Xoves, 14 Agosto de 2025

A cultura invade O Porriño co teatro e a música como protagonistas

A Concellería de Cultura, que dirixe Bienvenido Estévez, presentou a súa programación cultural para este trimestre. Música, teatro, animación á lectura e conferencias conforman esta oferta cultural dirixida tanto a público adulto como infantil.

A música será unha das grandes protagonistas. Coincidindo co Día de Rosalía de Castro a pianista Andrea García González ofrecerá un concerto no Círculo Recreativo Cultural e o domingo 20 de marzo, será o músico de jazz Rafa Fernández quen actúe na praza Arquitecto Antonio Palacios.  Tamén haberá pasarrúas a cargo dos grupos folk Carapaus, Fondaos do Pífaro e da Asociación Cultural de Mosende.

Para celebrar o día de San Valentín, a reputada Tuna da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela percorrerá as rúas e prazas do Porriño .

O teatro será parte importante da oferta cultural do Porriño para este trimestre, tanto para o público familiar como para os máis pequenos. A compañía Animar-T representará a súa obra musical “De cando un paxariño espertábame tódalas mañás no confinamento” para conmemorar o Día Internacional do Teatro, e tamén se subirá o telón para disfrutar das propostas de Atrezo Teatro “Que familia!” e “Pequeatrezos” e de “A nena que se comia todos os contos” de Trémola Teatro.

“A progamación base que hoxe presentamos completarase coas específicas deseñadas para celebrar o Entroido e conmemorar o Día Internacional da Muller e o Día de Rosalía de Castro, que se farán públicas nos próximos días”, indicou o concelleiro, Bienvenido Estévez.   

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo, explicou que a “cultura será un dos nosos eixos esenciais, queremos que O Porriño sexa un referente cultural”. “Queremos que as manifestacións culturais aneguen a nosa vila, sacalas á rúa e traballamos para que, nos vindeiros meses, cada fin de semana actúen no Porriño agrupacións e artistas locais, ademais dos grupos das nosas asociacións culturais e veciñais”, concluíu o rexedor.

A Eurocidade Tui-Valença celebra o seu décimo aniversario afrontando novos desafíos para a próxima década

0

Onte a Eurocidade celebrou o décimo aniversario da súa creación cun acto solemne nun lugar emblemático na fronteira coma a antiga Alfândega de Valença. Aí tivo lugar o descubrimento dunha placa conmemorativa, que posteriormente será colocada na vella Ponte Internacional, e a sinatura dun protocolo de cooperación coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, foron os anfitrións en tan destacada xornada que contou cunha ampla presenza de autoridades e representantes de distintos colectivos de ambas beira do Miño. No acto participaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o director da AECT Galicia Norte de Portugal, Nuno Almeida, e a vicepresidenta da CCDR Norte Célia Ramos.

O acto comezou coa proxección dun vídeo resumo destes dez anos de Eurocidade, dando paso a continuación á intervención de Nuno Almeida, o director da AECT Galicia Norte de Portugal, quen explicou que o protocolo asinado hoxe terá unha periodicidade de 2 anos prorrogable anualmente de xeito automático. Lembrou que a AECT que dirixe ten coma principal finalidade “a colaboración transfronteiriza coma instrumento de transformación destes territorios en novos espazos de desenvolvemento”. Nese senso aludiu a colaboración que están a realizar con esta Eurocidade para a súa estratexia para os próximos anos.

[su_image_carousel source=”media: 53359,53370,53366,53354,53360,53355,53356,53357,53361,53363,53362,53364,53365″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, falou de pasado, de presente e de futuro. Lembrou coma hai dez anos esta Eurocidade foi a primeira en constituírse entre Galicia e o Norte de Portugal, institucionalizando o que xa era unha realidade a nivel social. Trasladou o “recoñecemento e gratitude” aos que hai unha década foron os “actores políticos que crearon esta Eurocidade” en referencia ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e aos daquela mandatarios de Tui e Valença, Moisés Rodríguez e Jorge Mendes.

Para Enrique Cabaleiro o balance deste 10 anos é “moi positivo” xa que non sé se levaron a cabo actividades culturais e deportivas de forma conxunta dando lugar a “unha axenda única nun territorio transfronteirizo en Europa”, senón que “baixo o paraugas da AECT Galicia Norte de Portugal estamos desenvolvendo dous proxectos moi importantes” “Río Miño, destino navegable” en promoción turística e o proxecto Unicidade no que están traballando na definición da Estratexia 2030. Tamén “xunto con outras eurocidades a través da cobertura que nos presta a AECT Río Miño estamos desenvolvendo outros proxectos importantes” para este territorio transfronteirizo, engadía.

Subliñou amais que “a creación da Eurocidade espertou no conxunto das persoas, tanto do veciños de Valença coma dos de Tui, a necesidade de sentirnos de ambos lados do territorio” e coma exemplo puña o efecto que provocou o primeiro peche de fronteiras derivado da pandemia da covid, que xerou un “rotundo rexeitamento” pero que “máis que nunca se espertou na conciencia dos veciños e das veciñas do outro lado da fronteira esa necesidade de sentirnos un único pobo, unha única identidade, que compartimos obxectivos comúns e polo tanto debemos loitar unidos por eles”.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indicou que para afrontar os novos desafíos “temos que dotarnos dunha serie de instrumentos, sobre todo xurídicos, que nos dean capacidade xurídica e de obrar” xa que indicaba que “hai unha barreira xurídica, normativa e a administrativa que aínda os territorios transfronteirizos non damos superado“. Tamén precisou que “o gran desafío para o futuro neste territorio son os servizos de carácter sociosanitario e educativo”.

Pola súa banda o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, tras repasar a colaboración realizada no seo da Eurocidade indicaba que “urxe agora dar o próximo paso para unha maior converxencia institucional, económica e social, promovendo compartir servizos coma un instrumento dinamizador da Eurocidade Tui-Valença”. Engadía que “Precisamos enfocarnos no futuro, unha visión de medio e longo prazo , para a afirmación da nosa Eurocidade coma un referencia na cooperación transfronteiriza, con efectos claros no desenvolvemento e aproveitamento das potencialidades únicas do noso territorio” polo que indicaba están a traballar na Estratexia de 2030.

Engadía o mandatario valenciano que “somos conscientes que para o desenvolvemento de proxectos de cooperación transfronteiriza que ambicionen unha promoción crecente do noso tecido económico, empresarial, tecnolóxico, académico, social, cultural ou deportivo é necesario o recoñecemento da personalidade xurídica da Eurocidade Tui-Valença”. Por iso dicía “dez anos despois da formalización da constitución da nosa Eurocidade asinaremos hoxe un protocolo de colaboración ambicionando a maximización do desenvolvemento do territorio transfronteirizo que compartimos”. Indicaba que “ste é un paso fundamental para a implementación da visión estratéxica para o futuro da Eurocidade Tui-Valença e para o apoio e valorización deste territorio de fronteira”.

A vicepresidenta da CCDR Norte Célia Ramos, afirmaba que a vella Ponte Internacional “é un símbolo da amizade do noso pobo”. Engadiu que “os homes fixeron pontes, non barreiras, a experiencia das nosas eurocidades é unha expresión contemporánea e activa relevante desta mesma afinidade, e é tamén un instrumento ao servizo das nosas poboacións e do desenvolvemento rexional”.

Amais Célia Ramos indicou que o camiño feito nestes dez anos é “un legado de confianza e de experiencia” e os pasos dados en cooperación en diversas áreas “son unha motivación para profundar en novas apostas”. Concluía indicando que “os desafíos están aí. Os desafíos que temos por diante son moi relevantes, nas áreas do ambiente, da sustentabilidade, das smarts cities, de compartir recursos e de servizos, en protección civil e na promoción dos sempre presentes Camiños de Santiago”.

Por último o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, aludía as actividades compartidas por Tui e Valença “isto é unha pequena miragre que agora parece moi fácil pero que hai uns anos era absolutamente imposible, polo tanto sigamos traballando así, e sigamos aproveitando a enorme oportunidade de que aquí xa hai moitísimo tempo que a xente ten unha relación moi especial, que agora as administracións acabamos de entender e estamos potenciando”. Previamente referíase á importancia do Camiño Portugués neste territorio da Eurocidade “este ano van pasar por aquí, quero ser realista, se todo vai ben e a pandemia sigue mellorando, pode ser espectacular, con 140 mil ou 150 mil persoas que poden pasar por aquí”. Nese senso agradecía que “sexades os anfitrións da xente que ten a conciencia de facer un camiño que atravesa dous países, unha eurorrexión, e que cada vez máis xente quere facer. Eu creo que é unha perfecta mostra do que supón a irmandade, o que supón traballar conxuntamente”.

Asinado o contrato con Civis Global S.L.U. para rehabilitar a piscina climatizada da Cañiza

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, asinou onte o contrato coa mercantil Civis Global S.L.U. de Vigo para comezar a rehabilitación enerxética da piscina climatizada do municipio.

A tramitación iniciouse o pasado 27 de xullo coas providencias correspondentes, o informe do Secretario, o informe de fiscalización do Interventor Municipal, a proposta da Xunta de Goberno Local de aprobación do expediente da contratación e o anuncio de licitación do expediente número 962/2021 publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público o pasado 04-01-2022 ás 14:01 horas.

Neste portal do Goberno de España, ao que teñen acceso todas as empresas, estiveron publicados todos os pregos administrativos relacionados coa obra. Ademais, a plataforma é a que marca os tempos para a presentación das solicitudes e ofertas.

En todos os procedementos de licitación de obras se constitúe unha Mesa que é a encargada de abrir e valorar a documentación e ofertas presentadas polas empresas a través da plafatorma. Nesta Mesa a participación da parte política do Goberno da Cañiza está en minoría (porque así o decidiu o Alcalde Luis Piña) xa que a mesma está composta polos funcionarios habilitados do Concello (interventor e  secretario) e polo Alcalde, en igualdade de condicións e votos e por un funcionario administrativo que é o que exerce como Secretario da Mesa con voz pero sen voto.

A adxudicación que rexiuse segundo a Lei de Contratación do Séctor Público, por procedemento aberto simplificado e no que puideron participar todas as mercantiles interesadas na obra. Para a licitación, únicamente se presentou, a través da plataforma de contratación do sector público, a empresa Civis Global.

Esta mercantil puido concurrir e participar nesta licitación porque contaba con toda a documentación e acreditacións de solvencia necesarias, como se recolle no expediente correspondente: presentación de declaración e avales garantistas, compromiso de adscripción dos medios materiais e persoais necesarios para a correcta execución da obra, certificado e declaración de vixencia de  inscripción no Rexistro Oficial de Licitadores e empresas clasificadas do sector público, certificados de non ter  pendentes de ingreso débedas coa Seguridade Social e coa Axencia Tributaria, certificado de situación no Censo de Actividades Económicas do AEAT así como unha declaración responsable de non ter causado baixa no censo do IAE. 

Unha vez valoradas pola Mesa de contratación as condicións técnicas e acreditacións de solvencia da empresa e coñecida a oferta económica, a Mesa solicitou, ao arquitecto redactor do proxecto de reforma da piscina, unha valoración.  A Mesa aprobou a oferta por UNANIMIDADE de todos os membros.

Finalmente, a proposta da Mesa de contratación foi aprobada pola Xunta de Goberno local do Concello o pasado 8 de febreiro e hoxe o Alcalde Luis Piña asinou o Contrato coa empresa, despois dun procedemento totalmente garantista e transparante como todos os que se veñen desenvolvendo neste mandato.

Bancos nas alamedas Castelao de Redondela e Rosalía de Castro de Chapela para lembrar a persoeiros destacados do municipio

0

No mes de xuño de 2019, recen chegado o Goberno que preside Digna Rivas ao Concello, unha das súas primeiras iniciativas, desenvolvida a través do Servizo de Normalización Lingüística, foi a de perpetuar o nome de persoeiros ilustres de Redondela, ou que mantiveron relación co municipio, a través de placas situados nos bancos da Alameda Castelao e a Alameda Rosalía de Castro de Chapela.

Nunha primeira quenda, nomes de ámbito local como Casto Sampedro ou Reveriano Soutullo e intelectuais ou artistas que, dunha ou doutra maneira, falaron de Redondela, como Julio Cortázar ou Dalí tiveron o seu sitio na Alameda Castelao.

Do mesmo xeito, na Alameda de Rosalía de Castro, en Chapela, exhibía placas de persoas vinculadas a esta parroquia, coma Xela Arias ou Álvaro Cunqueiro, director de Faro de Vigo cando abriu as súas oficinas en Chapela.

Agora, o Goberno local continúa esa iniciativa engadindo novos nomes aos bancos para que, a través deles, as veciñas e veciños coñezan máis sobre os homes e mulleres que lles dan nome e quede perpetuada a súa memoria.

