22.4 C
Pontevedra
Domingo, 24 de Setembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaOs concellos da provincia deberán corrixir as súas ordenanzas e implantar taxas...

    Os concellos da provincia deberán corrixir as súas ordenanzas e implantar taxas de residuos

    Éxito da reunión sobre o novo marco normativo de residuos e as axudas propostas pola Deputación para cumprir os obxectivos de reciclaxe marcados para 2025

    Os concellos da provincia deberán corrixir as súas ordenanzas de residuos e implantar taxas que graden o pago por xeración. Así o manifestou hoxe o vicepresidente César Mosquera na reunión cos concellos da provincia sobre o novo marco normativo dos residuos e as súas implicacións para os gobernos locais.

    No encontro, que contou coa presenza da presidenta Carmela Silva, participaron representantes municipais de 50 concellos da provincia. Todos eles amosaron moito interese e preocupación “pola nova normativa e polo cambio que se vén enriba e xa está en marcha”, que principalmente se resume en que os concellos están obrigados baixo ameaza de sanción a cumprir os obxectivos de reciclaxe, tendo como primeira data 2025 para reciclar o 55% dos residuos.

    Un dos principais aspectos que se abordou na reunión foi o relativo ao financiamento dos concellos para poder conseguir eses obxectivos. Mosquera subliñou que ningunha das novas normativas, nin a transposición da directiva europea, nin a nova lei estatal nin a autonómica prevén achegas económicas, senón que todas están baseadas no principio de “quen contamina paga”, cargando tintas nas taxas sobre os produtores dos residuos.

    De feito, unha das principais esixencias da nova lei para os concellos é corrixir as ordenanzas municipais establecendo diferentes escalas nas taxas. Mosquera apuntou que a día de hoxe todos os concellos da provincia de Pontevedra teñen ordenanzas “profundamente” inxustas porque pagan igual os produtores que xeran moito que os que xeran pouco, mentres que a nova lei insiste expresamente en que hai que aproximarse ao pago por xeración: quen máis residuos xera debe pagar máis.

    “Sempre se está a discutir se hai que pagar máis ou menos na taxa do lixo, cando o problema real é que paga igual o que xera un que o que xera 50 como o que xera 500”, insistiu, para subliñar que os ingresos dos concellos vivirán tamén “unha revolución” por eses cambios.

    A maiores, Mosquera insistiu en que, fronte á ausencia de achegas monetarias doutras administracións para facer fronte ás obrigas dos concellos, a Deputación si se vai poñer a disposición dos gobernos locais “que queiran cumprir cos obxectivos, coa normativa a legalidade, o planeta, o medio ambiente, e con todos os obxectivos que son irrenunciables”.

    O Revitaliza, dixo o vicepresidente, vai conceder axudas económicas para realizar os investimentos necesarios, pero advertiu que se van realizar inspeccións para que realmente os cartos se destinen a obter resultados e cumprir os obxectivos de reciclaxe. Por outra parte insistiu en que haberá impulso por parte do Revitaliza para a redacción de novas ordenanzas municipais conforme á normativa, así como tamén para a xestión da obtención e transmisión de información sobre os residuos locais á Xunta.

    Mosquera confirmou tamén que, fronte as eivas de recursos humanos dos concellos, a Deputación vai impulsar un servizo provincial de inspección e control de residuos para cumprir outra das esixencias da nova lei. A alternativa para os municipios, lembrou, é facer a inspección por si mesmos a través da Policía Local ou doutro persoal funcionario de carreira propio.

    Co fin de concretar todas as iniciativas e facer unha valoración económica e de recursos humanos que a Deputación precisa para axudar aos concellos, as e os representantes municipais comprometéronse a concretar nos vindeiros días a súa adhesión á proposta provincial. “A Deputación vai facer os esforzos que estean na súa man e máis para axudar aos concellos que teñan a valentía de dar o paso adiante”, finalizou Mosquera.

    Para Carmela Silva a xestión de residuos é un “tema complexo ao que lle temos que dar respostas dende o mundo local, sen ningunha dúbida”. A presidenta provincial amosouse preocupada porque “o noso entorno xa non aguanta máis e hai que darlle resposta. A sociedade tamén ten que cambiar os hábitos e nós, como dirixentes políticos, temos que liderar ese cambio. Para iso hai que ser valentes e tomar decisións”. Neste senso, agradeceu aos concellos a súa presencia na reunión xa que “nos últimos tempos estamos convocándovos de forma moi habitual porque está habendo moitos cambios e cuestións que afectan aos concellos e queremos que todas as decisións que tomemos sexan colaborativas”.

    A presidenta provincial referiuse á normativa estatal, autonómica e europea en materia de residuos asegurando que “as normas son xa moi esixentes pero o cumprimento das mesmas non o é tanto”. E deixou claro que “a Deputación nin quere, nin pode, nin debe estar ao marxe de traballar para dar cumprimento a todas esas normativas”. Carmela Silva lembrou que a institución provincial ten a obriga de prestar servizo aos concellos de menos de 20.000 habitantes e que, polo tanto, “o que estamos facendo con esta reunión é adiantarnos a todas esas cuestións tan relevantes que nos van a obrigar a cambios substanciais en todo o que ten que ver co tratamento dos residuos”.

    COLABORACIÓNS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.

    Fabio Rivas, «A pintura debida»

    Ás veces atopamos sorpresas inesperadas que nos fan sorrir e confiar na saúde da nosa literatura.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    89 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS