22.5 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareas2022, un antes e un despois para Ponteareas

    2022, un antes e un despois para Ponteareas

    O comezo dun novo ano é sempre algo esperanzador. Esperamos que o mellor que nos aconteceu no ano que deixamos atrás, sexa o peor que nos poida pasar no novo que temos diante. No caso de Ponteareas, o 2022 non so marca o iniciou dun ano novo, senón dunha nova etapa ao entrar o municipio do Tea no ‘club’, case que exclusivo, dos concellos galegos que contan cun Plan Xeral de Ordenación Municipal.

    O PXOM, na súa dobre vertente de ferramenta ou arma –dependendo de como e para que se utilice– foi unha constante no debate político ponteareán das últimas dúas décadas. Logo da suspensión das Normas Subsidiarias no 2002, o Plan foi utilizado como arma para xustificar unha vergoñenta moción de censura contra o primeiro goberno PSOE-BNG presidido por Pancho Candeira e con Roberto Mera como tenente de alcalde.

    PP e UCPA, a formación que encabezaba Nava Castro, entenderon a moción como “unha necesidade ante un goberno que non é capaz de sacar adiante o PXOM”. É dicir, pedíaselle ao goberno de coalición que nos 11 meses que estivo ao fronte do Concello aprobara un documento que, posteriormente, demostraríase que o PP non foi quen de sacar adiante nos seguintes 11 anos.

    Agora, coa publicación en decembro do 2021 da aprobación do PXOM no DOG, o Plan de Ponteareas deixa de ser un arma –que era por certo como as escopetas do bisavó que se gardan no faiado e que nunca sabes por onde vai saír o tiro– para converterse nunha ferramenta no máis amplo sentido da palabra. O Goberno BNG-PSOE que encabeza Cristina Fernández remata o traballo comezado polo anterior alcalde, o finado e sempre botado de menos, Xosé Represas, e abre unha nova época para o municipio que ten un Documento que marca o que quere ser e como quere ser.

    Logo destes anos de traballo, de reunións, de loitas contra a administración, que sensación lle produce como alcaldesa que Ponteareas conte con que é, sen dúbida, un dos documentos máis importantes de calquera concello como é o PXOM?
    Logo de 19 anos co urbanismo paralizado totalmente, a sensación é de alegría, de satisfacción e non só polo feito da aprobación en si, que xa é histórico, senón tamén por todos os trámites, acordos e negociacións levadas a cabo nos últimos seis anos por este Goberno liderado inicialmente por Xosé Represas.

    Cómpre subliñar que para Pepe Represas e para o seu equipo había varias cousas prioritarias neste concello. Unha delas era o PXOM e outra a mellora do saneamento no municipio, algo que se fará realidade coa sinatura do convenio con Acuaes e con Augas de Galicia –que se levará a cabo nestas vindeiras semanas e logo de ser validado en cada entidade previamente– para a ampliación da depuradora. Sen poder depurar é imposible avanzar e, nestes momentos, o rural e ese gran esquecido nun dereito tan básico como o servizo de saneamento.

    Estes eran, para nós é xunto coa seguridade na N-120, temas prioritarios que dependían de outras administracións que comezamos a xestionar dende o mesmo instante da nosa chegada ao Concello.

    Un antes e un despois para Ponteareas?
    Por suposto. Sobre todo falando de Ponteareas. Somos un Goberno sumamente implicado co urbanismo. Non se trata só de traballar coa posta vista no Plan, ao mesmo tempo avanzabamos no PXOM traballábamos tamén noutras liñas como a EDUSI, axenda 2030 ou Plan de Mobilidade. O PXOM dálle agora cobertura legal a todas estas actuacións ao mesmo tempo, a mesma cobertura legal que lle dará a instalacións comerciais como é o caso de Eroski.

    O fin dun grave problema para o Concello?
    Si, un enorme problema para o Concello é unha terrible incerteza para moitas familias que laboralmente dependen de Eroski.

    É preciso lembrar, e subliñar, que esa licencia foi outorgada ilegalmente por parte do Concello de Ponteareas. Non é o caso de que a empresa edificara ilegalmente, senón que se lle concedeu unha licencia que, posteriormente coa paralización das Normas Subsidiarias, pasou a ser ilegal. Pero, en todo caso, o Concello pasaba a ser responsable directo. Con outro alcalde, é certo, pero era o Concello e agora nós teríamos que responder e nos enfrontaríamos a un problema de ter que facer fronte a unha indemnización millonaria.

    Agora, co PXOM, o hipermercado ten cobertura legal e hai o compromiso de desenvolver o Plan Parcial nesa área. O mesmo acontece co Polígono da Lomba, dáse cobertura ás industrias que alí están establecidas e, polo tanto, poderían realizar ampliacións e se pode desenvolver por fin o Plan Parcial da Lomba

    É de supoñer que o Concello está agora en disposición de ofrecer espazos dotacionais para infraestruturas que dependen doutras administracións.
    Esa é a cuestión. O PXOM permítenos agora poñer enriba da mesa eses espazos para que as outras administracións fagan os seus deberes como é a segunda escola infantil, centro de saúde, espazos deportivos, de ensino, etc.

    Chega en bo momento o PXOM? Asemella que logo da pandemia son precisas ferramentas de recuperación, nese sentido, é necesario o Plan Xeral para a reactivación económica?

    Non só é necesario. Sen PXOM sería moi difícil pensar nunha reactivación. O Plan permite a creación de solo industrial e novas captacións de investimentos, tanto de emprendedores como de outras industrias. Iso é moi importante para nós porque non soamente producirá ese efecto de reactivación económica senón que terá o efecto de crear emprego que Ponteareas precisa. Non podemos esquecer que, por desgracia, somos un concello cunha alta taxa de desemprego.

    Faría falta máis solo industrial?
    Debemos ir por partes, ser moi cautos e cando demos un paso adiante, ten que ser firme para non ter que volver atrás. Neste momento o principal é acometer o que está na nosa man que é dotar de novo solo que agora xa está catalogado dentro do Plan. Posteriormente virá a hora de facer esas valoracións. O noso traballo terá que ser atraer novas industrias e novas instalacións.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.