Nesta segunda quenda, os bancos lembrarán os nomes de Alejandro Otero (1888-1953) Médico, catedrático e reitor da Universidade de Granada. Deputado socialista morto no exilio; Telmo Bernárdez (1885-1936) Médico, líder agrarista e alcalde de Redondela. Fusilado en 1936; José Figueroa (1880-1912) Emigrante no Brasil. Filántropo e benfeitor de Redondela; Ernestina Otero (1890-1956) Profesora de mestres. Pedagoga entre as primeiras de Galicia; Paulina Sánchez (1898-1971) Mestra e activista cultural; Antonia Míguez Lago (1917-2001) Das primeiras mulleres sindicalistas de Redondela; Lois Pereiro (1958-1996) Poeta de culto. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas 2011; Mulleres solidarias de San Simón (1936-1943) A todas as mulleres de Redondela que practicaron a solidariedade cos presos políticos detidos na illa de San Simón e no barco Upo Mendi; Juana Domínguez Núñez (1884-1967) Dona da Taberna Nador onde nunca faltou pan para quen tiña fame; Ignacio Ramonet (1943) Xornalista e profesor nado en Redondela. Director de Le Monde Diplomatique; A estirpe Cal (s. XX) Fotógrafos da vida e alma de Redondela comprometidos co pobo galego; Rita Regojo (1929-2011) Fundadora da ONG Aldeas Infantís de Galicia; Felipe Cordero Carrete (1895-1988) Nado en Redondela e emigrado en América, foi membro do Seminario de Estudos Galegos; Josefa Puga Docampo (1919-1995) Muller represaliada polo franquismo que mantivo a dignidade ante as aldraxes sufridas; Suso Vaamonde (1950-2000) Veciño de Chapela que destacou dentro do movemento de Voces Ceibes

O Concello de Nigrán finaliza as obras do novo comedor no CEIP Humberto Juanes

0

O Concello de Nigrán rematou as obras de construción dun novo comedor no CEIP Humberto Juanes de Nigrán, estreándoo o alumnado esta mesma semana. Adicionalmente, está practicamente rematada a cociña escolar municipal, dimensionada para poder fornecer de menús a todos os centros educativos do municipio sen instalación propia e con sistema de catering, tal e como sempre comprometeu o goberno local.

A totalidade das obras foi adxudicada a Construcciones Castro cun investimento de 288.194 € con cargo ao remanente de Tesourería do Concello (o orzamento base era de 378.605 €). O comedor, agora nun único espazo diáfano aillado acústicamente, está decorado nas paredes con textos e ilustracións de Olalla Fernández alusivos á boa alimentación.

“Agradecemos o sacrificio de toda a comunidade escolar durante estes meses de obras xantando nas aulas, creemos sen dúbida que o esforzo pagou a pena e que se verá aínda máis recompensado cando funcione a cociña”, sinala o alcalde, Juan González, quen subliña a funcionalidade do novo espazo, que anteriormente se dividía en diferentes habitáculos. Adicionalmente, conta cunha nova entrada exterior mediante rampla para garantir a súa accesibilidade.

A Asociación de Hostaleiros ‘Bares Mos’ estrea sede

0

Na tarde de onte xoves tivo lugar o acto de presentación da recentemente constituída Asociación de Hostaleiros/as ‘Bares Mos’ e da súa sede, sita nun local das dependencias municipais da Axencia de Colocación de Mos, que lles foi cedido polo Concello.

Trátase da antiga cafetería do edificio da Axencia de Colocación do Concello de Mos, cuxo uso se lles cede aos hostaleiros de Mos por parte da administración local mosense, dando continuidade ao apoio total a este sector, un dos grandes damnificados pola pandemia da COVID-19.

Na presentación estiveron presentes a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, para manifestar o apoio e colaboración da Xunta de Galicia á Asociación e expoñerlles diferentes axudas autonómicas que poden solicitar e das que se poden beneficiar; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Julia Loureiro, concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego; Esteban Cidanes do Restaurante Esteban, presidente da Asociación de Hostaleiros/as de Mos e demais membros da directiva da Asociación, integrada por representantes dos locais de hostalería O Alpendre, Quinta da Rivas, Tapería Baxiña, Tapería Lano, Floriano e Catering Jorge Lorenzo.  

‘Bares Mos’ é a Asociación de bares e restaurantes de Mos que conta xa con 58 socios adheridos. Agora, unha vez constituída a Asociación, e dispoñendo dun local como sede para uso propio, desde a Asociación de Hostaleiros/as de Mos coa colaboración do Concello, comezaranse a organizar iniciativas que contribúan a dinamizar un sector, o da hostelería, que tanto leva sufrido a crise derivada das consecuencias da COVID-19.

Pola súa banda o Concello de Mos coa cesión deste espazo para Bares Mos, quxo amosar a “axuda incondicional” a este sector empresarial do municipio ao que leva apoiando desde os inicios da pandemia con diferentes iniciativas. Esas axudas, sinala o Concello, supuxeron “a inclusión no orzamento municipal para o presente ano 2022 unha novidade moi destacable: a creación dun novo epígrafe de apoio á hostalería dotado dunha cantidade fixa anual de 10 000 euros que se irá revisando cada ano en función das necesidades”.

Respecto deste apoio á hostalería que incluirá campañas de promoción, dinamización e difusión, entre outras inversións, a alcaldesa destacou que “a crise sanitaria da COVID-19 marcou un antes e un despois para este sector e para a sociedade en xeral, e agora que os integrantes deste colectivo en Mos xa están constituídos como Asociación, cómpre que desde as administracións nos adaptemos tamén á nova realidade”.

O Rosal rematará as súas Xornadas de Enerxía falando sobre consumo comunitario e alternativas sostibles

0

O Rosal rematará o vindeiro sábado 12 de febreiro ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente as súas “Xornadas de Enerxía” coa charla “Consumo comunitario e alternativas enerxéticas sostibles” do consultor Xosé Manuel Golpe.

A entrada é de balde ata completar aforo e o experto reflexionará coa veciñanza sobre o gran potencial das comunidades locais de xerar e consumir enerxía procedente das súas propias fontes renovábeis dunha maneira sostible e respectuosa co medio ambiente.

Esta charla é a última dos tres relatorios que contaron con conferenciantes de relevancia nacional e internacional. A alcaldesa, Ánxela Fernández, destacou “o éxito que tiveron estas charlas” e afirma que “pouco a pouco, continuamos traballando en todos os ámbitos para facer do Rosal un concello máis sostible”.

Ponteareas reformará o centro Asprodico potenciando a sostibilidade e o confort de usuarios

O Concello vén de sacar a licitación a execución do proxecto de mellora do centro municipal Asprodico, no que se prestan con carácter principal servizos de atención temperá e de atención diúrna terapéutica ocupacional. O obxectivo destes traballos é mellorar a envolvente térmica do edificio e dotar de instalacións de climatización para potenciar a confortabilidade das instalacións e a redución das emisións de CO2.

“As melloras nestas dependencias beneficiarán aos usuarios e usuarias das instalacións, tanto aos veciños e veciñas aos veciños e veciñas que participan nos obradoiros ocupacionais como as persoas con discapacidade da comarca que utilizan os servizos de Adapta, que poderán gozar dunhas instalacións modernas e confortables. E tamén repercutirá de forma positiva nos socios e socias da Asociación Veciñal de Canedo, que na actualidade conta cun local no propio centro que tamén será remodelado”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.  

Con estas obras acometerase o illamento das fachadas polo exterior dos distintos módulos, da cuberta polo exterior e dos falsos teitos; substituiranse as carpintarías exteriores dos módulos superiores; realizarase a renovación integral dun local da planta baixa e o acondicionamento da soleira de todos os módulos da planta superior, entre outras actuacións. “Con estas actuacións lograrase ademais un aforro no consumo do edificio do 56%”, salientou a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.

O Concello conseguiu fondos europeos e provinciais para acometer esta actuación, que suporá un investimento de case 328.000 euros. Será cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020, medidas 1 e 17 a través do IDAE, do Ministerio para la Transición Ecológica, e a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.

As empresas e as e os profesionais interesados en presentar as súas propostas poderán facelo ata o 28 de febreiro ás 14.00 horas.

Covelo investíu 35.000€ na mellora das instalacións do campo de fútbol e da cantina

0

O goberno de Covelo realizou obras de mellora nas instalacións do campo de fútbol municipal e da cantina por valor de 34.999,99€. As obras foron financiadas co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e permitiron a instalación de tres módulos prefabricados para uso da directiva e do persoal de mantemento do campo e o acondicionamento da cantina do campo de fútbol ubicada no Campo da Feira.

Por un lado o Concello procedeu á construción dun edificio de servizos composto por tres módulos prefabricados para suplir a carencia dun espazo de reunións para a directiva que agora poderá contar cunha oficina, un almacén para enseres de mantemento do campo e un aseo. Esta infraestrutura de preto de 40 metros cadrados ubícase nunha parcela municipal anexa ao terreo de xogo que xa contaba con saneamento, abastecemento de auga e rego, rede de electricidade e alumeamento público.

Desta forma, obtéñense edificios modulares cun alto nivel de confort, grazas aos seus niveis de illamento, e totalmente desmontables e trasladables. Este novo edificio conta con conexión á rede eléctrica, conexión á rede de abastecemento de auga e tamén á rede de saneamento.

Por outra banda, o Concello acometeu obras de acondicinoamento do interior da cantina do campo de fútbol que da uso e servizo ao público xeral tanto os días de partido como o día da Festa do Churrasco no día de Santiago Apóstolo. As obras permitiron a instalación dun falso teito desmontable, o pintado de todo o interior e a substitución das luminarias existentes por oito luminarias de tipo panel LED.

O alcalde Pablo Castillo explica que esta era unha demanda tanto dos e das usuarias do campo de fútbol como da directiva do club de fútbol que agora contará cun espazo cómodo e propio no que desenvolver pequenas reunións, gardar arquivos ou almacenar repostos derivados desta actividade deportiva. A elección dos materiais tanto da estrutura como do alumeamento perseguen o aforro enerxético e unha diminución das emisións de CO2 dando un paso máis na consecución dos ODS e das directrices do Pacto das Alcaldías (PACES).

Arbo e a Xunta ampliarán o vial entre a rúa Vázquez Estévez e a estrada PO-400

0

O Concello de Arbo, acaba de aprobar o convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e vivenda a través da Dirección Xeral do Territorio e Urbanismo para  realizar obras de ampliación do vial entre a rúa Vázquez Estévez e a estrada PO-400.

Os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como elemento dinamizador de desenvolvemento social e cultural da nosa sociedade e son, ademais, elementos estruturais na contorna urbana.

As intervencións definidas como contornas urbanas recollen as actuacións enfocadas a mellorar o espazo público tendo en conta as necesidades de utilización e en relación coa mellora da contorna, o ambiente e a calidade de vida.

Coa presente actuación preténdese a apertura dunha nova rúa entre a estrada PO-400 que se sitúa no extremo norte da vía prevista e a rúa Vázquez Estévez, no seu extremo sur. A proposta supón a completa urbanización da rúa coa incorporación dunha calzada dun único sentido de circulación de vehículos, beirarrúas a ambos os lados e unha zona axardinada. A intervención complétase coa disposición dun paso de peóns e reparación da beirarrúa da rúa Vázquez Estévez.

O orzamento de execución por contrata de 315.513,77 €, correspondendo a base 260.722,18 € e ao IVE do 21 % 54.758,59 €,  dos que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aportará 252.132,62 € (70 % do custe estimado)  e Concello de Arbo 108.056,84 € (30 % do custo estimado)

O obxeto da obra e a recuperación de espazo público peonil para facilitar os desprazamentos e potenciar a súa función como espazo de encontro dos veciños. – Mantemento e conservación das rúas en óptimas condicións de seguridade, para os vehículos e transeúntes. Coas obras permitirase a saida de vehículos a través do mesmo ata a Estrada autonómica PO-400, liberando de tráfico o casco urbano de Arbo, principalmente da parte xa peatonalizada. Ao mesmo tempo, ao contar con aceras este novo tramo, constituirá un itinerario seguro para os peons que accedan o casco urbano dende outras zonas.

Coas as actuacións previstas pretendese mellorar a seguridade vial na zona e na súa contorna e dotar de máis infraestruturas e mellores comunicacións aos arbenses.

Xornada cultural da Deputación no Castelo de Soutomaior

O Castelo de Soutomaior abriu hoxe o pano para converterse no escenario desde o que o sector cultural galego analizou os seus retos de futuro trala pandemia, nunha xornada organizada pola Deputación de Pontevedra e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. Preto de cen persoas, entre técnicos e técnicas municipais, concelleiros e concelleiras e representantes do ámbito asistiron aos debates dos “Retos da cultura poscovid”, protagonizados por destacadas e destacados líderes da cultura en Galicia e o Estado e que serviron para poñer de manifesto que a profesionalización, a perspectiva de xénero, a sostibilidade, o apoio ao mundo rural e a Axenda 2030 están entre as principais metas a reforzar trala pandemia. Así o destacou a presidenta do colectivo, Pilar Portela, e a presidenta provincial, Carmela Silva, quen puxo en valor que “a cultura ten que ser unha prioridade, temos que democratizala e conseguir que chegue a todos os lugares” e tamén avogou por un maior protagonismo do mundo local con recursos suficientes para abordar as grandes transformacións que a cultura provoca no territorio.

