade de decidir sobre un destino”, indicou a responsable provincial.

Por outra banda, a campaña promocionarase en vallas e mobiliario urbano nas inmediacións de infraestruturas de transporte de Madrid, Barcelona, Bilbao e Valencia. Carmela Silva tamén aportou datos sobre o impacto das promocións da Deputación en 2021 e a forte suba da comunidade nas redes sociais da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas. “Alcanzamos máis de 26 millóns de impresións en medios, 7,3 millóns de visualizacións dos vídeos, e incrementamos un 17%  as seguidoras e seguidores en redes sociais, chegando a dobrar o número en Instagram”, rematou a presidenta.

Sogama licita a obra dunha planta de transferencia de residuos urbanos en Arbo

0

A Xunta de Galicia, a través de Sogama, acaba de licitar por 2.033.880,03 euros, IVE incluído, a obra de execución dunha planta de transferencia de residuos urbanos no concello pontevedrés de Arbo. Ademais da redacción do proxecto, o contrato inclúe o deseño, construción, subministración, montaxe e posta en marcha da instalación, así como a súa xestión integral.

Tal e como se anunciou no seu momento, esta instalación virá substituír á actual microplanta situada na localidade veciña da Cañiza, que non puido ser ampliada no propio municipio por falta de terreos que cumprisen os requisitos técnicos establecidos. É por iso que a de Arbo prestará servizo aos catro concellos adscritos actualmente á da Cañiza, isto é, Arbo, A Cañiza, Crecente e Covelo.

As cinco microplantas actuais serán substituídas por plantas de transferencia de maior capacidade a fin de que nas mesmas se transvase, ademais do residuo convencional ou fracción resto, os materiais procedentes da recollida selectiva do contedor amarelo —envases de plástico, latas e briks— e, proximamente, do contedor marrón, que os concellos galegos deben implantar, por lei, antes do 31 de decembro de 2023.

A planta de Arbo situarase no polígono industrial e estará equipada coas tecnoloxías máis innovadoras para que a súa operativa se leve a cabo baixo as premisas de máxima eficiencia, dispoñibilidade e respecto ambiental.

As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata as 14,00 horas do vindeiro 4 de febreiro.

Actividade respectuosa coa contorna

Cómpre lembrar que o labor das plantas de transferencia é actuar como nódulo de transvasamento dos residuos desde os camións de recollida municipal a contedores de gran capacidade que contan con todos os mecanismos de seguridade e son aptos para ser transportados a longas distancias.

Nestas instalacións non hai almacenamento, nin manipulación, nin tratamento de residuos, cinguíndose a súa función á transferencia, propiciando desta forma que se transporten máis toneladas nunha soa viaxe.

Iso tradúcese nun importante aforro ambiental tanto polas menores emisións de CO2 á atmosfera como polos custos que supón para os concellos e, polo tanto, para os propios cidadáns.

A pesar da súa sinxela operativa, estas plantas de transferencia están dotadas das medidas de protección ambiental máis esixentes, entre as que cómpre mencionar unha nave pechada que impide a emisión de ruídos ao exterior da instalación; equipos de aspiración e filtrado de aire nas tolvas de descarga que evitan a emisión de po e cheiros; sistema de depuración de augas; e contedores pechados para o transporte de residuos, que garanten que este se realiza nas mellores condicións hixiénicas e de seguridade.

Rede de infraestruturas para implantar o contedor marrón

Galicia conta na actualidade cunha rede conformada por 37 plantas de transferencia, das que 20 están baixo a titularidade de Sogama, funcionando con total solvencia e garantías.

En todo caso, e dado que os concellos galegos deben implantar por lei antes do 31 de decembro de 2023 o contedor marrón para a recollida separada da materia orgánica, permitindo desta forma a súa posterior transformación en compost, a infraestrutura deseñada pola Xunta para este fin —que estará conformada por 4 plantas de biorresiduos e 13 plantas de transferencia, incluída a de Arbo— entrará en operación a finais deste ano.

O Concello da Guarda mellora a seguridade viaria co asfaltado de viarios públicos do municipio

0

A Concellería de Vías e Obras do Concello da Guarda vén de acometer diversos traballos de repavimentado e reposición da sinalización horizontal de viarios públicos do municipio en aras de continuar mellorando a seguridade viaria do municipio.

Estes traballos supuxeron a reposición da capa de rodadura e novo pavimentado con asfalto na Rúa Baiona, Julia Vaquero, parte da Rúa Bechos, O Muniño(A Gándara) e o entorno da zona escolar do CEIP MR.Sinde na Rúa Tui.

Dentro destas accións de mellora da seguridade vial, implementáronse novas bandas redutoras de velocidade en diferentes puntos da vila, como na Baixada á Praia de Fedorento e Area Grande, Rosentes, entre outras.

Todas estas accións conlevaron tamén unha nova sinalización horizontal co repintado das zonas de aparcamento, carga e descarga, minusválidos, etc.

A maiores, na Rúa Baiona, dotouse dunha nova iluminación en led, así coma unha nova reordenación do tráfico e das zonas de aparcamento.

Estas actuacións leváronse a cabo con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, cun importe de máis de 67.000€.

A Xunta avalía co Porriño as medidas para impulsar a actividade económica

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha xuntanza co novo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, para coñecer de primeira man as actuacións prioritarias que acometerá no mandato e ofrecer a máxima colaboración institucional en todas aquelas medidas que poidan contribuír á dinamización da actividade económica do municipio.

A Xunta está comprometida coa reactivación económica a través do impulso ao emprendemento e, neste sentido, ten aberta a convocatoria do programa Galicia Emprende Rural para a creación de 200 empregos a través de iniciativas non agrícolas de autónomos e emprendedores. Conde explicou que grazas ao Plan de Reactivación, con liñas para dixitalización e modernización de empresas, incentivos ao comercio, axudas para terrazas e liñas de liquidez, mobilizáronse 2,85M€ no Porriño.

Desde o ano 2009, a Xunta concedeu preto de 130M€ en axudas a este concello para apoiar proxectos enerxéticos, dinamizar o comercio ou promover a innovación das empresas implantadas. Un espírito de colaboración institucional que desde o Goberno galego se seguirá impulsando nesta nova etapa co concello do Porriño.

Finalmente, Conde animou ao novo alcalde a que O Porriño se sume á iniciativa de concellos emprendedores, colaborando coa Xunta na captación de novos investimentos. Así os municipios adheridos ofrecen maior simplificación administrativa, máis facilidades de acceso ao solo e máis incentivos fiscais e, a cambio, teñen prioridade nas convocatorias das ordes da Xunta dirixidas á mellora de parques empresariais e posta en marcha de viveiros industriais, impulso da biomasa ou desenvolvemento da actividade comercial.

Arde por completo un pendello en Nigrán

0

No concello de Nigrán, un incendio calcinou por completo un pendello na Rúa de Don Marcial, na parroquia de Priegue. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.

Ás seis e media da tarde de onte, o 112 Galicia recibiu o aviso dunha persoa que solicitaba axuda para conter as lapas que afectaban ao interior dun alpendre.

Decontado, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros do Baixo Miño e Vigo, aos membros do GES e aos efectivos de Protección Civil de Val Miñor, aos axentes da Garda Civil e Policía Local. Unha vez no lugar, os medios de extinción confirmaron que a construción quedou totalmente consumida polas lapas, o que incluíu apeiros de labranza e de leña almacenada.

Xa está en marcha de mellora das beirarrúas do casco urbano do Porriño

O Concello do Porriño executará un ambicioso plan de obras para mellorar a accesibilidade das rúas do centro urbano.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado do edil de Vías e Obras, Ramón Porto, e a arquitecta municipal, visitaron a zona onde se proxectan as primeiras intervencións.

Intervirase en seis viarios e as obras consistirán na renovación das beirarrúas das rúas Pinar, José Fernández López, Enrique Peinador, Doutor Paz Varela e Tranvía, que presentan un importante e crecente estado de deterioro. Tamén se acometerán melloras nas das rúas  Codesal e  Cruceiro,  onde se eliminarán os afundimentos existentes, e repararanse os bordos e baldosas rotos ou desprazados.

Planéase tamén ampliar beirarrúas en varios tramos para mellorar o tránsito de peóns, conservando as árbores existentes e plantando algúns exemplares novos, e intervir en puntos nos que se detectaron barreiras arquitectónicas que limitan a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida.

A planificación do  concello inclúe tamén a renovación do firme de varios destes viais.

En definitiva, trátase de adecuar, potenciar e acondicionar o que é un dos principais itinerarios peonís da vila.

“Falamos dunha obra moi necesaria para o tránsito de peóns que ao mesmo tempo recuperará a estética dunha das zonas máis concorridas do Porriño”, explicou o alcalde, “Estas rúas dan acceso ao Centro de Saúde, ao instituto, aos colexios e a moitos servizos que cada día usan os porriñeses, ademais que contar coa maior densidade de poboación do centro urbano. É unha das principais arterias do municipio e debe ser accesible, habitable e  disfrutable”.

O rexedor concluíu explicando que se trata só do primeiro dos proxectos de obra encargados dentro do plan de mellora da accesibilidade do centro urbano. “Somos conscientes de que non é o único punto do centro que presenta carencias neste sentido”, afirmou, “As necesidades que presenta Porriño son moitas e é necesario planificar as actuacións.  Desa maneira poderemos dar resposta a todas elas”.

O BNG de Mondariz Balneario urxe ao Concello que atalle o “calamitoso” estado do arborado municipal

O BNG de Mondariz Balneario denuncia a desidia do goberno local ao non convocar a comisión de investigación sobre a caída da árbore que levou por diante a vida dunha veciña mentres decorría un evento cultural organizado polo Concello.

5 meses despois do fatal suceso nos xardíns do Gran Hotel nada mudou no Concello Mondariz Balneario, o risco de que un acontecemento como aquel volte suceder segue estando vixente. A única medida tomada polo concello foi a de tallar parte das emblemáticas árbores do municipio, mais sen ningunha medida dirixida a reconducir o maltrato e as malas praxes no mantemento do arborado municipal, polo que a degradación sobre os restantes segue sendo unha realidade e o risco de que colapsen segue incrementándose cada día que pasa.

Trala convocatoria dun pleno extraordinario a solicitude do grupo municipal do BNG no que, por unanimidade da corporación, se acordou a constitución dunha comisión de investigación, o alcalde da vila soamente convocou unha das tres xuntanzas acordadas. Colle lembrar que esta comisión recollía a participación de todas as partes implicadas no sucedido co obxectivo de clarexar responsabilidades, elaborar un documento conclusivo do que sacar ideas para mellorar a seguridade da vila, elaborar protocolos para o mantemento do arborado e, a fin de contas, devolverlle a tranquilidade á veciñanza e ás persoas que visitan a vila. A día de hoxe non se elaborou ditame algún, polo que de nada serviu o acordo plenario e a situación segue sendo a mesma que antes do suceso, co risco que isto supón para as persoas que desfrutan do entorno privilexiado que constitúe a vila balnearia.

Desgraciadamente, tanto o grupo municipal do BNG en Mondariz Balneario coma os veciños, están afeitos a vivir situacións de desprezo por parte do rexedor municipal e os seus concelleiros, que incumpren de xeito reiterado os acordos plenarios. Mais non por iso deixaremos de denunciar as prácticas antidemocráticas e de baixeza moral deste goberno que, ante situacións de máxima gravidade, como a que estamos a tratar nesta comisión de investigación, tentan ocultar a súa responsabilidade, desacreditando a existencia da mesma e impedindo o seu normal desenvolvemento para que as partes implicadas poidan dar conta do sucedido.

Dende o BNG esiximos unha vez mais a convocatoria das xuntanzas da comisión de investigación e a inmediata toma de medidas para reconducir o calamitoso estado no que se atopa boa parte do arborado municipal.

Vila Nova de Cerveira disponibiliza acceso gratuito à ‘escola virtual’ a cerca de 300 alunos do 1º ciclo

O Presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, e a Vereadora com o pelouro da Educação, Sónia Guerreiro,  entregaram, esta sexta-feira, o Manual de Utilizador de acesso gratuito à plataforma online ‘Escola Virtual’ às cerca de 300 crianças do 1.º Ciclo do Ensino Básico da Rede Pública do concelho. Rui Teixeira e Sónia Guerreiro aproveitaram, ainda, a visita aos três centros escolares para contactar com algumas necessidades identificadas pelos docentes ao nível da melhoria dos espaços.

Foi num ambiente de entusiamo e curiosidade que as crianças do 1º ciclo de Vila Nova de Cerveira receberam dois dos membros do executivo municipal, agradecendo a entrega de mais uma ferramenta digital que vai ajudar a aprofundar as competências educativas adquiridas em contexto escolar, mas também aproveitando o momento de grande interação para falar do futuro ou até colocar alguma questão ao Presidente da Câmara Municipal.

Entre aspirantes a polícias, médicos e bombeiros, algumas crianças quiseram saber qual a dificuldade de ser Presidente de Câmara. Rui Teixeira explicou ser uma tarefa de muito trabalho, “pois é como gerir um governo pequeno com muitas áreas para dar resposta, sendo necessário dedicar muito tempo ao Município”. Mas também reforçou o lado “gratificante do cargo, sobretudo no caso da educação, ao proporcionar as melhores condições para ajudar, cada um dos alunos, a crescer com conhecimento para puderem seguir a profissão que desejarem quando forem grandes”.

A ‘Escola Virtual’ é uma plataforma concebida pela Porto Editora que reúne milhares de exercícios, organizados por tópicos de programa que avaliam o conhecimento do aluno. Em função dos resultados, são sugeridas aulas interativas para a revisão da matéria, proporcionando uma experiência de estudo orientada para a aprendizagem individual e autónoma do aluno.

Ao proporcionar o acesso gratuito à ‘Escola Virtual’, o Presidente Rui Teixeira assegura que “a Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira está a contribuir para que as crianças cerveirenses “tirem verdadeiro partido” da transição digital que vivemos de uma forma cada vez mais acelerada, “considerando prioritário garantir a inclusão digital, o sucesso escolar e a diminuição do abandono escolar precoce e da exclusão social”.  Reforçando, “só garantindo o acesso de todos à educação, conseguiremos garantir, no futuro, um tecido social e empresarial empreendedor, competitivo e sustentável e, acima de tudo, capaz de gerar valor. Mas para isso, temos de gerar valor já. E uma das formas de respondermos a esse desafio é apostando na educação dos mais jovens, capacitando-os para o futuro. Futuro esse que é, também, cada vez mais tecnológico”.

Além do 1º ciclo, o autarca cerveirense e a Vereadora da Educação também visitaram as crianças a frequentar o pré-escolar dos centros escolares de Cerveira, Norte e de Covas, e conversaram com cada um dos docentes e educadoras, auscultando as sugestões e alguns pedidos de melhoria de alguns espaços exteriores.

Os tres concellos do Val Miñor únense ao grupo de enfermería da Xunqueira para combater a hipertensión

0

Os tres concellos do Val Miñor veñen de unir forzas para ofrecer a actividade de marcha nórdica (marcha con bastóns) como terapia rehabilitadora grazas aos enfermeiros residentes do Centro de Saúde Val Miñor, ideólogos deste proxecto piloto único en Galicia e practicamente en España. Neste fase inicial está dirixido a pacientes hipertensos de Baiona, Gondomar e Nigrán (os interesados deben dirixirse ao persoal de enfermería do seu respectivo centro de saúde) pero o obxectivo final é asentar os grupos na comarca miñorana para incorporar a todo tipo de poboación dado os seus múltiples beneficios. “Queremos xerar un novo activo de saúde en cada barrio empoderando aos propios cidadáns, esa é a nosa meta”, resumen.

Así, a partir do 31 de xaneiro e durante os vindeiros catro meses ofreceranse dúas rutas semanais matinais dirixidas polo seleccionador galego Nacho García e coa presenza tamén dos propios enfermeiros, que acudirán para reforzar a actividade con ‘pílulas formativas’ de coñecementos en saúde que contribuirán a crear auténticos ‘pacientes expertos’. Cada municipio gozará da súa propia saída no seu territorio, será dunha hora de duración e aproximadamente 5 km, e no primeiro  mes os bastóns os facilitará a organización (despois existe a posibilidade de alugalos polo prezo simbólico de 1 €). O instructor Nacho García destaca que, neste proxecto concreto, a disciplina deportiva será enfocada ao seu aspecto máis terapéutico.

“Somos especialistas en enfermería familiar e comunitaria e, precisamente, esta actividade é un exemplo perfecto de intervención comunitaria para fomentar a marcha nórdica como activo saudable para a poboación, para rehabilitar e tamén para previr. Estamos especialmente agradecidos aos tres concellos polo seu apoio, xa que actuarán como promotores ante a súa veciñanza, e aos centros de saúde pola súa implicación absoluta nestes intres difíciles debido á pandemia”, explican os residentes Antonio Sobral e Cuca Rivas.

