10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMos reúnese coas asociacións de Dornelas e Mos sobre a mellora da...

    Mos reúnese coas asociacións de Dornelas e Mos sobre a mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na estrada Puxeiros-Mos

    O proxecto da segunda fase da humanización, que beneficiará ao tramo que transcorre pola parroquia de Dornelas, atópase en proceso de redacción e os veciños fixeron xa as súas aportacións

    A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, o edil mosense de Urbanismo, José Areal, e o arquitecto municipal, Manuel Toucedo, veñen de reunirse esta semana con dúas das asociacións veciñais das parroquias afectadas pola estrada provincial Puxeiros-Mos, concretamente coa Asociación de Veciños Santa Eulalia de Mos e Asociación de Veciños de Dornelas.

    No caso da parroquia de Mos o obxecto da xuntanza foi o de informar á veciñanza de que xa se atopa rematado o proxecto da primeira fase da humanización da estrada Puxeiros-Mos, que beneficiará ao tramo que transcorre pola devandita parroquia desde o punto quilométrico 0+020 ata o 0+600. Así mesmo, atópase xa próximo o inicio da contratación da obra, pois incluirase no Plan Concellos 2022 e xa se atopa redactado o convenio de colaboración entre Concello e Deputación de Pontevedra, que establece unha financiación ao 30% municipal e 70% provincial, cuxa sinatura producirase próximamente.

    As accións que se levarán a cabo no vial son basicamente as seguintes: mellora da mobilidade peonil mediante creación da senda. Adaptación da drenaxe á nova aliñación proxectada. Execución dos servizos urbanos necesarios: soterramento de iluminación, rede eléctrica e de telecomunicacións. Execución do pavimento da nova ordenación utilizando xabre, formigón, lastra, baldosas e laxas de pedra. Reforzo do firme da calzada no vial municipal mediante fresado e reposición da capa de rodadura. Reinstalación da sinalización vertical e horizontal adaptada á nova ordenación do ámbito e instalación de mobiliario urbano.

    Reunión mantida coa asociación de Mos

    A obra requerirá de actuacións previas e movemento de terras. Comezaranse os traballos coa retirada dos elementos de superficie: sinais e postes, para poder continuar posteriormente coa demolición dos pavimentos existentes que corresponda. Unha vez realizada a demolición dos pavimentos referidos, previo corte lonxitudinal con disco, e xerado o sobreancho necesario para a nova sección, procederase ao saneo do terreo mediante o caixeado necesario para poder executar posteriormente o novo paquete de firme deseñado. En canto á drenaxe, debido á solución proxectada será preciso adaptar a drenaxe superficial á nova aliñación do vial. A auga superficial será recollida pola reixas e sumidoiros contiguos ao viario que conducirán a auga, a través de tubaxes ata os puntos de vertedura. Renovarase por completo a iluminación do vial, mediante o soterrado da liña e a instalación de novos puntos de luz con lámpadas led para mellorar a eficiencia enerxética da rede. A maiores, aprovéitase a actuación para executar a canalización dos servizos de electricidade e telecomunicacións.

    O prazo de execución previsto para as obras é de seis meses

    Para a financiación desta primeira fase da humanización da estrada Puxeiros-Mos asinarase un convenio que establece as condicións da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos para a execución do proxecto titulado “Mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP 2601 Mos- Puxeiros dende o PQ 0+020 ata o PQ 0+600”.

    O importe o que se refire a presente actuación ascende a un orzamento total de 446.545,39 €. Os investimentos necesarios para a realización das mencionadas obras serán financiados pola Deputación de Pontevedra e Concello de Mos mediante a achega da Deputación de Pontevedra 312.581,77 € (70%) e Concello de Mos 133.963,62 € (30% do importe das obras).

    Pola súa banda, durante a reunión coa Asociación de Veciños de Dornelas, tratouse sobre o proxecto da segunda fase da humanización, que beneficiará ao tramo da estrada Puxeiros-Mos que transcorre por esta parroquia, e que se atopa en proceso de redacción por parte dos técnicos da Deputación.

    Desde o Concello de Mos xa se mantivera unha reunión previa para analizar o primeiro borrador do devandito proxecto e, nesta última xuntanza, os veciños xa lle transmitiron ao Concello as súas aportacións ao documento para mellorar a seguridade, aportacións que desde a administración local mosense lle serán remitidas á Deputación para a súa inclusión no proxecto definitivo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.