Carmela Silva subliñou neste senso que a cultura “é o elemento máis transformador da sociedade” e amosou a necesidade de facer “unha profunda reflexión, porque a cultura ten que ocupar un grande espazo na vida das persoas e as administracións teñen que entendela como unha necesidade vital que nos obriga a apoiala”. A presidenta provincial lembrou que a pandemia supuxo “unha afección moi grande” ao sector co cese de actividades ou redución de aforos e que aínda así foi quen de reinventarse a través de espazos virtuais “ante a necesidade da xente de cultura, porque a Covid provocou moito sufrimento”. E destacou que no novo escenario poscovid hai que apostar de xeito decidido pola democratización deste “ben común” que é a cultura “que de xeito colaborativo co sector ten que chegar a todos os lugares”. “Temos que conseguir que non soamente se produza nas grandes cidades –dixo-, porque a cultura transforma os concellos cando chega; pasan cousas moi relevantes que non só teñen que ver co dereito a ter cultura, senón coa transformación deses territorios”. Carmela Silva engadiu que neste contexto é imprescindible tamén a necesidade de apoiar ao mundo local con recursos, “e se o mundo local non vai ser quen xestione os recursos de forma directa, será un erro”. “En Galicia, -afirmou-  quen está a facer o traballo de levar a cultura a todo o territorio é o mundo local e os propios concellos cun esforzo extraordinario. E non se van producir  as grandes transformacións se o mundo local non ten unha presenza potente”.

A presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Pilar Portela, que xunto a Uxío Novoneyra, tamén representante do colectivo, e a deputada provincial Victoria Alonso pecharon a xornada, destacou esta posta en común en Soutomaior de todas as propostas coas que o sector busca afrontar o desafío postpandémico e lembrou que “a cultura ten unha casuística especial e non se pode tratar igual que calquera outro servizo”. Para Portela, a pandemia puxo de relevo “a importancia de pensar no público, do traballo en rede e do traballo dende, por e coa cidadanía”, que son aspectos fundamentais, “porque cando os proxectos saen da cidadanía se xera comunidade, se traballa en rede e saen moito mellor”, así como “a sostibilidade, que é unha oportunidade para nós, o rural, a igualdade, a perspectiva de xénero, a inclusión e a diversidade, en definitiva, todo o que é cultura”. Subliñou así mesmo a necesidade dunha Lei de Cultura estatal e tamén, como se tratou na xornada, a necesidade da definición do perfil profesional das persoas traballadoras da cultura nos concellos: “Hai poucos municipios que teñen servizos de cultura e é necesario regular estas cousas”.

Benito Burgos, coordinador do programa “Cultura e Cidadanía” na Subdirección Xeral de Cooperación Cultural do Ministerio de Cultura, foi o encargado de abrir a xornada cun resumo das investigacións que a través da citada iniciativa veñen dando as claves para o futuro inmediato do sector e que, como subliñou, pasa por cuestións como a alianza cultura-saúde, “porque a cultura ten que traballar na saúde e o benestar das persoas”, a mirada ecolóxica e da sostibilidade, o traballo en rede ou o paso do concepto de “transacción comercial” á idea da participación da comunidade para pasar a ser axente activa deste “ben público e común”. “Nin as cidades nin o mundo rural poden vivir alleas ao que acontece no outro escenario”, apuntou, tras incidir tamén en que hai que incluír a cultura “na economía social e solidaria”. Burgos subliñou así mesmo a importancia que o mundo rural vai ter cun proxecto específico que será financiado a través dos Fondos Next Generation e que destinará 20 millóns a plans para dinamizar a oferta cultural de zonas non urbanas no Estado. Neste senso, sinalou que o plan o xestionarán as comunidades autónomas, pero avogou porque as entidades locais e as deputacións participen activamente neste proceso “polo seu protagonismo na democratización do territorio”.

Na primeira mesa redonda da xornada, sobre “Retos de futuro da xestión cultural na provincia de Pontevedra” o director do Festival de Cine de Cans Alfonso Pato falou entre outras cuestións da xestión cultural, ao resaltar a importancia da existencia dun perfil específico que realice tarefas deste tipo nos concellos e en outras organizacións como os festivais. Engadiu que os retos propostos na xornada “poden aplicarse a nivel local na provincia, pero cada quen ten unhas características diferentes” e matizou que “aspectos como a transición dixital, que non é o mesmo que se fagan nun ámbito urbano que no rural”. Neste debate, moderado por Jorge Linheira, do Servizo de Infraestruturas Culturais do Concello de Pontevedra, participaron tamén a comunicadora especializada no eido da cultura Marián Rodríguez; a xestora e comisaria cultural e Paula Cabaleiro, directora da área de Cultura da Deputación de Pontevedra.

A segunda mesa afondou nos principais “Proxectos inspiradores en xestión cultural na provincia de Pontevedra”, e moderada por Clara Rodríguez, socia de 7H Cooperativa Cultura, serviu como plataforma para dar a coñecer iniciativas como a colección de libros “Defensoras de Dereitos”, na que colaborou a Deputación e da que falou Helena Capera, da Coordinadora Galega de ONGD. As publicacións foron escritas por Lara Dopazo Ruibal con ilustracións de Marta Conde e o colectivo RotmInas e narran historias de vida e loita de mulleres activistas defensoras de dereitos humanos de Guatemala, Honduras, México, O Salvador e Nicaragua. “É un proxecto inspirador porque son moitas mans colaborando –apuntou Capera- e porque recolle o traballo destas defensoras destas dereitos, cada unha coa súa historia e con preguntas que nos fan reflexionar sobre a realidade que vivimos e as desigualdades.  Con ela tamén quixemos sensibilizar sobre a necesidade de protección destas mulleres”.  

Outra das propostas presentadas foi a da cooperativa “Somos Terra”, que ten por obxecto educar e sensibilizar aos diferentes axentes da sociedade para activar a sostibilidade no territorio e a transformación socioecolóxica no mundo local, da man  dunha das súas socias, Eva López. Amais, Silvia Villar, activista, xestora e investigadora sociocultural, presentou “A casa colorida”, organización colectiva que desde Nigrán axuda a desenvolver proxectos a través de ferramentas software libre, mentres que Mar García, programadora da Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas de Vigo, deu a coñecer “Achegando culturas”, un proxecto social que impulsa este centro e a Fundación Secretariado Xitano para fomentar a cultura e a integración.

Presentación do libro “Dedas” e contacontos mañá en Sabarís

0

Descubride qué se oculta tras as páxinas de “Dedas”, un libro ilustrado dirixido nenos de 1 a 6 anos, cun divertido contacontos desta bela historia que se desenvolverá no Multiusos Mercado de Sabarís mañá venres 11 de febreiro a partir das 17.00 horas.

Ilustracións de cor e poesía na que a musicalidade e repetición converten esta obra en algo entretido e divertido que non esquece o seu fin didáctico, sempre presente nos obxectivos das súas creadoras Soledad García (escritora), Laine Villero (ilustradora) e Natalia Guisande (responsable do deseño).

A alcaldesa de Salvaterra supervisa o inicio das prácticas do obradoiro de emprego sustentable

O Concello de Salvaterra de Miño, como beneficiario do Obradoiro de Emprego Sustentable, en colaboración co Concello de Salceda de Caselas, están a levar a cabo as prácticas que se corresponden ao Certificado de Profesionalidade de Actividades Auxiliares en Aproveitamentos Forestais.

Estas prácticas están enmarcadas no Monte Castelo, gracias a un convenio de colaboración coa Comunidade de Montes de Pesqueiras, dentro dun Proxecto Técnico de Creación dun Parque Forestal nesta contorna,  que tamén se executou en colaboración co Concello de Salvaterra a través dunha axuda da Deputación Provincial

O obxectivo deste proxecto é traballar unhas dez hectáreas aproximadamente, con tareas de desbroce para unha posterior plantación de ao redor de 800 especies vexetais autóctonas e constituíndo deste xeito unha repoboación moi beneficiosa para o monte Salvaterrense.

Dez serán os alumnos e alumnas que farán estas prácticas, dentro dun programa de Formación e Práctica Profesional subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, cunha duración de nove meses.

“Acompañando na aventura de crecer”, xornadas para familias e profesionais

O Centro Cultural Municipal acolle mañá, venres 11 ás 18:30 h, as xornadas para familias e profesionais “Acompañando na aventura de crecer”.

Nestas xornadas organizadas desde a Concellería de Cultura do Porriño, a través da biblioteca municipal, abordarase desde diferentes puntos de vista como se pode favorecer o correcto desenvolvemento dos nenos desde que nacen e na súa primeira etapa infantil, para favorecer unha vida adulta máis saudable e enriquecedora.

Desde diferentes perspectivas profesionais, trataranse varios temas de suma importancia para o desenvolvemento infantil, que funcionan como termómetros para avalialo: a linguaxe, o psicomotricidade, as emocións ou a visión, entre outros. 

O ciclo de charlas “Acompañando na aventura de crecer” desenvolverase ao longo dos meses de febreiro, marzo, abril, maio e xuño, o segundo venres de cada mes.

 “Entende como crece”

Nesta quenda será a fisioterapeuta Vanesa Gómez Gándara a encargada de dirixir a xornada baixo o título “Entende como crece”.

O contido da charla será o desenvolvemento motor na primeira infancia, falarase sobre os principais fitos de cada etapa e explicarase como acompañar ás crianzas en cada momento, así como algunhas claves para detectar calquera disfunción de maneira precoz.

Vanessa é especialista en pediatría, con formación en fisioterapia respiratoria, desenvolvemento motor, problemas dixestivos e terapia manual.

Imparte talleres de formación para familias, en colaboración coas matronas nos talleres prenatais e postnatais. Na súa imparable curiosidade por aprender, actualmente traballa na formación “Método B-B”, unha disciplina integradora no tratamento coas crianzas. Ademais, organiza charlas sobre masaxes infantís e é asesora de lactancia e porteo, entre outras.

O Concello da Cañiza inicia o proceso de contratación de 12 traballadores desempregados

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, anuncia o inicio do proceso de contratación de 12 traballadores desempregados durante 6 meses a xornada completa. O Concello lanza esta nova convocatoria pública de emprego para a contratación de 2 mozos de recollida de lixo, 7 peóns de obras públicas  e 3 conductores – operadores de maquinaria de vías.

O proceso de selección iniciarase coa oferta que o Concello enviará á oficina “Emprego Galicia” da Cañiza, para solicitar unha relación de candidatos para a cobertura de cada posto.

Este persoal entrará a formar parte das brigadas responsables de executar os traballos de desbroce, poda, limpeza e outras actuacións municipais. Os empregados seleccionados poderían empezar a traballar a finais do mes de marzo.

Todas as prazas ofertadas son a xornada completa, 7,5 horas diarias durante 6 meses. Así ofrécese emprego de calidade a diferenza de anos anteriores nos que as xornadas estaban recortadas. Ademáis os salarios deste persoal  se equiparan cos dos empregados do Concello con similares ocupacións.

Estas contratacións forman parte das políticas activas de emprego e contan cunha subvención do “Plan Concellos 2022, Liña 3” da Deputación Provincial de 124.903,05 €, para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.

Por terceiro ano consecutivo elimínase a entrevista no proceso de selección, converténdose nun concurso garantista ao 100 % dos principios constitucionais de igualdade de oportunidades, mérito e capacidade.

Tamén, por terceiro ano, se aplicará unha porcentaxe destinada a indemnizacións que asume o concello para cumplir con todo o disposto no ambito de aplicación dos dereitos dos futuros traballadores.

Mondariz construirá un gran área de deporte urbano ao abeiro do plan ReacPon

0

Un gran área de deporte urbano, de 4.500 metros cadrados de superficie, servirá para recuperar un espazo degradado en pleno centro de Mondariz e, á vez, conectar os espazos de Rede Natura nas beiras do río Tea co propio tecido urbano. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asinou co alcalde, Xosé Emilio Barros, o convenio encadrado dentro do plan Reacciona Pontevedra (ReacPon) que financiará unhas obras valoradas en 435.644 euros, dos que a Deputación achegará case o 90%, 392.079 euros, e o Concello os 43.564 euros restantes.

