8.5 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaXornada cultural da Deputación no Castelo de Soutomaior

    Xornada cultural da Deputación no Castelo de Soutomaior

    O Castelo de Soutomaior abriu hoxe o pano para converterse no escenario desde o que o sector cultural galego analizou os seus retos de futuro trala pandemia, nunha xornada organizada pola Deputación de Pontevedra e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. Preto de cen persoas, entre técnicos e técnicas municipais, concelleiros e concelleiras e representantes do ámbito asistiron aos debates dos “Retos da cultura poscovid”, protagonizados por destacadas e destacados líderes da cultura en Galicia e o Estado e que serviron para poñer de manifesto que a profesionalización, a perspectiva de xénero, a sostibilidade, o apoio ao mundo rural e a Axenda 2030 están entre as principais metas a reforzar trala pandemia. Así o destacou a presidenta do colectivo, Pilar Portela, e a presidenta provincial, Carmela Silva, quen puxo en valor que “a cultura ten que ser unha prioridade, temos que democratizala e conseguir que chegue a todos os lugares” e tamén avogou por un maior protagonismo do mundo local con recursos suficientes para abordar as grandes transformacións que a cultura provoca no territorio.

    Carmela Silva subliñou neste senso que a cultura “é o elemento máis transformador da sociedade” e amosou a necesidade de facer “unha profunda reflexión, porque a cultura ten que ocupar un grande espazo na vida das persoas e as administracións teñen que entendela como unha necesidade vital que nos obriga a apoiala”. A presidenta provincial lembrou que a pandemia supuxo “unha afección moi grande” ao sector co cese de actividades ou redución de aforos e que aínda así foi quen de reinventarse a través de espazos virtuais “ante a necesidade da xente de cultura, porque a Covid provocou moito sufrimento”. E destacou que no novo escenario poscovid hai que apostar de xeito decidido pola democratización deste “ben común” que é a cultura “que de xeito colaborativo co sector ten que chegar a todos os lugares”. “Temos que conseguir que non soamente se produza nas grandes cidades –dixo-, porque a cultura transforma os concellos cando chega; pasan cousas moi relevantes que non só teñen que ver co dereito a ter cultura, senón coa transformación deses territorios”. Carmela Silva engadiu que neste contexto é imprescindible tamén a necesidade de apoiar ao mundo local con recursos, “e se o mundo local non vai ser quen xestione os recursos de forma directa, será un erro”. “En Galicia, -afirmou-  quen está a facer o traballo de levar a cultura a todo o territorio é o mundo local e os propios concellos cun esforzo extraordinario. E non se van producir  as grandes transformacións se o mundo local non ten unha presenza potente”.

    A presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Pilar Portela, que xunto a Uxío Novoneyra, tamén representante do colectivo, e a deputada provincial Victoria Alonso pecharon a xornada, destacou esta posta en común en Soutomaior de todas as propostas coas que o sector busca afrontar o desafío postpandémico e lembrou que “a cultura ten unha casuística especial e non se pode tratar igual que calquera outro servizo”. Para Portela, a pandemia puxo de relevo “a importancia de pensar no público, do traballo en rede e do traballo dende, por e coa cidadanía”, que son aspectos fundamentais, “porque cando os proxectos saen da cidadanía se xera comunidade, se traballa en rede e saen moito mellor”, así como “a sostibilidade, que é unha oportunidade para nós, o rural, a igualdade, a perspectiva de xénero, a inclusión e a diversidade, en definitiva, todo o que é cultura”. Subliñou así mesmo a necesidade dunha Lei de Cultura estatal e tamén, como se tratou na xornada, a necesidade da definición do perfil profesional das persoas traballadoras da cultura nos concellos: “Hai poucos municipios que teñen servizos de cultura e é necesario regular estas cousas”.

    Benito Burgos, coordinador do programa “Cultura e Cidadanía” na Subdirección Xeral de Cooperación Cultural do Ministerio de Cultura, foi o encargado de abrir a xornada cun resumo das investigacións que a través da citada iniciativa veñen dando as claves para o futuro inmediato do sector e que, como subliñou, pasa por cuestións como a alianza cultura-saúde, “porque a cultura ten que traballar na saúde e o benestar das persoas”, a mirada ecolóxica e da sostibilidade, o traballo en rede ou o paso do concepto de “transacción comercial” á idea da participación da comunidade para pasar a ser axente activa deste “ben público e común”. “Nin as cidades nin o mundo rural poden vivir alleas ao que acontece no outro escenario”, apuntou, tras incidir tamén en que hai que incluír a cultura “na economía social e solidaria”. Burgos subliñou así mesmo a importancia que o mundo rural vai ter cun proxecto específico que será financiado a través dos Fondos Next Generation e que destinará 20 millóns a plans para dinamizar a oferta cultural de zonas non urbanas no Estado. Neste senso, sinalou que o plan o xestionarán as comunidades autónomas, pero avogou porque as entidades locais e as deputacións participen activamente neste proceso “polo seu protagonismo na democratización do territorio”.

    Na primeira mesa redonda da xornada, sobre “Retos de futuro da xestión cultural na provincia de Pontevedra” o director do Festival de Cine de Cans Alfonso Pato falou entre outras cuestións da xestión cultural, ao resaltar a importancia da existencia dun perfil específico que realice tarefas deste tipo nos concellos e en outras organizacións como os festivais. Engadiu que os retos propostos na xornada “poden aplicarse a nivel local na provincia, pero cada quen ten unhas características diferentes” e matizou que “aspectos como a transición dixital, que non é o mesmo que se fagan nun ámbito urbano que no rural”. Neste debate, moderado por Jorge Linheira, do Servizo de Infraestruturas Culturais do Concello de Pontevedra, participaron tamén a comunicadora especializada no eido da cultura Marián Rodríguez; a xestora e comisaria cultural e Paula Cabaleiro, directora da área de Cultura da Deputación de Pontevedra.

    A segunda mesa afondou nos principais “Proxectos inspiradores en xestión cultural na provincia de Pontevedra”, e moderada por Clara Rodríguez, socia de 7H Cooperativa Cultura, serviu como plataforma para dar a coñecer iniciativas como a colección de libros “Defensoras de Dereitos”, na que colaborou a Deputación e da que falou Helena Capera, da Coordinadora Galega de ONGD. As publicacións foron escritas por Lara Dopazo Ruibal con ilustracións de Marta Conde e o colectivo RotmInas e narran historias de vida e loita de mulleres activistas defensoras de dereitos humanos de Guatemala, Honduras, México, O Salvador e Nicaragua. “É un proxecto inspirador porque son moitas mans colaborando –apuntou Capera- e porque recolle o traballo destas defensoras destas dereitos, cada unha coa súa historia e con preguntas que nos fan reflexionar sobre a realidade que vivimos e as desigualdades.  Con ela tamén quixemos sensibilizar sobre a necesidade de protección destas mulleres”.  

    Outra das propostas presentadas foi a da cooperativa “Somos Terra”, que ten por obxecto educar e sensibilizar aos diferentes axentes da sociedade para activar a sostibilidade no territorio e a transformación socioecolóxica no mundo local, da man  dunha das súas socias, Eva López. Amais, Silvia Villar, activista, xestora e investigadora sociocultural, presentou “A casa colorida”, organización colectiva que desde Nigrán axuda a desenvolver proxectos a través de ferramentas software libre, mentres que Mar García, programadora da Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas de Vigo, deu a coñecer “Achegando culturas”, un proxecto social que impulsa este centro e a Fundación Secretariado Xitano para fomentar a cultura e a integración.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.