Hospitais do País Vasco e Cataluña xa están a empregar este deporte de orixe finlandés como programa de rehabilitación para pacientes de moi diversa índole: desde mulleres mastectomizadas a persoas operadas de próteses de cadeira ou xeonllo a hernias  discais, persoas con perda de mobilidade por problemas neurolóxicos… “É beneficiosa para toda a poboación. Ten amosado que axuda moito a saúde do anciá fráxil, das persoas con riscos cardiovasculares e incluso está funcionando para paliar danos do Covid”, subliñan os enfermeiros, que engaden o beneficio extra que supón no actual contexto que sexa unha actividade ao aire libre e en grupo, xa que iso contribúe á socialización e á fidelización.

Así, os tres equipos de cadanseu concello, cun máximo de 15 inscritos, serán monitorizados ao inicio, aos dous meses e ao finalizar, así poderán testear como evolucionou durante ese tempo a súa tensión, peso, masa muscular ou graxa… “Faremos un banco de kilómetros e de calorías como reto para competir de xeito sano entre os tres grupos e motivarnos aínda máis”, indican.

O Entroido volve a Salceda este ano

O Concello de Salceda de Caselas, en coordinación cos barrios da Feira e do Castro Barreiro traballa xa na organización do Entroido 2022, unha cita clave na axenda cultural do municipio e referente en todo o país, que volverá celebrarse logo do parón do pasado ano por mor da Covid-19.

Ademais do centenario enfrontamento, o concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez, traballa xa na elaboración das bases e do protocolo para a celebración do XXIII Desfile de Carrozas e Comparsas o domingo 27 de febreiro, logo de reunirse coas comparsas do Concello, nunha xuntanza na que se apostou pola celebración do evento dun xeito seguro.

O concelleiro de Cultura asegura que “apostamos por recuperar a nosa festa máis tradicional e importante, na que somos un referente e na que temos a obriga de apoiar aos nosos colectivos. Este ano en Salceda celebrarase un Entroido seguro, no que estamos seguros que tanto a veciñanza coma os colectivos gozarán de novo con esta celebración”.

Todos os colectivos implicados coinciden na importancia de recuperar o evento máis importante da axenda cultural de Salceda, aínda que a celebración nas tradicionais datas estará condicionada pola incidencia de contaxios da Covid-19 e polas posibles restricións que aplique a Xunta de Galicia, que xa anunciou un protocolo específico para estas festas.

Unha das citas que si están aseguradas é a parte do Entroido Tradicional, coa actuación do Rancho de Entroido no mediodía do domingo. O Rancho de Entroido de Salceda é único pola súa formación, composta por seis danzantes e dúas damas, ademais dos característicos cabaleiros, encargados de abrir o paso entre o público.

A alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, afirma que “Salceda prepárase para retomar o histórico Entroido, despois do parón do ano pasado pola Covid-19. Un entroido que non sería posible sen o esforzo das asociacións de A Feira e do Castro Barreiro que traballan  por manter viva esta tradición centenaria e tamén ás comparsas que enchen de ledicia, cor e humor as nosas rúas no domingo de Entroido”.

O Concello cualifica de “intolerable” o silencio da Xunta sobre o Bacharelato de Artes de Redondela

0

O pasado 22 de setembro, o Parlamento de Galicia aprobaba, por unanimidade, a inclusión no proceso de prematrícula do Bacharelato de Artes de Redondela, proceso que estaría en todo caso suxeito á demanda que tivesen estes estudos. Case que catro meses despois e a pouco máis dun mes de que se abra o período de admisión –1 de marzo– a Xunta segue “non só sin sinalar que mecanismos pensa utilizar para cuantificar a demanda, senón que nin ten a dar resposta ás preguntas que en tal sentido formuláronlle as ANPAS e o propio Concello”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

É de supoñer que para cumprir o acordo plenario do Parlamento e coñecer a demanda que estes estudos teñen entre o alumnado “é preciso facer algún tipo de proceso que permita saber con certeza o interese do alumnado nestes estudos”.

Para o Goberno redondelán, o feito de que a pouco máis dun mes vista da apertura da prematrícula, “nin se teña habilitado ningún procedemento nin se dea resposta ás preguntas formuladas pola comunidade educativa, fai sospeitar que se trata doutra cortina de fume por parte da Consellería de Educación, co agravante de estar vulnerando o cumprimento dun acordo Plenario”.

O Concello, facéndose eco da preocupación das ANPAS, remitiu o pasado 13 de xaneiro un escrito á Xefatura Territorial de Educación para que “a maior brevidade posible” aclarase como era posible que logo de ser aprobada a preinscrición no Parlamento de Galicia “organismo no que reside a soberanía das e dos cidadáns” a inspección de Educación, ante as preguntas formuladas polas direccións dos centros educativos, repostase que “dende a Consellería non se lle trasladou ningunha variación para o vindeiro curso académico”.

Comparte o Concello coas ANPAS o criterio lóxico que “a cuantificación da demanda do Bacharelato de Artes ten que ser previa ao período de admisión e non esperar a que o alumnado quede sen posibilidade algunha de realizar estes estudos pola desidia e desleixo da Consellería”.

O Concello lembra que a existencia ou non destes estudos “afecta non só ao alumnado de Redondela, senón tamén ao veciño concello de Pazos de Borbén, cuxos rapaces e rapazas cursan os estudos de bacharelato neste municipio”.

A alcaldesa Digna Rivas destacou a intención de que Concello e ANPAS traballen en conxunto para conseguir que sexan atendidas as demandas do alumnado. “É lamentable que a un rapaz ou rapaza que quere cursar o Bacharelato de Artes se lle diga que só pode facelo en Mos –curiosamente coa metade de poboación que Redondela–, Pontevedra ou Vigo”.

O Bacharelato de Artes da acceso a estudos universitarios de Belas Artes, Deseño, Restauración, Artes escénicas, Humanidades ou Publicidade, ademais de ciclos superiores relacionados do Deseño Gráfico ou sector audiovisual.

2022, un antes e un despois para Ponteareas

O comezo dun novo ano é sempre algo esperanzador. Esperamos que o mellor que nos aconteceu no ano que deixamos atrás, sexa o peor que nos poida pasar no novo que temos diante. No caso de Ponteareas, o 2022 non so marca o iniciou dun ano novo, senón dunha nova etapa ao entrar o municipio do Tea no ‘club’, case que exclusivo, dos concellos galegos que contan cun Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O PXOM, na súa dobre vertente de ferramenta ou arma –dependendo de como e para que se utilice– foi unha constante no debate político ponteareán das últimas dúas décadas. Logo da suspensión das Normas Subsidiarias no 2002, o Plan foi utilizado como arma para xustificar unha vergoñenta moción de censura contra o primeiro goberno PSOE-BNG presidido por Pancho Candeira e con Roberto Mera como tenente de alcalde.

PP e UCPA, a formación que encabezaba Nava Castro, entenderon a moción como “unha necesidade ante un goberno que non é capaz de sacar adiante o PXOM”. É dicir, pedíaselle ao goberno de coalición que nos 11 meses que estivo ao fronte do Concello aprobara un documento que, posteriormente, demostraríase que o PP non foi quen de sacar adiante nos seguintes 11 anos.

Agora, coa publicación en decembro do 2021 da aprobación do PXOM no DOG, o Plan de Ponteareas deixa de ser un arma –que era por certo como as escopetas do bisavó que se gardan no faiado e que nunca sabes por onde vai saír o tiro– para converterse nunha ferramenta no máis amplo sentido da palabra. O Goberno BNG-PSOE que encabeza Cristina Fernández remata o traballo comezado polo anterior alcalde, o finado e sempre botado de menos, Xosé Represas, e abre unha nova época para o municipio que ten un Documento que marca o que quere ser e como quere ser.

Logo destes anos de traballo, de reunións, de loitas contra a administración, que sensación lle produce como alcaldesa que Ponteareas conte con que é, sen dúbida, un dos documentos máis importantes de calquera concello como é o PXOM?
Logo de 19 anos co urbanismo paralizado totalmente, a sensación é de alegría, de satisfacción e non só polo feito da aprobación en si, que xa é histórico, senón tamén por todos os trámites, acordos e negociacións levadas a cabo nos últimos seis anos por este Goberno liderado inicialmente por Xosé Represas.

Cómpre subliñar que para Pepe Represas e para o seu equipo había varias cousas prioritarias neste concello. Unha delas era o PXOM e outra a mellora do saneamento no municipio, algo que se fará realidade coa sinatura do convenio con Acuaes e con Augas de Galicia –que se levará a cabo nestas vindeiras semanas e logo de ser validado en cada entidade previamente– para a ampliación da depuradora. Sen poder depurar é imposible avanzar e, nestes momentos, o rural e ese gran esquecido nun dereito tan básico como o servizo de saneamento.

Estes eran, para nós é xunto coa seguridade na N-120, temas prioritarios que dependían de outras administracións que comezamos a xestionar dende o mesmo instante da nosa chegada ao Concello.