Carmela Silva aplaudiu a iniciativa municipal da que, recalcou, non só gozarán os veciños de Mondariz, senón de toda a contorna “xerando así atracción e actividade económica”. Ademais, engadiu, Mondariz reforza os seus recursos patrimoniais, turísticos e gastronómicos “cun espazo para o turismo de familia, que hoxe é fundamental en tódolos destinos”. “Estamos diante dun proxecto que é un gran acerto, porque cumpre moitos obxectivos”, continuou antes de recalcar que coñece moitos parques de deporte urbano i é de destacar que Mondariz apostara tamén por ofertar un servizo comparable ao que teñen as grandes cidades “atendendo non só a unha demanda que non era só da mocidade, senón do conxunto da cidadanía”.

A presidenta puxo en valor o modelo transformador da Deputación para a provincia e así citou o nacemento do Plan Concellos para o financiamento regrado ordinario dos municipios, pero tamén o impacto dos plans extraordinarios destes últimos anos, tamén repartidos con criterios obxectivos, como o plan de Reequilibrio, o DepoRemse ou o Ágora. Un apoio provincial que continúa co plan ReacPon, que permitirá a execución doutros 47 grandes proxectos en concellos de tódalas cores políticas. “Na Deputación somos conscientes da escasa capacidade dos concellos pequenos para facer fronte ás grandes obras e por iso optamos por facer políticas expansivas e por iso decidimos solicitar un crédito de 25 millóns para sacar adiante este plan ReacPon”, explicou. Ademais vinculou estes plans de obras coas políticas provinciais a prol da igualdade, da recuperación do patrimonio, do turismo sostible, a mobilidade amable ou a dixitalización das pemes e autónomos a través de programas como SmartPeme para ser máis competitivos. Todo elo coa referencia da Axenda 2030 e un modelo de provincia que xa é unha referencia en España. A titular da Deputación concluíu lamentando que este modelo de financiamento regrado e suficiente para os concellos non sexa imitado dende a Administración autonómica: “Vexo con preocupación e indignación que a Xunta asina convenios millonarios só cos concellos do PP e isto, en pleno século XXI, é intolerable”, lamentou.

Xosé Emilio Barros felicitou á Deputación pola “valentía” de sacar adiante plans que converten en realidades os grandes proxectos municipais. “A Deputación é a única pata na que os concellos pequenos podemos atopar esta colaboración; sen ela, dificilmente, poderíamos afrontar iniciativas como a que asinamos hoxe”. Na súa opinión, o Plan Concellos foi “un gran avance”, “pero eran moi necesarios tamén programas valentes como este ReacPon”.

De ir “pouco a pouco”, a acometer un proxecto “doutra dimensión”

En canto á nova área de deporte urbano explicou que transformará un espazo totalmente degradado, sen accesibilidade, incluíndo un campo de fútbol en desuso, no enlace  entre as sendas do río Tea, contorna declarada como Rede Natura, co centro urbano da vila. O alcalde explicou que xa se fixo un circuíto de pump-truck cos fondos dos Plan Concellos e  no Concello pensaban ir “pouco a pouco” co resto destes 4.500 metros cadrados ata que se convocou o ReacPon “e puidemos afrontar unha dimensión que antes era imposible”. “O proxecto”, afirmou, “senta as bases para o futuro da localidade, que non será a mesma despois desta actuación”. Xosé Emilio Barros concluíu que a xornada de inauguración será “un día histórico” para o seu pobo e anticipou a invitación á presidenta da Deputación e ao Goberno provincial.

A nova área deportiva do municipio do Condado incluirá un skatepark de 1.115 metros cadrados, unha pista multideporte de 45×23 metros, rocódromo  de 16 metros de altura e 3 de ancho e un circuíto de calistenia, todo elo para a práctica deportiva ao aire libre. Sitúase na contorna do antigo campo da Minada, na avenida do Grupo Escolar. A totalidade do espazo será accesible, con paseos e zonas de descanso, así como un miradoiro na parte alta, equipado con parques e xardíns. Ademais, toda a contorna disporá de mobiliario e iluminación led con eficiencia enerxética.

Ponteareas proxectará de marzo a decembro oito películas gañadoras e finalistas dos premios Mestre Mateo

O Concello de Ponteareas formará parte do ciclo ‘Mestre Mateo’ que organizan a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra. Esta actividade traerá á vila do Tea as películas gañadoras e finalistas nos premios do cinema galego este ano de maneira totalmente gratuíta. O Concello proxectará cada mes, dende marzo, agás en xullo e agosto, ata decembro, as oito películas que compiten polos galardóns.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destaca que “é unha gran nova para Ponteareas poder formar parte deste ciclo”, xa que, en palabras do edil, “poderemos gozar en exclusiva e totalmente de balde das mellores películas galegas do último ano”, feito que permitirá “achegar o noso audiovisual, o noso idioma e a nosa cultura á veciñanza”.

O edil tamén quere agradecer á Deputación de Pontevedra e á Academia a posta en marcha deste ciclo na provincia e conclúe que desta maneira “as cintas premiadas nos galardóns poderán chegar a todos e todas as ponteareáns que queiran desfrutar dun cine de calidade en galego”.

Zona Franca e Concello de Tui poñen en marcha os estudos para o novo parque empresarial de Ribadelouro

0

Zona Franca de Vigo e Concello de Tui poñen en marcha os estudos que permitirán desenvolver un novo parque empresarial na parroquia tudense de Ribadelouro, mediante a firma dun protocolo de actuación entre o delegado do Estado, David Regades; e o alcalde, Enrique Cabaleiro.

David Regades asegurou que “a colaboración dará como resultado o impulso dun proxecto que ofrecerá unha importante bolsa de chan empresarial no sur de Galicia e moi próximo á fronteira con Portugal, para complementar o chan industrial na zona. É unha zona estratéxica para a área de Vigo”, subliñou.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, valorou o “esforzo de Zona Franca para sacar adiante este proxecto e apoiar a creación de chan industrial en Tui, imprescindible para o desenvolvemento do municipio e a creación de emprego”.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Tui delimita en Ribadelouro catro sectores de chan urbanizable de uso industrial (O seu.1, O seu.2A, O seu.2 B e O seu.3). Mentres que os sectores O seu.2A e O seu.2 B atópanse en fase de aprobación definitiva dos seus plans parciais, nos sectores O seu.1 e O seu.3 non se iniciaron os trámites. A transformación urbanística deses sectores serviría para dotar de chan apto para a implantación de actividade industrial na contorna de Vigo, nunha zona con acceso directo á AP-9, o que dará resposta á gran demanda de chan industrial existente no ámbito de influencia do CZFV.

Así que, segundo o protocolo asinado hoxe, o Consorcio da Zona Franca e o Concello de Tui van poñer en marcha actuacións para avaliar e analizar posibles solucións cunha estratexia conxunta que ten dúas fases. A primeira será un estudo e análise para o cambio do sistema de actuación, de tal maneira que pase a ser dun sistema de compensación ao de expropiación. Neste sentido, o Concello vai iniciar o estudo/informe no que se inclúa unha actualización das partidas, xunto cunha programación da solución atopada.

A segunda fase será o estudo de viabilidade económica, xurídica e de demanda de mercado por parte do Consorcio, baseándose no documento achegado polo Concello de Tui, no que se analice a posible participación da Zona Franca.

Para coordinar as actuacións constituirase unha comisión de seguimento co obxectivo de impulsar no menor prazo posible as actuacións para a execución dos acordos do protocolo.

Lorenzo comenza en CITIC Censa a rolda de contactos para mellorar a empregabilidade do Porriño

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, visitou as instalacións de CITIC Censa para coñecer de primeira man a actividade da factoría e establecer posibles vías de colaboración entre a empresa e o Concello.

Durante a visita, os representantes municipais estiveron acompañados polo Director Xeral da firma, Juan J. Agulla, a Directora Financieira e Vice Directora Xeral, Ana Alonso, e a Directora de Recursos Humanos, Brenda Senra, quenes transmitiron a súa perspectiva económica de crecemento e a necesidade de persoal especializado.

“Temos plena carga de traballo e o noso principal problema é a falta de persoal cualificado para incorporar”, explicou Juan J. Agulla, “A formación é o noso cabalo de batalla e a colaboración co concello sería beneficiosa para ambas partes”.

Neste sentido, o rexedor apuntou que precisamente establecer vías de colaboración en materia de formación e emprego é o fin da rolda de visitas ás empresas do Porriño que hoxe iniciaron en CITIC Censa.

“O noso obxectivo é detectar as necesidades de recursos humanos e a formación específica que requiren as empresas para poder deseñar acción formativas acordes ás demandas do noso tecido empresarial”, explicou Lorenzo, “Así poderemos ofrecer aos demandantes da bolsa de emprego posibilidades reais de inserción laboral”.

“Pretendemos impulsar a nosa bolsa de emprego e volver a ser un referente para as persoas do Porriño que se atopan en situación de desemprego”, apuntou a edil, “Para iso é imprescindible a coordinación do servicio municipal coas empresas dos nosos polígonos industriais”.

Sobre CITIC-Censa

Con máis de 50 anos de historia CITIC Censa é unha empresa de calderería pesada que desenvolve a súa actividade en mercados como minería, cemento, enerxías renovables, petróleo, gas e petroquímica.

É un referente mundial na fabricación de equipos de calderería pesada para o sector mineiro e cementeiro que exporta o 100% dos seus productos. Na actualidade conta con 200 empregados e un volumen de facturación de 30 M de euros.

A Xunta impulsa o novo local de axuda no fogar de Mondariz e o ecoparque do Rosal

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, vén de impulsar a habilitación do novo local do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Mondariz e a creación do ecoparque infantil O Sobreiral, no Concello do Rosal, ao abeiro das axudas da orde para a mellora de infraestruturas e equipamentos de uso público do ano 2021.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou ambos concellos para realizar senllas visitas de supervisión e informou de que a convocatoria desta liña de axudas correspondente ao presente ano para os municipios de ata 30.000 habitantes ou agrupación de concellos ten aberto o seu prazo de solicitude ata o vindeiro 11 de febreiro.

Con esta nova orde, a Dirección Xeral de Administración Local, que financiou 1.372 actuacións por 40 millóns de euros dende o ano 2009, cofinanciará proxectos de construción, ampliación, rehabilitación ou mellora de alumeados públicos, camiños municipais, parques, dependencias municipais ou instalacións deportivas. Nesta ocasión, a Xunta destina 3,5 millóns de euros ao orzamento desta convocatoria.

“A orde de infraestruturas de uso público pretende favorecer o equilibrio entre as contornas rurais e urbanas e os espazos de costa e de interior con investimentos que permitan o desenvolvemento de equipamentos e servizos tan acaídos e necesarios comos os realizados en Mondariz e O Rosal”, significou o representante autonómico.

Ecoparque no Rosal

Visitas a Mondariz e O Rosal

Luis López arrancou estas visitas de supervisión en Mondariz xunto ao alcalde, Xosé Emilio Barros, para coñecer a conversión do antigo arquivo municipal emprazado no soto do consistorio nunha instalación con vestiarios para o persoal do SAF, conformado na actualidade por oito traballadoras que atenden a 40 usuarios deste servizo. A Xunta de Galicia destinou 33.857 euros á habilitación do vello almacén con novas instalacións, revestimentos, falsos teitos, carpintarías e dotación de cuartos de baño para que este espazo, duns 80 m2, dispoña de dous vestiarios, dous aseos e unha zona polivalente para este persoal.

Posteriormente, o delegado territorial desprazouse ata O Rosal para visitar, coa alcaldesa, Ánxela Fernández, o novo ecoparque infantil O Sobreiral, situado na céntrica zona do Calvario e que contou cunha achega da Xunta de Galicia de 34.633 euros. Neste espazo natural realizouse un acondicionamento con tres áreas de xogos –escalada, musical e de balanceo– de madeira respectuosas co medio ambiente, dotación de mobiliario, plantación de especies arbóreas, área deportiva para persoas maiores e circuito de running circular de 500 metros de lonxitude.

“Impulsamos dous investimentos moi diferentes e moi necesarios en ambos concellos, o que dá mostra da versatilidade desta orde de axudas, xa que en Mondariz fortaleceron un servizo tan necesario para a cidadanía como o da teleasistencia, mentres que no Rosal apostaron por mellorar enormemente unha zona verde baseándose nun modelo que potencia as relacións sociais, integra a contorna e favorece os valores ecolóxicos dun espazo céntrico”, concluíu Luis López.

O Concello de Nigrán ofrece este venres a obra de teatro familiar ‘Ciencia que alimenta’

0

O Concello de Nigrán, a través do CIM, ofrece este venres 11 de febreiro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a obra de teatro familiar ‘Ciencia que alimenta’, espectáculo que se encadra na programación especial polo ‘Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia’. A comedia, idea orixinal de Pío González, corre a cargo da compañía ‘Roto e Descosida’, cos actores Carlos Godoy e Cecilia Vázquez respectivamente.

