Mércores, 11 Decembro de 2024

O Concello continúa co labor de orientación laboral á mocidade de Ponteareas e da comarca

A última charla estivo dirixida ao estudantado dos ciclos medio e superior de Xardinaría/Paisaxismo, Forestal e Viticultura

O Concello comezou o novo ano dando continuidade ao seu labor de orientación laboral para as mozas e mozos de Ponteareas e da comarca. Tras a volta ás aulas, o Departamento de Orientación Laboral, dependente da Concellaría de Emprego e Formación dirixida por Vanesa Fernández, retomou as charlas de asesoramento vocacional e formativo aos centros de ensino do Condado.

A última destas charlas foi no CIFP A Granxa, no que a orientadora e a técnica de emprego local centráronse fundamentalmente en informar ao alumnado dos ciclos medio e superior de Xardinaría/Paisaxismo, Forestal e Viticultura sobre as súas posibles saídas laborais, tanto no sector público, con convocatorias fixas e temporais nas diferentes administracións públicas, como no privado, no que poderán atopar dende bolsas e prácticas dos primeiros empregos ata a procura de traballo específico no sector, incluíndo as ofertas publicadas a través do Portal de Emprego da Xunta.

Para a concelleira estas charlas “son fundamentais para abrir o abano de posibilidades laboráis dos rapaces e rapazas, que son o noso presente e o noso futuro e que en moitas ocasións precisan de alguén que lles faga de guía nese camiño”. Vanesa Fernández anima a todas as persoas que o precisen a acudir ao Centro de Desenvolvemento Local e solicitar cita coa orientadora para coñecer a realidade laboral e as posibilidades ás que pode optar.