Un antes e un despois para Ponteareas?
Por suposto. Sobre todo falando de Ponteareas. Somos un Goberno sumamente implicado co urbanismo. Non se trata só de traballar coa posta vista no Plan, ao mesmo tempo avanzabamos no PXOM traballábamos tamén noutras liñas como a EDUSI, axenda 2030 ou Plan de Mobilidade. O PXOM dálle agora cobertura legal a todas estas actuacións ao mesmo tempo, a mesma cobertura legal que lle dará a instalacións comerciais como é o caso de Eroski.

O fin dun grave problema para o Concello?
Si, un enorme problema para o Concello é unha terrible incerteza para moitas familias que laboralmente dependen de Eroski.

É preciso lembrar, e subliñar, que esa licencia foi outorgada ilegalmente por parte do Concello de Ponteareas. Non é o caso de que a empresa edificara ilegalmente, senón que se lle concedeu unha licencia que, posteriormente coa paralización das Normas Subsidiarias, pasou a ser ilegal. Pero, en todo caso, o Concello pasaba a ser responsable directo. Con outro alcalde, é certo, pero era o Concello e agora nós teríamos que responder e nos enfrontaríamos a un problema de ter que facer fronte a unha indemnización millonaria.

Agora, co PXOM, o hipermercado ten cobertura legal e hai o compromiso de desenvolver o Plan Parcial nesa área. O mesmo acontece co Polígono da Lomba, dáse cobertura ás industrias que alí están establecidas e, polo tanto, poderían realizar ampliacións e se pode desenvolver por fin o Plan Parcial da Lomba

É de supoñer que o Concello está agora en disposición de ofrecer espazos dotacionais para infraestruturas que dependen doutras administracións.
Esa é a cuestión. O PXOM permítenos agora poñer enriba da mesa eses espazos para que as outras administracións fagan os seus deberes como é a segunda escola infantil, centro de saúde, espazos deportivos, de ensino, etc.

Chega en bo momento o PXOM? Asemella que logo da pandemia son precisas ferramentas de recuperación, nese sentido, é necesario o Plan Xeral para a reactivación económica?

Non só é necesario. Sen PXOM sería moi difícil pensar nunha reactivación. O Plan permite a creación de solo industrial e novas captacións de investimentos, tanto de emprendedores como de outras industrias. Iso é moi importante para nós porque non soamente producirá ese efecto de reactivación económica senón que terá o efecto de crear emprego que Ponteareas precisa. Non podemos esquecer que, por desgracia, somos un concello cunha alta taxa de desemprego.

Faría falta máis solo industrial?
Debemos ir por partes, ser moi cautos e cando demos un paso adiante, ten que ser firme para non ter que volver atrás. Neste momento o principal é acometer o que está na nosa man que é dotar de novo solo que agora xa está catalogado dentro do Plan. Posteriormente virá a hora de facer esas valoracións. O noso traballo terá que ser atraer novas industrias e novas instalacións.

Aberta a exposición ‘Camiños. O Camiño e as Artes’ no Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra vén de abrir no claustro do Edificio Sarmiento a décimo primeira edición de ‘Camiños’, unha mostra colectiva e multidisciplinar promovida pola Asociación do Camiño Portugués a Santiago que reúne a visión de máis dunha trintena de artistas, creadores de Galicia e Portugal sobre un fenómeno de carácter internacional como é a peregrinación a Santiago de Compostela.

Na inauguración desta tarde estiveron presentes o director do Museo de Pontevedra Xosé Manuel Rey, o comisario da Exposición Celestino Lores; a secretaria territorial da Xunta en Pontevedra Marta Iglesias, e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores. O acto comezou co interpretación dunha canción a capela a cargo da cantante Begoña Lorenzo, á que seguiu unha exhibición de danza de Glau Fonseca, que fixo unha intervención no primeiro andar e continuou a  bailar fóra do edificio. Recitaron poesía Ana Corzo, Carmen Quinteiro e Minerva, e César Loureiro interpretou varias pezas musicais cunha zanfoña.

Segundo explicou o director do Museo. ‘Camiños. O Camiño e as Artes’ é unha exposición que deixa patente un dos principais valores das rutas xacobeas máis alá da súa innegable dimensión espiritual: “A cohesión entre culturas, por riba das fronteiras xeográficas e políticas, constitúe sen lugar a dúbidas unha das súas maiores riquezas”, dixo.

Subliñou que fotografía, pintura, poesía, danza, artesanía e escultura conforman unha proposta que lembra a través de distintas miradas, a transcendencia dun itinerario secular herdeiro de calzadas e vías antigas como a que vertebraba a Gallaecia e que transcorría por esta cidade dende o país veciño.

Finalmente, agradeceu á Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago, e a o seu presidente e comisario desta exposición, Tino Lores, o labor que desenvolve desde hai 27 anos para preservar e impulsar a grandeza do itinerario, exemplo do patrimonio cultural, tanto material como inmaterial. 

Pola súa banda, Tino Lores tamén agradeceu ao Museo e á Deputación a cesión do espazo do Edificio Sarmiento para expoñer a mostra, que nesta ocasión cumpre once anos e chega ao seu cumio, “a súa maioría de idade, nun lugar onde só se expoñen obras de gran prestixio”.

Lores explicou que a exposición é multidisciplinar “porque o Camiño é todo, está por riba de todos, tanto de ideoloxías, cultura, deporte ou espiritualidade. É un conxunto, unión, é algo máis que un espazo físico”. Subliñou que a mostra pretende  recoller a través da arte todos os valores de unión, solidariedade,  paz que se fomentan na ruta a Santiago.

O comisario tamén sinalou a idoneidade de que a mostra estea exposta no claustro dun mosteiro como o Edificio Sarmiento: “Que mellor lugar para expoñer que un claustro de mosteiro como os que acollen as e os peregrinos!”.

A exposición estará aberta no Museo ata o 21 de marzo, ata cando se desenvolverán tamén varias actividades complementarias: dous concertos, un recital de poesía, a presentación do catálogo e unha exhibición de danza. Despois a mostra irá a Barcelos, Ponte de Lima e Lisboa de maneira itinerante.

Balance positivo da presenza de Tui en Fitur

0

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, participou como representante do Concello de Tui nun total de catro presentacións nas que a nosa cidade tiña especial protagonismo celebradas na Feira Internacional de Turismo – Fitur 2022 que se está a celebrar estes días na capital de España.

Especial interese suscitou a presentación do proxecto “Río Miño, un destino navegable” ao que asistiron os rexedores de Tui, Salvaterra de Miño, Valença e Monçao xunto co Presidente de Turismo Porto e Norte, Luis Pedro Martins, e o Vice-presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela. Neste acto foi promocionado este novidoso e ilusionante proxecto de creación dun novo produto turístico que pon en valor o río Miño e a súa dimensión transfronteiriza así como os recursos turísticos dos catro municipios miñoto. Esta presentación tivo lugar no stand de Turismo de Galicia o mércores 19 de xaneiro ás 15,00 horas.

De seguido Tui continuou a protagonizar a actividade no stand de Galicia en Fitur coa presentación, ás 15,30 horas do mércores 19 de xaneiro, de “Descubriendo las juderías galllegas: Monforte de Lemos, Ribadavia y Tui” na que estaban presentes xunto ao alcalde tudense, a alcaldesa de Ribadavía, Noelia Rodríguez, e a primeira tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada, xunto á xerente da Red de Juderias de Galicia – Caminos de Sefarad e a Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Neste acto os asistentes se aproximaron ao patrimonio xudeu conservado nestas tres localidades así como ao traballo de dinamización e promoción que se realizar a través da Red de Juderias e recibiron as guías editadas sobre cada unha destas cidades.

Onte, xoves 20 de xaneiro ás 11,30 horas tivo lugar a presentación do proxecto “Mulleres do Camiño Portugués” organizado polo Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e que presentou un vídeo promocional sobre esta ruta xacobea e o papel activo que as mulleres teñen na dinamización desta ruta xacobea. Neste caso Tui estivo representado por Silvana Crisostomo, de “Ideas Peregrinas” xunto ao alcalde Enrique Cabaleiro que destacaron a importancia do Camiño Portugués para a nosa cidade que non cesa de recibir peregrinos de múltiples nacionalidades incluso nestes meses de inverno, evidenciando a dinámica de recuperación desta ruta xacobea.

Por último, o concello de Tui, representado polo seu alcalde, participou no stand da Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad no acto institucional que contou coa presenza de representantes das 21 cidades, no que se presentaron os proxectos futuros da Red, así como o boceto de “Ciudades de Sefarad”, o libro que Red de Juderías editará en 2022, cun percorrido polas cidades que integran a Asociación. Este ano o stand da Red de Juderias é un tapiz virtual, unha ventá ao patrimonio, cultura e historia das cidades da Red mediante un mapa que recolle a localización das cidades e un código QR para cada unha que da acceso a unha viaxe virtual dun minuto co que os visitantes poderán coñecer o legado xudeu en cada un dos municipios.