‘Ciencia que alimenta’ é unha representación teatral con contidos científicos e sen comunicación verbal convencional (linguaxe onomatopeica). A obra abrangue unha sucesión de experimentos científicos ou demostracións de algún concepto da ciencia que son realizados por dúas personaxes, un profesor científico (toda unha eminencia) e o seu axudante (burlón, pasota e un chisco toupón). A ciencia require estudo, atención e esforzo, pero a recompensa (o coñecemento), pode ser moi grande para as persoas que se achegan a ela.

Dentro desta programacón, o Concello de Nigrán mantén ata a medianoite deste xoves 10 de febreiro o prazo de inscrición para participar no escape room ‘Estrelas’ do domingo 13 de abril ás 11:00 horas nas inmediacións do Pavillón de Panxón. Toda a información (bases, solicitude e autorización en caso de menores) está a disposición dos interesados na web municipal no apartado de ‘Programación Mes da Muller’.

A Xunta sinala que a planificación escolar en Redondela responde a criterios técnicos e haberá que ter en conta as novas modalidades da lei de educación

0

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, explicou onte no Parlamento de Galicia que o seu departamento está traballando “desde unha perspectiva técnica e obxectiva” para abordar a planificación educativa de Redondela de xeito que “artellemos a resposta máis axeitada ás demandas da comunidade escolar tendo en conta a nova normativa estatal en materia de Bacharelato”.

Román Rodríguez referiuse así á lei de Educación (LOMLOE) que para o vindeiro curso introduce unha nova organización do ensino que no que atinxe ao Bacharelato que vai afectar a Galicia e ao conxunto de España. “Estamos en pleno proceso de adaptación da nova lei, que vai afectar aos bacharelatos incluído o de Artes, xa que -explicou- se dividirá na modalidade de Artes Escénicas e de Artes Plásticas”.

Na súa intervención ante o Pleno da Cámara autonómica, o titular de Educación lamentou que o retraso do Goberno do Estado en publicar os currículos que deberán rexer para o próximo curso impide ás comunidades autónomas coñecer os detalles de implantación destas novas modalidades e, deste xeito, deseñar a planificación do ensino dun xeito certeiro e real.

En contacto cos centros

Lembrou ademais que o seu departamento, a través da Inspección Educativa, leva tempo mantendo reunións cos centros educativos do Concello e avaliando a situación real.

A día de hoxe, os catro institutos deste concello dispoñen de prazas suficientes para atender ao alumnado e, no caso concreto da modalidade de Artes, as solicitudes reais de matrícula apenas chegaron a unha decena. Con todo, asegurou que desde o Goberno galego “entendemos e respectamos” as demandas das familias, e comprometeuse a seguir traballando “desde o diálogo” para asegurar unha resposta axeitada “desde unha perspectiva real, técnica e obxectiva”.

Tui pon en marcha un novo servizo de recollida de cartón e papel para o comercio, a hostalería e a industria

0

O Concello de Tui vén de pór en marcha un novo servizo de recollida de papel e cartón porta a porta co obxectivo de contribuír á reciclaxe destes produtos por parte dos establecementos comerciais, hostaleiros, e a industria local. Con esta iniciativa búscase por unha parte axudar aos e ás comerciantes e hostaleiros na separación e reciclaxe dun material coma o papel e cartón, do que xeran importantes cantidades nos seus negocios. Coa recollida específica para eles búscase non colapsar os contedores azuis deixando o seu uso preferente para a cidadanía.

O Concello de Tui mantivo reunións informativas coas asociacións de comerciantes locais, ACITUI e EMPRETUI, e coa Asociación de Empresarios do Parque Empresarial de Areas, para exporlles os pormenores do servizo e que a súa vez os puideran trasladar aos seus asociados. Amais o pasado 31 de xaneiro convocouse unha reunión informativa telemática, na que participaron a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, o concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, e un responsable da empresa que realiza a recollida, no que se deu conta do funcionamento e da posta en marcha deste novo servizo gratuíto.

Dende a semana pasada está xa activa a recollida porta a porta de cartón e papel os martes e xoves. Así no Parque Empresarial de Areas as empresas deben sacar o cartón á rúa os martes e xoves de 16 a 18 h xa que a recollida se realizará a partir das 18 h. Mentres no caso dos establecementos comerciais e de hostalería deberán depositar o cartón e papel apilado xunto ao colector azul máis próximo ao local os martes e xoves de 19 a 21 h, xa que a recollida terá lugar a partir das 21 h.

A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, explica que con esta iniciativa o Concello de Tui buscan seguir avanzando na recollida selectiva facilitando neste caso ao comercio, á hostalaría e as empresas locais o seu labor de reciclaxe, e por outra parte mellorar tamén a imaxe da cidade. Agarda a edil que “progresivamente se vaia consolidando este novo servizo” para o que solicita “a colaboración do tecido comercial, hostaleiro e empresarial para o bo funcionamento do mesmo e mellorar así a imaxe que estamos dando”.

Aqueles establecementos comerciais ou industriais do municipio interesados en sumarse a este servizo de recollida porta a porta poden solicitar mais información a través dos correos electrónicos [email protected] ou [email protected].

As obras do Plan Concellos de Mos apostan pola continuidade do proxecto ‘Mos Humanizado’

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, deu onte conta no Pleno Ordinario celebrado no Pazo de Mos, das obras e investimentos que se levarán a cabo no municipio con cargo ao Plan Concellos bianual 2022/2023. A rexedora local mosense informou tamén de que foi a semana pasada cando se presentou na administración provincial o plan de obras e investimentos do novo Plan Concellos.

Previamente á entrega do Plan Concellos provincial, Arévalo reuniuse cos técnicos municipais para ultimar os últimos trámites. Unha vez presentado na Deputación, a alcaldesa informaba onte no Pleno de que os proxectos de Mos do Plan Concellos inclúen desde obras de humanización ata contratación de persoal con cargo ás liñas 1, 2 e 3 dos anos 2022 e 2023.

Dentro do Plan de Obras o Concello de Mos acometerá a segunda fase da Humanización de Guizán, desde o novo local da Comunidade de Montes ata o cruce do Moreno en Torroso, a Senda do Foxo Vello na Parroquia de Pereiras desde a Igrexa ata a senda de Atín, a primeira fase da mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP 2601 Mos-Puxeiros en convenio coa Deputación de Pontevedra e a mellora da seguridade viaria na Estrada da Vía.

En contratación de persoal procederase a contratar durante 6 meses a 11 novos operarios de Vías e Obras.

A segunda fase da Humanización de Guizán ten un orzamento total por importe de 657.456,66 €, a Senda de Pereiras 406.926,42 €, a primeira fase da mellora da Estrada Provincial Puxeiros-Mos 133.963,62 € de aportación municipal que é a parte que se financia con cargo ao Plan Concellos (o 30% do total do proxecto, que ascende a 446.545,39 €), e a mellora da seguridade viaria na Estrada da Vía 354.928,61 €.

A primeira fase da mellora da Estrada Provincial Puxeiros-Mos actuará no tramo que vai desde a estrada Nacional 550 ata a rotonda que enlaza co novo vial alternativo de Santa Eulalia. Comézase mellorando ese tramo por atoparse no Camiño de Santiago e ser unha zona enormemente transitada por vehículos e peóns, ao atoparse na mesma a área recreativa ao aire libre da Pesqueira, o Paseo do Río Louro, o Pazo de Mos, o Albergue de Peregrinos e a Igrexa de Santa Baia de Mos, así como outros locais comerciais e de restauración e hostalería.

Senda de Pereiras

Destaca neste senso a alcaldesa que “continuamos dando pasos no noso Plan Mos Humanizado, que é un dos nosos principais compromisos do goberno local da presente lexislatura, no que damos ademais resposta a demandas veciñais; por iso priorizamos actuacións como a Senda de Pereiras ou Senda do Foxo Vello, a continuación da humanización de Guizán cara a Torroso-Louriñó e a mellora da Estrada da Vía na súa totalidade, que transcorre polas parroquias de Tameiga, Dornelas e Torroso”.

A senda peonil e mellora da seguridade en Pereiras, inclúe entre as obras a realizar a construción dunha senda peonil dende a Igrexa da parroquia de Pereiras ata a senda de Atín, nas proximidades da estrada de titularidade autonómica PO-331. Coa execución desta obra, perséguese a mellora da circulación peonil tanto para a poboación en xeral como para os pais, nais e nenos do CEIP de Atín, e garantir unha comunicación segura dende a Igrexa ata estrada PO-331.

O tramo de actuación comprenderá dende o adro da Igrexa de Pereiras (punto 0+00) ata o remate da senda peonil de Atín (punto 0+720). No trazado diferenciaranse dúas zonas: zona 1.- camiño do Foxo Vello e camiño Pazos, discorrerá paralelo a traza de cada un dos camiños, seguindo a mesma configuración xeométrica cos mesmos. – camiño Pazos, marxe dereita. – camiño Foxo Vello, marxe esquerda e marxe dereita. Zona 2.- inmediacións do CEIP de Atín, circunda o peche do colexio definindo zonas verdes e de aparcamento. Adóitase este trazado para evitar grandes movementos de terra e muros de contención cunha altura máxima de 3,00 m., así como compensar os desmontes e os terrapléns. As obras comprenderán: construción dunha senda peonil co fin de darlle continuidade á senda de Atín. Remate da mellora do itinerario peonil ao CEIP de Atín dende o núcleo de Atín.

Realizarase a execución da recollida de augas pluviais dos camiños do Foxo Vello e Pazos, baixo o trazado da senda peonil, conducindo as mesmas ata un rego existente no camiño do Foxo Vello. Dotarase a senda de iluminación mediante farois situados cada 20-25,00 m. E sinalización viaria da senda, con sinais verticais e pasos de peóns elevados.

A mellora da seguridade viaria lograrase coa realización desta actuación comunicando equipamentos e favorecendo a integración e mobilidade. A senda estará destinada a dar servizo á mobilidade cotidiá, executarase sen estreitar a beiravía existente e buscando a mellor integración paisaxística posible. Primará ante todo a seguridade viaria tanto dos vehículos como dos peóns.

Ponteareas incorporará un novo vehículo para ampliar prazas de transporte adaptado municipal

O Concello de Ponteareas quere incorporar tres novos vehículos ao seu parque móbil para continuar actualizando e mellorando a atención dos distintos servizos públicos. Por este motivo, vén de saír a licitación a adquisición dun vehículo “para ampliar o servizo de transporte adaptado municipal e aumentar as prazas dispoñíbeis. Trátase dun servizo moi importante que nos permite poñer a disposición de persoas con dificultades de mobilidade un medio de transporte adaptado ás súas necesidades”, explica a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.

Este vehículo, que deberá cumprir unhas características técnicas específicas, sae a licitación por case 48.000 euros. Ademais, xunto a este furgón, xa están tamén en proceso de licitación dous vehículos para a área de Vías e Obras coas que dotar ao persoal municipal das ferramentas necesarias para o desempeño do servizo. A subministración destes dous furgóns saen a licitación por máis de 20.000 euros.

Ambas adquisicións contarán co financiamento do Plan Concellos 2021. As e os profesionais ou empresas interesadas poderán persentar as súas ofertas ata o vindeiro 23 de febreiro ás 14.00 horas.

88 empresas e autónomos da Guarda recibirán os 300€ da 2ª liña de axudas da Covid-19 do Concello

0

Desde o inicio da pandemia o Concello da Guarda leva posto en marcha diversas actuacións para axudar a paliar os efectos económicos da Covid-19 nas actividades económicas da vila.

Redución na taxa de lixo, exención do pago de ocupación de vía pública polas terrazas e flexibilidade para a ampliación das mesmas (con vixencia de 2020 a 2022), formación para a xestión do COVID na hostalería, creación de www.mercanaguarda.com, posta en marcha de campañas de concienciación para o fomento do consumo local, etc., foron algunhas das medidas postas en marcha polo consistorio guardés.

A estas accións uníronse dúas liñas máis de reactivación en forma de axudas directas. A primeira, que podía ascender a 700€, estivo dirixida a aqueles negocios que tiveron que pechar temporalmente a raíz da Orde do 26 de xaneiro de 2021, e que obrigou ao cese de actividade en ximnasios, piscinas, establecementos de restauración ou albergues turísticos, entre outros.

Na segunda liña de axudas o rango de gastos subvencionables incluíron gastos en material de prevención da COVID, inversións necesarias para adaptar o negocio á pandemia, incluso gastos de arrendamento e de cotas de autónomos e Seguridade Social. 

O consistorio guardés sempre tivo claro que nesta extraordinaria situación debía situarse ao carón de toda a poboación, pero en especial daquelas persoas que traballan día a día non só para proporcionar servizos á cidadanía, senón tamén para xerar e manter postos de traballo na vila.

Por iso, unha vez máis o Concello aposta por utilizar os recursos municipais para contribuír na medida das súas posibilidades na recuperación e reactivación económica dos negocios locais, e está estudando sacar unha nova liña de axudas para atender peticións que non puideron ser atendidas nesta segunda convocatoria.

