Xoves, 16 Xaneiro de 2025

O Rosal dá un paso máis cara á sostibilidade apostando polas enerxías renovables

O municipio adhírese tamén ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Concello continúa dando pasos para converter O Rosal nun municipio o máis sostible posible. Nese camiño, no que se aposta polas enerxías limpas e renovables, o Concello aprobou este xoves en pleno extraordinario unha modificación orzamentaria para abordar a substitución das actuais caldeiras da Casa do Concello e da Escola de Pancenteo por unhas de biomasa. A renovación suporá un investimento de máis de 140.000 euros. O Concello conseguiu captar fondos europeos a través do INEGA para financiar case o 75% do proxecto, máis de 102.000 euros.

Así, tras facer un estudo da situación na que se atopaban todas as caldeiras municipais, o persoal técnico estableceu que estas dúas estaban ao final da súa vida útil. “Tras analizar as diferentes alternativas posibles, tendo en conta o noso compromiso coa sostibilidade e que ambos os dous edificios están catalogados por Patrimonio, a mellor opción e a máis viable era mudar estas dúas caldeiras por dúas de biomasa”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.       

Por outra banda, o Goberno municipal aprobou no pleno a adhesión do Concello do Rosal ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, unha asociación sen ánimo de lucro composta por 100 municipios de Galicia e as deputacións de Pontevedra, A Coruña que queren contribuír á erradicación da pobreza e das desigualdades a nivel global. Tras este acordo, o Concello colaborará de forma activa coas actividades e proxectos desenvolvidos dende o Fondo Galego, achegando así o seu gran de area na mellora xeral da sociedade.