No decurso da feira foi tamén unha oportunidade para manter diversos contactos con representantes de diversas institucións e colectivos para avanzar en novos proxectos e actividades para o noso municipio. Salientan os encontros co presidente de Cluster de Turismo de Galicia, co presidente de Turismo Porto e Norte, co presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, así como con diversas empresas e axencias que traballan no ámbito turístico que atinxe á nosa cidade.

O alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, valora moi positivamente esta presenza tudense no principal escaparate do turismo que reflicte o importante traballo que neste sector realiza o municipio tudense. Haberá moi poucos municipios que nesta edición de Fitur teñen protagonizado catro presentacións sobre os recursos e proxectos turísticos que o rexedor tudense agarda contribúan á dinamización do sector turístico tudense, ofrecendo novas oportunidades de emprego e negocio para os nosos cidadáns..

Mos reúnese coas asociacións de Dornelas e Mos sobre a mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na estrada Puxeiros-Mos

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, o edil mosense de Urbanismo, José Areal, e o arquitecto municipal, Manuel Toucedo, veñen de reunirse esta semana con dúas das asociacións veciñais das parroquias afectadas pola estrada provincial Puxeiros-Mos, concretamente coa Asociación de Veciños Santa Eulalia de Mos e Asociación de Veciños de Dornelas.

No caso da parroquia de Mos o obxecto da xuntanza foi o de informar á veciñanza de que xa se atopa rematado o proxecto da primeira fase da humanización da estrada Puxeiros-Mos, que beneficiará ao tramo que transcorre pola devandita parroquia desde o punto quilométrico 0+020 ata o 0+600. Así mesmo, atópase xa próximo o inicio da contratación da obra, pois incluirase no Plan Concellos 2022 e xa se atopa redactado o convenio de colaboración entre Concello e Deputación de Pontevedra, que establece unha financiación ao 30% municipal e 70% provincial, cuxa sinatura producirase próximamente.

As accións que se levarán a cabo no vial son basicamente as seguintes: mellora da mobilidade peonil mediante creación da senda. Adaptación da drenaxe á nova aliñación proxectada. Execución dos servizos urbanos necesarios: soterramento de iluminación, rede eléctrica e de telecomunicacións. Execución do pavimento da nova ordenación utilizando xabre, formigón, lastra, baldosas e laxas de pedra. Reforzo do firme da calzada no vial municipal mediante fresado e reposición da capa de rodadura. Reinstalación da sinalización vertical e horizontal adaptada á nova ordenación do ámbito e instalación de mobiliario urbano.

Reunión mantida coa asociación de Mos

A obra requerirá de actuacións previas e movemento de terras. Comezaranse os traballos coa retirada dos elementos de superficie: sinais e postes, para poder continuar posteriormente coa demolición dos pavimentos existentes que corresponda. Unha vez realizada a demolición dos pavimentos referidos, previo corte lonxitudinal con disco, e xerado o sobreancho necesario para a nova sección, procederase ao saneo do terreo mediante o caixeado necesario para poder executar posteriormente o novo paquete de firme deseñado. En canto á drenaxe, debido á solución proxectada será preciso adaptar a drenaxe superficial á nova aliñación do vial. A auga superficial será recollida pola reixas e sumidoiros contiguos ao viario que conducirán a auga, a través de tubaxes ata os puntos de vertedura. Renovarase por completo a iluminación do vial, mediante o soterrado da liña e a instalación de novos puntos de luz con lámpadas led para mellorar a eficiencia enerxética da rede. A maiores, aprovéitase a actuación para executar a canalización dos servizos de electricidade e telecomunicacións.

O prazo de execución previsto para as obras é de seis meses

Para a financiación desta primeira fase da humanización da estrada Puxeiros-Mos asinarase un convenio que establece as condicións da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos para a execución do proxecto titulado “Mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP 2601 Mos- Puxeiros dende o PQ 0+020 ata o PQ 0+600”.

O importe o que se refire a presente actuación ascende a un orzamento total de 446.545,39 €. Os investimentos necesarios para a realización das mencionadas obras serán financiados pola Deputación de Pontevedra e Concello de Mos mediante a achega da Deputación de Pontevedra 312.581,77 € (70%) e Concello de Mos 133.963,62 € (30% do importe das obras).

Pola súa banda, durante a reunión coa Asociación de Veciños de Dornelas, tratouse sobre o proxecto da segunda fase da humanización, que beneficiará ao tramo da estrada Puxeiros-Mos que transcorre por esta parroquia, e que se atopa en proceso de redacción por parte dos técnicos da Deputación.

Desde o Concello de Mos xa se mantivera unha reunión previa para analizar o primeiro borrador do devandito proxecto e, nesta última xuntanza, os veciños xa lle transmitiron ao Concello as súas aportacións ao documento para mellorar a seguridade, aportacións que desde a administración local mosense lle serán remitidas á Deputación para a súa inclusión no proxecto definitivo.

A provincia de Pontevedra conquista FITUR coa presentación de “Love Rías Baixas”

O palpitante corazón da provincia de Pontevedra conquistou á Feira Internacional de Turismo, FITUR, con “Love Rías Baixas”, un relato de amor sorprendente, emocional  e vibrante, contado coas vivencias de 9 protagonistas de diferentes países de catro continentes que un día chegaron, namoraron do territorio e decidiron quedarse. O Auditorio de Turespaña quedouse pequeno para coñecer a campaña de promoción turística da Deputación de Pontevedra, que contou coa amadriñamento da Ministra de Turismo, Reyes Maroto, xunto ao Secretario de Estado, Fernando Valdés, amais do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e do presidente da Deputación de Lugo, que tamén presentaron as súas campañas neste escenario. Xunto a eles, alcaldes e alcaldesas e representantes do sector turístico da provincia viviron en directo a proposta provincial, que leva dous anos consecutivos gañando o Premio ao Mellor Vídeo Turístico do Mundo, galardóns aos que volve a concorrer este ano.

Coa condución inmellorable da actriz viguesa Jazmín Abuín e retransmitida por streaming, a presentación contou no escenario coa participación do enólogo chileno Diego Riós, representando ás 9 persoas protagonistas do audiovisual. O vídeo, producido pola empresa Esmerarte, mostra todo o potencial natural, cultural, paisaxístico da provincia integrado nun emocionante relato nas voces e nas historias de Kevin Weatherill, líder da banda británica Inmaculate Fools, e Virginia Gil (Aranda de Duero), representante do grupo; Juan Carlos Perret, cociñeiro peruano; Daniela Savic, ex-xogadora e adestradora de balonmán eslovena; Violeta Mi Tan, enxeñeira téxtil chinesa; Mari Hashimoto, profesora xaponesa; Saliou Ndongo, profesor de artes marciais senegalés; Kate Singer, estudante de logopedia natural de Chicago (EE UU); e o propio Diego Riós. No audiovisual, os e as protagonistas destacan, rodeados de extraordinarias paisaxes naturais da costa e o interior, por que quedaron impresionados e decidiron radicarse nas Rías Baixas. A beleza, a historia, as lendas, o rural, a gastronomía, o mar, a terra, a calidade dos viños, a tranquilidade e o trato coa xente son algúns dos motivos que citan para explicar como un día chegaron a Rías Baixas e declararon o seu amor á provincia quedándose a vivir nela.

A presidenta Carmela Silva debullou algúns deses motivos “deste namoramento colectivo coa provincia. Temos infinidade de razóns para que a xente que nos visita non queira marchar: gastronomía, paisaxe, rural, vilas mariñeiras, patrimonio, marabillosos profesionais do turismo, e a xente,  que te fai sentir en casa”. A presidenta da Deputación explicou que “non hai ningún lugar con tan boa vida como as Rías Baixas” e destacou que son as propias persoas que se asentan na provincia as que o confirman. “Contan historias reais dunha terra marabillosa onde encontrar un lugar ideal para vivir”, resaltou, para apuntar que “non hai nin unha soa frase guionizada no vídeo”.  Carmela Silva convidou a todos e todas a visitar as Rías Baixas uns días, unha ponte, ou mesmo a quedarse”, e amosouse convencida de que “van vivir unha historia de amor con este territorio”. Subliñou que “a beleza das Rías Baixas e as súas xentes, as que naceron aquí e as que viñeron doutros lugares e agora son nosas, fai chorar da emoción”. Ademais mostrou o seu agradecemento á ministra Reyes Maroto por amadriñar a presentación da Deputación no  stand de Turespaña, e fíxoo extensivo ao secretario de Estado de Turismo.  