O Entroido redondelán recupera as celebracións de rúa sen esquecer as medidas de seguridade sanitaria

0

“Un programa variado que recupera, logo de moito tempo, o seu tradicional espírito de celebración na rúa e no que as actividades para nenos e nenas, que sufriron especialmente as restricións da pandemia, teñen un especial protagonismo”. Asi definiu a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, a programación para o Entroido 2022 elaborada pola Concellería de Cultura, que xestiona Iria Vilaboa.

A programación, que tal e como apuntaba a alcaldesa recupera actividades emblemáticas do Entroido redondelán como o Desfile-concurso de Comparsas ou as queimas do Meco en Redondela e o Berete en Chapela, comezará o sábado 26 de febreiro do Entroido Infantil e Xuvenil que terá a Alameda Castelao como lugar de desenvolvemento das súas actividades. De 17 h a 19 horas terán lugar diversos obradoiros infantís con temáticas que xirarán entorno ao entroido para, ao fío das 18:30 horas, ter lugar o concerto As que máis molan de ‘A Gramola Gominola’.

O domingo, 27 de febreiro, as comparsas volverán a encher de ledicia, ironía, música e cores as rúas de Redondela. Ás 17 horas concentraranse no Campo da Feira. A esa mesma hora e para ir ‘quentando motores’ a Asociación de Percusionistas e Tamborileiros ‘Aperta’ encargarase da animación polas rúas. As 18 horas será un dos momentos máis esperados do entroido, coa saída do Desfile-concurso de Comparsas, dende o Campo da Feira ata Vilavella. Xa ás 20:30 horas, terá lugar a entrega de premios ás comparsas gañadoras na Praza do Concello.

O martes 1 de marzo, Martes de Entroido, de 17 h a 18:30 horas os nenos e nenas volverán a ser protagonistas cunha actividade especialmente pensada para o público máis cativo como é o pasarrúas infantil Psycodelia a cargo de ‘Troula Animación’ e que percorrerá as súas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín.

Entre as 17 h e as 18.30 horas terá lugar o concurso de disfraces individual e colectivo. A inscrición poderá realizarse nos soportais da Casa do Concello dende as 16 horas. Unha vez rematado o concurso, arredor das 18.45 horas, terá lugar a entrega dos premios.

A xornada rematará cos pasarrúas e o espectáculo da Queima do Meco a cargo dos Festicultores que arrincará ás 19 horas dende a Praza de Ribadavia.

Pola súa banda, Chapela recupera o seu entroido e o celebrará o sábado 5 de marzo. As 17 horas as comparsas participantes concentraranse no Alto da Encarnación. Ao igual que acontecera antes en Redondela, a Asociación de Percusionistas e Tamborileiros ‘Aperta’ será a encargada de animar as rúas para, ás 18 horas partir a triste comitiva do Enterro do Berete dende o Alto da Encarnación ata a Praia de Arealonga onde, cara ás 20.30 horas terá lugar a súa queima e o espectáculo de Festicultores que poñerá fin ao entroido 2022.

Salvaterra conta cu novo clube de montaña, Airiños

O Concello de Salvaterra de Miño vén de recibir no Salón de Actos a presentación de Airiños, un novo clube de montaña interfronteirizo e que terá a súa sede en Salvaterra de Miño.

Este clube se presenta para fomentar a armonía entre persoas amantes da natureza e para o goce de actividades nas contornas naturais, onde o RESPETO ao Medio Natural e ás persoas que comparten estas experiencias, será o principal dos valores.

“O noso maior desexo consiste en compartir a actividade de ocio que máis nos gusta, camiñar xuntos”, comenta o seu Presidente e Guía de Montaña, Isidro Castro.

Gracias a esta iniciativa, os nosos veciños e veciñas, así como calquera persoa doutro concello que o desexe, poderán visitar espazos marabillosos situados dentro das fronteiras do noso municipio, promocionando deste xeito a enorme oferta de sendas que posúe o noso Concello ao longo do Río Miño, Tea e Mendo. Ademais, grazas ao Clube Airiños se farán saídas a outros espazos naturais situados en distintos puntos da Comunidade Galega, a nosa veciña Portugal e a outros lugares da natureza que convide unha visita.

Nos comprace tamén subliñar que este clube, tanto co seu Presidente como coa Coordinadora e Guía no medio Natural, Adilia Abreu, levarán a cabo diversos plans de actuación de actividades de solidariedade e voluntariado, por medio de convenios para grupos e asociacións de persoas con discapacidade física que psíquica.

Nas vindeiras datas, O Concello publicará algunas das actividades propostas polo Clube Airiños, para que as persoas interesadas poidan inscribirse e gozar dunha actividade chea de beneficios e saúde.

O Porriño xestiona facilidades de pago nas cotas do IBI resultantes da revisión catastral

O Concello do Porriño vén de solicitar á Deputación de Pontevedra o aprazamento e fraccionamento do pago das cotas do IBI resultantes da revisión da valoración catastral iniciada no ano 2021 para intentar reducir o impacto desta medida na economía dos porriñeses e porriñesas.

“Este procedemento ten unha inicidencia considerable no Porriño, afectando ao redor de 14 mil parcelas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “tendo en conta que ten carácter retroactivo, con efectos tributarios dende xaneiro de 2016, supoñerá unha considerable presión fiscal sobre os contribuíntes porriñeses. Isto é algo que xa advertimos no seu momento, facer pagar aos cidadáns o correspondente aos últimos catro anos sin negociar dende o Concello un fraccionamento ou alternativa era inadmisible”.

Para facilitar a xestión das liquidacións e dar maiores facilidades de pagamento aos  afectados, o Concello solicitou ao ente provincial que se emitan as liquidacións de xeito gradual e que, na medida do posible, non se liquide máis dun exercicio pechado en cada anualidade. É dicir, que se fraccione o pago de oficio e que non se acumulen máis de dous recibos do IBI coas novas valoracións.

Ademais, pediuse que se incrementen os prazos das fraccións e meses de aprazamento e que non se cobren os xuros de demora. “Neste momento, tras dous anos de pandemia, a situación económica para moitas familias non é doada e dende o Concello faremos todo que estea na nosa man para minimizar a carga fiscal e adaptala a esta realidade”, concluíu o alcalde.

Os concellos da provincia deberán corrixir as súas ordenanzas e implantar taxas de residuos

Os concellos da provincia deberán corrixir as súas ordenanzas de residuos e implantar taxas que graden o pago por xeración. Así o manifestou hoxe o vicepresidente César Mosquera na reunión cos concellos da provincia sobre o novo marco normativo dos residuos e as súas implicacións para os gobernos locais.

No encontro, que contou coa presenza da presidenta Carmela Silva, participaron representantes municipais de 50 concellos da provincia. Todos eles amosaron moito interese e preocupación “pola nova normativa e polo cambio que se vén enriba e xa está en marcha”, que principalmente se resume en que os concellos están obrigados baixo ameaza de sanción a cumprir os obxectivos de reciclaxe, tendo como primeira data 2025 para reciclar o 55% dos residuos.

Un dos principais aspectos que se abordou na reunión foi o relativo ao financiamento dos concellos para poder conseguir eses obxectivos. Mosquera subliñou que ningunha das novas normativas, nin a transposición da directiva europea, nin a nova lei estatal nin a autonómica prevén achegas económicas, senón que todas están baseadas no principio de “quen contamina paga”, cargando tintas nas taxas sobre os produtores dos residuos.

De feito, unha das principais esixencias da nova lei para os concellos é corrixir as ordenanzas municipais establecendo diferentes escalas nas taxas. Mosquera apuntou que a día de hoxe todos os concellos da provincia de Pontevedra teñen ordenanzas “profundamente” inxustas porque pagan igual os produtores que xeran moito que os que xeran pouco, mentres que a nova lei insiste expresamente en que hai que aproximarse ao pago por xeración: quen máis residuos xera debe pagar máis.

“Sempre se está a discutir se hai que pagar máis ou menos na taxa do lixo, cando o problema real é que paga igual o que xera un que o que xera 50 como o que xera 500”, insistiu, para subliñar que os ingresos dos concellos vivirán tamén “unha revolución” por eses cambios.

A maiores, Mosquera insistiu en que, fronte á ausencia de achegas monetarias doutras administracións para facer fronte ás obrigas dos concellos, a Deputación si se vai poñer a disposición dos gobernos locais “que queiran cumprir cos obxectivos, coa normativa a legalidade, o planeta, o medio ambiente, e con todos os obxectivos que son irrenunciables”.

O Revitaliza, dixo o vicepresidente, vai conceder axudas económicas para realizar os investimentos necesarios, pero advertiu que se van realizar inspeccións para que realmente os cartos se destinen a obter resultados e cumprir os obxectivos de reciclaxe. Por outra parte insistiu en que haberá impulso por parte do Revitaliza para a redacción de novas ordenanzas municipais conforme á normativa, así como tamén para a xestión da obtención e transmisión de información sobre os residuos locais á Xunta.

Mosquera confirmou tamén que, fronte as eivas de recursos humanos dos concellos, a Deputación vai impulsar un servizo provincial de inspección e control de residuos para cumprir outra das esixencias da nova lei. A alternativa para os municipios, lembrou, é facer a inspección por si mesmos a través da Policía Local ou doutro persoal funcionario de carreira propio.

Co fin de concretar todas as iniciativas e facer unha valoración económica e de recursos humanos que a Deputación precisa para axudar aos concellos, as e os representantes municipais comprometéronse a concretar nos vindeiros días a súa adhesión á proposta provincial. “A Deputación vai facer os esforzos que estean na súa man e máis para axudar aos concellos que teñan a valentía de dar o paso adiante”, finalizou Mosquera.

Para Carmela Silva a xestión de residuos é un “tema complexo ao que lle temos que dar respostas dende o mundo local, sen ningunha dúbida”. A presidenta provincial amosouse preocupada porque “o noso entorno xa non aguanta máis e hai que darlle resposta. A sociedade tamén ten que cambiar os hábitos e nós, como dirixentes políticos, temos que liderar ese cambio. Para iso hai que ser valentes e tomar decisións”. Neste senso, agradeceu aos concellos a súa presencia na reunión xa que “nos últimos tempos estamos convocándovos de forma moi habitual porque está habendo moitos cambios e cuestións que afectan aos concellos e queremos que todas as decisións que tomemos sexan colaborativas”.

A presidenta provincial referiuse á normativa estatal, autonómica e europea en materia de residuos asegurando que “as normas son xa moi esixentes pero o cumprimento das mesmas non o é tanto”. E deixou claro que “a Deputación nin quere, nin pode, nin debe estar ao marxe de traballar para dar cumprimento a todas esas normativas”. Carmela Silva lembrou que a institución provincial ten a obriga de prestar servizo aos concellos de menos de 20.000 habitantes e que, polo tanto, “o que estamos facendo con esta reunión é adiantarnos a todas esas cuestións tan relevantes que nos van a obrigar a cambios substanciais en todo o que ten que ver co tratamento dos residuos”.

AporM asegura que o Goberno de Mondariz deixa sen utilizar as axudas previstas para as traídas de augas veciñais

0

Alternativa por Mondariz (AporM) denunciou onte que o Concello de Mondariz, a través dunha resolución da alcaldía, vén de baleirar a partida do Orzamento Municipal de 2021 destinada a Axudas para traídas veciñais, que estaba dotada de 5.000 €. O goberno municipal do BNG-PSOE decidiu destinar este importe a “levar a cabo a aprobación de facturas das áreas de gasto”,xa que a súa dotación “non vaiser usada”.

Lembra o portavoz de AporM, Xoán Carlos Montes Bugarín que cando el era alcalde e o actual rexedor nacionalista estaba na oposición criticou, de forma reiterada ao entón alcalde e ao seu equipo por non incluír nos orzamentos unha partida destinada ás traídas de auga veciñais. Naquela altura o BNG dicía que “hai que apoiar economicamente as traídas de augas veciñais, tanto polo aforro económico que o seu labor acarrexa aos usuarios e usuarias e ao propio concello, como tamén polo súa importante función na prestación de servizos dirixidos áfixación de poboación nas parroquias”.

Desenvolvemento rural

Outro tanto acontece cos 5.000 € que o goberno municipal destinou a desenvolvemento rural, que o goberno municipal deixou sen utilizar no ano 2021, un importe que agora tamén vai ser destinado a aboar facturas. “Asumo liderar un goberno que priorice as necesidades e promovao desenvolvemento económico e o emprego” dicía o que agora é alcalde de Mondariz en 2019 nun boletín do BNG. Nese mesmo boletín, o daquela candidato comprometíase a “axudar a desenvolver unha economía para xerar traballo e riqueza na localidade apoiando ao comercio, empresas e autónomos”.

