Ponteareas continúa esta semana coas actividades en homenaxe ao mestre Castelao. Esta semana o Concello organiza un orixinal obradoiro de iniciación ao humor gráfico galego impartido polo debuxante e deseñador afincado en Ponteareas Pablo Prado, Fuco, un curso de balde cuxo único requisito é ser maior de 11 anos e que se realizará na biblioteca municipal o vindeiro venres 28 de xaneiro de 18.00 a 20.00 horas.
Dende a Concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba, convidan a toda a veciñanza a participar neste curso co que aprender de xeito ameno a contar historias a través de imaxes e viñetas cheas de humor. O obradoiro xirará sobre humoristas gráficos galegos importantes, como Castelao ou Vidales Tomé, entre outros. “No Concello apostamos por actividades creativas demandadas pola mocidade e pola veciñanza en xeral ao tempo que afianzamos o noso apoio ao fomento da lingua galega en cada unha delas”, destaca o edil.
A actividade contará con prazas reducidas, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse no correo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.es ou no teléfono 986 660 765.
O obradoiro será impartido polo humorista e ilustrador gráfico Pablo Prado, gañador do premio de banda deseñada de O Garaxe Hermético con ‘Nerea e o príncipe da Sorte’, un traballo con guión de Miguel Rojo e publicado pola editorial Xerais. Prado colabora ademais dende hai anos en proxectos vinculados á loita pola igualdade como a asociación feminista FestiVal das Brétemas ou SOS Racismo Galicia; no 2019 participa na ilustración do videoclip de animación ‘Semillas’, de Tremenda Jauría; e en 2020 traballa como storyboard na serie de Netflix ‘La casa de papel’ e colabora con Fernando Llor na banda deseñada ‘O último festi’, para o Armadiña Rock de Combarro.