No evento tamén participou o secretario  do Comité de Festivais de Cine Turístico, Hugo Marcos, quen valorou o éxito das anteriores pezas promocionais da Deputación –“Fame de Experiencias” e “Sigue o teu Instinto”-, elixidas como mellores películas turísticas do mundo e cun palmarés de 24 grandes premios internacionais. De feito, Marcos referiuse á calidade dos audiovisuais da Deputación. “Mostran a autenticidade do territorio, reflexan os sabores, o que é a xente, ser galego. En Galicia todo é diferente e nas Rías Baixas percíbense todas esas características”.  Pola súa banda, o enólogo Diego Ríos salientou a calidade dos viños da Denominación de Orixe, dos que destacou que “son sumamente expresivos e complexos, con capacidade para transmitir o lugar onde son producidos, e isto namora todos os corazóns e padais a nivel mundial”.  

O acto pechouse coas imaxes do vídeo “O teu Camiño”, tamén da Deputación de Pontevedra, con fermosas imaxes da paisaxe da provincia. A campaña “Love Rías Baixas” será difundida polas consejerías de Turismo de Turespaña no exterior, chegando así a internacionais como  Abu Dhabi, Os Ánxeles, Berlín, Bélxica, Bos Aires, Cantón (China), Chicago, Cidade de México, Copenhague, Dublín, Estocolmo, A Haia, Helsinqui, Lisboa, Miami, Milán, Moscova, Bombai, Múnic, Nova York, Oslo, París, Pequín, Roma, Sao Paulo, Singapur, Tokio, Toronto, Varsovia, Viena, Zúric, Frankfurt e Londres.

A aula CeMIT de Ponteareas pechou o 2021 cun cento de cursos e máis de 950 horas de formación

A aula CeMIT de Ponteareas continuou durante todo o 2021 coa súa aposta pola formación en novas tecnoloxías. Adaptada á nova situación sanitaria, dende o pasado mes de febreiro o centro ofertou case un cento de cursos de balde de temáticas variadas dirixidos a todos os sectores da poboación, máis de 950 horas de formación presencial e en liña.

Con estas iniciativas o Concello busca “promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos e ferramentas necesarias para que persoas de todas as idades poidan desenvolverse cun ordenador ou un dispositivo móbil”. “Queremos derrubar estereotipos e espertar vocacións entre a mocidade, pero tamén prestar especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital”, salienta o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez.

Neste sentido, a aula CeMIT contou con participantes dende os 8 aos 80 anos que puideron gozar de cursos con contidos adaptados a cada perfil de idade e tamén de coñecementos. O edil fai un balance “moi positivo” do último ano, no que 500 persoas participaron de xeito directo nas accións formativas e no que se rexistraron 150 novas altas de usuarios e usuarias na aula.

Entre as accións con máis horas formativas atópanse os cursos relacionados cos dispositivos móbiles, con 24 accións e 253,8 horas dirixidas a persoas sen coñecementos previos. Ademais, desenvolvéronse outras 29 accións cun total de 226,3 horas relacionadas con imaxe, audio e vídeo para usuarios e usuarias con capacitación dixital avanzada. Durante todo este ano tamén se realizaron actividades formativas relacionadas coa formación dixital básica, coa busca de emprego, a Administración electrónica, as redes sociais ou a ofimática, entre outras. Pero sen dúbida o que gañou maior protagonismo foi o móbil e aprender a usalo e a sacarlle partido nun momento de restrición de contactos persoais.

Dada a alta incidencia da pandemia a inicios de 2021, de febreiro a maio a aula CeMIT adaptou a formación a clases en liña abertas a persoas de toda a comunidade autónoma, volvendo a formación presenciar na aula en setembro. “A aula de Ponteareas foi unha das poucas CeMIT de Galicia que mantivo a formación a través das clases en liña durante o período de restricións de mobilidade. Para nós foi un orgullo saber adaptarnos ás circunstancias variables que ía traendo a situación sanitaria e tamén ás necesidades da veciñanza, xa que había persoas que demandaban unha situación presencial ao non ter o equipamento axeitado, coñecementos ou simplemente por preferencia”, destaca Márquez.

Durante o 2021 a aula CeMIT tamén colaborou coa Asociación de Maiores de Ponteareas na realización de actividades e participou no programa promovido por AMTEGA en colaboración coa Asociación Galega de Software Libre (AGASOL), a través do que se organizaron obradoiros de STEAM para os máis pequenos e pequenas. A aula volverá retomar a súa actividade en breve.

Tomiño abre as inscricións para participar no desfile, “Venres de Foliada”

0

O Concello de Tomiño volverá organizar este ano, se a situación sanitaria o permite, o seu tradicional desfile de comparsas “Venres de Foliada”. Será o 25 de febreiro e as agrupacións interesadas en participar poden inscribirse a partir do luns 24 ata o 31 de xaneiro a través da sede electrónica do Concello. A alcaldesa, Sandra González, quere animar a veciñanza “a participar para volver encher de ilusión e diversión as nosas rúas”, e lembra que o “Venres de Foliada” “vaise organizar, como facemos sempre, priorizando as medidas de seguridade”.

A participación está aberta a todas as asociacións veciñais, culturais, xuvenís, grupos e colexios que se presenten, aínda que terán preferencia para participar as comparsas do concello de Tomiño. Deberán estar formadas por un mínimo de 15 compoñentes, as carrozas participantes non poderán exceder dos 8 metros de longo, 3,5 de ancho e 4,5 de alto e non se admitirán as que leven cabalos.

O Concello compensará economicamente ás comparsas que participen. As que teñen entre 15 e 30 compoñentes e non levan carroza recibirán 100 euros, as que teñen entre 21 e 45, tamén sen carroza, 150 euros, e as que teñan máis de 46 compoñentes e non leven carroza recibirán 200 euros. Mesma cantidade que a que recibirán as de entre 15 e 40 compoñentes e leven carroza. As comparsas de 41 a 60 compoñentes e con carroza recibirán 300,00 €, as que teñen entre 61 e 80 e carroza, 400 euros, e, por último, as que conten con máis de 81 compoñentes e teñan carroza recibirán 500 euros.

Para que o “Venres de Foliada” se celebre deberán participar un mínimo de 10 comparsas. O Concello tamén establece un máximo de 20. Polo que, en caso de que se supere este número de inscricións, establécese unha comisión técnica de avaliación que determinará, tendo en contas os criterios de puntuación das bases, que comparsas participarán.

O Concello de Nigrán completa a plantación de arbolado en Porto do Molle

0

O Concello de Nigrán investiu 50.000 € para completar a plantación de arbolado no parque empresarial de Porto do Molle, o que implica a reconstrución dos alcorques, que se atopaban en moi mal estado. Así, adquirironse 26 gingkos bilova para a rúa Xial e 15 liquidámbares para decorar a rotonda principal de acceso, na rúa das Pontes, en ambos casos xa de gran tamaño. Igualmente, os alcorques da rúa Lagares foron acondicionados con plantas de Photinia Red Robin.

“Este é un parque que precisamente destaca como exemplo de calidade e respeto medioambiental e que aporta moitos beneficios ao municipio; era unha actuación prioritaria, o noso compromiso é revertir neste parque boa parte dos beneficios que xenera”, sinala o alcalde, Juan González.

Neste sentido, o Concello apostou polo liquidambar e o gigko bilova, unhas árbores caducifolias moi resistentes que no outono colle unhas tonalidades espectaculares desde amarelo intenso a vermello. O liquidambar ten follas semellantes ás do arce e as do gingko, especie sagrada en Oriente e famosa por sobrevivir un á bomba de Hiroshima, teñen forma de volvoreta. “A súa presenza dará unha imaxe marabillosa ao parque, acorde ademais coa súa identidade”, subliña González.

O Concello iniciou no 2017 a resposición do arbolado porque os antes existentes, falsos pimenteiros, se atopaban en moi mal estado ou directamente non se conservaban, iniciándose a renovación con liquidámbares de gran porte.

O Concello de Tui retoma o Foro do Camiño Portugués coa presenza de Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

0

O vindeiro martes, 25 de xaneiro, o Concello de Tui retoma, logo da paréntese do Nadal, a celebración mensual do “Foro do Camiño Portugués”. Nesta ocasión será coa presenza dun destacado protagonista da recuperación e revitalización do Camiño de Santiago en Galicia, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, exconselleiro da Xunta de Galicia e medalla de honra do Concello de Tui dende o ano 2017.