AporM, por medio do seu portavoz Xoán C. Montes Bugarín ‘Calis’, quere manifestar a “contradición escandalosa” na que incorre o BNG, “que di unha cousa cando está na oposición e fai ocontrario cando está no goberno”. Cando o alcalde aprobou o orzamento de 2021 –afirma Calis– “dixo que era un día histórico para Mondariz porque, por vez primeira, se creaban partidas económicas para as traídas de auga veciñais e para desenvolvemento rural”.

“Un ano máis tarde sabemos que os nacionalistas de Mondariz, cando están no goberno, descartan facer aquilo que consideraban imprescindible e prioritario cando estaban na oposición”, remata o portavoz de AporM.

O Concello do Rosal convoca tres bolsas de emprego municipal

0

O Concello do Rosal acaba de convocar tres bolsas de emprego, unha de peón de servizos varios, unha de auxiliar no fogar e unha de oficial de servizo varios. A alcaldesa, Ánxela Fernández, destaca que con “elas poderemos garantir a estabilidade destes servizos e asegurar que sexa continuado nestas áreas tan importantes para o funcionamento diario do Concello”.

As persoas que desexen participar neste proceso selectivo deberán presentar unha instancia, cuxo modelo estará dispoñible no Rexistro Xeral do Concello e como trámite na Sede Electrónica (https://orosal.sedelectronica.es), xunto ca documentación esixible de acordo cas Bases reguladoras do proceso selectivo.

O prazo de presentación de instancias rematará o vindeiro 21 de febreiro.

Máis información para peón de servizos varios

Máis información para auxiliar no fogar

Máis información para oficial de servizos varios

O Concello de Nigrán abre o prazo de inscrición para o concurso de comparsas de Entroido

0

O Concello de Nigrán abre ata o 18 de febreiro (inclusive) o prazo de inscrición no concurso de comparsas, que terá lugar o sábado 26 de febreiro ás 21:00 horas. O Concello recupera o tradicional desfile tras o entroido telemático do ano pasado e amplía a dotación económica ata os 4.150 euros repartidos en vinte premios (700, 600, 500, 400, 300, 250, e os seguintes 14 restantes clasificados con 100 euros) para que todas as agrupacións participantes se beneficien. A maiores, cada unha das comparsas pertencentes a asociacións culturais, deportivas, educativas e veciñais do municipio (ata un máximo de 5 por orde de Rexistro de Entrada) percibirán unha dotación extra de 300 euros como axuda. Por protocolo Covid, establécese como obrigatorio o uso de máscaras por parte de todos os participantes e organizadores.

As bases, penduradas na web municipal www.nigran.es, mantéñense coma nos anos anteriores, así, as agrupacións deben contar cun número de participantes superior aos 20 membros, dos cales un mínimo de dez terán que ser adultos. Para poder optar aos premios é requisito indispensable inscribirse previamente no Rexistro do Concello (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, ata o 18 de febreiro) coa documentación pertinente (ficha de inscrición cuberta, fotocopia do CIF ou DNI, certificado de conta bancaria e xustificante de estar ao corrente tanto en Facenda coma na Seguridade Social).

O desfile, como é habitual desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial, arrancará coa batucada de ‘Bate no Cobre’ ás 20:30 horas e desde as 21:00 as comparsas sairán segundo a clasificación do sorteo que se celebrará o día 23 de febreiro ás 12:00 no salón de plenos. As actuacións se desenvolverán á altura da casa consistorial. Se a previsión meteorolóxica fose adversa para ese día, o desfile trasladaríase para outra data.

O xurado, pendente da súa designación, dará o fallo ao remate do evento tendo en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación e o número de participantes de cada comparsa. Pode quedar deserto algún premio e de haber menos comparsas que premios o número destes axustaríase.

As bases están a disposición dos interesados na Oficina de Atención ao Cidadá do Concello ou na web municipal.

Programación de entroido

O Concello de Nigrán inicia os actos do entroido o venres 25 de febreiro coa actuación de Cristian de Samil co show ‘Mamá&Monólogos’ no Auditorio Municipal ás 20:00 horas. Tras o tradicional desfile de comparsas do sábado 26, o luns 28 de febreiro será o turno dos máis pequenos con contacontos e baile desde as 17:00 no Auditorio Municipal.

O entroido finaliza o sábado 12 de marzo co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá dende a Casa do Concello sobre as 18.00 horas tirado por un carro de bois para ser velado a continuación no Torreiro de Parada, actos que se celebran co Centro Cultural Parada do Miñor e que rematarán coa queima do kiko e un concerto de D´Lider.

“Este ano recuperamos o entroido tradicional con todas as medidas de seguridade. Coma noutros anos, é un entroido no que teñan cabida tódolos públicos e tamén conta cun evento específico para o desfrute dos nenos. Como viñemos facendo, seguiremos a por en valor as tradicións máis locais, como é o caso do enterro do kiko”, explica o alcalde, Juan González.

Adxudicadas as obras de rehabilitación da piscina climatizada da Cañiza

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, anuncia a adxudicación da obra de rehabilitación da piscina climatizada do municipio. A obra conta cun investimento total de 742.747,95 €, dos que 689.048,95 € corresponden á execución da obra, financiados pola Deputación de Pontevedra, e 53.699,00 € a costes de redacción de proxectos, dirección de obra e dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.

Os costes de execución da obra están financiados ao 100% pola Deputación de Pontevedra que aportará 500.776,16 € a través do Plan extraordinario «REACPON» (Reacciona Pontevedra) e 188.272,79 € procedentes do PLAN CONCELLOS 2022-2023 LIÑA 1 de INVESTIMENTOS.

A empresa CIVIS GLOBAL, S.L.U, adxudicataria do contrato iniciado por procedemento aberto simplificado, disporá dun prazo de 10 meses, a partires da sinatura do contrato, para executar a reforma consistente en obras de reparación, mellora nas instalacións e renovación de acabados nos vestiarios da piscina, segundo a definición e requisitos incluídos no anexo ao proxecto de execución de rehabilitación enerxética da piscina municipal redactado polos arquitectos Jorge Nimo Silva e Carlos Mezquita Fernández visado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en data 26.07.2021.

A reforma cambiará todo o sistema de climatización da piscina. Actuarase en todo o tellado para acadar un maior aislamento térmico. Se calefactará a zona de vestiarios e se sustituirá o uso de gas-oil por pellets co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e reducir os consumos.

Tamén se eliminará o vaso da piscina  pequena para incluir neste espazo unha sala polivalente de máis de 200 m2 e o vaso grande quedará a un nivel profundo de 1.30 m e 1.20 m nos laterais, reducindo considerablemente os consumos enerxéticos xa que a piscina tiña unha profundidade de 2m.

Outra das novidades deste proxecto será a nova zona de SPA que se situará no lugar que ocupaba a metade das gradas. Terá capacidade para 10 persoas e saunas húmidas e secas.

Unha nova etapa para a piscina

Segundo comentou Luis Piña “ábrese unha nova etapa para esta piscina, que conta con 27 anos de antigüidade”.

A piscina municipal climatizada da Cañiza abrirá de novo ao público a comezo do ano 2023 grazas á rehabilitación enerxética que comezará nestes días.

No mes de abril de 2020, paralelamente á declaración do Estado da Alarma provocada pola pandemia da Covid-19, o Concello adoptou a decisión de pechar as instalacións porque, ademais de atender á medida sanitaria, “existía unha perda acumulada de 180.000 € anuais que nos últimos 9 anos chegaba a 1.400.000 €”.

En palabras do rexedor da vila “cando se  decidiu non abrir a piscina en setembro do 2020, motivado polas inasumibles perdas económicas derivadas do mantemento da instalación (así como polo Estado de Alarma decretado polo Goberno), dende a Alcaldía adquirimos o compromiso de estudiar a viabilidade de poder continuar mantendo aberta esta histórica instalación municipal. Asumimos tamén o compromiso de buscar unha solución para reformar o edificio ata conseguir a súa eficiencia enerxética e funcional e tamén de buscar financiación para poder executar esta reforma”.

O Plan ReacPon recupera a entrada do Camiño Portugués a Tui como espazo peonil

0

Facer o Camiño Portugués a Santiago será unha experiencia aínda máis gratificante a partir do ano próximo. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, asinaron o convenio do plan Reacciona Pontevedra (ReacPon) para a humanización das rúas Antero Rubín e Coengo Valiño, porta de entrada da ruta xacobea ao centro histórico tudense. O orzamento total alcanza os 897.252 euros, dos que a Deputación achega de xeito directo 717.802 euros e os 179.450 euros restantes a través do Plan Concellos 2022.

Carmela Silva destacou a capacidade de Tui para presentar un proxecto cun valor moi singular, “no centro neurálxico do Camiño Portugués, e moi próximo a lugares de interese patrimonial como o convento de Santo Domingo”. A presidenta puxo especialmente en valor que tras estas obras, que comezarán moi en breve ao estar o expediente moi avanzado por parte do Concello, crearán “espazos amables para as persoas”. De feito destacou que o espazo peonil incrementarase máis dun 85%, “o que dá unha idea da transformación que pretende facer Tui”. A presidenta subliñou a vocación integral dun proxecto “que continúa a transformación que o alcalde lidera dende que tomou posesión”. Recalcou que Tui é unha vila especialmente fermosa, con historia e potencial para ofrecer calidade de vida e atraer visitantes. Celebrou ademais que este “concello emblemático” celebre deste xeito o décimo aniversario do nacemento da eurocidade Tui-Valença do Miño, “un tránsito que está apegado aos sentimentos de tódalas persoas de Galicia e da provincia de Pontevedra”.

Concluíu recordando que a Deputación decidiu contribuír á recuperación da provincia convocando o plan ReacPon, que supuxo a adxudicación de 47 proxectos a outros tantos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, para o que o ente provincial decidiu solicitar un crédito de 25 millóns de euros. “Trala pandemia”, afirmou a presidenta, “fomos moi conscientes de que era necesario despregar políticas económicas expansivas”. Explicou que a Deputación achega anualmente 43 millóns de euros en recursos ordinarios a través do Plan Concellos, “pero tamén era necesario un plan extraordinario que permitira sacar adiante proxectos que precisan de recursos extraordinarios”. Un plan como o ReacPon, continuou, cunhas bases moi esixentes para garantir a calidade dos proxectos e tamén cun prazo de execución que remata en abril do próximo ano 2023.

“As cidades non nos pertencen; o patrimonio é de todos”

Enrique Cabaleiro destacou que o de hoxe é “un día importante para Tui” e recalcou que a humanización da entrada do Camiño de Santiago era unha das prioridades coas que viña traballando dende o comezo do actual mandato municipal. Neste senso agradeceu a “folla de ruta” marcada pola Deputación para a transformación dos espazos públicos en lugares para as persoas, en detrimento dos vehículos. Recordou que as rúas Antero Rubín e Coengo Valiño, a pesar de ser a porta de entrada do Camiño de Santiago estaban en estado de abandono e gran deterioro urbanístico, produto da falta de sensibilidade e a deficiente planificación”. Era necesario, continuou, darlles “unha nova imaxe”. “As cidades non nos pertencen ás persoas que vivimos nelas; o patrimonio é de todos/as”, destacou.

O alcalde agradeceu o “dobre apoio” da Deputación achegando unha subvención do ReacPon e permitindo que a achega municipal se financie co Plan Concellos. “Sen a Deputación sería imposible levar a cabo esta obra”. Ademais quixo agradecer á presidenta provincial “a súa sensibilidade para transformar os espazos urbanos”. “O cambio no Goberno da Deputación foi clave, porque os principais proxectos transformadores nesta provincia veñen da man da Deputación”, afirmou. Ademais, engadiu, cun reparto equitativo “e non interesado, en función de quen goberne”. “Eu son representante dun goberno local socialista, pero tamén me alegro de que aquelas vilas que están gobernadas polo Partido Popular reciban o que lles pertence”. “Hai que poñelo en valor”, remachou, ”porque coa Administración autonómica as cousas non funcionan de igual xeito”. O proxecto de humanización das rúas Antero Rubín e Coengo Valiño abrangue unha lonxitude total de 301 metros e unha superficie de  case 2.500 metros cadrados. A obra divídese en dous tramos. No primeiro (entre os cruzamentos con Bispo Lago e travesía de Santo Domingo) restrinxirase o tráfico rodado permitindo só os vehículos dos residentes, autorizados ou de emerxencias, e crearase plataforma continua de preferencia peonil. No segundo tramo (encontro de Coengo Valiño coa súa travesía) haberá unha plataforma mixta, onde os diferentes pavimentos e a incorporación de elementos vexetais garantirán a seguridade peonil. As beirarrúas serán ampliadas, retiraranse as barreiras da accesibilidade e introduciranse medidas de “calmado” de  tráfico. Toda a zona pasará a contar con áreas de esparexemento, zonas verdes, elementos de auga e zonas de sombra, así como mobiliario urbano con bancos, fontes, papeleiras e elementos para poñer en valor os bens históricos como puntos informativos ou “puntos selfie”. As canalizacións de saneamento e abastecemento serán renovadas e soterraranse as instalacións aéreas de electricidade, telecomunicacións e iluminación pública.

