O Concello de Salceda de Caselas, en coordinación cos barrios da Feira e do Castro Barreiro traballa xa na organización do Entroido 2022, unha cita clave na axenda cultural do municipio e referente en todo o país, que volverá celebrarse logo do parón do pasado ano por mor da Covid-19.
Ademais do centenario enfrontamento, o concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez, traballa xa na elaboración das bases e do protocolo para a celebración do XXIII Desfile de Carrozas e Comparsas o domingo 27 de febreiro, logo de reunirse coas comparsas do Concello, nunha xuntanza na que se apostou pola celebración do evento dun xeito seguro.
O concelleiro de Cultura asegura que “apostamos por recuperar a nosa festa máis tradicional e importante, na que somos un referente e na que temos a obriga de apoiar aos nosos colectivos. Este ano en Salceda celebrarase un Entroido seguro, no que estamos seguros que tanto a veciñanza coma os colectivos gozarán de novo con esta celebración”.
Todos os colectivos implicados coinciden na importancia de recuperar o evento máis importante da axenda cultural de Salceda, aínda que a celebración nas tradicionais datas estará condicionada pola incidencia de contaxios da Covid-19 e polas posibles restricións que aplique a Xunta de Galicia, que xa anunciou un protocolo específico para estas festas.
Unha das citas que si están aseguradas é a parte do Entroido Tradicional, coa actuación do Rancho de Entroido no mediodía do domingo. O Rancho de Entroido de Salceda é único pola súa formación, composta por seis danzantes e dúas damas, ademais dos característicos cabaleiros, encargados de abrir o paso entre o público.
A alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, afirma que “Salceda prepárase para retomar o histórico Entroido, despois do parón do ano pasado pola Covid-19. Un entroido que non sería posible sen o esforzo das asociacións de A Feira e do Castro Barreiro que traballan por manter viva esta tradición centenaria e tamén ás comparsas que enchen de ledicia, cor e humor as nosas rúas no domingo de Entroido”.