Vázquez Portomeñe (Taboada-Lugo, 1934) é un protagonista destacado na posta en valor do fenómeno xacobeo, especialmente na súa época como deputado autonómico e como conselleiro en distintos gobernos de Manuel Fraga Iribarne na Xunta de Galicia. Na súa etapa como responsable da consellería de Educación e Cultura Vázquez Porrtomeñe promoveu a aprobación -por unanimidade- de leis como a de Patrimonio Cultural ou a de Protección dos Camiños de Santiago. Tamén na súa época de conselleiro se encargou de organizar o primeiro Xacobeo, en 1993, conseguindo ampliar unha realidade espiritual e relixiosa a outra cultural e socioeconómica, que ten resultado de vital transcendencia para Galicia.

Portomeñe recibiu por acordo do Concello de Tui a medalla de honra da cidade recoñecendo o seu papel fundamental na creación do Xacobeo e na revitalización do Camiño Portugués, así coma as achegas que os distintos departamentos que dirixiu na Xunta de Galicia realizaron en Tui con investimentos destacados coma a restauración do órgano da Catedral ou do edificio “Francisco Sánchez” daquela Área Panorámica.

A conferencia do próximo martes, 25 de xaneiro, ás 19 h poderase seguir presencialmente na Aula Cemit  (Edificio “Francisco Sánchez” – antiga Área Panorámica, rúa Colón,2 primeiro andar, entrada por portas 4 e 12) ou por streaming a través da páxina web do Concello de Tui: www.tui.gal. A asistencia é libre ata completar o aforo do local, sendo necesaria a inscrición previa -por rigoroso orde de chegada- a través do correo electrónico: [email protected].

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que o Concello de Tui avanza nas actividades deste “Foro do Camiño Portugués”, que pretende contribuír ao posicionamento de Tui no ámbito do Camiño de Santiago e agradece a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe a súa presenza en Tui.

Este Foro foi inaugurado o pasado 20 de abril coa presenza de Juan Manuel López-Chaves, presidente de honra da Asociación Amigos de los Pazos de Vigo e impulsor do Camiño Portugués, a quen deu continuidade o 25 de maio Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, o 22 de xuño  Luís Pedro Martíns, presidente de Turismo Porto e Norte, e o 22 de setembro  Luís Quinteiro, bispo da diocese de Tui-Vigo. No pasado mes de novembro foi o peregrino tudense, Dámaso Rodríguez Costas quen compartiu a súa experiencia polas rutas xacobeas.

Este Foro súmase a outras medidas impulsadas dende o Concello a prol do Camiño ao entender que a ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do noso concello: a creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de Facebook “Camiño Portugués. Tui” con máis 4.300 amigos, etc.

O Rosal afonda sobre a enerxía solar da man de Francisco Hinojosa

0

O Rosal continúa a vindeira semana coas súas ‘Xornadas de Enerxía’, unhas charlas organizadas polo Concello protagonizadas por conferenciantes de relevancia nacional e internacional que teñen por obxectivo abordar asuntos relacionados cos diferentes tipos de enerxía, modos de consumo, modelos alternativos, sostibilidade…  

A segunda cita deste ciclo será o vindeiro martes 25 de xaneiro ás 20.00 horas con Francisco Hinojosa Moyano, técnico superior en enerxía solar e eficiencia enerxética e xerente de Ekosol, que falará sobre as ‘Renovables, novos tempos, novas solucións’. Durante a conferencia, Hinojosa achegará ao público á enerxía solar, tanto térmica como fotovoltaica.

A charla celebrarase de forma presencial no Centro Social Polivalente ou en directo en liña a través dun enlace que se difundirá o vindeiro martes na web e nas redes sociais do Concello. Para desfrutar da conferencia de forma presencial, o Centro Social terá aforo limitado e contará con todas as medidas de seguridade necesarias ante a situación sanitaria. Durante o encontro poderán facerse preguntas e comentarios ao conferenciante e a charla será gravada e publicada na páxina web do Concello.

O Concello continúa co labor de orientación laboral á mocidade de Ponteareas e da comarca

O Concello comezou o novo ano dando continuidade ao seu labor de orientación laboral para as mozas e mozos de Ponteareas e da comarca. Tras a volta ás aulas, o Departamento de Orientación Laboral, dependente da Concellaría de Emprego e Formación dirixida por Vanesa Fernández, retomou as charlas de asesoramento vocacional e formativo aos centros de ensino do Condado.

A última destas charlas foi no CIFP A Granxa, no que a orientadora e a técnica de emprego local centráronse fundamentalmente en informar ao alumnado dos ciclos medio e superior de Xardinaría/Paisaxismo, Forestal e Viticultura sobre as súas posibles saídas laborais, tanto no sector público, con convocatorias fixas e temporais nas diferentes administracións públicas, como no privado, no que poderán atopar dende bolsas e prácticas dos primeiros empregos ata a procura de traballo específico no sector, incluíndo as ofertas publicadas a través do Portal de Emprego da Xunta.

Para a concelleira estas charlas “son fundamentais para abrir o abano de posibilidades laboráis dos rapaces e rapazas, que son o noso presente e o noso futuro e que en moitas ocasións precisan de alguén que lles faga de guía nese camiño”. Vanesa Fernández anima a todas as persoas que o precisen a acudir ao Centro de Desenvolvemento Local e solicitar cita coa orientadora para coñecer a realidade laboral e as posibilidades ás que pode optar.

Redondela dá un paso máis cara o futuro coa contratación dos traballos para a realización dunha Axenda Dixital

0

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Novas Tecnoloxías, que xestiona Olga García Ballesteros, vén de adxudicar á empresa Cinfo Contenidos Informativos Personalizados, a contratación da creación dunha Axenda Dixital, traballos que contarán cun orzamento de 11 616,00 € (IVE incluído).

O proxecto, unha vez rematado, permitirá dotar á cidadanía dunha App para dispositivos móbiles que lle permita unha comunicación directa e eficaz co Concello. Os usos desta aplicación xa utilizada nas grandes cidades, pode ir dende a reserva de locais municipais (salas de ensayo, pistas deportivas) á adquisición de entradas para as actividades culturais que organice o concello ou mesmo que, veciños e veciñas poidan acceder aos seus expedientes administrativos virtuais (Servizos Sociais, Urbanismo ou Padron de habitantes entre outros).

Doutra banda, tal e como explicaba a alcaldesa Digna Rivas, constitúe unha ferramenta de extraordinaria importancia “para seguir avanzando na transparencia e na participación veciñal na gobernanza municipal ao permitir que se puideran realización votacións a través de internet ou mesmo realizar achegas aos presupostos participativos”.

A aplicación permitiría tamén unha axilización notable en procesos sinxelos como a antedita reserva de pistas deportivas ou locais de ensaio. Unha vez realizada a solicitude, a App xeraría un código QR. O usuario e usuaria, activaría a entrada á instalación reservada presentando o QR diante do correspondente lector o que lle facilitaría o acceso sen necesidade de ter que recoller a chave no Concello e entregala ao rematar a actividade.

A maiores da facilidade de acceso, permitiría tamén un control sobre as instalacións ao saber cando foi a última vez que se utilizou e que persoa ou persoas foron as usuarias.

As novas tecnoloxías “son unha ferramenta extraordinaria que temos ao noso alcance e, como administración máis próxima á cidadanía, a nosa obriga é que sirva como canle de comunicación rápido, seguro e eficaz, entre a veciñanza e o Concello”, asegura a alcaldesa.

O Entroido de Baiona adiántase ao sábado 19 de febreiro

0

O Concello de Baiona adianta unha semana a celebración do Entroido. Aínda que a data oficial será a última fin de semana de febreiro, desde a Concellería de Cultura decidiuse adiantalo sete días para que a súa celebración non estea tan próxima á festa máis popular da vila, a Arribada, que este ano se celebrará o 4, 5 e 6 de marzo, e que tamén encherá de fantasía, neste caso medieval, as rúas da localidade.

Deste xeito, o Concello de Baiona será unha dos primeiros en levar a cabo esta celebración. O concurso de comparsas de Entroido terá lugar o sábado 19 de febreiro de 2022, con saída ás 17:00 horas desde a Avenida Urbana de Sabarís e percorrerán as rúas Santa Marta, Monterreal e Elduayen para terminar no Paseo Ribeira.

O Concello de Baiona repartirá 6.500 euros entre as comparsas participantes distribuídos entre os seguintes premios: 1º premio 900 euros; 2º premio 650 euros, 3ª premio 500 euros, 4º premios 400 euros e 5ªpremio 300 euros. O resto do montante repartirase entre as comparsas participantes no desfile e distribuirase en función do número de compoñentes.

Establécese un límite máximo de participación de 20 comparsas no concurso que serán admitidas por rigorosa orde de rexistro de entrada.