“Covelo Contemporáneo. O Artista e o Pobo”, esta fin de semana na reitoral de Santa Mariña

0

O Concello de Covelo convida a toda a cidadanía a participar na inauguración da exposición “Covelo Contemporáneo. O Artista e o Pobo” este sábado día 12 ás 11 horas e o domingo 13 no mesmo horario. A cita será na casa reitoral de Santa Mariña, un espazo único no que se fusionan pasado e presente.

O artista, músico, terapeuta e instrutor de Tai Chi-Chi kung, Nathanial Dainty Stewart, expón a súa obra na casa reitoral de Santa Mariña e realizará visitas grupais guiadas ao longo de toda a fin de semana dende as 11 horas ata as 20 horas. Os días inaugurais haberá, ademais, unha actuación tan sorprendente como as obras expostas. A exposición estará aberta ata o 6 de marzo, as persoas interesadas poderán obter máis información e realizar reservas para visitas guiadas no número de teléfono +34 637 390 995.

A concelleira de Cultura, Lourdes Enes, explica que se trata dun conxunto creativo no que poderemos atopar 24 lenzos, 9 fotografías, 3 esculturas, 5 instrumentos e 4 instalacións creativas que o público debe descubrir ao longo da súa visita. Engade, ademais, que os centros educativos interesados poderán programar visitas guiadas polo propio autor.

Arte e filosofía en cada peza

A obra deste multidisciplinar creador é froito da combinación de múltiples artes e da filosofía propia do autor dando lugar a proxectos que expresan unha fusión de elementos en cada peza.

Formado en Arte Contemporáneo pola Universidade de South Hampton, en Londres, ao longo da súa traxectoria Nathanial desenvolveu a súa propia linguaxe para comunicar a súa  arte.

“Covelo Contemporáneo. O Artista e o Pobo” xorde despois de dous anos de investigación no estudio explorando diferentes disciplinas de arte como pintura abstracta, debuxo conceptual, instalacións, escultura e fotografía.

A elección do espazo no que amosar a súa creación ao mundo non foi aleatoria, en palabras do autor, “a exposición é inclusiva, é parte do pobo, por iso procurei un lugar que promovera o encontro. A reitoral, antiga casa do cura, é unha ponte de encontro entre a veciñanza e as creacións, entre a veciñanza da zona e o resto dos e das visitantes”.

Saír da nosa zona de confort, reurnirnos con seguridade, posicionarnos diante dunha peza e ter cada unha a súa visión, cuestionar a arte contemporánea, discrepar e obter as túas propias conclusións e así facer unha suma de sensacións son algúns dos obxectivos desta variada e diferente exposición. “Trátase de ir máis aló e saír das divisións que nos veñen programadas e das visións que recibimos mastigadas diariamente polos medios de comunicación”.

As pezas de materiais orgánicos relatan a historia do noso tempo e os títulos, frases, parágrafos, liñas e capítulos son ferramentas que convidan a reinventar e xerar outros puntos de vista da historia.

Esta complexa exposición non pretende ser doada, pretende retar ao público e facelo meditar diante de cada creación.

A oferta de tantos temas diferentes e o emprego de tan variados materiais fai que, cando un entra e visita as salas, teña a sensación de estar contemplando a obra de múltiples artistas  que comparten as mesmas emocións e sensacións. “Ao final do percorrido pechamos o círculo, o Círculo da Esperanza tal e como indica o título dos cadros abstractos porque sempre ao final volvemos á nosa esencia”, explica Nathanial.

“O traballo multidiscplinar non só é para mín unh xeito de traballo, tamén é unha curación para a alma, a mente o espírito que sempre pode explorar e enriquecerse, unha actitude case relixiosa”.

Ponteareas, protagonista do festival Convergencias Galicia-Portugal con catro propostas culturais

O Concello de Ponteareas volverá a ser un dos eixos ca cultura galega e portuguesa nunha nova edición do festival Convergencias Galicia-Portugal. Dende o 24 ata o 26 de febreiro acollerá catro propostas culturais de artistas de ambos lados do río Miño para que a veciñanza poida desfrutar das súas creacións e homenaxear a figura de Rosalía de Castro e de Jóse Afonso estreitando os lazos que unen Portugal e Galicia.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, afirmou durante a prensentación do festival en Braga que o ‘Convergencias’ “continúa cunha relación de conexións culturais e históricas entra Galicia e Portugal”, e destaca “a importancia para Pontearaes de continuar formando parte do festival transfronteirizo, tanto a nivel cultural como económico”, e anima a veciñanza “a asistir a estes catro espectáculos de gran valor artístico e cultural”.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, explica que o festival chegará a Ponteareas o día 24 de febreiro ás 20.00 horas ao Auditorio Reveriano Soutullo co espectáculo musical do grupo “Voces de Arrieiro”, o grupo de Ponteareas que se creou dentro do taller vocal A Vila coa idea de render unha pequena homenaxe á figura dos arrieiros como importantes divulgadores de cancións populares, noticias e outros chismes. Arrieiros tamén inclúe no seu repertorio cancións das rexións ou países que acolleron aos galegos na época da emigración.

O 25 ás 20.00 horas o Auditorio acollerá a presentación do proxecto “Ponte nas ondas” seguido do concerto de “Sergio Mirra Trío”, un multi- instrumentista de cordas, que traballa coa música tradicional portuguesa desde moi pequeno, sendo o cavaquinho unha das súas grandes paixóns.

O sábado 26 de febreiro ás 20.00 horas no Auditorio Reveriano Soutullo o grupo “Tin.Bra – Academia de Teatro” pechará o festival coa presentación da súa obra “Odisseia da Emigração — Ir”, un espectáculo inspirado nas experiencias e vivencias da emigración portuguesa a partir dos anos 60 do século pasado usando o teatro e a música.

Xuntanza cos propietarios das terras nas que estará a nova aldea modelo das Neves

0

Membros do Goberno local, da Xunta, da empresa Expoaga e propietarios das terras das parroquias de Tortoreos e Rubiós, están convocados este mércores, día 9 a unha reunión para avanzar na posta en marcha da nova aldea modelo das Neves.

Pararlelamente, dende a semana que ven, estará aberta unha oficina na que persoal de Expoaga atenderán aos propietarios, solucionarán as súas dúbidas, facilitarán información ou explicarán os trámites a seguir. A mesma estará aberta de luns a xoves en horario de 09:30 a 14:00 horas e de 15:00 a 18:00 horas.

Este proxecto ten como obxectivo recuperar para o seu desenrolo económico e ambiental 40 hectáreas de monte entre estas dúas parroquias e impulsar definitivamente nun proxecto no que traballan o Concello das Neves e Consellería de Medio Rural dende hai máis dun ano.

Hai uns meses dábase un paso moi importante no proceso de creación desta nova ‘aldea’ cnunha xuntanza entre o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o concelleiro de Medio Ambiente e segundo tenente de alcalde, Óscar González, o subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGDER), Alejandro Sánchez de Dios, e parte dos veciños propietarios dos terreos nos que se proxecta implantar esta aldea modelo.

Boa acollida

Aquela reunión foi “moi produtiva e a proposta tivo moi boa acollida entre os propietarios presentes”, que representaban o 36% de toda a superficie que ocuparía a nova aldea. De seguido a Xunta e Expoaga contactaron cos donos de boa parte terreos para coñecer cantos deles estarían dispostos a alugar as súas terras para poñer en marcha esta iniciativa.

Creación de emprego

O obxectivo final desta iniciativa, lembra o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, é “pasar do abandono á utilidade”, recuperando un espazo desatendido para obter produtos con selo ecolóxico, “facilitando a creación de emprego e de riqueza e, ao tempo, comprometerse coa recuperación ambiental”.

Nesta superficie, que seguirá sendo dos seus propietarios que recibirán un alugueiro, está previsto o establecemento de diferentes actividades de explotación que manterán o respecto polo medio ambiente, permitirán o uso da terra e xerarán bens de consumo. Entre aquelas ideas que opten facerse realidade na aldea modelo, teranse en conta aqueles requisitos e outros coma o de cercanía, primando os impulsados por veciños das Neves, e viabilidade.

Recuperación de terras abandonadas, prevención de lumes, rehabilitación de vivendas

Este proxecto engarza coa recuperación de terras agrarias abandonadas que está a impulsar a Xunta por medio das ‘Aldeas Modelo’ que, coma no caso desta demarcación entre as parroquias de Tortoreos e Rubiós, pretende mobilizar a terra para a recuperación produtiva en zonas abandonadas preto de núcleos de poboación, contribuíndo, ademais á recuperación e rehabilitación de vivendas abandonadas e a prevención de incendios.

Unha hamburguesa porriñesa aspira a ser a mellor de España

245 hamburguesas de todo o país participan ata o 28 de febreiro no II Campeonato de España de Hamburguesas “Best Burger Spain”, un certame ao que concurren unha amplísima variedade de preparacións que van dende as propostas máis tradicionais ás máis vangardistas.

En Galicia presentaronse en total catorce establecementos e un deles é do Porriño. A icónica Hamburguesería Alhambra presenta a súa “Hamburguesa 40 Aniversario”, unha proposta de terneira madurada galega con leituga, cebola caramelizada, queixo D.O. de Arzúa e pan do Porriño, rematada coa súa salsa estrela: o chupitroco.

Foi o seu aniversario o que serviu de inspiración e os animou a presentarse ao concurso. “A hamburguesería abriuse no ano 1981”, explica o responsable do establecemento, Santiago Puertas, “O ano pasado cumprimos 40 anos, pero por mor da pandemia non puidemos celebralo. Presentarnos a este concurso pareceunos unha boa forma de iniciar as celebracións do aniversario”. 

Desde que abrirá as súas portas da man do pai de Santiago, Juan Francisco Puertas, a hamburguesería Alhambra postulouse como todo un referente na hostalería porriñesa atraendo a moita xente dos municipios de arredor que veñen ao Porriño a disfrutar das súas hamburguesas. A oferta foi ampliándose e a día de hoxe a carta a compoñen tamén propostas veganas ou de polo, pero o producto estrela segue a ser a de sempre. “A receita é a tradicional, basada na calidade do produto”, apunta Santiago, “Esa é a clave do seu éxito”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo achegouse hoxe a probar a “Hamburguesa 40 aniversario” e felicitar a Santi pola súa iniciativa. “É un local de referencia na vila que leva servidas máis de dous millóns de medio de hamburguesas, non hai quen non coñeza o Alhambra incluso fora do Porriño”, apuntou o rexedor, “Anímovos a todos a probar esta delicia e votar para axudar a que a do Porriño sexa recoñecida como o que é: a mellor hamburguesa”.

Será un xurado popular quen determine cal é o prato gañador tras valorar a calidade do pan, o queixo, a carne e o sabor e a presentación da proposta. Para participar hai que pedir unha da hamburguesa e recibirase unha tarxeta cun código. O seguinte paso é crear un perfil na web do concurso, acceder a `votar´ e calificar a hamburguesa que se probou. Ademais, por rexistrarse e ser xuíz desta edición entrarase nun sorteo de 1.000 euros.

O Concello de Oia porá en marcha unha ‘Aula Mentor’ de formación online no espazo de novas tecnoloxías

0

O Concello de Oia porá en marcha unha “Aula Mentor” nas instalacións da aula de novas tecnoloxías que se está a crear na antiga biblioteca, situada nos baixos do consistorio. A través desta iniciativa a veciñanza poderá beneficiarse dun amplo catálogo de cursos online: formación non regrada, flexible e con titorías personalizadas.

A aula créase a través dunha subvención de 4.000 euros concedida polo Ministerio de Educación e Formación Profesional (axudas da Secretaría Xeral de Formación Profesional dirixidas a entidades locais territoriais para a creación de aulas de formación aberta, flexible e a distancia mediante tecnoloxías da información e a comunicación a través de Aula Mentor 2021).

Ambas as dúas administracións teñen xa asinado o convenio para o desenvolvemento deste programa que, a través da formación online, busca mellorar as posibilidades de empregabilidade. A aula estará operativa nas próximas semanas, de xeito que as persoas interesadas en realizar algunha formación poderán matricularse nos cursos e comezar coa formación online titorizada empregando o equipamento informático da aula ou ben desde a súa casa.

Os cursos teñen un custe de 24 euros mensuais e, coa súa superación, obtense un certificado de aproveitamento asinado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional. Así, o sistema de “Aula Mentor” permite acumular e capitalizar aprendizaxes que son susceptibles de recoñecemento na educación regrada a través dos procedementos de avaliación e acreditación de competencias.

Para acceder a toda a información sobre o proxecto e máis ao catálogo de cursos o Concello vén de crear un espazo específico na web municipal. Está accesible na seguinte ligazón: https://www.concellodeoia.es/aula-mentor/