O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha xuntanza co novo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, para coñecer de primeira man as actuacións prioritarias que acometerá no mandato e ofrecer a máxima colaboración institucional en todas aquelas medidas que poidan contribuír á dinamización da actividade económica do municipio.
A Xunta está comprometida coa reactivación económica a través do impulso ao emprendemento e, neste sentido, ten aberta a convocatoria do programa Galicia Emprende Rural para a creación de 200 empregos a través de iniciativas non agrícolas de autónomos e emprendedores. Conde explicou que grazas ao Plan de Reactivación, con liñas para dixitalización e modernización de empresas, incentivos ao comercio, axudas para terrazas e liñas de liquidez, mobilizáronse 2,85M€ no Porriño.
Desde o ano 2009, a Xunta concedeu preto de 130M€ en axudas a este concello para apoiar proxectos enerxéticos, dinamizar o comercio ou promover a innovación das empresas implantadas. Un espírito de colaboración institucional que desde o Goberno galego se seguirá impulsando nesta nova etapa co concello do Porriño.
Finalmente, Conde animou ao novo alcalde a que O Porriño se sume á iniciativa de concellos emprendedores, colaborando coa Xunta na captación de novos investimentos. Así os municipios adheridos ofrecen maior simplificación administrativa, máis facilidades de acceso ao solo e máis incentivos fiscais e, a cambio, teñen prioridade nas convocatorias das ordes da Xunta dirixidas á mellora de parques empresariais e posta en marcha de viveiros industriais, impulso da biomasa ou desenvolvemento da actividade comercial.