Entre os requisitos para participar no concurso de comparsas de Entroido do Concello de Baiona atópanse: cada comparsa terá que estar composta por un mínimo de 12 persoas; participar no desfile organizado o sábado 19 de febreiro de 2022 así como participar no Enterro da Sardiña que terá lugar o mesmo día, a continuación do desfile, cun mínimo de 10 compoñentes por comparsa . As comparsas que incumpran este requisito, serán penalizadas cun desconto do 20% sobre a cantidade que lle corresponda.

Para participar no concurso de comparsas é preciso achegar a seguinte documentación:

  • Solicitude de inscrición segundo modelo no que debe figurar o nome da comparsa, número de membros que a compoñen, (o número máximo que se terá en conta é o que figure na solicitude, salvo que o número de participantes que figure na acta do desfile sexa considerablemente menor). Nome, DNI, dirección e teléfono do/da representante (de non ser unha asociación constituída) e Nome, CIF, dirección e teléfono no caso de ser unha asociación legalmente constituída.
  • Copia do CIF da Asociación ou DNI dun representante da comparsa no caso de grupos informais.
  • Certificado de conta bancaria da Asociación ou dun representante da comparsa no caso de grupos informais.
  • Declaración responsable de atoparse ao corrente no cumprimento dos deberes tributarios estatal, autonómica, seguridade social, Oral e co Concello de Baiona.

As comparsas interesadas,en participar no Concurso de Entroido do Concello de Baiona poden presentar a solicitude oficial no rexistro xeral do concello ou a través da sede electrónica http://baiona.sedelectronica.gal , sempre que sexan unha asociación legalmente constituída.

O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte da publicación do extracto da convocatoria vía BDNS no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, e ata o 16 de febreiro de 2022.

Toda a información necesaria para realizar a solicitude atópase dispoñible na páxina web oficial do Concello de Baiona: www.baiona.gal.

O Concello do Porriño actuará con contundencia ante os verquidos ilegais

Dende a Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antía Carrera, advertiuse hoxe que o Concello do Porriño actuará con contundencia ante os verquidos ilegais que se están a detectar no municipio.

A concelleira amosou a súa preocupación polo aumento de depósitos de residuos en zonas non permitidas do municipio e recorda que se trata de acción ilegais que conlevan importantes sancións económicas.

En moitos casos trátase de neumáticos que están sendo tirados en vertedoiros ilegais. “Tal e como recolle a normativa sobre a xestión de neumáticos fora de uso o almacenamento dos mesmos tense que levar a cabo en condicións de seguridade e salubridade adecuadas e en instalacións que cumpran coas condicións establecidas na deVandita normativa”, explicou a edil, Antía Carrera, “Do mesmo xeito , a norma que regula os residuos e solos contaminados recolle expresamente que está prohibido o abandono, verquido ou eliminación incontrolada de neumáticos fora de uso en todo o territorio nacional ao igual que o depósito en vertedoiro de neumáticos fora de uso”.

As sancións que conleva imcumprir esta norma son considerables: desfacerse de pneumáticos non usados en zonas non autorizadas supón unha multa de 901 ata 45.000 euros.

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo, explicou que “estes verquidos non son só unha falla de civismo, senón que supoñen un deterioro grave para o medio ambiente e por iso dende o Concello serán perseguidos”. O rexedor concluíu apelando á colaboración cidadá para “poner fin a estas prácticas que nos perxudican a todos e todas”.

Número para a recollida de entullos: 665 571 555

Por outra banda, a Concellería de Limpeza, que dirixe José Carlos González lembra que deixar enseres na vía pública sen previo aviso está prohibido conleva unha sanción de 600 euros.

Para desfacerse de colchóns, mobles e obxectos de gran tamaño hai que solicitalo chamando ao 665 571 555, onde se lles informará da hora e lugar donde deben depositar os enseres para que sexan recollidos. 

O Rosal dá un paso máis cara á sostibilidade apostando polas enerxías renovables

0

O Concello continúa dando pasos para converter O Rosal nun municipio o máis sostible posible. Nese camiño, no que se aposta polas enerxías limpas e renovables, o Concello aprobou este xoves en pleno extraordinario unha modificación orzamentaria para abordar a substitución das actuais caldeiras da Casa do Concello e da Escola de Pancenteo por unhas de biomasa. A renovación suporá un investimento de máis de 140.000 euros. O Concello conseguiu captar fondos europeos a través do INEGA para financiar case o 75% do proxecto, máis de 102.000 euros.

Así, tras facer un estudo da situación na que se atopaban todas as caldeiras municipais, o persoal técnico estableceu que estas dúas estaban ao final da súa vida útil. “Tras analizar as diferentes alternativas posibles, tendo en conta o noso compromiso coa sostibilidade e que ambos os dous edificios están catalogados por Patrimonio, a mellor opción e a máis viable era mudar estas dúas caldeiras por dúas de biomasa”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.       

Por outra banda, o Goberno municipal aprobou no pleno a adhesión do Concello do Rosal ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, unha asociación sen ánimo de lucro composta por 100 municipios de Galicia e as deputacións de Pontevedra, A Coruña que queren contribuír á erradicación da pobreza e das desigualdades a nivel global. Tras este acordo, o Concello colaborará de forma activa coas actividades e proxectos desenvolvidos dende o Fondo Galego, achegando así o seu gran de area na mellora xeral da sociedade.

Dúas mulleres trasladadas ao resultar intoxicadas pola mala combustión dun quentador na Cañiza

0

Dúas mulleres necesitaron asistencia a pasada tarde do xoves 20 de xaneiro ao presentar síntomas de intoxicación de monóxido de carbono por mor da mala combustión dun quentador na Cañiza.

As dúas mulleres afectadas foron trasladadas de urxencia a un centro médico polos servizos sanitarios desprazados.

Os feitos sucederon na parroquia de Oroso, pertencente ao concello da Cañiza, ao fío das sete e media. Nese momento, o 112 Galicia recibiu a alerta do escape de gas a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento do GES de Ribadavia, do GES-SPEIS de Ponteareas, da Garda Civil e da empresa subministradora do gas.

Os interesados en compoñer a letra do himno de Mos xa poden presentar as súas creacións por Rexistro

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Participación Cidadá mosense, Sara Cebreiro, informaron esta mañá de que onte abriuse o prazo de presentación de propostas para a letra do himno oficial do Concello de Mos, que permanecerá aberto durante 60 días a contar dende o día de onte, xoves 20 de xaneiro de 2022.

A aprobación das bases aprobouse en Pleno pola maioría de membros da Corporación Municipal o pasado mes de decembro.

Mos conta cun himno municipal propio, a Alborada CAMIÑO DA ROSA, do gaiteiro e compositor Xulio Lorenzo (aprobado en pleno con data 18 de decembro de 2017), e agora, co obxectivo de que este himno conte ademais cunha letra que o diferencie do resto dos municipios, iníciase este procedemento.

Deste xeito redactáronse as bases que rexen a presentación de propostas para a posterior elección da letra para o himno de Mos.

A letra do himno deberá ser aprobada en Pleno. Os participantes deberán ser os lexítimos titulares dos dereitos da letra e estar dispostos a ceder os seus dereitos ao Concello de Mos.

Sobre as características da letra, esta poderá presentar unha proposta calquera veciño, veciña ou colectivo (Asociación veciñal, social, cultural, Escola, Grupo, Centro Educativo… ) de Mos ou doutro lugar. A letra terá que ser en galego. A letra deberá ser acorde á historia, ás tradicións e costumes do lugar e á paisaxe do municipio de Mos. Deberá ser unha letra inédita do/a propio/a escritor/a ou compositor/a.

Serán valoradas todas as propostas presentadas no Rexistro Xeral municipal dende o día seguinte á publicación no BOP e por un prazo de 60 días naturais. Horario de rexistro: de luns a venres: de 9.00 h a 14.00 h. Tamén se pode presentar por rexistro electrónico e toda a información ao respecto pode consultarse na web do Concello de Mos na seguinte ligazón:

A valoración das propostas realizarase entre un xurado profesional (50 % da puntuación) que constituirá unha mesa de traballo, a Corporación Municipal (25% da puntuación) que tamén constituirá unha mesa de traballo formada por cada un dos voceiros de cada partido político e un xurado popular (25% da puntuación).

Como membros do xurado popular poderán votar todas aquelas persoas que o desexen. Só será contabilizado un voto por persoa e unicamente poderase votar a través da aplicación específica “A letra do noso himno” creada para tal fin, e que estará vencellada única e exclusivamente á web municipal. Unha vez sexa elixido o himno, será levado a pleno para a súa aprobación e será o Secretario municipal o encargado de iniciar os trámites necesarios sobre este asunto indicando a Lexislación aplicable e o procedemento posterior a seguir. O himno será presentado oficialmente o 13 de xuño de 2022, DÍA DA ROSA.